Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2017 Páx. 19357

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 20 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 343508.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas indemnizacións as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais fosen afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude dunha declaración da presenza da praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dos organismos de corentena dos determinados na correspondente convocatoria. As empresas poderán ser beneficiarias sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria, segundo o establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2014-2020 e no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

2. No caso de produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais, polo que non será posible o outorgamento de indemnización se no momento da inspección inicial o viveiro non cumpre este trámite.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto:

a) Establecer, no marco dos programas de control e loita contra pragas de corentena, as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polas medidas fitosanitarias adoptadas sobre os vexetais afectados polos organismos de corentena.

b) Convocar a concesión de indemnizacións para o ano 2017 (procedemento MR465A).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de abril de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de 249.999,68 euros. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes computarase desde o día seguinte ao da publicación desta orde e finalizará o 30 de setembro.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias