Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 31 de outubro de 2017 Páx. 50594

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 27 de outubro de 2017 pola que se modifica o prazo de execución e xustificación dos proxectos subvencionados, establecidos na Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2016 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro de 2017), modificada pola Orde do 12 de xuño de 2017 (DOG núm. 115, do 19 de xuño) e pola Orde do 14 de agosto de 2017 (DOG núm. 161, do 25 de agosto).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001 e consonte co establecido no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 2 de decembro de 2016, na cal se acordou a remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

No artigo 15 da orde, na súa redacción dada pola Orde do 12 de xuño de 2017 (DOG núm. 115, do 19 de xuño), establécese como prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas o 31 de outubro de 2017. Tendo en conta o número de solicitudes presentadas e a complexidade do proceso de tramitación e de avaliación, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 15 de novembro de 2017 para facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda da metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

En consecuencia co exposto, de acordo co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, e co disposto na Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 15.1 da Orde do 30 de decembro de 2016 que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 15 de novembro de 2017».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza