Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 19 de maio de 2017 Páx. 24437

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 8 de maio de 2017 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Madre Trinidad e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Madre Trinidad, adscrita ao protectorado da Consellería de Política Social, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta orde baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 23 de febreiro de 2015 presentouse ante este protectorado a solicitude de ratificación da extinción da Fundación Madre Trinidad, adoptada por acordo do seu padroado.

Segundo. A Fundación Madre Trinidad foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 6 de novembro de 2000, ante o notario Antonio Pol González, co número 3.663 do seu protocolo, emendada por outra posterior outorgada en Ourense o 13 de febreiro de 2011 ante o notario Fernando Martínez-Gil Fluxá co número 38 do seu protocolo. Foi clasificada como de interese social pola Orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 23 de marzo de 2001 e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude do 27 de abril de 2001. Está adscrita ao protectorado da Consellería de Política Social pola Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2 de febreiro de 2016, figurando inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2000/28.

Terceiro. Segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– O desenvolvemento e fomento de programas de formación e educación integral, incluída a relixión católica, da infancia e da xuventude, fomentando a través da educación os valores persoais, humanos e sociais e complementando a formación recibida nas familias.

– Promover e impartir programas de formación dirixida á inserción e mellora profesional da xuventude, impulsando e financiando a creación, construción, equipamento e desenvolvemento dos medios materiais, persoais e didácticos para realizar estas actividades.

– Cooperar, levar a cabo e estimular a participación en actividades de carácter benéfico-social e solidario en que colaboren non só os mozos senón tamén as súas familias, fomentando actitudes de solidariedade e diálogo mediante a sensibilización do colectivo.

– Facilitar, estimular e acoller as actividades intelectuais e críticas en todos os campos da cultura, da técnica e do coñecemento, así como a difusión da cultura no seo da sociedade, coas garantías de racionalidade e universalidade que lle son propias.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación na súa reunión do 19 de xaneiro de 2015 adoptou acordo de extinción da fundación motivado na realización íntegra do fin fundacional.

No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, de fundacións de interese galego, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento das fundacións de interese galego.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, establece entre as causas de extinción das fundacións a realización íntegra do fin fundacional, e será necesario para tal efecto o acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, corresponde a esta consellería resolver esta solicitude.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, e 15/2009 do 21 de xaneiro, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente, polo que:

RESOLVO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo Padroado da Fundación Madre Trinidad.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da Fundación Madre Trinidad no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Política Social no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2017

O conselleiro de Política Social
P.D. (Orde do 3.3.2016; DOG núm. 54, do 18 de marzo)
Francisco Javier Abad Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Política Social