Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2017 Páx. 30053

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE de 5 de xuño de 2017 de aprobación definitiva do Plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano da Coruña.

O 27 de xaneiro de 2014 publicouse no DOG a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Esta lei ten como obxecto a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e da mellora da xestión do sector público autonómico.

Nesta liña, na súa disposición adicional segunda, baixo a rúbrica Racionalización do sistema de transporte público, permite elaborar e aprobar plans de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano, en que se concreten as novas rutas e se fixen novos puntos de parada e interconexión das redes urbana e interurbana de transporte público, co fin de mellorar as condicións de accesibilidade das persoas usuarias á rede de transporte público de viaxeiros por estrada.

Con base nesta previsión normativa, en que se regulan os requisitos mínimos que deben cumprir os correspondentes plans de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano, a súa tramitación e os seus efectos sobre os contratos de servizo de transporte público que poidan resultar afectados, elaborouse o Plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano da Coruña, o cal foi sometido ao trámite de información pública mediante resolucións da Dirección Xeral de Mobilidade do 22 de xuño de 2016 e do 2 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 128, do 7 de xullo de 2016, e DOG núm. 9, do 13 do xaneiro de 2017).

Así mesmo, foron escoitados os concellos interesados e as empresas contratistas afectadas segundo consta na disposición adicional décimo segunda da Lei 14/2013.

Como resultado das observacións recibidas, as xuntanzas mantidas e os informes emitidos durante a tramitación do citado documento procedeuse á redacción do documento final do plan.

En consecuencia, de conformidade co que antecede, e por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade,

RESOLVO:

1º. Aprobar o Plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano da Coruña, cos efectos previstos na disposición adicional décimo segunda da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

2º. Notifíquese esta orde ás empresas contratistas dos servizos de transporte público afectadas e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

O texto íntegro deste documento poderase consultar na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Dirección Xeral de Mobilidade, no seguinte enlace:

http://civ.xunta.gal/seccion-tema/c/CIV_Transporte_de_viaxeiros?content=Direccion_Xeral_Mobilidade/Transporte_Publico/seccion.html&std=Plan_accesibilidade_corunha.html#

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda