Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2017 Páx. 19615

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de abril de 2017 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada desde o día 27 de abril ata o 16 de maio, ambos os dous incluídos, e que afectará a empresa Zardoya Otis, S.A.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño).

As organizacións sindicais integrantes da parte social da mesa negociadora do XVII Convenio colectivo de Zardoya Otis, S.A. (Sindicato de Elevación, UGT e CCOO) convocaron unha folga continuada de ámbito estatal durante os días 27, 28, 29 e 30 de abril e 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 15 e 16 de maio de 2017 das 0.00 ás 24.00 horas, quedando afectados todos os centros de traballo de Zardoya Otis, S.A.

Nesta convocatoria de folga en Galicia resultan afectados 185 empregados e 12.991 aparellos elevadores nos centros de traballo da empresa Zardoya Otis, S.A., sitos nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Entre os servizos que presta a empresa Zardoya Otis, S.A. considéranse como esenciais para a Comunidade os referidos á atención de avisos de ascensores parados, atrapados e emerxencias de aparellos elevadores, tanto pola obriga legal e regulamentaria que lles concede o carácter de servizos de inaprazable e de recoñecible necesidade como pola propia actividade conservadora de ascensores da empresa.

O servizo de asistencia dos aparellos elevadores sitos en edificios públicos afectos a servizos públicos debe cualificarse de esencial e, polo tanto, atendido, malia a existencia dunha situación legal de folga. En efecto, a cualificación do servizo de asistencia dos aparellos elevadores sitos en edificios afectos a servizos públicos, como actividade vital ou básica para a Comunidade, é consecuencia da grave incidencia que a súa perturbación causaría no desenvolvemento da vida cotiá, tal e como se sinalou na Sentenza do Tribunal Constitucional do 24 de abril de 1986.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a adecuada cobertura no servizo de atención de avisos de ascensores parados, atrapados e emerxencias, para evitar que se produzan graves prexuízos irreparables á cidadanía e que poden afectar a vida das persoas.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

O artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación. Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. A convocatoria de folga continuada de ámbito estatal efectuada polas organizacións sindicais integrantes da parte social da mesa negociadora do XVII Convenio colectivo de Zardoya Otis, S.A. (Sindicato de Elevación, UGT e CCOO), durante os días 27, 28, 29 e 30 de abril e 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 15 e 16 de maio de 2017 das 0.00 ás 24.00 horas, quedando afectados todos os centros de traballo de Zardoya Otis, S.A., deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen na presente orde.

2. Polas características do servizo dispensado pola empresa Zardoya Otis, S.A. é preciso sinalar durante a folga o seguinte número de empregados en cada un dos centros de traballo da compañía que poidan levalos a cabo:

a) Prestación do servizo correspondente a un domingo.

b) Deberá existir como mínimo un técnico en cada oficina de servizo e nalgunhas oficinas ata 3 técnicos, é dicir:

• Por cada 1.000 unidades en mantemento, 1 técnico.

• Entre 1.000 e 2.000 unidades, 2 técnicos.

• Más de 2.000 unidades, 3 técnicos.

c) Atención ao Servizo 24 horas.

Artigo 2

O persoal necesario para cubrir os servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria