Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 15 de setembro de 2017 Páx. 42508

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2017 pola que se dispón a publicación da encomenda de xestión á sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. para a realización dos traballos de difusión e apoio técnico na tramitación dos programas de axudas das áreas de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago xestionados por esta entidade.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) encomendou o 28 de agosto de 2017 á sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. a realización dos traballos de difusión das áreas de rehabilitación integral (ARI) e de información e apoio técnico na tramitación dos programas de axudas xestionados polo IGVS no ámbito das ARI dos Camiños de Santiago, de acordo co disposto nos artigos 7, 8 e 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

A encomenda terá a natureza de encomenda de xestión intersubxectiva, en canto a que a entidade sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A. ten a consideración de medio propio e instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos establecidos no artigo 9.2 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, e terá un prazo de vixencia ata o 31 de decembro de 2017. Así mesmo, cando razóns de oportunidade debidamente acreditadas no expediente así o aconsellen, poderá procederse á finalización anticipada da encomenda.

Para xeral coñecemento e en cumprimento do disposto no punto 3 do artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, disponse a súa publicación.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2017

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo