Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 4 de setembro de 2017 Páx. 41509

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 23 de agosto de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións do Programa de instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex e en vivendas unifamiliares, e se convocan para o ano 2017, con carácter plurianual.

BDNS (Identif.): 360499.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de persoas propietarias, as persoas físicas propietarias únicas de edificios de vivendas, as persoas físicas propietarias dun dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e as persoas físicas propietarias dunha vivenda unifamiliar.

Para os efectos desta orde, considerarase como persoa propietaria única do edificio a persoa física titular do pleno dominio do edificio.

Para o caso de vivenda dúplex nun edificio de tipoloxía residencial colectiva e de vivenda unifamiliar, exixirase que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria non excedan 3,5 veces o índice público de renda de efectos múltiples.

Segundo. Obxecto

Mediante esta orde convócanse, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, as subvencións para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, nas súas vivendas dúplex, así como en vivendas unifamiliares que carezan deles.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras son as contidas na orde.

Cuarto. Importe

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.780.8, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte repartición plurianual:

– Anualidade 2017: por importe de 296.000 euros.

– Anualidade 2018: por importe de 1.000.000 euros.

A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A contía das subvencións determinarase en función do número de vivendas da edificación e segundo a súa situación, de conformidade cos seguintes criterios:

a) Para as edificacións e vivendas sitas en ámbitos históricos e dos camiños de Santiago:

1. Vivendas unifamiliares e dúplex: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 4.500 euros.

2. Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas igual ou inferior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 35.000 euros.

3. Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas superior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 28.000 euros.

b) Para as edificacións e vivendas que non estean situadas en ámbitos históricos e dos camiños de Santiago:

1. Vivendas unifamiliares e dúplex: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 2.500 euros.

2. Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas igual ou inferior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 25.000 euros.

3. Edificios de tipoloxía residencial colectiva cun número de vivendas superior a 8: 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 18.000 euros.

c) En calquera caso, cando a actuación consista na instalación dun salvaescaleiras, a contía da subvención será dun 60 % do gasto subvencionable, sen que poida exceder os 1.000 euros, en caso de salvaescaleiras de cadeira, e os 2.000 euros, en caso de salvaescaleiras de plataforma.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de novembro de 2017 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2017

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda