Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2017 Páx. 22080

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 22 de marzo de 2017 de aprobación da corrección de erros materiais nas determinacións urbanísticas relativas ao Campus Universitario de Lugo (expediente LU04025).

O Concello de Lugo traslada á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, os acordos adoptados nos plenos de datas 28 de xullo de 2016 e 24 de novembro de 2016, polo que se corrixen erros constatados en varias determinacións urbanísticas do PXOM correspondentes ao ámbito do Campus Universitario, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Lugo, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Lugo foi aprobado definitivamente de xeito parcial mediante a Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 29 de abril de 2011, publicada no DOG do 16 de maio.

II. Obxecto da corrección de erros.

A documentación remitida está integrada por unha memoria xustificativa da corrección de erros materiais, cun informe conxunto do Servizo de Arquitectura municipal e Evislusa da concorrencia da situación legal de erros materiais da ficha do planeamento incorporado URPI-3 (Campus Universitario), asinada polo arquitecto municipal Manuel Cortón Muinelo e pola arquitecta de Evislusa, Susana Penedo Souto.

Proponse a corrección de dous erros materiais:

1. Onde di: «Parcelas 4 e 8: 40.200 m²», debe dicir: «Parcelas 4 e 8: 51.741 m²».

2. Onde di: «Parcela 11: 6.520 m²», debe dicir: «Parcela 11: 18.520 m²».

Como consecuencia, rectifícase a suma total do cadro de edificabilidades, onde di: «Superficie edificable máxima: 314.793 m²», debe dicir: «Superficie edificable máxima: 314.794 m²».

Ademais, engádese a Ordenanza 15 de zona verde que non figuraba na listaxe das ordenanzas de aplicación e a ficha URPI-3 anulada e a ficha URPI-3 corrixida.

III. análise e consideracións.

O artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que «as administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou a instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos».

O acto de aprobación definitiva do PXOM de Lugo foi ditado pola Orde do 29 de abril de 2011 do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establecía a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

A competencia para resolver correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio consonte o establecido nos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), vixente no momento de ditar a orde, e o Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co artigo 3.a) do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, nos termos establecidos no artigo 109 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,

RESOLVO:

1º. Aprobar a corrección de erros materiais nas determinacións urbanísticas relativas ao campus universitario no PXOM de Lugo.

2º. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio