Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 2 de agosto de 2017 Páx. 36508

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de xullo de 2017 pola que se regula a convocatoria e selección de centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para participar en actividades de inmersión lingüística en lingua inglesa, English Week, dirixidas ao alumnado de sexto curso de educación primaria e ao de educación secundaria obrigatoria.

O Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras pretende, entre outros obxectivos, desenvolver unha serie de accións de formación en linguas estranxeiras conducentes a mellorar a competencia nelas por parte do alumnado.

Máis concretamente, intenta que ao remate da súa educación e formación escolar obrigatoria mellore a competencia lingüística nunha lingua estranxeira, basicamente en lingua inglesa.

Por este motivo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizará unha serie de actividades de formación que se desenvolverán durante o curso escolar nun centro residencial situado en Galicia, en réxime de internado, onde se estimulará a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados e enfocados de cara á mellora da comunicación oral, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa.

O programa das actividades procurará, por unha banda, a inmersión en lingua inglesa do alumnado, de xeito que lle permita desenvolver nun contorno real a súa comunicación, e, por outra, complementar esta formación con actividades de carácter cultural.

En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto regular a convocatoria e selección de centros docentes non universitarios para participar en actividades de inmersión en lingua inglesa dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o ano 2017 (procedemento ED504F).

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en que se impartan ensinanzas de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

O financiamento das axudas previstas nesta orde para os centros públicos dependentes desta consellería efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.50.423A.640.8, por un importe máximo de 399.300 euros. Por outra banda, o financiamento das axudas previstas nesta orde para os centros privados concertados efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.60.423A.780.3, por un importe máximo de 145.200 euros. O custo total de cada actividade inclúe:

1. Os monitores ou as monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

2. Os gastos de docencia e o material escolar.

3. As actividades culturais e complementarias dos cursos.

4. Os gastos de mantenza e aloxamento.

5. Certificado de realización da actividade.

6. Seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Artigo 3. Obxectivos e programa das actividades

As actividades a que se refire esta orde desenvolveranse de acordo co obxectivo e o programa que se especifican no anexo II.

Artigo 4. Duración e datas de celebración das actividades

1. Estas actividades realizaranse en réxime de internado, en períodos semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá.

2. Levaranse a cabo durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2017, de acordo co seguinte calendario e distribución.

Centros públicos:

– 1ª quenda: do 8 de outubro ao 14 de outubro, para alumnado de 6º de Educación Primaria.

– 2ª quenda: do 15 de outubro ao 21 de outubro, para alumnado de 6º de Educación Primaria.

– 3ª quenda: do 22 de outubro ao 28 de outubro, para alumnado de 6º de Educación Primaria.

– 4ª quenda: do 29 de outubro ao 4 de novembro, para alumnado de 1º de ESO.

– 5ª quenda: do 5 ao 11 de novembro, para alumnado de 2º de ESO.

– 6ª quenda: do 12 ao 18 de novembro, para alumnado de 3º de ESO.

– 7ª quenda: do 19 ao 25 de novembro, para alumnado de 4º de ESO.

Centros privados concertados:

- 8ª quenda: do 26 de novembro ao 2 de decembro, para alumnado de 6º de Educación Primaria.

- 9ª quenda: do 3 de decembro ao 9 de decembro, para alumnado de 1º e 2º de ESO.

- 10ª quenda: do 10 de decembro ao 16 de decembro, para alumnado de 3º e 4º de ESO.

Artigo 5. Organización das actividades

1. A xestión e a organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas para o efecto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A empresa ou as empresas coas que se contraten estas actividades ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

2. Os centros educativos seleccionados solicitarán e custodiarán as autorizacións dos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado, segundo o modelo que figura no anexo V.

3. Solicitarase aos centros seleccionados a listaxe do alumnado participante con anterioridade á realización da actividade.

4. As familias ou, se é o caso, os centros educativos encargaranse do traslado do alumnado ao centro residencial en que se celebrarán as actividades así como da súa recollida ao remate delas. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os centros educativos non asumirán os gastos derivados destes desprazamentos.

5. O alumnado que contraveña calquera das normas da residencia será expulsado inmediatamente. No caso de expulsión serán os pais, nais ou titores legais os que se fagan cargo do traslado do ou da menor.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación deste orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de setembro de 2017.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os centros interesados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación da aprobación polo Consello Escolar da participación nestas actividades, segundo o modelo que figura no anexo III.

b) Proxecto de participación, cun máximo de cinco folios, segundo o modelo que figura no anexo IV.

c) Características do centro, segundo o modelo que figura no anexo VI.

d) Os centros privados concertados, para os efectos de simplificación da acreditación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social, presentará a declaración responsable prevista no artigo 11 do Regulamento da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O texto da declaración deberá recoller o seguinte:

«Declaro non ser debedor de obrigas por reintegro de subvencións, estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme os artigos 10.2.g) e e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e que dispoño da documentación que así o acredita e que a poñerei á disposición da Administración cando me sexa requirida. Comprométome a manter os ditos requisitos durante o período de tempo inherente ao recoñecemento ou exercicio do dereito, de maneira que se durante este período deixo de cumprir algún dos requisitos detallados na declaración, comunicareillo ao órgano xestor».

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

3. Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos e/ou alumnas, todos do mesmo nivel educativo.

Artigo 8. Criterios de selección dos centros

Os centros serán seleccionados conforme os seguintes criterios e puntuación:

a) Centros públicos:

1. Por formar parte da Rede de centros plurilingües, 2 puntos.

2. Por contar con seccións bilingües, ata 2 puntos. 0,20 puntos por cada sección bilingüe que estea en funcionamento durante o curso 2016/17.

3. Pola participación no programa Cuale durante o curso 2016/17, ata 2 puntos. 0,20 puntos por cada modalidade.

4. Centros en cuxo contorno sociocultural predominen familias de baixo nivel cultural ou economicamente desfavorecidas, minorías étnicas, inmigrantes de lingua materna distinta á do centro, entre outros; ata 2 puntos.

5. Non ter participado neste programa no ano 2016, 2 puntos.

6. Centros situados en concellos rurais que non participen na Rede de centros plurilingües ou non sexan centros con seccións bilingües, ata 2 puntos, segundo o establecido a seguir:

a. Concellos de menos de 1.000 habitantes, 2 puntos.

b. Concellos de entre 1.001 e 3.000 habitantes, 1,50 puntos.

c. Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes, 1 punto.

d. Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes, 0,50 puntos.

Os centros públicos seleccionados teñen asignadas sete quendas de actividades segundo a distribución e o calendario establecido no artigo 4.2.

b) Centros privados concertados:

1. Por formar parte da Rede de centros plurilingües, 2 puntos.

2. Por contar con seccións bilingües, ata 2 puntos. 0,20 puntos por cada sección bilingüe que estea en funcionamento durante o curso 2016/17.

3. Centros en cuxo contorno sociocultural predominen familias de baixo nivel cultural ou economicamente desfavorecidas, minorías étnicas, inmigrantes de lingua materna distinta á do centro, entre outros; ata 2 puntos.

4. Centros situados en concellos rurais que non participen na Rede de centros plurilingües ou non sexan centros con seccións bilingües, ata 2 puntos, segundo o establecido a seguir:

a. Concellos de menos de 1.000 habitantes, 2 puntos.

b. Concellos de entre 1.001 e 3.000 habitantes, 1,50 puntos.

c. Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes, 1 punto.

d. Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes, 0,50 puntos.

Os centros privados concertados seleccionados teñen asignadas tres quendas de actividades segundo a distribución e calendario establecido no artigo 4.2.

Artigo 9. Comisión de selección

1. Constituirase unha comisión de selección que se encargará de valorar as solicitudes que terá a seguinte composición:

1.1. Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

1.2. Vogais: un máximo de catro persoas, unha persoa subdirectora xeral da Dirección Xeral de Educación e tres persoas titulares de xefaturas de servizo dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

1.3. Secretaría: unha persoa asesora da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos no artigo 8.

3. A percepción de asistencias destas comisións atenderá á categoría correspondente, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 10. Procedemento de selección dos centros

1. A comisión de selección realizará unha preselección dos centros docentes solicitantes segundo a puntuación obtida conforme os criterios que figuran no artigo 8 desta convocatoria. En caso de empate entre os centros, dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no criterio 1 do artigo 8.

b) Maior puntuación no criterio 2 do artigo 8.

De manterse o empate, terá preferencia o centro que teña maior puntuación no criterio 6 do artigo 8 no caso de centros públicos e no criterio 4 do artigo 8 no caso de centros privados concertados.

2. Finalizada a preselección a comisión fará pública a resolución provisional, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (http://www.edu.xunta.gal), na internet.

3. Nesta resolución figurarán os centros seleccionados, xunto coa quenda que lles corresponde, os centros que quedan como suplentes e os centros excluídos.

4. A exposición abrirá un prazo de cinco días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que resolverá a relación final dos centros seleccionados.

5. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada pola comisión de selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas e/ou modificar o nivel a que vai dirixida algunha destas quendas.

A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se lle notificase a resolución expresa, o centro solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxefpie@edu.xunta.es

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Esta convocatoria publicarase na Base de datos nacional de subvencións nos termos recollidos nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificada pola Lei 15/2014.

Artigo 13. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Perda do dereito ao cobramento da axuda polos centros privados concertados

1. O centro docente privado concertado perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificación incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente privado concertado terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Compatibilidade das axudas a centros concertados

Esta subvención é compatible con calquera outra para a mesma finalidade. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses e perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file

ANEXO II

Obxectivo e programa das actividades

1. O obxectivo principal deste programa é proporcionar ao alumnado participante unha actividade de inmersión lingüística que lles permita mellorar as súas destrezas de comprensión e expresión oral en lingua inglesa, a través de actividades non só académicas senón tamén de carácter cultural, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo dos alumnos e das alumnas.

2. O desenvolvemento das actividades terá lugar en períodos semanais. O comezo da actividade terá lugar un domingo pola tarde e a saída o sábado seguinte pola mañá.

3. As actividades desenvolveranse entre os meses de outubro, novembro e decembro de 2017.

4. O contido dos cursos inclúe un programa de actividades académicas, de tempo libre e obradoiros. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado e a motivación pola comunicación en lingua inglesa, facendo uso de medios tecnolóxicos que favorezan a devandita aprendizaxe.

5. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa; promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e o coñecemento do contorno.

ANEXO III

Aprobación polo Consello Escolar da solicitude de participación na convocatoria de actividades de inmersión lingüística dirixidas ao alumnado de sexto curso
de educación primaria e ao de educación secundaria obrigatoria

Don/Dona……………………………………………........…, en calidade de secretario/a do

Consello Escolar do centro educativo …………………................................………………

Código …………………….. do municipio de ……................................…………………….

Fai constar:

1. Que o Consello Escolar do centro coñece o contido e as características da resolución para a participación do centro educativo na convocatoria de actividades de inmersión lingüística dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e ao de educación secundaria obrigatoria.

2. Que o Consello Escolar, na sesión do día... de... de 2017

 se mostrou favorable a participar na convocatoria de actividades de inmersión lingüística, co seguinte resultado:

Resultado da votación:

– Número de integrantes do Consello Escolar con dereito a voto:

– Número de integrantes do Consello Escolar con dereito a voto presentes na votación:

– Número de votos favorables á presentación da solicitude de participación:

– Número de votos contrarios á presentación da solicitude de participación:

– Número de votos en branco:

– Número de votos nulos:

E, para que conste, asínoo no lugar e data indicados.

............................................., ....... de..................... de..........

Visto e prace

Presidente/a do Consello Escolar                                              Secretario/a

ANEXO IV

Guión para a elaboración do proxecto

1. Breve xustificación da solicitude de participación nas actividades.

2. Nivel e número de alumnado para o que se solicita a participación nas devanditas actividades.

3. Relación de niveis e áreas ou materias do centro solicitante que se imparten en lingua inglesa.

4. Participación en programas relacionados co Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras:

a) Rede de centros plurilingües.

b) Seccións bilingües (indicar o número de seccións).

c) Cuale (indicar o número de modalidades do programa, só para centros públicos).

5. De ser o caso, situación nun contorno sociocultural no que predominen familias de baixo nivel cultural ou economicamente desfavorecidas, minorías étnicas, inmigrantes de lingua materna distinta á do centro, entre outros.

6. De ser o caso, centros situados en localidades rurais que non participen na Rede de centros plurilingües ou non sexan centros con seccións bilingües.

ANEXO V

Autorización do pai, nai ou titor/a legal do alumnado

Don/Dona..........................................................................., como pai/nai/titor/a legal do/da solicitante, autorizo a (nome e apelidos do/da alumno/a) ..........................................................................................., a participar nas actividades de inmersión lingüística dirixidas ao alumnado de sexto curso de educación primaria e ao de educación secundaria obrigatoria e organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o ano 2017. Así mesmo, comprométome ao seu traslado ao lugar de Galicia onde se celebren as actividades e a súa recollida ao remate delas.

En .......................... o ...... de ............................ de 2017.

ANEXO VI

Características do centro

Marque o cadro que corresponda segundo as características do centro. Unha copia deste anexo será enviado á Inspección educativa.

1. Porcentaxe de inmigrantes, de minorías étnicas e/ou culturais que acolle o centro:

 Ata o 10 %.

 Entre o 11 % e 25 %.

 Entre o 26 % e 50 %.

 Mais do 51 %.

2. O centro ten alumnos e alumnas inmigrantes de lingua materna distinta á do centro:

 Ata o 10 %.

 Entre o 11 % e 25 %.

 Entre o 26 % e o 35 %.

 Mais do 35 %.

3. Perfil socioeconómico da zona de influencia do centro:

 Alto.

 Medio-alto.

 Medio-baixo.

 Baixo.