Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 31 de outubro de 2017 Páx. 50596

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 24 de xullo de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño no núcleo O Outeiro-A Igrexa, parroquia de Pontellas.

O Concello do Porriño remite o proxecto da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no núcleo O Outeiro-A Igrexa e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

A modificación puntual foi aprobada provisionalmente o día 26.11.2015, polo que, segundo a disposición transitoria segunda 1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), poderá continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor das normas procedementais e determinacións dispostas na LOUG.

Analizada a documentación achegada, redactada por Juan Ángel Visier Gil en abril de 2017, aprobada provisionalmente o 28.6.2017, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello do Porriño dispón na actualidade dun plan xeral de ordenación urbana aprobado definitivamente polo Pleno do Concello o 26.6.2003 (BOP do 21.10.2003 e DOG do 21.10.2003).

2. O día 3.2.2015 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu non someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica (DOG núm. 43, do 4.3.2015).

3. O Pleno do Concello en sesión do 5.5.2015, aprobou inicialmente a modificación puntual, que foi sometida a información pública durante dous meses (2.6.2015-2.8.2015), mediante anuncios no taboleiro de edictos do Concello, no DOG do 2.6.2015 e nos xornais Faro de Vigo do 2.6.2015 e Atlántico do 6.6.2015. Ao mesmo tempo notificouse aos concellos limítrofes (Mos, Salceda de Caselas, Vigo, Ponteareas, Tui e Gondomar). Consta certificado municipal do 9.9.2015 en canto a que non se presentaron alegacións.

4. A modificación puntual do PXOM no núcleo O Outeiro-A Igrexa, redactada polo arquitecto Juan Ángel Visier Gil en abril de 2015, foi aprobada provisionalmente polo Pleno en sesión ordinaria do 26.11.2015.

5. Mediante a Orde do 8.3.2016, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, resolveuse non outorgar a aprobación definitiva ata que se emenden as deficiencias sinaladas na propia orde.

6. O 28.6.2017 o Pleno aproba provisionalmente a modificación puntual, coas emendas sinaladas na Orde do 8.3.2017, e achega a documentación os días 28.4.2017, 18.7.2017 e 20.7.2017 para a súa aprobación definitiva.

II. Obxecto do proxecto de modificación puntual.

A modificación puntual do PXOM do Porriño no núcleo O Outeiro-A Igrexa ten por obxecto:

1. Modificar a delimitación do equipamento relixioso da igrexa de Pontellas: o ámbito do equipamento local delimitado no PXOM axústase á realidade existente, o que implica excluír unha das parcelas e substituíla pola parcela en que se construíu un novo cemiterio. Toda a actuación se realiza sobre solo de núcleo rural tradicional, con ordenanza de núcleo definida no PXOM.

2. Modificar a regulación específica das parcelas cualificadas como equipamento cemiterio ou con calquera outra cualificación en que poida implantarse o uso cemiterio, público ou privado: no artigo 9.3, Sistemas xerais de equipamentos públicos do PXOM, inclúese un punto 9.3.5, que permite que, en solos urbanos ou de núcleo rural, os cemiterios poidan ocupar a totalidade da superficie da parcela. O resto dos parámetros adecuarase ás ordenanzas de aplicación.

III. Análise e consideracións.

1. Respecto das deficiencias sinaladas na Orde do día 8.3.2016, e en relación co expediente administrativo, solicitáronse todos informes sectoriais indicados, segundo o establecido polo artigo 85.3 da LOUG:

• Ministerio de Fomento, Dirección Xeral de Aviación Civil, do 8.11.2016. Informe favorable condicionado á inclusión no documento da modificación puntual das cuestións indicadas no punto 3, Servidumes aeronáuticas, do informe.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia, do 28.3.2017.

• Dirección Xeral de Enerxía e Minas, do 11.11.2016.

• Instituto de Estudos do Territorio, Servizo de Planificación e Paisaxe, do 16.11.2016.

2. En relación co contido, a modificación da delimitación do ámbito do equipamento local non altera a clasificación do solo de núcleo rural tradicional nin supón un incremento de uso. A nova redacción do artigo 9.3, Sistema xeral de equipamentos públicos, afecta a totalidade do termo municipal no que respecta ao uso de cemiterio, xa que propón para o uso cemiterio a ocupación de toda a superficie da parcela en solos clasificados como urbanos ou de núcleo rural.

3. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG para as modificacións do PXOM veñen xustificadas na necesidade de emendar un erro incluído no PXOM vixente na delimitación do cemiterio para incluílo no ámbito das dotacións locais e así adaptarse á realidade existente, modificando paralelamente a normativa do PXOM, artigo 9.3 Sistema xeral de equipamentos públicos, no relacionado co uso de cemiterio.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 93 e 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM do Porriño no núcleo O Outeiro-A Igrexa, deixando constancia expresa da obriga de incorporación na documentación das referencias indicadas no informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do 8.11.2016.

Segundo. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Quinto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio