Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2017 Páx. 27223

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de maio de 2017 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade da Mariña Luguesa.

A disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorrer en causa de disolución, e especifica, a seguir, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no artigo 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local. Deste xeito, deberán revisarse o obxecto e competencia regulados nos estatutos da Mancomunidade co fin de que concorden co mandato da reiterada disposición transitoria.

Por outra parte, o artigo 135 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, recoñece aos concellos de Galicia o dereito a asociarse en mancomunidades para a execución ou prestación, en común, de obras, servizos e actividades da súa competencia.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiu á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta Mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– A asemblea da Mancomunidade da Mariña Luguesa aprobou inicialmente a modificación do artigo 4 dos seus estatutos en sesión extraordinaria do 14 de abril de 2014 e a modificación do artigo 1 en sesión ordinaria do 14 de decembro de 2015.

– Logo desa aprobación cumpríronse todos os trámites establecidos no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, isto é, información pública durante o prazo dun mes nos BOP de Lugo número 123, do 31 de maio de 2014, e número 296, do 26 de decembro de 2015; informes da Dirección Xeral de Administración Local de datas 19 de maio de 2014 e 28 de setembro de 2016; e informes da Deputación Provincial de Lugo con datas do 3 de setembro de 2014 e do 18 de xullo de 2016

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da Mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

O contido da modificación afectará unicamente o artigo 1, inclusión de Viveiro como integrante da Mancomunidade) e o artigo 4, coa supresión da letra c) e unha nova redacción da letra g).

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar a nova redacción dos artigos 1 e 4 dos estatutos da Mancomunidade da Mariña Luguesa.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos estatutos da Mancomunidade da Mariña Luguesa

Artigo 1. Composición e denominación

Coa denominación de Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa e integrada polos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove constitúese a dita entidade local, ao abeiro do establecido nos artigos 135 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e na lexislación básica estatal, con personalidade xurídica propia e capacidade para o cumprimento dos fins específicos establecidos nestes estatutos.

Artigo 4. Obxecto e fins

O obxecto ou fin da Mancomunidade será:

a) Prestación parcial ou integral do servizo de recollida selectiva e transporte de residuos e, de ser o caso, cantas outras competencias atribúa a lexislación xeral ou sectorial nesta materia.

b) A xestión e execución de plans, programas ou proxectos de interese público ou común para as entidades mancomunadas e de competencia destas (desenvolvemento industrial e turístico nos termos do artigo 44.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril; artigo 36.4 do RDL 781/1986, do 18 de abril e artigo 142.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo (LALGA), así como a obtención, xestión e investimento dos correspondentes fondos, en materia de políticas de desenvolvemento rexional, social ou agrícola, no marco das iniciativas europeas, nacionais, autonómicas ou locais, e doutros entes, institucións ou entidades, públicas ou privadas.

c) (Suprimido).

d) Extinción de incendios forestais.

e) Parque de maquinaria para obras públicas e servizos.

f) Asesoramento técnico, asistencia xurídica e soporte técnico de xestión de expedientes e plataforma dixital.

g) Servizos culturais e deportivos.