Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 28 de setembro de 2017 Páx. 44185

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 26 de xuño de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello da Capela.

O Concello da Capela remite a modificación puntual referida, en solicitude da súa aprobación definitiva por esta consellería conforme o disposto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Logo de analizar a documentación achegada, en relación co informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 19.10.2015; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello da Capela conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente con data do 18.5.2006.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 12.9.2014 non someter a proposta de modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. No período de información pública e consultas do documento de inicio o órgano ambiental recibiu informes de:

a) Augas de Galicia do 11.9.2014.

b) Instituto de Estudos do Territorio do 11.9.2014, no que se considera que de producirse efectos significativos sobre a paisaxe, serán de carácter positivo.

3. Constan informes municipais: técnicos, do arquitecto, do 28.4.2015, previo á aprobación inicial, e do 21.3.2016, previo á aprobación provisional; e xurídicos, do secretario-interventor, do 13.4.2015 e 12.1.2016, previos á aprobación inicial, e do 17.3.2017 favorable respecto da aprobación provisional.

4. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG) o 19.10.2015, con observacións.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 22.1.2016. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario de Ferrol, El Ideal Gallego e DOG do 28.1.2016) e dada audiencia aos concellos lindeiros de Cabanas, Neda, Monfero, As Pontes, San Sadurniño e Fene. Presentáronse nove alegacións.

6. Foron emitidos os seguintes informes sectoriais:

a) Deputación provincial do 5.6.2015 e do 6.5.2016, favorables.

b) Axencia Galega de Infraestruturas, desfavorables do 24.8.2015 e do 4.5.2016; e favorable do 6.2.2017.

c) Consellaría de Facenda do 25.2.2016.

d) Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, en materia de Telecomunicacións, do 12.4.2016, desfavorable; e do 22.2.2017, favorable.

e) Instituto de Estudos do Territorio do 13.4.2016.

f) Servizo de Montes (Consellería do Medio Rural) do 22.2.2016.

g) Consellería de Economía, Emprego e Industria, en materia de enerxía, do 10.5.2016; e, en materia de minas, do 15.4.2016.

h) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 19.10.2016, favorable condicionado.

7. Foron solicitados, e non recibidos en prazo, informes de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, segundo certificación do secretario municipal do 2.5.2016.

8. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 30.3.2017.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación formulada polo Concello da Capela ten por obxecto:

a) Delimitación de 5 núcleos rurais (tres como núcleo rural tradicional e dous como núcleo rural común) actualmente en solo rústico de protección agropecuaria.

b) Reclasificación dun solo urbanizable non delimitado, a solo de núcleo rural común.

c) Reclasificación dun solo urbanizable non delimitado, a solo urbanizable delimitado (disposición transitoria sétima da LSG) e solo rústico de protección de infraestruturas.

d) Reclasificación íntegra de tres sectores e parcial de dous sectores de solo urbanizable delimitado, a solo urbano consolidado.

e) Modificacións de aliñacións no núcleo urbano das Neves, seguindo as liñas definidas polas fachadas existentes, nunha parte consolidada pola edificación do tramo urbano da estrada autonómica AC-564.

f) Modificación do ámbito da zona verde de sistema xeral Merendeiro dos Picos, para situalo na súa localización real.

g) Previsión dun novo sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, denominado SX-05 «Parcela de Eventos» de 17.460 m2 en solo rústico de protección agropecuaria.

h) Previsión dun equipamento deportivo privado de 16.452 m2, destinado a circuíto de motocross, en solo rústico de protección forestal.

i) Redebuxado dos planos de ordenación a escala 1:5.000 da totalidade do concello, nos que se indican os novos elementos incorporados ao Catálogo na modificación puntual nº 1 do PXOM, aprobada definitivamente o 28.4.2014, así como a integración no PXOM das determinacións do Proxecto Sectorial do Parque Eólico de Forgoselo (aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 20.1.2000), e clasificacións de solo rústico de protección de infraestruturas (minicentral hidráulica de Formariz e Estación de tratamento de auga potable).

A memoria do proxecto de modificación considera que se produciría unha redución de 106 vivendas na capacidade residencial do PXOM.

III. Análise e consideracións.

1. A modificación puntual foi aprobada inicialmente antes da entrada en vigor da LSG, e opta pola adaptación íntegra a esta lei (disposición transitoria segunda LSG).

2. No proxecto aprobado provisionalmente corríxense todas as deficiencias indicadas no informe previo á aprobación inicial que emitiu a SXOTU.

3. Porén, neste proxecto aprobado provisionalmente, inclúese tras a aprobación inicial a previsión dunha dotación local privada en solo rústico, o que excede as determinacións que pode conter un PXOM nesa clase de solo (artigo 57 da LSG).

4. Os planos de ordenación do termo municipal redebuxados a escala 1/5000 só teñen valor normativo nos ámbitos a que se refire a modificación puntual, mantendo os planos de ordenación orixinais do PXOM o seu valor normativo no resto do concello.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á CMAOT, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG; e no artigo 10.1.b) do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación co artigo 3.4 e as disposicións adicional décima e transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede e conforme o disposto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 2 do PXOM do Concello da Capela, condicionada á supresión da previsión dun equipamento deportivo privado de 16.452 m2, destinado a circuíto de motocross, que se manterá como solo rústico de protección forestal.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio