Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2017 Páx. 47993

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de outubro de 2017 pola que se modifica o artigo 9 da Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 14, do 20 de xaneiro).

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2016 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro). Esta orde foi modificada, para ampliar a súa dotación económica, polas ordes do 4 de maio de 2017 (DOG núm. 86, do 5 de maio) e do 4 de agosto de 2017 (DOG núm. 154, do 14 de agosto).

No artigo 9.2 da devandita orde establécese que as entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 15 de outubro de 2017.

Unha vez instruídos os procedementos iniciados en virtude da orde, o prazo inicial de execución e xustificación establecido nesta resulta de difícil cumprimento polas entidades beneficiarias, especialmente no caso daquelas subvencións concedidas ao abeiro da última ampliación da dotación orzamentaria da orde. Xa que logo, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, considérase conveniente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 15 de novembro de 2017 co fin de facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

O proxecto de orde pola que se modifica a do 30 de decembro de 2016 recolle no seu artigo 1 esta ampliación de prazo que se ampara no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Segundo este precepto regulamentario o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; co Decreto 74/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e co disposto na Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o número 2 do artigo 9 da Orde do 30 de decembro de 2016, que queda redactado nos seguintes termos:

«2. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 15 de novembro de 2017».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza