Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 4 de setembro de 2017 Páx. 41484

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 23 de agosto de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, e se convocan para o ano 2017, con carácter plurianual.

O artigo 91.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas públicas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes.

Neste sentido, o Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala no seu artigo 5.2 que poderán ser cualificadas ou recoñecidas expresamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, como actuacións protexibles, as obras de adecuación das vivendas e dos seus accesos á normativa vixente da accesibilidade.

En Galicia existen moitas edificacións e vivendas que non están adaptadas ás persoas residentes con limitacións de mobilidade. Mediante esta orde preténdese incentivar a colocación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade, en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex, así como nas vivendas unifamiliares, para favorecer o dereito á accesibilidade universal, no ámbito concreto da accesibilidade arquitectónica.

Esta orde axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade co establecido no artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, a competencia para ditar esta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

En consecuencia,

ACORDO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases que rexerán na Comunidade Autónoma de Galicia a concesión, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, de subvencións para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex, así como en vivendas unifamiliares que carezan deles. Código do procedemento VI439A.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións para a anualidade 2017, con carácter plurianual.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos do disposto nesta orde, os conceptos incluídos neste artigo serán interpretados e aplicados co significado e alcance seguintes:

a) Edificio de tipoloxía residencial colectiva: o edificio composto por máis dunha vivenda, cuxo uso predominante é o residencial e que conte coa correspondente escritura de división horizontal inscrita no rexistro da propiedade.

b) Dúplex: a vivenda de dous ou máis andares unidos por escaleiras interiores e sita nun edificio de tipoloxía residencial colectiva.

c) Vivenda unifamiliar: a vivenda situada nun edificio independente cuxo uso predominante é o residencial e no cal non existe ningunha outra vivenda.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Será subvencionable a instalación de ascensores, de elevadores, de salvaescaleiras e demais dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares que carezan deles.

2. Consideraranse subvencionables os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e os custos en equipamentos, en materiais, en obra civil e en man de obra asociados á instalación do ascensor e dos demais dispositivos de accesibilidade, de xeito que estes queden operativos. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

3. Non serán obxecto de subvención as actuacións que se iniciasen antes da data de presentación das solicitudes.

4. O prazo de execución das actuacións virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida ser superior a 12 meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de persoas propietarias, as persoas físicas propietarias únicas de edificios de vivendas, as persoas físicas propietarias dun dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e as persoas físicas propietarias dunha vivenda unifamiliar.

Para os efectos desta orde, considerarase como persoa propietaria única do edificio a persoa física titular do pleno dominio do edificio.

2. Para o caso de vivenda dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e de vivenda unifamiliar, exixirase que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria non excedan 3,5 veces o índice público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 5. Unidades de convivencia e cómputo de ingresos

1. Para o cómputo de ingresos, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

2. No caso de vivendas dúplex en edificios de tipoloxía residencial colectiva e de vivendas unifamiliares, os ingresos das persoas membros da unidade de convivencia determinaranse de conformidade coa normativa reguladora do IRPF. Para estes efectos, procederase do seguinte modo:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada persoa da unidade de convivencia relativas ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da solicitude. De non dispoñer da correspondente declaración por non estar obrigado/a a tributar por este concepto, deberanse acreditar os ingresos mediante certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), nóminas e seguros sociais. Nestes casos, deberá achegar, ademais, unha declaración responsable dos seus ingresos.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor no período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

Unidade familiar dun membro: 1,00.

Unidade familiar de dous membros: 0,90.

Unidade familiar de tres membros: 0,80.

Unidade familiar de catro membros: 0,75.

Unidade familiar de cinco ou máis membros: 0,70.

3. No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do IRPF, os ingresos de cada unidade familiar, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto neste artigo, sumaranse e o resultado debe ser inferior ao límite máximo previsto nestas bases reguladoras.

4. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nos termos establecidos na normativa do IRPF, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte a aquel que lle correspondese, conforme o previsto nos números anteriores.

5. Para o caso de que na unidade familiar houbese mulleres xestantes no momento da convocatoria, os concibidos e non nacidos contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no número 1.c) deste artigo, sempre que coa aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

Artigo 6. Contía das subvencións

1. A contía das subvencións determinarase en función do número de vivendas da edificación e segundo a súa situación, de conformidade cos seguintes criterios:

a) Para as edificacións e vivendas sitas en ámbitos históricos e dos camiños de Santiago:

1. Vivendas unifamiliares e dúplex: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 4.500 €.

2. Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas igual ou inferior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 35.000 €.

3. Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas superior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 28.000 €.

b) Para as edificacións e vivendas que non estean situadas en ámbitos históricos e dos camiños de Santiago:

1. Vivendas unifamiliares e dúplex: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 2.500 €.

2. Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas igual ou inferior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 25.000 €.

3. Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas superior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 18.000 €.

c) En calquera caso, cando a actuación consista na instalación dun salvaescaleiras, a contía da subvención será dun 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 1.000 €, en caso de salvaescaleiras de cadeira, e os 2.000 €, en caso de salvaescaleiras de plataforma.

2. Para os efectos desta orde:

a) Considéranse ámbitos históricos:

1º. Os que conten con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar.

2º. As zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural.

3º. Os inmobles que figuren nun catálogo de protección.

4º. Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.

b) Considérase ámbito dos camiños de Santiago: o comprendido na Declaración de área de rehabilitación integral dos camiños de Santiago realizada o 17 de decembro de 2010 pola Comisión Bilateral de Vivenda Xunta de Galicia-Ministerio de Fomento.

Artigo 7. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) onde estea situado o edificio ou a vivenda.

2. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presentasen as súas solicitudes presencialmente, requiriranse para que as emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude, a entidade ou persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para esa mesma finalidade.

c) Declaración de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable do representante da comunidade de persoas propietarias ou da persoa física solicitante de que o edificio ou a vivenda carece do dispositivo de accesibilidade que se pretende instalar.

f) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa física solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

b) No caso de solicitudes en nome de comunidades de persoas propietarias, certificado da persoa que exerza as funcións de secretario/a, en que se recolla tanto o acordo de solicitar a axuda deste programa como o nomeamento da persoa que a represente na tramitación do expediente, conforme o modelo que se xunta a esta orde como anexo II.

c) Anexo III, de comprobación de datos e declaración responsable da composición da unidade de convivencia, para o caso de persoas propietarias de vivendas dúplex e de vivendas unifamiliares. No suposto de non estar obrigado/a a presentar a declaración do IRPF, deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación emitido pola AEAT. No suposto de que non se achegase o citado modelo, deberase achegar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, á cal deberá xuntar, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do Servizo Público de Emprego e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

d) Proxecto redactado por técnico/a competente ou memoria das actuacións do edificio ou vivenda. O proxecto ou memoria identificará o edificio ou a vivenda, así como os datos que se refiren na solicitude e incluirá fotografías onde se amosen as zonas onde se realizarán as actuacións, e terá os seguintes contidos mínimos:

– Inmoble: número de vivendas e número de andares servidos polo dispositivo de accesibilidade.

– Descrición detallada das actuacións que se pretenden realizar.

– Características do dispositivo de accesibilidade que se pretende instalar.

– Orzamento desagregado e detallado do investimento da instalación.

– Calendario de execución, en que se detalle o gasto que se prevé realizar nas correspondentes anualidades.

e) Informe de avaliación do edificio, cos contidos que figuran no anexo II do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se aproba o Plan estatal 2013-2016, ou documento análogo que inclúa todos os aspectos que forman parte do citado anexo, formalizados e subscritos por técnico/a competente e emitidos con anterioridade á presentación da solicitude da axuda, no caso de actuacións en edificios de tipoloxía residencial colectiva.

f) Título que acredite a propiedade das vivendas en que se solicite a instalación do dispositivo de accesibilidade: no caso de persoas físicas acreditarase a propiedade cunha nota simple rexistral e no caso das comunidades de persoas propietarias acreditarase coa copia da escritura da división horizontal.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas ou as comunidades de persoas propietarias, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirir a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Artigo 9. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas ou comunidades de persoas propietarias responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo (https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano).

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou, se é o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante ou da súa persoa representante.

b) Número de identificación fiscal da comunidade de persoas propietarias.

c) Certificacións da AEAT, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

d) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar, correspondente aos ingresos do exercicio vencido inmediatamente anterior á data da solicitude, no caso das persoas referidas no artigo 4.2 desta orde.

e) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar, correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude, no caso das persoas referidas no artigo 4.2 desta orde.

f) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a unidade familiar.

2. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas deberán facelo constar nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución da tramitación da solicitude de subvención é competencia da área provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda onde se realicen as actuacións.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das subvencións.

Artigo 12. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente publicación da convocatoria.

2. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

3. O órgano instrutor remitirá o expediente ao servizo técnico das áreas provinciais para a elaboración dun informe, en que se definirá a tipoloxía das actuacións requiridas, a aptitude da solución técnica aplicable, o prazo máximo de execución e o orzamento da actuación.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas ou das entidades interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa ou da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. As resolucións de concesión ditaranse por rigorosa orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro da correspondente área provincial do IGVS, ata esgotar o crédito orzamentario dispoñible. Para estes efectos, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no rexistro da correspondente área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

2. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida que, de ser o caso, poderá ter carácter plurianual.

3. O prazo para resolver e notificar a concesión da axuda será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas ou comunidades de persoas propietarias solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 15. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Artigo 16. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dalgúns dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras.

2. Así mesmo, tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. A persoa ou a comunidade de persoas propietarias beneficiarias deberán comunicar á correspondente área provincial do IGVS o remate das obras relativas a cada unha das anualidades concedidas. A comunicación deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días, contado ben desde o día seguinte ao da finalización ou ben desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade das obras. As comunidades de persoas propietarias deberán facer esta comunicación por vía electrónica; as persoas físicas deberán facer esta comunicación por esta mesma vía, cando fose este o procedemento elixido por elas. A comunicación realizarase xuntando o anexo IV desta orde.

2. A comunicación de execución parcial de obras deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar e que conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo solicitante.

O importe xustificado á conta non poderá ser superior, en ningún caso, ao 80 % do total da subvención, nin superar o importe máximo de 18.000 €.

b) Memoria explicativa das obras realizadas.

c) Fotografías que mostren as obras realizadas.

d) Copia de tres orzamentos, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 30.000 €. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, nos termos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. A comunicación final das obras deberá ir acompañada, ademais de coa documentación sinalada nas letras a), b) e c) do punto anterior, coa seguinte documentación:

a) Certificado de finalización da obra.

b) Xustificante de ter realizado a inscrición da instalación do Rexistro de Aparellos Elevadores, de ser o caso.

c) Boletín de instalación asinado pola consellería competente en materia de industria, de ser o caso.

d) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.

2. Transcorridos os prazos indicados sen que a persoa ou a comunidade de persoas propietarias beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de 10 días.

3. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos 10 días anteriores a esa data.

4. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse, logo de solicitude da persoa ou da comunidade de persoas propietarias conforme o establecido no artigo 13 desta orde, as anualidades mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

5. No caso de non terse presentado a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados nin de térense reaxustado as anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado á persoa ou comunidade de persoas propietarias beneficiarias a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

6. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

Artigo 18. Pagamento da subvención

O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria, sinalada para estes efectos no anexo I.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas ou as comunidades de persoas propietarias beneficiarias terán as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión.

a) Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento en que se identifiquen as persoas ou comunidades de persoas propietarias beneficiarias.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

e) Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

f) Realizar plenamente todos os investimentos obxecto da axuda, de modo que estean operativos e verificables a partir da data de xustificación do investimento.

h) As demais obrigas que derivan desta orde.

Artigo 20. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no artigo anterior. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións previstas nesta orde son compatibles coas axudas que se puidesen recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Notificacións

1. As comunidades de persoas propietarias están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, deberán manifestar expresamente no anexo I a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán a disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido das convocatorias que se realicen ao abeiro desta orde serán publicados na Base de datos nacional de subvencións e os seus extractos no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO III
Convocatoria con financiamento no ano 2017

Artigo 24. Obxecto

Mediante esta orde convócanse, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, as subvencións para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex, así como en vivendas unifamiliares que carezan deles.

Artigo 25. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de novembro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 26. Orzamento

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.8, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, co seguinte reparto plurianual:

Anualidade 2017: por importe de 296.000 euros.

Anualidade 2018: por importe de 1.000.000 euros.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento e de informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a vivendasbaleiras.igvs@xunta.gal.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 40/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal; na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file