Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2017 Páx. 25792

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 5 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e ás agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 347491.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3. b e 20.8. a da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios/as

Concellos de Galicia e as súas entidades públicas, así como as agrupacións de concellos, titulares de locais culturais, cunha programación estable ao longo do ano.

Segundo. Finalidade

A concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á mellora e ao equipamento dos locais das corporacións locais e das súas entidades públicas con personalidade xurídica propia para o ano 2017, no que atinxe á mellora do equipamento e das dotacións técnicas dos locais destinados a actividades culturais.

Para os efectos desta convocatoria, enténdese por locais de corporacións locais e das súas entidades públicas con personalidade xurídica propia aqueles que son propiedade das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan ao fomento da cultura en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 5 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e ás agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de total 500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432B.760.0.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería será de 30.000,00 €, que en ningún caso poderá superar o 75 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000,00€ ascenderá a 35.000,00 € cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar). O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria