Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 2 de outubro de 2017 Páx. 44715

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 3,5 bar para subministración a Sarria, promovido por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/18-0).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31- HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 24.2.2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Sarria, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2008/13-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 30.4.2012 e no Boletín Oficial da provincia do 19.6.2012.

Neste proxecto prevese a subministración de gas natural a través dunha planta de GNL (gas natural licuado) que se situará no polígono industrial de Morelle, desde a cal partirá a rede de distribución cara a este propio polígono e, seguindo dirección sur, cara ao núcleo urbano de Sarria.

Segundo. O 13.11.2015 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. comunicou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a subscrición dun contrato marco con Repsol Butano, S.A. no cal se acordou que o Grupo Gas Natural procederá á compravenda dunha serie de instalacións de GLP de Repsol Butano, S.A. en Galicia, entre as cales se atopa a rede de gas canalizado (GLP) de Sarria.

Terceiro. O 13.5.2016 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou, para os efectos da súa aprobación e xunto coas separatas técnicas correspondentes, o proxecto de execución titulado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións de gas natural da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 2 bar para subministración a Sarria (Lugo), para subministración de gas natural á rede de gas canalizado de Sarria (rede de GLP que se transformará para gas natural).

Neste proxecto prevese a instalación da planta de GNL nunha parcela diferente á prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa. As súas características básicas son as seguintes:

– A extensión de rede ten o seu inicio na válvula de saída da planta de GNL, que se instalará na parcela 1026 do polígono 21, situada na estrada LU-P-5705, Mazadoiro a LU4302 no seu p.q. 1+074 Sarria (Lugo), desde onde se desenvolverá ata conectar coa rede de distribución de GLP existente actualmente no núcleo urbano de Sarria. A súa lonxitude será de 5 m, realizarase en tubaxe de polietileno PE-100 e SDR 17,6/SDR 17 e dimensionarase para unha presión relativa de cálculo de 2 bar.

– A planta de GNL estará composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización; e módulos auxiliares. Terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 180 m3 (1 depósito horizontal), ampliable a 240 m3, unha capacidade de regasificación de 3.528 m3(n)/h e unha presión de subministración de gas natural de 2 bar.

Este proxecto someteuse, baixo o número de expediente IN627A 2016/18-0, aos procedementos de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución.

Cuarto. O 29.8.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado e extensión de rede en MOP 2 bar para subministración a Sarria, promovida por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/18-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3 de outubro de 2016, no Boletín Oficial da provincia do 21 de setembro e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 12 de setembro, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Sarria.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución non se presentaron alegacións.

Quinto. O 28.6.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto de execución (infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado e extensión de rede en MOP 2 bar para subministración a Sarria), para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados por ela: Deputación Provincial de Lugo e Concello de Sarria.

Estas dúas entidades presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade.

Sexto. O 16.11.2016 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 2 bar para subministración a Sarria.

Sétimo. O 5.1.2017 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou, para os efectos da súa aprobación e xunto coas separatas técnicas correspondentes, un proxecto modificado do citado proxecto de execución titulado Modificación do proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións de gas natural da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado e extensión de rede en MOP 3,5 bar para subministración a Sarria, en substitución do presentado inicialmente.

En relación co proxecto inicial, neste proxecto modificado establécese unha redución da capacidade de almacenamento da planta GNL, que pasa de 180 m3 (ampliable a 240 m3) a 80 m3 (ampliable a 180 m3), así como un aumento da presión de subministración, que pasa de 2 bar a 3,5 bar.

Oitavo. O 13.2.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto modificado, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados: Deputación Provincial de Lugo e Concello de Sarria.

Estas dúas entidades presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade.

Noveno. O 21.2.2017 a Xefatura Territorial emitiu informe favorable sobre o citado proxecto modificado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o exposto, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 3,5 bar para subministración a Sarria, promovida por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura gasista citada.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Gas Galicia SDG, S.A., titulado Modificación do proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións de gas natural da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 3,5 bar para subministración a Sarria, asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández (colexiado nº 1.534 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia), e no cal figura un orzamento de 271.557,15 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila após as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos da competencia doutros organismos ou entidades públicas necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas