Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2017 Páx. 44422

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 1 de agosto de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Carballiño (MP-1/2016 Gran Balneario).

O Concello do Carballiño remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello do Carballiño dispón actualmente de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 11.3.1999, con seis modificacións puntuais.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• O 6.9.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ditou resolución, publicada no DOG do 11.10.2016, de non sometemento ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria da modificación puntual, sinalando que dr deberán ter en conta as consideracións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

• Constan informes municipais, técnico, do 4.10.2016 e xurídico, do 20.10.2016.

• O Concello Pleno, en sesión do 27.10.2016, aprobou inicialmente a modificación puntual; e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no DOG do 18.11.2016, e no xornal La Región, do 19.11.2016. Non se presentou ningunha alegación.

• Deuse audiencia aos municipios limítrofes de Maside, San Cristovo de Cea, O Irixo, Piñor, Boborás, Leiro e San Amaro, sen que conste ningunha contestación.

• Consta informe favorable do 2.12.2016 da Deputación Provincial de Ourense.

• Consta informe favorable do 15.12.2016, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

• Consta informe favorable do 22.12.2016, da Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicacións do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Digital.

• Consta informe favorable do 1.2.2017, do Instituto de Estudos do Territorio.

• Consta informe do 2.2.2017, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, de innecesariedade do informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Consta informe favorable do 9.2.2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Consta informe do 27.2.2017, da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, de non afección a estradas de titularidade autonómica.

• Solicitáronse informes á Dirección Xeral de Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, sen que conste contestación.

• Consta informe do 22.3.2017 da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre os informes sectoriais autonómicos solicitados, emitidos e non emitidos; e os municipios limítrofes aos cales se lles deu audiencia.

• Constan informes municipais, técnico, do 19.4.2017 e xurídico, do 26.4.2017.

• O Concello Pleno, en sesión do 11.5.2017, aprobou provisionalmente a modificación puntual do PXOM do Carballiño MP-1/2016 Gran Balneario.

II. Análise e consideracións.

II.1 O ámbito da modificación puntual é a parcela catastral 5583701NG7958S, situada na avenida do Balneario, nº 96, ocupada polo balneario do Carballiño. Está clasificado polo actual PXOM como solo urbano consolidado: o volume edificatorio ten a consideración de equipamento público; mentres que o terreo libre da edificación, está cualificado como zona axardinada de uso privado.

II.2 Os obxectivos da modificación puntual son:

• Cualificar as zonas edificables do balneario como equipamento privado.

• Recoller o volume do edificio principal que xa existía antes do PXOM.

• Incorporar a ampliación da zona verde pública da ribeira do río Arenteiro.

• Modificar as zonas de nova edificación destinadas a instalacións balnearias, cambiando a súa localización, sen aumentar o volume edificable dotacional.

• Modificar a ficha do catálogo do PXOM correspondente ao edificio, ao grao de protección estrutural.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á CMAOT, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG; e no artigo 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación co artigo 3 e as disposicións adicional 10ª e transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e ao abeiro do disposto no artigo 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM do Carballiño MP-1/2016 Gran Balneario.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta Orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio