Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2017 Páx. 27226

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de maio de 2017 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense.

A disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorrer en causa de disolución, e especifica, a seguir, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no artigo 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local. Deste xeito, deberán revisarse o obxecto e competencia regulados nos estatutos da mancomunidade co fin de que concorden co mandato da reiterada disposición transitoria.

Por outra parte, o artigo 135 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, recoñece aos concellos de Galicia o dereito a asociarse en mancomunidades para a execución ou prestación en común de obras, servizos e actividades da súa competencia.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiu á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

O Pleno da Asemblea da Mancomunidade voluntaria de municipios da comarca de Ourense aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos con data do 3 de xuño de 2014.

Logo desa aprobación cumpríronse todos os trámites establecidos no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, isto é, información pública durante o prazo dun mes nos BOP de Ourense, informe da Dirección Xeral de Administración Local e informe da Deputación Provincial de Ourense.

Os plenos da maioría absoluta de cada unha das entidades locais integrantes da mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

O contido da modificación afecta todo o texto dos estatutos ao realizar unha actualización normativa completa.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar a nova redacción dos estatutos da Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos estatutos da Mancomunidade Voluntaria de Municipios
da Comarca de Ourense

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Composición e denominación

Coa denominación de Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense e integrada polos concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo, constitúese a dita entidade local, ao abeiro do establecido nos artigos 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e 135 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, con personalidade xurídica propia e capacidade para o cumprimento dos fins específicos establecidos nestes estatutos.

Artigo 2. Domicilio

A sede da Mancomunidade, será, Paderne 1, 32112 Paderne de Allariz (Ourense).

Non obstante, a Asemblea Plenaria, ou calquera outro órgano de goberno ou administración, poderá realizar as súas sesións en calquera das sedes das entidades macomunadas ou das instalacións afectas aos servizos que preste.

Os servizos especializados da Mancomunidade poderán instalarse en calquera dos entes mancomunados, a pedimento da corporación de que se trate ou de oficio, segundo o acorde a Asemblea Plenaria da Mancomunidade.

Artigo 3. Ámbito territorial

O ámbito territorial onde a Mancomunidade desenvolverá os seus fins abrangue o territorio dos concellos que a integran.

CAPÍTULO II
Obxecto e competencia

Artigo 4. Obxecto e fins

1. O obxecto ou fin da Mancomunidade será a realización de obras e a prestación dos servicios públicos que sexan necesarios para que os concellos mancomunados poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados nos artigos 25 e 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

2. As obras e servizos concretos que desenvolverá a Mancomunidade determinaranse a través dos correspondentes acordos de delegación de competencias ou encomenda de xestión que adopten os concellos mancomunados.

Artigo 5. Potestades

Para o cumprimento dos seu, fins a Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense exercerá, no ámbito estrito das competencias que se lle deleguen, as seguintes potestades:

a) A potestade regulamentaria e de autoorganización.

b) A potestade tributaria e financeira.

c) A potestade de programación ou planificación.

d) A potestade de investigación, deslindamento e recuperación de oficio dos seus bens.

e) A potestade de lexitimidade e executividade dos seus actos.

f) As potestades de execución forzosa e de sancionar.

g) As potestades de revisión de oficio dos seus actos e acordos.

h) A inembargabilidade dos seus bens e dereitos, nos termos previstos nas leis, e as de prelación, preferencia e demais prerrogativas recoñecidas á facenda pública en relación cos seus créditos, sen prexuízo das que lle correspondan á facenda do Estado e da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO III
Órganos de goberno e administración

Artigo 6. Órganos de goberno

Serán órganos de goberno da Mancomunidade a Asemblea Plenaria, o presidente e o vicepresidente.

Artigo 7. Órganos complementarios

Será órgano complementario da Mancomunidade a Comisión Informativa Especial de Contas, integrada polo presidente e un membro de cada grupo político representado na Asemblea. A función da comisión especial de contas e a de ditaminar a conta xeral da Mancomunidade, conforme o establecido no artigo 116 da Lei de bases de réxime local.

Artigo 8. Composición da Asemblea Plenaria

Comporán a Asemblea Plenaria dous membros de cada unha das corporacións mancomunadas, xa que logo, vinte membros en total, que serán designados polos concellos mancomunados no número de dous por cada corporación municipal, elixidos libremente de entre os seus membros corporativos no seo do Pleno destes, actuando na representación municipal á cal corresponden e atendendo ao pluralismo político existente en cadansúa corporación local.

Poderán ser revogados do mesmo modo que foron designados, é dicir, por acordo da respectiva entidade municipal, e o seu mandato rematará ou se extinguirá ao cesar no cargo municipal que lexitimou a súa elección ou por motivo de resolución ou acordo da respectiva entidade municipal.

Así mesmo, cesarán de conformidade co establecido no artigo 13.2 destes estatutos.

A representación de cada membro será igualitaria para todos os municipios mancomunados, correspondendo a cada membro un voto persoal e indelegable.

Artigo 9. Competencias da Asemblea Plenaria

Corresponden á Asemblea Plenaria da Mancomunidade cantas competencias sexan atribuídas ao Pleno dos concellos pola normativa vixente en materia de réxime local e sexan de aplicación á Mancomunidade para a consecución dos seus fins, así como as demais que se lle asignan de seguido:

Corresponderanlle á Asemblea Plenaria, para o desenvolvemento e xestión das actividades e servizos determinados polo obxecto e fins da Mancomunidade, as seguintes atribucións:

a) O control e fiscalización dos demais órganos de goberno.

b) Os acordos relativos á participación en organizacións supramunicipais; alteración do domicilio, dos seus servizos xerais e os especializados; así como o cambio da súa denominación.

c) A aprobación do regulamento orgánico e das ordenanzas ou regulamentos ou, de ser o caso, a proposta desta ás entidades mancomunadas, así como a creación e regulación de órganos complementarios.

d) A determinación dos recursos propios de carácter tributario; a aprobación e modificación dos orzamentos; a disposición de gastos en materia da súa competencia e a aprobación das contas; todo isto de acordo co disposto na Lei de facendas locais.

e) A aprobación dos plans, programas e proxectos, así como a forma de xestión dos seus servizos e actividades.

f) A aceptación da delegación de competencias feita por outras administracións públicas.

g) A formulación de conflitos de competencias ante outras administracións públicas.

h) A aprobación do cadro de persoal e da relación de postos de traballo, a fixación da contía das retribucións do persoal, e o número, características e retribucións do persoal eventual.

i) O exercicio de accións xudiciais e administrativas da Mancomunidade en materias de competencia da Asemblea Plenaria.

j) Coñecer e resolver as reclamacións que formulen as entidades mancomunadas, así como a declaración de lesividade dos actos da Mancomunidade.

k) A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

l) A concertación das operacións de crédito cuxa contía acumulada dentro de cada exercicio económico exceda o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento –agás as de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior– todo isto de conformidade co disposto na Lei reguladora de facendas locais.

m) As contratacións e concesións de toda clase cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento e, en calquera caso, seis millóns de euros (6.000.000.00 €), así como os contratos e concesións plurianuais cando a súa duración sexa superior a catro anos e os plurianuais de menor duración cando o importe acumulado de todas as súas anualidades supere a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio e, en todo caso, cando sexa superior á contía sinalada nesta letra.

n) A aprobación dos proxectos de obras e servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e cando aínda non estean previstos nos orzamentos.

o) A aprobación das directrices e normas de réxime interno, dos plans e programas anuais de goberno, administración e dirección da Mancomunidade.

p) A elección de entre os seus membros, de presidente e vicepresidente da Mancomunidade, e o seu cesamento, así como a determinación dos representantes das entidades mancomunadas que, se é o caso, desenvolvan as súas responsabilidades en réxime de dedicación exclusiva ou parcial.

q) A aprobación da modificación dos estatutos e a proposta de modificación destes ás entidades mancomunadas.

r) A aprobación do regulamento dos servizos que preste a Mancomunidade, que será remitido aos entes mancomunados para o seu coñecemento, así como a adopción da forma concreta de xestión dos servizos da súa competencia.

s) A proposición ás entidades mancomunadas das ordenanzas fiscais, elementos tributarios, taxas, prezos públicos e tarifas que sexan procedentes en relación coas finalidades da Mancomunidade.

t) Aprobar o inventario de bens e dereitos e a memoria anual, dando conta diso ás entidades mancomunadas.

u) A fixación das achegas, sexan ordinarias ou extraordinarias, que obrigatoriamente teñan que efectuar as entidades mancomunadas para o sostemento da Mancomunidade.

v) Propor e aprobar a adhesión ou incorporación á Mancomunidade de novas entidades locais, así como a separación dos que a integran.

w) A proposta de disolución da Mancomunidade.

x) Aqueloutras que deban corresponder á Asemblea Plenaria por exixir a súa aprobación unha maioría especial.

y) Calquera outra que se someta á súa consideración por entender que afectan de modo relevante os intereses comúns, e as demais que expresamente lle confiran as leis.

Das atribucións indicadas teñen carácter de delegables as relativas aos puntos que a Lei básica de réxime local outorga aos plenos dos concellos, logo de acordo plenario adoptado no dito sentido.

Artigo 10. Elección de presidente

A Asemblea Plenaria da Mancomunidade, no día da súa constitución ou renovación, elixirá presidente de entre os seus membros, que para a súa elección precisará o quórum da maioría absoluta en primeira votación. De non resultar esta cualificación, procederase á elección nunha segunda votación en que bastará a maioría simple dos asistentes.

Artigo 11. Competencias do presidente

O presidente, ademais de representar a Mancomunidade, terá por analoxía cantas atribucións son conferidas ao alcalde pola normativa de réxime local cara á consecución dos fins da Mancomunidade e as que se lle asignan de seguido:

a) Dirixir o goberno e a administración, velando polo cumprimento dos estatutos.

b) A representación legal e a sinatura de cantos documentos públicos ou privados sexan necesarios ou útiles para o cumprimento dos seus fins.

c) Convocar e presidir as sesións da Asemblea Plenaria, agás os supostos previstos na lexislación do réxime local, e de calquera outro órgano da Mancomunidade, e decidir os empates con voto de calidade.

d) Dirixir, inspeccionar e impulsar as obras, servizos e actividades, xestionando con entidades públicas e privadas a resolución dos problemas que a afecten, ordenando os informes, estudos e consultas pertinentes.

e) Ditar bandos.

f) O desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispor gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, con exclusión das recollidas no artigo 158.5 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e cuxo importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 por 100 dos seus recursos ordinarios, agás as de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento non supere o 15 por 100 dos ingresos liquidados no exercicio anterior, ordenar pagamentos e render contas; todo isto de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

g) Aprobar a oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados pola Asemblea Plenaria, aprobar as bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo e distribuír as retribucións complementarias que non sexan fixas nin periódicas.

h) Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal e acordar o seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servizo do persoal da Mancomunidade e o despedimento do persoal laboral, e dar conta á Asemblea Plenaria, nestes dous últimos casos, na primeira sesión que realice. Esta atribución entenderase sen prexuízo do establecido na normativa aplicable aos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

i) O exercicio das acción xudiciais e administrativas e a defensa da Mancomunidade nas materias da súa competencia, mesmo cando as tivese delegado noutro órgano, e, en caso de urxencia, en materias da competencia da Asemblea Plenaria. Neste suposto dará conta a esta na primeira sesión que realice para a súa ratificación.

j) A iniciativa de propor á Asemblea Plenaria a declaración de lesividade en materias da súa competencia.

k) Adoptar persoalmente, e baixo a súa responsabilidade, en caso de catástrofe ou de infortunios públicos e grave risco destes, as medidas necesarias e adecuadas, dando conta inmediata á Asemblea Plenaria.

l) Sancionar as faltas de desobediencia á súa autoridade ou por infracción das ordenanzas, agás nos casos en que tal facultade estea atribuída a outros órganos.

m) As contratacións e concesións de toda clase cando o seu importe non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento nin, en calquera caso, os seis millóns de euros (6.000.000,00 €); incluídas as de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

n) A aprobación dos proxectos de obras e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e estean previstos no orzamento.

o) Ordenar a publicación, execución e facer cumprir os acordos da Mancomunidade.

p) As demais que expresamente lle atribúan as leis e aquelas que a lexislación do Estado ou das comunidades autónomas asignen ás mancomunidades e non atribúan a outros órganos deste.

q) Presentar á Asemblea Plenaria os estudos, proxectos e iniciativas de interese para a Mancomunidade, o plan de xestión dos servizos e actividades, así como o estudo, preparación e ditame dos asuntos dos cales, por razón da materia, a súa resolución incumba á Asemblea Plenaria.

r) O desempeño das tarefas ordinarias da Mancomunidade, así como a aprobación dos actos necesarios para o seu funcionamento.

s) Coordinar as tarefas da Mancomunidade cos servizos das entidades mancomunadas directa ou indirectamente relacionados coa competencia desta entidade.

t) As funcións que para o desenvolvemento dos servizos lle delegue a Asemblea Plenaria.

u) Calquera outra función non atribuída aos demais órganos de goberno e administración da Mancomunidade.

As competencias que, por analoxía co alcalde, se atribúen ao presidente exércense segundo a redacción que rexe para os alcaldes.

En caso de ausencia, enfermidade, incapacidade ou vacante do presidente serán exercidas as súas funcións polo vicepresidente.

O presidente pode delegar aquelas competencias que por analoxía atribúe a Lei de réxime local estatal ou autonómica aos alcaldes presidentes dos concellos e deputacións.

Artigo 12. Designación do vicepresidente

A Asemblea Plenaria da Mancomunidade, conforme o establecido no artigo 146.2 da LALGA, designará e revogará por maioría simple, por proposta do presidente, libremente de entre os membros da Asemblea Plenaria, un vicepresidente que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, e que non poderá recaer nun representante do mesmo concello.

Artigo 13. Renovación dos órganos de goberno

Os órganos de goberno da Mancomunidade serán renovados coa mesma periodicidade que as entidades locais territoriais mancomunadas. Todos os membros dos órganos de goberno da Mancomunidade continuarán en funcións unha vez disoltas as corporacións e mentres non se constitúan as novas ata a constitución de novo destes órganos.

A perda da condición de membro dun dos entes mancomunados suporá o cesamento como membro dos órganos de goberno da Mancomunidade.

CAPÍTULO IV
Réxime xurídico e funcionamento

Artigo 14. Réxime de sesións

A convocatoria, réxime de sesións e actas dos órganos colexiados da Mancomunidade axustarase ao disposto na normativa vixente en materia do réxime local.

A Asemblea Plenaria celebrará sesión ordinaria cada seis meses, cuxa determinación será acordada pola Asemblea Plenaria. Poderanse celebrar sesións extraordinarias mediante convocatoria do presidente, ben por decisión propia ou cando o solicite a cuarta parte, como mínimo, do número legal de membros da Asemblea Plenaria da Mancomunidade.

Artigo 15. Funcionamento da Asemblea Plenaria

A Asemblea Plenaria adoptará os seus acordos por maioría simple, agás aqueles supostos que indica o artigo 47 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

A representación de cada membro será igualitaria para todos os concellos mancomunados, corresponde a cada membro un voto persoal e indelegable.

En caso de empate, efectuarase unha segunda votación e, se persiste o empate, decidirá o voto que emita o presidente, como voto de calidade.

Artigo 16. Obrigatoriedade de acordos

Os acordos que adopten os órganos de goberno da Mancomunidade vincularán todas as entidades integrantes, sempre que se adopten para o cumprimento dos fins asumidos por este, e salvo que requiran a expresa ratificación de cada un dos entes mancomunados, que procederá nos seguintes casos:

– A disolución da Mancomunidade.

– A admisión de novos membros ou a separación dalgún deles.

– A modificación dos estatutos.

Artigo 17. Réxime de acordos

O réxime xurídico aplicable á organización, funcionamento, acordos e resolucións dos órganos da Mancomunidade axustarase ao disposto na normativa de réxime local e do réxime xurídico das administracións públicas, que se desenvolverá conforme os principios de racionalidade, economía e eficiencia da xestión.

Os actos dos diferentes órganos da Mancomunidade ditados no ámbito das súas competencias porán fin á vía administrativa nos casos que dispón o artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e serán impugnables en vía administrativa e xurisdicional, de conformidade co establecido na lexislación de réxime local e xeral.

Artigo 18. Dereitos dos entes mancomunados

Os entes mancomunados terán os seguintes dereitos:

a) Participar dos servizos que promova a Mancomunidade.

b) Exercer o dereito de voz e voto na Asemblea Plenaria a través dos seus representantes

c) A separarse da Mancomunidade voluntariamente, tras o informe favorable da Asemblea Plenaria, por solicitude do pleno do concello de que se trate mediante resolución motivada, acadada co voto favorable da maioría absoluta, cunha antelación mínima dun ano á finalización do exercicio económico que corresponda, achegando declaración responsable, proporcional e solidaria das obrigas pendentes ao servizo de que veña participando ou do que se comprometese o dito concello, de acordo co disposto no artigo 143.3 da LALGA.

d) Aqueles que a Lei básica de réxime local e da Comunidade Autónoma lles atribúa esencialmente e non se enumeren nestes estatutos.

Artigo 19. Deberes dos entes mancomunados

Os entes mancomunados terán os seguintes deberes:

a) Acatar os presentes estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Plenaria e demais órganos de administración.

b) Aboar as achegas económicas para o financiamento dos distintos servizos mancomunados.

c) Consignar nos seus orzamentos municipais as achegas económicas suficientes para o financiamento das obrigas e compromisos económicos a que aluden os presentes estatutos.

CAPÍTULO VI
Persoal

Artigo 20. Persoal con habilitación nacional

As funcións de secretaría e intervención será desempeñadas por un funcionario con habilitación de carácter nacional mediante a creación do posto ou postos correspondentes e a súa clasificación, de conformidade co establecido na lexislación aplicable a estes funcionarios.

Artigo 21. Persoal ao servizo da Mancomunidade

Para o desenvolvemento das funcións e traballos administrativos, a Mancomunidade poderá contar con persoal propio, segundo se especifique no cadro de persoal que se aprobe anualmente xunto co orzamento da Mancomunidade, con suxeición ao establecido na lexislación de réxime local, na lexislación básica estatal e normativa autonómica de aplicación.

CAPÍTULO VII
Facenda

Artigo 22. Réxime económico

A Asemblea Plenaria aprobará anualmente un orzamento único, axustado na súa elaboración, forma e desenvolvemento ás disposicións que rexen na lexislación de réxime local.

Artigo 23. Recursos económicos

1. A facenda da Mancomunidade estará constituída polos seguintes recursos:

a) Ingresos procedentes do seu patrimonio e demais de dereito privado.

b) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As subvencións, contribucións e transferencias de calquera entidade pública ou privada, incluíndo os fondos estruturais, de cohesión ou calquera outro, procedentes da Unión Europea, tales como Feder, Feoga, FSE, que coadxuven ao obxecto e fins relacionados no artigo 4.

d) Subvencións a fondo perdido, que poden ser outorgadas pola Xunta de Galicia.

e) As contribucións económicas ordinarias e extraordinarias ao orzamento por parte das entidades mancomunadas.

f) As taxas e prezos públicos que se establezan para a prestación de servizos ou realización de actividades da súa competencia.

g) Contribucións especiais pola execución de obras ou polo establecemento, ampliación ou mellora de servizos da súa competencia.

h) O produto das operacións de crédito.

i) O produto de multas e sancións no ámbito das súas competencias.

j) Outros recursos que a lexislación de facendas locais recoñece a favor das entidades locais.

k) As demais prestacións de dereito público.

2. É aplicable aos recursos da Mancomunidade o disposto na lei de facendas locais respecto aos recursos dos concellos, coas particularidades propias do seu obxecto e fins.

3. O réxime financeiro da Mancomunidade non alterará o propio dos concellos que o integran.

Artigo 24. Xestión, liquidación, inspección e recadación de tributos

A xestión, liquidación, inspección e recadación dos tributos que estableza a Mancomunidade realizaranse de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como as disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 25. Infraccións, sancións e recargas

Será aplicable aos tributos que estableza a Mancomunidade o réxime de infraccións, sancións e recargas regulado na Lei xeral tributaria e nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 26. Contribucións económicas

1. As contribucións económicas ordinarias anuais de cada entidade mancomunada calcularanse en función da poboación de cada concello resultante do último padrón aprobado o 31 de decembro, segundo datos oficiais proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística.

2. Asemade, ademais do establecido no punto 1 do presente artigo, as contribucións económicas ordinarias anuais terán unha cantidade fixa por cada un dos concellos que integran a Mancomunidade que será establecida anualmente.

3. As contribucións económicas extraordinarias anuais de cada entidade mancomunada calcularanse segundo establezan os orzamentos anuais da Mancomunidade.

4. Para o ano 2015 e sucesivos as contribucións ordinarias respectarán as porcentaxes provisionais de contribución, que se corresponderán cos datos achegados polo INE, referidos á poboación de cada un dos concellos.

5. Os concellos mancomunados consignarán nos seus orzamentos as cantidades precisas para atender, nos sucesivos exercicios económicos, as obrigas derivadas dos compromisos contraídos coa mancomunidade, que deberán aboarse mediante entregas periódicas en cada trimestre natural, ou nos prazos específicos que estableza a Asemblea. Transcorrido o prazo para o ingreso das achegas dos concellos que integran a Mancomunidade, as entidades mancomunadas facultan o presidente da Mancomunidade para que, transcorrido o prazo para o ingreso das contribucións das entidades mancomunadas, e acreditada a débeda polo seu secretario-interventor, poida dirixirse á Administración central ou á Comunidade Autónoma para a retención dos fondos ou cotas pendentes con cargo ás cantidades que por calquera concepto fosen liquidadas a favor da entidade mancomunada debedora, por igual importe ao das contribucións non satisfeitas trimestralmente, para o seu ingreso na facenda da Mancomunidade.

Igualmente, recoñécese neste supostos á Deputación Provincial de Ourense a facultade de reter o importe das cantidades debidas con calquera crédito de que a favor da entidade mancomunada se dispoña na corporación provincial, transferindo as ditas cantidades á Mancomunidade. Esta retención solicitaraa o presidente da Mancomunidade, sinalando o importe da débeda e data de vencemento, que deberán acreditarse mediante certificación da secretaría-intervención sobre o importe pendente de ingresar.

6. Nos casos previstos no número anterior do presente artigo, con carácter previo, darase audiencia á entidade afectada e requiriráselle o pagamento polo prazo de dez días.

7. O mesmo réxime dos números anteriores aplicarase ás contribucións económicas extraordinarias, que se terán que ingresar na tesouraría da Mancomunidade no prazo máximo dun mes desde a notificación do pertinente acordo da Asemblea Plenaria, agás que este acordo fixe un prazo diferente.

8. As contribucións das entidades mancomunadas consideraranse ingresos de carácter público da Mancomunidade para todos os efectos legais.

Artigo 27. Financiamento dos servizos e das actividades

Para a execución das obras e a prestación de servizos e activades redactarase o correspondente proxecto, memoria valorada e informe técnico e determinarase o sistema de financiamento que proceda, en consonancia cos recursos sinalados nos presentes estatutos.

Artigo 28. Demora no ingreso de contribucións

As cantidades que non fosen ingresadas na tesouraría da Mancomunidade na data de vencemento fixada no artigo anterior incrementaranse en proporción ao tempo transcorrido ata o seu pagamento efectivo coa cantidade que resulte de aplicar o xuro de demora fixado pola Lei de orzamentos xerais do Estado para o exercicio correspondente.

Artigo 29. Xestión orzamentaria

Será igualmente aplicable o disposto pola Lei de facendas locais en materia de créditos e as súas modificacións, xestión e liquidación do orzamento, coas peculiaridades propias da Mancomunidade.

Artigo 30. Tesouraría da Mancomunidade

A tesouraría da Mancomunidade rexerase polo disposto na Lei de facendas locais e, en canto lle sexa de aplicación, polas normas do título V da Lei xeral orzamentaria.

Artigo 31. Contabilidade

A Mancomunidade levará a súa contabilidade de conformidade coa instrución de contabilidade para a Administración local ordinaria.

Artigo 32. Rendición de contas

A Mancomunidade, coas peculiaridades derivadas da súa finalidade e estrutura orgánica, elaborará e renderá as contas anuais nos termos sinalados polos artigos 189 a 193 da Lei de facendas locais.

Artigo 33. Fiscalización

A xestión económica da Mancomunidade será obxecto das fiscalizacións interna e externa reguladas pola Lei de facendas locais.

CAPÍTULO VIII
Duración da Mancomunidade, modificación dos estatutos, separación e incorporación de membros e disolución da Mancomunidade

Artigo 34. Duración temporal

A Mancomunidade terá unha duración por tempo indefinido, xa que logo, o carácter dos fins que se perseguen son permanentes.

Artigo 35. Disolución

a) A disolución da Mancomunidade poderá ter lugar polas seguintes causas:

– Por disposición legal.

– Por acordo da Asemblea Plenaria co quórum establecido nestes estatutos.

– Por desaparición do fin para o cal se constituíu.

b) O procedemento de disolución será o previsto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

c) A disolución da Mancomunidade comportará a liquidación do seu patrimonio e a adxudicación dos seus bens e persoal ás entidades integrantes en proporción ás súas respectivas achegas.

Para estes efectos crearase unha comisión liquidadora que fará un inventario de bens, servizos e dereitos da Mancomunidade, cifrará os seus recursos, cargas e débedas e relacionará o seu persoal e proporá á Asemblea Plenaria da Mancomunidade a oportuna distribución ou integración deles nos entes mancomunados, de conformidade cos datos que servisen para a formación do patrimonio. A proposta de liquidación tramitarase do mesmo xeito que a disolución.

Artigo 36. Modificación dos estatutos

Para a modificación dos estatutos seguirase o procedemento previsto no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 37. Incorporación de novos membros

A incorporación de novos membros á Mancomunidade levará consigo a modificación dos estatutos conforme o disposto no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A dita incorporación pode ser para un ou varios dos servizos que determine o concello que se adhira dos previstos no artigo 4.

Artigo 38. Separación de membros

A separación dunha entidade mancomunada levará consigo a modificación dos estatutos conforme o artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

No caso de que unha entidade decida unilateralmente separarse da Mancomunidade, deberá manifestalo cun ano de antelación, contado desde a correcta comunicación á Mancomunidade do acordo de separación, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos durante ese tempo; compromisos consistentes, entre outros aspectos, tanto en gastos correntes como en operacións de crédito concertadas a longo prazo que tivesen como obxecto o pagamento de tales gastos producidos durante o tempo en que a entidade mancomunada que se separa aínda pertenza á Mancomunidade.