Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 28 de xuño de 2017 Páx. 31742

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 9 de xuño de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución de arquivamento do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Val da Cova a favor da CMVMC do Carballal, no concello de Cartelle.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar con data do 23 de febreiro de 2017, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Val da Cova a favor da CMVMC do Carballal, no concello de Cartelle (Ourense), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 10 de decembro de 2015, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designa instrutor e realiza as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, abrindo un período dun mes para a práctica de alegacións.

Segundo. Contra o acordo de inicio de clasificación presentáronse varios escritos de alegacións. En primeiro lugar, a CMVMC do Carballal reclama a inclusión na clasificación das parcelas nº 3, 4, 5 e 6 do polígono 31 e a nº 793 do polígono 25 das bases definitivas da concentración parcelaria de San Tomé, as cales foron excluídas da súa petición inicial ao considerar o Xurado que sobre elas existe un conflito de titularidade.

A CMCVM do Carballal defende que as citadas parcelas pertenceron aos veciños desde tempo inmemorial, polo que entende que o Xurado debe proceder á súa clasificación. Considera que a competencia dos xurados provincias dos montes veciñais en man común se refire a determinar o carácter veciñal que puideren ter ou non uns terreos e que este vén determinado polo uso que se lles deu.

Por outro lado, Darío García Rodríguez presentou un escrito de alegacións en que manifesta que as parcelas 974, 975 e 976 pertencen á súa familia e figuran inscritas no Rexistro da Propiedade a nome dos seus avós, Bernardo Rodríguez Lamela e Hermesinda Feijoo Rodríguez, e que todas elas forman parte do monte denominado Val da Cova.

Alega que a parcela 974 pertence a Carmen García Rodríguez, a parcela 975 do polígono 126 pertence aos herdeiros da súa tía Obdulia Rodríguez Feijoo e a parcela 976 aos herdeiros do seu tío José Rodríguez Feijoo.

Darío García Rodríguez achegou, entre outra documentación, unha fotocopia dunha escritura de compravenda na cal Julián Fernández Feijoo vendeu ao seu avó (Bernardo Rodríguez Lamela) o monte sito en Val da Cova; unha fotocopia do Rexistro de Propiedade de Celanova en que figura que a parcela de Cartelle nº 8815, denominada Val da Cova, atópase inscrita a nome dos seus avós; e unha fotocopia dunha sentenza do Xulgado Municipal de Cartelle, do 23 de xullo de 1936, en que o xuíz resolveu a favor de Bernardo Rodríguez Lamela como dono dos predios descritos na escritura de compravenda que tamén presenta.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei “son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, correspondendo constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que veña gozando del ao Xurado Provincial de Clasificación.

Non obstante, examinada a documentación que consta no expediente, o Xurado considerou que existe un conflito de propiedade sobre as parcelas sobre as cales se acordou iniciar o expediente de clasificación (as xa citadas e as parcelas 1088 e 1089 do polígono 126).

Así mesmo, e de acordo co informe do Servizo de Infraestruturas do 1 de abril de 2016, sobre as parcelas obxecto de clasificación presentaron escritos de alegacións os interesados aos cales nas bases provisionais se lle incluíron aquelas nos seus boletíns individuais da propiedade, coa excepción das parcelas 975 e 976 do polígono 126, que agora reclaman familiares de Darío García Rodríguez.

Examinada a documentación presentada, o Xurado non considerou acreditada a existencia dun aproveitamento veciñal sobre os terreos cuxa clasificación se solicita, tal e como exixe o artigo 1 da citada Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Así mesmo, e ante as dúbidas existentes sobre a propiedade dos predios referidos, a petición de clasificación deberá ser realizada, se for o caso, ante a xurisdición civil, instancia competente para dilucidar cuestións de propiedade.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

RESOLVE:

Arquivar o procedemento de clasificación como monte veciñal en man común do monte denominado Val da Cova a favor da CMVMC do Carballal, no concello de Cartelle (Ourense).

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Ourense, 9 de xuño de 2017

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense