BDNS (Identif.): 350219.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean en posesión da correspondente cualificación definitiva.
Segundo. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións do Programa de rexeneración e renovación urbana da área de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago para a anualidade de 2017 (código de procedemento VI408H).
2. Estas subvencións están destinadas a financiar actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas situadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago que conten coa correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo IGVS.
Terceiro. Bases reguladoras
As bases reguladoras das subvencións do Programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI dos Camiños de Santiago están aprobadas pola Orde do 22 de decembro de 2015, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publicada no Diario Oficial de Galicia número 246, do 28 de decembro, segundo a redacción dada por esta orde.
Cuarto. Contía
1. As subvencións contidas no Plan estatal 2013-2016 faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, por importe de 2.151.207,31 euros.
2. As subvencións autonómicas faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, por importe de 750.000 euros.
3. As axudas contidas no Plan estatal 2013-2016 terán un importe máximo de 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación, sen que en ningún caso poida exceder o 35 % do custo subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva.
4. As axudas autonómicas terán un importe máximo de 4.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación, sen que en ningún caso poida exceder o 10 % do custo subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes de subvención comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario contido nesta convocatoria.
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2017
Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda