O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.
A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.
No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.
No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado de ensino universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.
A promoción, desenvolvemento e mellora da calidade do Sistema universitario de Galicia implica tamén apreciar e incentivar a excelencia académica dos seus estudantes como aposta de futuro do noso país. Esa implicación é a que leva á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a seguir recoñecendo o esforzo, traballo e dedicación do alumnado que remata os estudos universitarios cunha excelente traxectoria académica convocando cada ano os premios fin de carreira.
Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma para os/as estudantes que remataron brillantemente os seus estudos universitarios conducentes a unha titulación oficial de grao no curso académico 2015/16 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED415A).
2. Estes premios, ademais de ter asignada unha dotación económica, supoñen un recoñecemento de carácter oficial para o alumnado que conta co mellor expediente académico de entre as persoas solicitantes.
Artigo 2. Orzamento
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, cunha contía global de 222.000 euros, sen prexuízo de que poida ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da Consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes
Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
a) Teren cursado integramente os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
b) Teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,50 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.
c) Non poderán obter un premio fin de carreira aqueles/as alumnos/as que xa obtiveron un en anteriores convocatorias.
Artigo 4. Período e dotación do premio
1. Para os efectos desta orde, entenderase por curso académico o período comprendido entre o 1 de setembro de 2015 e o 30 de setembro de 2016.
2. As persoas premiadas recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.
3. Só se poderá recibir un premio por persoa. Na simultaneidade de graos no caso de que unha persoa resulte seleccionada en máis dun grao deberá escoller en que grao desexa recibir o premio.
Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED415A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ao ter as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizar as solicitudes.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
1. As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:
Certificación académica oficial completa emitida pola universidade correspondente, na cal se fará constar a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
Artigo 7. Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) Título universitario oficial español ou documento que legalmente o substitúa.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e presentar os documentos correspondentes.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Obrigas das universidades
Os servizos administrativos correspondentes das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán á Secretaría Xeral de Universidades unha certificación na cal se fará constar o número de egresados/as, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2015 e o 30 de setembro de 2016, en cada unha das titulacións incluídas no anexo I desta orde.
Artigo 10. Publicación dos actos
Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva das persoas beneficiarias dos premios e a contía destes e a listaxe das persoas que non obtiveron o premio.
Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.gal tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.
Artigo 11. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación
1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e unha vez examinadas estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.gal/ na epígrafe de Ensinanza/Universidade.
2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días e, durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se presente a documentación preceptiva, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 12. Comisión avaliadora
1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:
Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.
Vogais: dous/dúas representantes da Secretaria Xeral de Universidades.
Secretario/a: o/a xefe/a do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.
2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de expertos/as na materia obxecto da convocatoria.
3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que se nomee para o efecto. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.
Artigo 13. Criterios de avaliación
1. A selección das solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria será realizada pola comisión avaliadora atendendo ao expediente académico coa cualificación da nota media máis alta obtida polo/a alumno/a en cada unha das distintas titulacións de grao implantadas no Sistema universitario de Galicia segundo a táboa incluída no anexo I desta orde.
2. Nas titulacións que compitan entre si, conforme as agrupacións establecidas na táboa do anexo I, obterá o premio a titulación coa nota media máis alta.
3. A nota media calcularase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).
4. En caso de empate na nota media do expediente académico entre varias persoas solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:
1ª Maior número de matrículas de honra.
2ª Maior número de sobresalientes.
3ª Maior número de notables.
4ª Menor número de suspensos.
5. O premio quedará deserto cando o grao polo que se opta ao premio non teña un mínimo de 30 egresados/as. Este dato será verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades do Sistema universitario de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 9 desta orde.
No caso de que haxa varios graos da mesma rama de coñecemento nesa situación poderán agregarse entre eles para acadar o mínimo de egresados/as exixidos e optar a un dos premios desta convocatoria.
Artigo 14. Proposta de resolución
Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación dos premios mediante a correspondente resolución.
Artigo 15. Resolución
1. A resolución terá o seguinte contido:
a) Listaxe das persoas beneficiarias dos premios e a contía destes.
b) Listaxe das persoas que non obtiveron premio.
2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
3. A resolución de concesión dos premios publicarase no Diario Oficial de Galicia na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.gal pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 16. Pagamento
O aboamento dos premios farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.
Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias
A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:
1. Informar o órgano que concede o premio da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.
2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Acreditar mediante certificación que se está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo II desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.
Artigo 18. Compatibilidade, modificación e reintegro dos premios
1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
2. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro, total ou parcial, pola persoa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A obtención do premio falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impedirían a súa concesión, constituirá causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro pola persoa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo da tramitación establecida no artigo 77 e seguintes do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, á cal estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.
3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.
Artigo 20. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxu@edu.xunta.es
Disposición adicional primeira. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias destes premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional segunda. Impugnación da orde
Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO I
Táboa de titulacións
– Artes e Humanidades |
Grao en Filoloxía Clásica |
Grao en Filosofía |
Grao en Historia Grao en Xeografía e Historia |
Grao en Historia da Arte |
Grao en Lingua e Literatura Españolas Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios Grao en Español, Estudos Lingüísticos e Literarios |
Grao en Lingua e Literatura Galegas Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios Grao en Estudos de Galego e Español |
Grao en Lingua e Literatura Inglesas Grao en Inglés, Estudos Lingüísticos e Literarios Grao en Linguas Estranxeiras |
Grao en Linguas e Literaturas Modernas |
Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural |
Grao en Humanidades |
Grao en Información e Documentación |
Grao en Tradución e Interpretación |
Grao en Belas Artes |
– Ciencias |
Grao en Bioloxía |
Grao en Física |
Grao en Matemáticas |
Grao en Química |
Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos |
Grao en Ciencias Ambientais |
Grao en Ciencias do Mar |
– Ciencias Sociais e Xurídicas |
Grao en Administración e Dirección de Empresas |
Grao en Ciencia Política e da Administración |
Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte |
Grao en Ciencias Empresariais |
Grao en Comercio |
Grao en Comunicación Audiovisual |
Grao en Consultoría e Xestión da Información |
Grao en Dereito |
Grao en Dirección e Xestión Pública |
Grao en Economía |
Grao en Educación Infantil Grao en Mestre de Educación Infantil |
Grao en Educación Social |
Grao en Educación Primaria Grao en Mestre de Educación Primaria |
Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio |
Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas |
Grao en Pedagoxía |
Grao en Xornalismo |
Grao en Publicidade e Relacións Públicas |
Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos |
Grao en Socioloxía |
Grao en Traballo Social |
Grao en Turismo |
– Enxeñaría e Arquitectura |
Grao en Arquitectura Técnica |
Grao en Enxeñaría Agraria Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Grao en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural Grao en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias |
Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto |
Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos |
Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais Grao en Enxeñaría en Química Industrial Grao en Enxeñaría Química |
Grao en Enxeñaría Eléctrica |
Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática |
Grao en Enxeñaría Mecánica |
Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación |
Grao en Náutica e Transporte Marítimo |
Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía |
Grao en Tecnoloxías Mariñas |
Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais |
Grao en Enxeñaría Forestal Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural |
Grao en Enxeñaría Informática |
Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica Grao en Arquitectura Naval Grao en Enxeñaría en Propulsión e Servizos do Buque |
Grao en Enxeñaría da Enerxía |
Grao en Enxeñaría de Obras Públicas Grao en Enxeñaría Civil Grao en Tecnoloxía da Enxeñaría Civil |
Grao en Enxeñaría en Organización Industrial |
Grao en Arquitectura Grao en Estudos de Arquitectura |
– Ciencias da Saúde |
Grao en Enfermaría |
Grao en Psicoloxía |
Grao en Odontoloxía |
Grao en Nutrición Humana e Dietética |
Grao en Farmacia |
Grao en Fisioterapia |
Grao en Logopedia |
Grao en Medicina |
Grao en Óptica e Optometría |
Grao en Podoloxía |
Grao en Terapia Ocupacional |
Grao en Veterinaria |