Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2017 Páx. 30055

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 22 de maio de 2017 pola que se modifica un dos ficheiros creados na Orde do 14 de outubro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes no organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE núm. 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da dita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e establece no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

Para dar cumprimento a este precepto publicouse a Orde do 14 de outubro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes no organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral. A evolución da actividade administrativa fai necesaria a modificación do ficheiro que se detalla no anexo da presente orde, o que obriga, conforme a citada Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, á modificación da Orde do 14 de outubro de 2011.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Mediante esta orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria modifícase o ficheiro de datos de carácter persoal pertencente ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) «Relacións informativas coa cidadanía e entidades», segundo se especifica no anexo.

Artigo 2. Contido

A información exixida no artigo 20.2 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do seu regulamento asociado, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación de ficheiros, está contida no anexo desta orde.

Artigo 3. Finalidade e uso dos ficheiros

Os datos de carácter persoal, incluídos no ficheiro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral modificado por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4. Cesión de datos

Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e nos declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5. Órgano responsable dos ficheiros

A responsabilidade sobre o ficheiro modificado por esta orde correspóndelle ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Artigo 6. Nivel de protección e medidas de seguridade

O ficheiro modificado por esta orde está clasificado atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo I aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) do dito ficheiro.

A persoa titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO
Modificación dun ficheiro responsabilidade do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral

Denominación do ficheiro

Relacións informativas coa cidadanía e entidades.

Descrición da súa finalidade e usos previstos

Xestión das relacións informativas coa cidadanía e entidades.

Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos

Cidadanía e residentes e quen exerza a representación de entidades que manteñen relacións informativas co Issga.

Procedemento de recollida de datos

Formularios en papel e electrónicos.

Procedencia dos datos

A propia persoa interesada ou quen exerza a súa representación legal.

Entidades privadas.

Estrutura básica do ficheiro

Tipos de datos de carácter persoal (Categorías de datos)

Datos especialmente protexidos: saúde.

Datos de carácter identificativo: DNI/NIF, nome e apelidos, teléfono, teléfono móbil, enderezo, enderezo electrónico, sinatura.

Núm. SS/Mutualidade.

Datos de carácter persoal.

Datos económicos, financeiros e de seguros.

Datos de circunstancias sociais.

Datos académicos e profesionais.

Datos de detalle de emprego.

Sistema de tratamento

Mixto.

Comunicacións ou cesións de datos

Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e Servizo Galego de Saúde (Sergas) para a facturación a terceiros no marco do Programa de detección de terceiros obrigados ao pagamento na asistencia sanitaria dispensada no Servizo Público de Saúde.

Transferencias internacionais de datos a terceiros países

Non están previstas.

Órgano responsable do ficheiro

Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Casa da Parra. Praza da Quintana, s/n.

15704 Santiago de Compostela.

Nivel do ficheiro

Alto.