Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2017 Páx. 22740

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2017 pola que se procede a publicar a encomenda de xestión á empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., para a execución da recolla de mostras do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia a encomenda de xestión da Consellería de Sanidade en prol da empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., para a execución da recolla de mostras do programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

«ANEXO

Resolución de encomenda de xestión da Consellería de Sanidade en prol da empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., para a execución da recolla de mostras do programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia.

Primeiro

Por resolución do conselleiro de Sanidade, do 27.4.2017 acordouse encomendar á empresa pública Tragsatec, Tecnología y Servicios Agrarios, S.A., a execución da recolla de mostras do programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia, e establecéronse as condicións para a realización das actividades encomendadas.

Segundo. Actividades a que se refire

O obxecto da encomenda é controlar, coordinar e levar a cabo as actividades necesarias para a execución da recolla de mostras do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia. Isto inclúe elaborar os calendarios, a recolla das mostras, a súa entrega no laboratorio, a repetición das mostraxes, se for o caso, e o tratamento e remisión da información recollida.

Terceiro. Natureza e alcance da xestión

O programa baséase na vixilancia sanitaria das zonas de baño incluídas no censo oficial mediante a inspección e mostraxe periódica da auga das praias durante a tempada de baño, segundo o indicado na lexislación vixente nesta materia (Directiva 2006/7/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de febreiro de 2006, relativa á xestión da calidade das augas de baño e da normativa estatal que a desenvolve, o Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, sobre a xestión da calidade das augas de baño).

O corpo de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública (FISP) realizou a recolla periódica de mostras nas zonas de baño durante os últimos anos. Esta recolla implicaba que, durante o período estival, a maior parte do seu tempo de traballo se dedicaba a esta tarefa polo que non podían levar a cabo as inspeccións e auditorías doutros programas de vixilancia sanitaria que teñen un maior impacto na saúde da poboación.

Cuarto. Prazo de vixencia

A encomenda de xestión producirá efectos entre o 2 de maio e o 6 de outubro de 2017».