Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2017 Páx. 26041

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 11 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 347659.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Concellos beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes.

Segundo. Finalidade

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente ás unidades de convivencia que habiten, en condicións de propietarias, nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade. Estas actuacións poden afectar os elementos exteriores, as condicións estruturais e de seguranza, a habitabilidade e/ou a accesibilidade da edificación ou vivenda.

Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitirlles aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalos a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras establécense nesta orde.

Cuarto. Orzamento

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.760.0, por importe de 500.000 euros, e con cargo á anualidade 2017 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 15.000 euros por vivenda rehabilitada.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2017

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda