Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 2 de agosto de 2017 Páx. 36531

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2017 pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal da seguridade pública que traballa en Galicia.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2017 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor na súa xuntanza do 7 de xullo de 2016, de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócanse os cursos de formación continua dirixidos aos/ás policías locais de Galicia, correspondentes ao segundo semestre do ano 2017, cuxas bases e características, se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 14 de xullo de 2017

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I
Bases

Primeira. Destinatarios

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia que estean en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados deberán comunicalo a Agasp de forma inmediata. No caso de non facelo, serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar realizando efectivamente un curso, non se emitirá ningún diploma deste.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Así mesmo, reservarase un máximo do 10 % das prazas ofertadas nesta convocatoria ao persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia e o soliciten en tempo e forma correctos.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es). Non se admitira ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberán remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación: (non será preciso, se tal documentación xa consta en poder da Agasp. Neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

a) Profesionais que estean desfrutando ou desfrutasen nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. Cando o curso para o que presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por fax (886 20 61 22) por correo electrónico (formación.agasp@xunta.es) ou de acordo co establecido nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 12 de setembro de 2017.

No suposto das prazas reservadas para persoal da Policía Nacional, Garda Civil e Policía Autonómica, os responsables destas deberán indicar a cobertura destas ao Servizo de Formación en Seguridade Pública, cunha antelación mínima de 10 días naturais antes do comezo de cada curso.

Os membros da Policía Autonómica, Garda Civil e Policía Nacional poderán solicitar de forma individual a realización dos cursos desta convocatoria en que estean interesados.

7. O número máximo de cursos que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a cinco.

No caso de que unha mesma persoa presente máis solicitudes das permitidas, a Agasp de forma automática elixirá as primeiras cinco accións formativas solicitadas.

8. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o/a alumno/a non poderá participar noutro curso durante un ano desde que se detecte este feito.

Terceira. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se indican, sen prexuízo de que cursos específicos requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta.

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean desfrutando ou desfrutasen, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para seren destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, nos cursos, xornadas ou outras actividades, reservarase un 50 % das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Cuarta. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas con, polo menos, cinco días naturais antes do inicio de cada curso.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días hábiles desde a súa publicación.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica, todos aqueles que non figuren na relación, non foron seleccionados, ben por que ocupan un posto máis alonxado na listaxe de reservas, ben por que foron excluídas por algún motivo dos expresados nesta convocatoria, todo de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas ou necesidade do servizo sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo xefe/a do corpo da policía local do concello en que traballe ou persoa responsable deste.

No caso de cambios de cadrante ou quendas de traballo, deberá quedar acreditado suficientemente os seus motivos e que se coñeceron con posterioridade a solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e con unha antelación de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nas que a persoa figurase como posible destinataria, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, polo menos, teñan a mesma carga horaria, do curso polo que foi penalizado.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto; poderanse realizar controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma, no caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior. En todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada no só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario tal e como establece a normativa aplicable. No caso de non facelo ou non vestir o uniforme con todas as pezas que se establecen (roupa e calzado), a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá ningún diploma nin certificado acreditativo.

Sexta. Certificación

1. Para poder superar os cursos, o alumnado debera superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao seu remate.

Sétima. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir, sen necesidade dunha nova publicación no DOG.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.

ANEXO II

Código

Denominación

Horas

Prazas

Data de comezo

Data de remate

171132

Apertura de vehículos e elementos identificativos. Nivel 2

20

25

6.11.2017

8.11.2017

171133

Tráfico ilícito de vehículos. Nivel 3 *

20

25

8.11.2017

10.11.2017

171134

Sinistros viarios con fuga. Nivel 3

20

25

18.9.2017

20.9.2017

171135

Sinalización circunstancial. Nivel 1

8

25

12.12.2017

12.12.2017

171124

Como abordar as relacións informativas cos xornalistas

16

20

2.10.2017

9.10.2017

171129

Especialización en mediación policial *

75

25

5.10.2017

27.10.2017

171136

Especialización en mediación policial *

75

25

9.11.2017

2.12.2017

171126

Espectáculos públicos e actividades recreativas

8

25

17.10.2017

17.10.2017

171125

Violencia de xénero: actuación policial

20

25

24.10.2017

26.10.2017

171127

Prevención e intervención ante o acoso escolar

16

25

26.9.2017

27.9.2017

171130

Menores, internet e novas tecnoloxías

16

25

7.11.2017

8.11.2017

171131

Adolescentes e consumo de drogas. Do botellón ás drogas de asalto sexual e a submisión química

16

25

28.11.2017

29.11.2017

171128

Intervención policial con cans

40

25

13.11.2017

22.11.2017

*Criterios de selección específicos