Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2017 Páx. 34570

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 7 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 355280.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións obxecto da presente orde os membros dos grupos operativos da AEI constituídos para o desenvolvemento dun proxecto innovador. Segundo a redacción do artigo 35 do Regulamento 1305/2013, do 17 de decembro, na iniciativa de cooperación deberán intervir como mínimo dous actores. Os grupos operativos estarán formados, polo menos, por unha entidade relacionada coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector. Terá preferencia a participación dun centro de innovación, investigación ou tecnolóxico de natureza pública ou privada. Tanto as ditas entidades como os centros mencionados anteriormente poderán acceder á condición de beneficiarios.

Poderán ser tamén beneficiarias:

a) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.

b) Entidades asesoras na conservación ou no uso sustentables dos recursos naturais.

c) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a execución de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2017. O seu código de procedemento é MR331B.

En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental nin investigacións independentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 7 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 13.02.561A.770.0, código de proxecto 201600417, por un valor total de 1.773.272,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 177.327,00 euros en 2017, 975.300,00 euros en 2018 e 620.645,00 euros en 2019.

Poderanse utilizar outros remanentes que poidan existir doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A determinación da contía das axudas realizarase en función do número de solicitudes presentadas e da dispoñibilidade orzamentaria, de acordo cos criterios de priorización que se establecen nas bases reguladoras.

As axudas á execución de proxectos de grupos operativos da AEI serán do 100 % dos custos subvencionables. Establécese un importe máximo por solicitude de 100.000 euros e un importe mínimo por solicitude de 12.000 euros.

A contía máxima subvencionada en cada iniciativa de cooperación será de 100.000 euros.

Quinto. Obriga de relacionarse electronicamente

Tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo se farán a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes remata no termo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2017

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural