Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2017 Páx. 19715

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2017, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 26 de xaneiro de 2017 adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda, o acordo polo que se autorizou a modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A.

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución, dos estatutos modificados do Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2017

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda

TÍTULO I
Denominación, obxecto, duración e domicilio da sociedade

Artigo 1. Denominación e páxina web corporativa

A sociedade denomínase Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A. e rexerase polos presentes estatutos e polas disposicións legais que lle sexan aplicables tendo en conta o seu carácter de sociedade mercantil pública autonómica.

A páxina web corporativa ou sede electrónica da sociedade é www.tecnopole.es.

O órgano de administración poderá acordar a supresión e o traslado da páxina web da sociedade. O dito acordo deberá inscribirse no Rexistro Mercantil e ser notificado a todos os socios e, en todo caso, farase constar na propia páxina web suprimida ou trasladada, durante os trinta días posteriores á adopción do dito acordo de traslado ou supresión.

Artigo 2. Obxecto social

A sociedade terá por obxecto social:

1. A promoción, xestión, conservación e mantemento do Parque Tecnolóxico de Galicia e doutros parques científicos e/ou tecnolóxicos ou enclaves tecnolóxicos, así como a prestación de servizos nestes.

2. A adquisición, alleamento ou gravame, por calquera título, de todo tipo de bens mobles e inmobles e de accións de sociedades cuxos fins sexan comúns ao Parque Tecnolóxico de Galicia.

3. A compravenda de enerxía eléctrica, así como fomentar o desenvolvemento de políticas ambientais, o uso de enerxías renovables e o aforro enerxético.

4. Prestar á Xunta de Galicia e aos organismos ou entidades dependentes, a colaboración e asistencia técnica necesaria para levar a cabo as medidas contidas no Plan galego de investigación, innovación e crecemento ou calquera outro plan.

5. Fomentar a innovación e a transferencia de tecnoloxía entre as usuarias do Parque, así como con outras estruturas externas.

6. Fomentar a creación de empresas, o crecemento e a internacionalización, así como difundir o papel do Parque como axente de enlace entre investigación e empresa.

7. A prestación de servizos e a realización de actividades que contribúan á promoción económica, á innovación, ao desenvolvemento tecnolóxico e á creación de emprego en Galicia.

8. Promover, organizar e dirixir o desenvolvemento de todo tipo de actividades dirixidas á divulgación da ciencia, a mellorar a competitividade empresarial e ao desenvolvemento económico e social en xeral.

O CNAE que corresponde á actividade principal da sociedade é o número 7490.

Quedan excluídas do obxecto social todas aquelas actividades para cuxo exercicio a lei exixa requisitos especiais que non queden cumpridos por esta sociedade e, en particular, as actividades propias das sociedades financeiras e do mercado de valores.

Se as disposicións legais exixiren para o exercicio dalgunhas actividades comprendidas no obxecto social algún título profesional, ou autorización administrativa ou inscrición en rexistros públicos, as ditas actividades deberán realizarse por medio dunha persoa que teña a dita titulación profesional e, se é o caso, non se poderán iniciar antes de que se cumpran os requisitos administrativos exixidos.

Artigo 3. Domicilio social

A sociedade terá o seu domicilio en San Cibrao das Viñas (Ourense) dentro do recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia.

A Xunta Xeral poderá variar o domicilio social, así como establecer sucursais ou representacións. O Consello de Administración poderá variar o domicilio social dentro do mesmo termo municipal.

Artigo 4. Duración e comezo de operacións

A duración da sociedade, cuxas operacións comezarán o día da súa constitución, será indefinida. O exercicio social iniciarase o día 1 de xaneiro de cada ano e finalizará o 31 de decembro seguinte.

Por excepción, o primeiro exercicio social iniciarase o día do outorgamento da escritura de constitución da sociedade e finalizará o 31 de decembro seguinte.

TÍTULO II
Do capital social e das accións

Artigo 5. Capital social

O capital social é de 1.806.035,05 euros, representados en 3.005 accións nominativas de 601,01 € de valor nominal cada unha, con iguais dereitos e características todas elas, numeradas correlativamente da 1 á 3.005, ambas as dúas inclusive. Os títulos expediranse nun libro talonario, levarán as mencións do artigo 114 da lei e serán asinados polo presidente ou administrador apoderado en quen delegue a súa ausencia e o secretario do Consello de Administración. Poderán expedirse tamén, provisionalmente, extractos comprensivos de varias accións. Todo o capital social se encontra integramente subscrito e desembolsado.

Artigo 6. Transmisión das accións

As accións poderán transmitirse por calquera dos medios admitidos en dereito, pero só a persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas de nacionalidade española, e queda prohibida, en consecuencia, toda transmisión de accións a persoas ou entidades que non teñan a dita nacionalidade, sendo libres as transferencias entre accionistas. Porén, todo accionista que trate de allear accións a terceiros deberá comunicalo por escrito en forma fidedigna, expresando o nome do adquirente e o prezo de alleamento, ao Consello de Administración, que o porá en coñecemento, tamén por escrito e no mesmo modo, nun prazo de 15 días, aos restantes accionistas mediante comunicación auténtica, os cales poderán, noutro prazo de 15 días, adquirilas comunicando de forma fidedigna a aceptación da oferta nas condicións sinaladas. Se son varios os que optan ás ditas accións, estas distribuiranse entre todos eles a pro rata das súas respectivas partes sociais e, en canto ás que sobraren por indivisibilidade, decidirase por sorteo entre os interesados.

Se a adquisición non interesa a ningún dos accionistas, a sociedade poderá adquirir estas accións nun prazo de 15 días, de conformidade co establecido nos artigos 144 e seguintes do texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.

Transcorridos os ditos prazos sen resposta de ningún accionista, o Consello de Administración notificará ao accionista vendedor estas circunstancias, e poderá allear as accións á persoa, física ou xurídica, indicada na súa comunicación inicial e a un prezo non inferior ao ofertado.

Ata o transcurso dos ditos prazos non poderá inscribirse a transmisión no rexistro de accións da sociedade, pero si se deixará constancia das diversas notificacións a que isto dea lugar.

A falta de cumprimento das formalidades exixidas nos parágrafos anteriores levará consigo que o accionista incumpridor deba satisfacer, como pena, en favor da sociedade, unha cantidade equivalente ao valor nominal das accións cedidas, quedando o adquirente sometido ao conseguinte retracto nas mesmas condicións e prazos que se prevén nos parágrafos anteriores, prazos que se contarán necesariamente a partir da data de coñecemento pola sociedade da transmisión que se tiver realizado.

Artigo 7. Prezo na transmisión das accións

O prezo para toda a transmisión de accións prevista no artigo anterior será, de non mediar acordo entre as partes, o valor teórico dos títulos, segundo o último balance aprobado na Xunta Xeral. Non se terán en conta, por tanto, as variacións de resultados posteriormente ao peche do dito balance se entre a dita data e a da transmisión non transcorrese un período de 12 meses. Noutro caso, imputarase ao exercicio cuxo balance de situación estiver pendente de aprobación pola Xunta Xeral de accionistas un resultado igual ao que dea a media dos resultados dos 3 últimos exercicios económicos cuxos balances fosen aprobados pola Xunta.

Para estes efectos, entenderase como valor teórico, segundo balance, o resultado dos libros de comercio da sociedade, con respecto absoluto dos valores que expresen as respectivas contas.

TÍTULO III
Do goberno da sociedade

Artigo 8. Órganos de goberno da sociedade

A sociedade será rexida e administrada pola Xunta Xeral de accionistas e polo Consello de Administración.

CAPÍTULO I
Da Xunta Xeral de accionistas

Artigo 9. Xunta Xeral. Convocatoria

As Xuntas Xerais son o órgano supremo da sociedade e os seus acordos, sendo adoptados de conformidade cos presentes estatutos e os preceptos legais, serán obrigatorios para todos os accionistas, coas excepcións da lei, incluso para os ausentes e disidentes.

As xuntas xerais poderán ser ordinarias e extraordinarias. As primeiras reuniranse cada exercicio social, dentro do primeiro semestre de cada exercicio para aprobar o balance e os resultados da sociedade do exercicio anterior, para aprobar a xestión do órgano de administración e para decidir sobre a aplicación dos beneficios, entre outras materias.

As xuntas extraordinarias celebraranse sempre e cando as convoque o órgano de administración ou a este llo soliciten accionistas que representen o 5 % do capital social, expresando na solicitude os asuntos que se van tratar nela, e neste caso o órgano de administración deberá convocala, e a Xunta celebrarase, dentro dos dous meses seguintes á recepción da solicitude do oportuno requirimento notarial. O órgano de administración deberá incluír na orde do día as materias requiridas polos accionistas solicitantes da Xunta.

As xuntas xerais serán convocadas polo órgano de administración e, se é o caso, polos liquidadores da sociedade, mediante anuncio publicado na páxina web corporativa da sociedade ou mediante comunicación individual e escrita remitida a todos e cada un dos accionistas por correo certificado con notificación de recibo no domicilio designado para tal efecto ou no que conste na documentación da sociedade. O anuncio deberá publicarse, polo menos, un mes antes da data fixada para a celebración da Xunta.

O anuncio expresará, polo menos, o lugar e a data da reunión en primeira convocatoria, todos os asuntos que se tratarán, o cargo da persoa ou persoas que realicen a convocatoria e, cando así o exixa a lei, o dereito dos accionistas de examinar no domicilio social e, se é o caso, de obter de forma gratuíta e inmediata, os documentos que han ser sometidos á aprobación da Xunta e os informes técnicos establecidos na lei. Poderá, así mesmo, facerse constar o lugar e a data en que, se procedese, se reunirá a Xunta en segunda convocatoria. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá mediar, polo menos, un prazo de 24 horas.

Todo o relativo á convocatoria rexerase, salvo polo disposto nos presentes estatutos, de acordo co establecido na Lei de sociedades de capital.

Artigo 10. Constitución, mesa da Xunta e actas

As xuntas xerais ordinarias e extraordinarias quedarán validamente constituídas cando se cumpra nelas o quórum que exixan, segundo os casos, os artigos 193 e 194 do texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.

As xuntas serán presididas polo presidente do Consello de Administración e, na súa ausencia, polo vicepresidente e, en ausencia de ambos os dous, polo conselleiro presente de maior idade. Actuará de secretario o do Consello de Administración ou, en ausencia, o conselleiro presente de menor idade.

Ao presidente da Xunta corresponderalle dirixir e ordenar o desenvolvemento dos debates concedendo e retirando a palabra aos accionistas, resolver as dúbidas que se susciten respecto á aplicación dos estatutos e ordenar que se proceda á votación.

Ao secretario da Xunta corresponderalle elaborar a acta da reunión.

A acta de cada Xunta será aprobada pola propia Xunta a seguir da súa celebración ou, noutro caso, dentro dos 15 días seguintes, polo presidente e 2 interventores, nomeados para tal efecto por esta ao final da reunión, de conformidade co disposto no artigo 202 do texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.

CAPÍTULO II
Do órgano de Administración

Artigo 11. Forma do órgano de administración e composición deste

A administración e representación da sociedade e o uso da firma social corresponderá a un Consello de Administración, que estará formado por un mínimo de 7 e un máximo de 15 conselleiros.

Corresponde á Xunta Xeral a fixación do número de membros dentro deses límites.

Os accionistas, mediante a agrupación voluntaria de accións, poderán designar, mediante o sistema de representación proporcional e nos termos previstos na lei, o número de membros do Consello de Administración que lles corresponda.

Será presidente do Consello de Administración da sociedade a persoa titular da consellería con competencias en materia de industria.

O Consello de Administración elixirá do seu seo, en caso de estimalo conveniente, por maioría, un vicepresidente para substituír o presidente en ausencias, vacantes e enfermidades. Así mesmo, elixirá a persoa que desempeñe o cargo de secretario ou de vicesecretario, se é o caso. O secretario, e se é o caso, o vicesecretario, poderán ser ou non conselleiros.

O Consello de Administración poderá designar de entre os seus membros un ou varios conselleiros delegados ou comisións executivas, establecendo o contido, os límites e as modalidades de delegación.

Artigo 12. Duración de cargos

Os conselleiros desempeñarán a súa función por un período de 5 anos, e poderán ser sucesivamente reelixidos polo mesmo período.

O Consello de Administración estará facultado para cubrir con carácter provisional as vacantes que no seu seo ocorran, designando na forma legalmente establecida as persoas que teñan que cubrilas ata que se reúna a primeira Xunta Xeral.

Artigo 13. Funcionamento do Consello de Administración e adopción de acordos

O Consello reunirase, polo menos, unha vez ao trimestre, e sempre que o considere oportuno o presidente ou o pida a metade do Consello. Neste caso, a Presidencia non poderá demorar a convocatoria por un prazo maior de tres días, contados a partir da data de recepción da solicitude dos conselleiros.

O quórum mínimo necesario para a válida reunión do Consello será do número que represente a metade máis un dos membros do Consello con dereito a voto. O conselleiro que non puider asistir a un Consello poderá delegar a súa representación nel noutro conselleiro, mediante carta dirixida ao presidente do Consello de Administración, sendo precisa a delegación para cada Consello.

Serán válidos os acordos do Consello de Administración celebrado por videoconferencia ou por conferencia telefónica múltiple sempre que ningún dos conselleiros se opoña a este procedemento, dispoñan dos medios necesarios para isto e se recoñezan reciprocamente, o cal deberá expresarse na acta do Consello e na certificación que destes acordos se expida. En tal caso, a sesión do Consello considerarase única e celebrada no lugar do domicilio social. Igualmente, será válida a adopción de acordos polo Consello de Administración polo procedemento escrito e sen sesión, sempre que ningún conselleiro se opoña a este procedemento.

Os acordos adoptaranse por maioría absoluta dos conselleiros concorrentes á sesión, tendo voto dirimente en caso de empate o presidente ou quen na súa ausencia presida o Consello e, para a súa validez, requirirase a presenza mínima da metade máis un dos conselleiros con dereito a voto; as actas das sesións expediranse no libro correspondente. Nos casos do artigo 249.3 da Lei de sociedades de capital, exixirase o voto favorable das dúas terceiras partes dos compoñentes do Consello.

Artigo 14. Director xerente

O Consello de Administración poderá nomear un director xerente coas facultades que especificamente lle conceda aquel, salvo as legalmente indelegables. Tal director xerente terá dereito á asistencia ás reunións do Consello, con voz pero sen voto, aínda sen ser membro do Consello de Administración.

Artigo 15. Facultades do Consello de Administración

O Consello de Administración poderá facer e levar a cabo canto estea comprendido dentro do obxecto social, así como exercer cantas facultades non están expresamente reservadas pola lei ou por estes estatutos á Xunta Xeral. Tamén son competencia do Consello de Administración as seguintes facultades:

– Formular as contas anuais e, se é o caso, o informe de xestión.

– Convocar as xuntas xerais, xa sexan ordinarias ou extraordinarias, e executar os seus acordos.

– Propoñer a modificación de estatutos, sen prexuízo de que o acordo de modificación deberá contar coa autorización previa do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda.

– Aprobar os cadros de persoal, que incluirán os postos do persoal directivo, e determinar os seus deberes, atribucións, remuneracións e incompatibilidades, logo de informe favorable dos órganos directivos da Administración autonómica competentes en materia de orzamentos e de función pública.

– Aprobar os instrumentos polos cales se regulen as condicións de traballo do persoal, a subscrición dos convenios colectivos, as ofertas de emprego e as bases das convocatorias de contratación de persoal, sen prexuízo do informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

TÍTULO IV
Da transformación, escisión, fusión e disolución

Artigo 16. Disolución

A sociedade disolverase polo acordo da Xunta Xeral adoptado en calquera tempo, cos requisitos establecidos na lei, e polas demais causas previstas no texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.

Artigo 17. Disolución. Autorización previa. Liquidador

O acordo de disolución deberá contar coa autorización previa do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda. No acordo de autorización previa determinarase, se é o caso, o destino do haber social.

A condición de liquidador corresponderá ás persoas designadas pola Xunta Xeral da sociedade ou, na súa falta, aos membros do órgano de administración.

Na liquidación da sociedade observaranse as normas establecidas na lei e as que, complementando estas pero sen contradicilas, acordase, se é o caso, a Xunta Xeral que adoptase o acordo de disolución.

Artigo 18. Transformación, fusión e escisión

A transformación, fusión e escisión da sociedade suxeitarase ao disposto nestes estatutos e ás previsións establecidas na Lei 3/2009, do 3 de abril, sobre modificacións estruturais das sociedades mercantís, requirindo autorización previa do Consello da Xunta.

TÍTULO V
Outras disposicións

Artigo 19. Comisión de Auditoría e Control

Cando a sociedade, conforme a normativa aplicable, estea obrigada a someter as súas contas a auditoría, constituirase unha comisión de auditoría e control dependente do Consello de Administración. A Comisión de Auditoría e Control estará integrada por, polo menos, tres membros designados polo Consello de Administración, por maioría simple.

Entre as súas competencias estarán, como mínimo, as seguintes:

– Coñecer os procesos de información financeira e os sistemas de control interno da sociedade.

– Revisar as contas anuais da sociedade, vixiar o cumprimento dos requirimentos legais e a correcta aplicación dos principios de contabilidade xeralmente aceptados.

– Propoñer ao Consello de Administración para o seu sometemento á Xunta Xeral de accionistas o nomeamento dos auditores de contas mediante os procedementos de adxudicación previstos na normativa de contratación pública.

– Servir de canle de comunicación entre o Consello de Administración e os/as auditores/as de contas e valorar os resultados de cada auditoría. Así mesmo, recibir información sobre todas as cuestións relacionadas co proceso de desenvolvemento da auditoría de contas, así como manter as comunicacións previstas na lexislación de auditoría de contas e demais normas técnicas de auditoría.

– Elaborar un informe anual sobre as súas actividades.

A Comisión de Auditoría e Control contará cun presidente e un secretario e reunirase coa periodicidade que se considere apropiada, así como cantas veces sexa convocada polo presidente desta, pola súa propia iniciativa ou a petición de polo menos dous (2) dos seus membros. O prazo para celebrar a reunión será dun mínimo de cinco (5) días naturais respecto da data prevista para a reunión. Cando razóns de urxencia así o exixan, bastará con que a dita convocatoria se realice con vinte e catro (24) horas de antelación.

Disposición derradeira

Non poderá desempeñar cargos sociais ningunha das persoas comprendidas en incompatibilidade legal, especialmente nas consignadas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.