Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2017 Páx. 44587

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 15 de setembro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade ao acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Camposancos e da Guarda, no concello da Guarda, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 54 da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día 14 de xullo de 2017, en relación ao deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Camposancos e da Guarda, no concello da Guarda, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG número 140, do 23 de xullo) na súa disposición derradeira segunda modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e sinalización dos montes veciñais. Por tanto, esta competencia corresponde ás comunidades propietarias consonte os artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

Segundo. Con data do 14.9.2016, as CMVMC de Camposancos e A Guarda comunican ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común o acordo no linde entre ambas as dúas comunidades. A documentación que consta no expediente consonte ao artigo 53 da Lei 7/2012 é a seguinte: acto de conciliación no Xulgado de Paz da Guarda, certificados de aprobación en asemblea xeral de ambas as dúas comunidades e cartografía dixital.

Terceiro. Con data do 6.3.2017, o xefe da Sección de Topografía informa, entre outras cuestións, do seguinte «Na nova documentación recibida recórtase o deslindamento facéndoo coincidir cos límites do antigo deslindamento de utilidade pública número 480 denominado Santa Trega. Este antigo deslindamento ten as seguintes cabidas:

Superficie total: 136,97 ha.

Superficie dos encravados: 2,88 ha.

Superficie forestal: 134:09 ha.

Despois de aplicar o deslindamento parcial presentado sobre o antigo deslindamento de UP, as cabidas deste quedarían así:

Na CMVMC da Guarda:

Superficie total: 56,38 ha.

Superficie dos encravados: 0,46 ha (parte do encravado D).

Superficie forestal: 55,92 ha.

Na CMVMC de Camposancos:

Superficie total: 80,59 ha.

Superficie dos encravados: 2,42 ha (encravados A, B, C e o resto do encravado D).

Superficie forestal: 78,17 ha >.

Con data do 23.5.2017 o Servizo de Montes require as CMVMC de Camposancos e da Guarda para que acheguen un informe de validación gráfica alternativa da Dirección Xeral de Catastro; en xuño de 2017 as comunidades atenden o requirimento efectuado polo Servizo de Montes.

Cuarto. A liña poligonal que determina o deslindamento de mutuo acordo entre os montes veciñais en man común de Camposancos e A Guarda, divide o monte de utilidade pública número 480 denominado Santa Trega (deslindado e non marcado), y está formada polos seguintes puntos:

Puntos

Descrición

UTM ETRS89-H29 Coordenada X

UTM ETRS89-H29 Coordenada Y

1

Intersección coa parcela catastral 36023A2500671

511.231,00

4.638.416,00

2

Pico do Facho

510.696,80

4.637.633,64

3

Encravado C (Piñeiral da Santa)

510.712,30

4.637.555,50

4

Encravado D (Santuario de Santa Trega)

510.717,23

4.637.529,97

5

Cruz da Irmandade do Clamor

510.726,63

4.637.782,26

6

Encravado C (Santuario de Santa Tegra)

510.706,52

4.637.436,22

7

Cruz do Pico de San Francisco

510.672,72

4.637.358,84

8

Intersección coa parcela catastral 36023A02400998

510.271,00

4.637.199,00

Consideracións xurídicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula nos artigos 52 e 54 o procedemento de deslindamento de montes veciñais en man común e establece, entre outras, a obriga de publicar a resolución do Xurado no Diario Oficial de Galicia.

Segunda. Da documentación fornecida polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial, conclúese que a avinza entre as CMVMC de Camposancos e a da Guarda é congruente coas respectivas resolucións de clasificación e coas estremas nelas descritas.

Revisada a liña de deslindamento presentada, a documentación achegada e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra, este xurado, en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar o deslindamento parcial realizado entre as CMVMC de Camposancos e da Guarda, respecto do seu linde común, nos termos indicados no antecedente de feito cuarto e de acordo cos planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 15 de setembro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Pontevedra