Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2017 Páx. 53211

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 110/2017, do 26 de outubro, polo que se declara como ben de interese cultural a obra de Urbano Lugrís González Vista da Coruña 1669.

O 21 de marzo de 2016 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incoou o expediente para declarar ben de interese cultural a pintura mural obra de Urbano Lugrís González, sita na Rúa Real da Coruña. Esta incoación foi publicada no DOG núm. 60, do 30 de marzo de 2016 e abriuse un período de exposición pública dun mes, e con notificación aos interesados en tal incoación.

A lei do patrimonio cultural de Galicia, tanto a vixente no momento da incoación como a actual, consideran que debe concorrer o sentido favorable dos órganos consultivos sobre o valor singular dos bens. Para iso a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural solicitoulles os informes pertinentes, ao mesmo tempo que requiriu o parecer do seu persoal técnico.

Existen no expediente informes favorables para a súa declaración como ben de interese cultural, procedentes do Museo de Belas Artes da Coruña, do Museo Massó de Bueu, do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega de Belas Artes e da Universidade de Santiago de Compostela.

Todos redundan no sentido singular deste mural e no seu interese desde a perspectiva do seu valor cultural, polo que queda acreditada a significación excepcional desta obra desde o punto de vista técnico, o que aconsella que a figura de protección que lle corresponda sexa a de ben de interese cultural.

O 31 de maio de 2016 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emitiu un informe favorable a unha proposta da propiedade do ben para intervir no mural, condicionado á necesidade de realizar unha serie de trámites previos antes de autorizar o traslado que implicaba a realización dos labores de intervención.

Entre estes trámites, e en virtude do disposto na lexislación vixente en materia de patrimonio cultural, era preciso o informe favorable dos órganos consultivos, relativo a causas de forza maior ou de interese social da intervención (artigo 36 da extinta Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, vixente naquel momento).

A Universidade de Santiago de Compostela, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes emitiron os correspondentes informes favorables á proposta de traslado desta obra.

Á vista do anterior, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autorizou o traslado do mural e a intervención de restauración o día 11 de outubro de 2016, quedando na actualidade o mural nun local da oficina principal de Abanca con entrada desde a rúa Olmos da Coruña, paralela cara ao norte á Rúa Real, na cal se localizaba, aínda que contextualizada no marco dunha exposición completa da obra mural de Urbano Lugrís.

A pintura mural na actualidade considérase que ten a consideración de ben moble.

Así mesmo, resulta de relevancia e interese o informe histórico, redactado por Antón Castro e Rubén Ventureira, que acompaña o proxecto de intervención que promoveu a súa restauración e traslado. Este informe histórico serve para definir con mellor precisión o ben, contextualizar o seu momento de execución e a importancia da obra, os seus motivos e outros datos de interese.

Á vista das consideracións feitas, e despois de finalizar a instrución do expediente administrativo, no cal se conclúe o valor singular do ben identificado, en que se deu resposta motivada ás alegacións e se completou a súa descrición e características, cómpre resolver o expediente segundo a proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e seis de outubro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural, de natureza moble, a obra de Urbano Lugrís González denominada Vista da Coruña 1669, segundo a descrición recollida no anexo.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural e notificala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural e ao Inventario xeral de bens mobles dependentes da Administración do Estado.

Terceiro. Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificar esta resolución aos interesados e ao concello da Coruña, para os efectos do coñecemento da consideración de protección referida á natureza do ben.

Disposición derradeira. Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2017

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Descrición do ben

• Título: Vista da Coruña 1669.

• Natureza do ben: ben moble.

• Descrición:

– Técnica: témpera.

– Materia: pintura acrílica sobre base de xeso.

– Medidas: 910×241 cm.

A temática da obra é unha paisaxe onírica e figurativa da península da Coruña, cun primeiro plano da cidade e coa presenza de elementos icónicos e representativos como a torre de Hércules, o castelo de Santo Antón, a cidade vella ou os desaparecidos muíños de vento de Monte Alto. Segundo a interpretación contida no informe histórico artístico realizado por Antón Castro e Rubén Ventureira en 2016, a imaxe correspondería cunha interpretación ou homenaxe á acuarela de Pier María Baldi recollida no libro Viaxe de Cosme de Médicis por España e Portugal (1668-1669) editado en Madrid en 1933 e que inclúe unha vista panorámica da Coruña. Os motivos do mural reproducen o punto de vista e composición xeral, destacan os mesmos elementos e evocan un momento histórico que podería complementar a Vista da Coruña 1830, localizada na actualidade no Museo de Belas Artes da Coruña, e outras obras da súa prolífica tarefa como muralista.

As figuras dispóñense en diferentes secuencias marcadas pola composición horizontal, que compoñen volumes xeométricos, construcións metafóricas e con profusión de elementos mariñeiros. O mural é unha obra paradigmática do seu autor, realizado na súa plenitude artística, singular polas súas dimensións e repleto dos elementos identificables máis característicos.

Aínda que o mural non se conserva na súa totalidade, pode apreciarse coas suficientes condicións de integridade e os seus motivos manteñen as súas características compositivas e comunicativas intactas.

• Datos históricos e artísticos:

– Autor: Urbano Lugrís González (A Coruña 1906-Vigo 1973).

– Escola: Galega. Surrealismo.

– Época: 1952.

• Outros datos:

O mural foi encargado en 1952 para decorar a nova sede do Banco Hispano-Suízo na Rúa Real 74, no local que fora da sala de festas La Granja. O custo satisfeito pola realización deste mural considérase que ascendeu a unhas 50.000 pesetas. O panel inicial cubría a altura da planta e unha entreplanta e formaba conxunto con outros tres de menor tamaño: un cun mapa da península ao fondo da sala coas actividades do banco; outro, no mesmo lateral que o gran panel, con motivos rexionais, como as vacas e o hórreo; e o último na planta primeira cunha temática arbórea. A parte superior do mural apenas tiña máis motivo que o ceo e, a continuación dalgún dos edificios máis representativos, aparecían unha rosa dos ventos e unha bandeira coa cruz de santo André.

O resto dos murais e a parte superior desta Vista da Coruña foron desaparecendo, como outras obras de Lugrís, nas sucesivas reformas do local. En 1984 instalouse neste espazo unha sucursal do Banco de Biscaia e en 1997 integrouse na decoración do Caffé Vecchio, que dispuxo a súa distribución realzando a localización do mural, aínda que perdendo o seu contexto orixinal.

Co peche en 2015 da actividade de hostalería, e despois dunha serie de actividades de reivindicación do valor da obra, a propiedade conseguiu un acordo coa entidade bancaria Abanca para o seu traslado e restauración e desta forma permitir a súa mellor conservación e difusión, e foi trasladada á sede central da empresa, con entrada desde a rúa Olmos, nunha posición moi próxima e similar á orixinal. Durante o ano 2017 a obra foi divulgada, así mesmo, no contexto dunha exposición levada a cabo na sede de Afundación sobre a obra muralista de Urbano Lugrís.

O seu autor, Urbano Lugrís González, naceu e creceu nun ambiente familiar artístico. Fillo de Manuel Lugrís Freire, membro fundador da Real Academia Galega, da cal sería presidente, e do consello de redacción d'A Nosa Terra; e de Purificación González Varela, pianista, e sobriño de Urbano González Varela, ilustrador de La Voz de Galicia e pintor de estilo romántico. En 1930, despois de abandonar os seus estudos, trasládase a Madrid, onde convive co ambiente bohemio e as tendencias vangardistas do momento. Traballou nas Misións Pedagóxicas e no teatro A Barraca, e foi voluntario no exército republicano durante a Guerra Civil. En 1954 fundou na Coruña a revista Atlántida con Mariano Tudela e José Mª de Labra, na cal realizou artigos, poesía e ilustracións, mentres traballaba por encarga. Morreu en 1973 en Vigo, onde se trasladara 10 anos antes ao morrer a súa muller Paula Vadillo.

Urbano Lugrís González destacou, entre outras facetas, polos seus murais e os seus traballos, como este, en tabernas, salas de baile ou casas de comidas.

Así, a súa obra asóciase dunha forma directa e sen intérpretes á de un público que incorporou os seus motivos e a súa expresividade ao ideario propio dunha identidade galega, bohemia, mariñeira, metafórica, lúdica, poética, nostálxica... Na súa obra conviven harmonicamente a imaxinación e o recordo, o traballo minucioso e preciso do debuxo, a selección de motivos figurativos, a forza con que se canaliza a expresión do mar, verdadeiro motivo central dun amplo panorama mediante a representación suspendida dun tempo indeterminado e permanente. Todo este imaxinario reprodúcese mediante un silencio estático, como un retrato completo do seu universo, elevando os seus valores artísticos incuestionables, moi escasos en Galicia no que se refire a pinturas murais do século XX, para converter o mural nun recurso singular do patrimonio cultural de Galicia.

• Estado de conservación.

Condición: o mural acaba de ser restaurado, a exposición para dar a coñecer o resultado da intervención foi inaugurada o 31 de marzo de 2017 na sede da oficina central de Abanca na Coruña, onde está accesible ao público no marco da exposición «Lugrís e as súas paredes soñadas». O seu estado de conservación é óptimo.

Partes que faltan: nos anos 60 do século XX, e debido ás reformas do establecemento de oficinas bancarias no local onde se asenta este mural, suprimiuse a dobre altura e eliminouse a súa parte superior que correspondería cunha entreplanta, aínda que non se ten testemuño de que tal perda afectase significativamente a expresividade dos motivos representados. Na información histórica existe unha fotografía en que pode apreciarse a parte que falta e os outros murais que completaban a decoración.

Restauracións realizadas: a finais do mes de marzo de 2017 concluíuse a súa completa restauración e posta en valor. A principal actuación sobre o ben consistiu en proceder ao seu traslado, para o cal foi independizado do seu soporte e conformado por unha infraestrutura que posibilitou o seu transporte e mellorou as condicións de conservación. O proceso de restauración permitiu a súa apreciación nunhas óptimas condicións, ademais de favorecer a súa conservación. Deste proceso destácase a arrinca da pintura mediante a técnica «stacco a masello», a súa posterior redución do tabique de soporte e a construción de sete bastidores independizables. Sobre a pintura elimináronse as proteccións existentes e as degradacións, suprimíronse os repintes, estucáronse as fendas e as lagoas, cunha posterior reintegración cromática, e protexeuse de novo o conxunto.

• Réxime de protección:

O réxime de protección dun ben moble declarado ben de interese cultural será o que se define nos capítulos I a III do título II e nos capítulos I e V do título III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; en concreto, pode resumirse en:

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a permitir o acceso aos devanditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios. O acceso por parte das persoas acreditadas para a investigación poderase substituír, por petición das persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e titulares de dereitos reais sobre o ben, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a consellería competente en materia de patrimonio cultural. O período de depósito, salvo acordo en contrario entre ambas as dúas partes, non poderá exceder os dous meses cada cinco anos.

– Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrise e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente. Poderase acordar como obrigación substitutiva o depósito do ben nun lugar que reúna as adecuadas condicións de seguridade e exhibición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

– Dereito de tanteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de gozar do ben deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente. Se a pretensión de transmisión e as súas condicións non foren notificadas correctamente, poderase exercer o dereito de retracto no prazo dun ano a partir da data en que se teña coñecemento das condicións e do prezo do alleamento.

– Réxime de traslado: o traslado deberá ser autorizado pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e anotado no Rexistro de Bens de Interese Cultural. Indicaranse a súa orixe e destino, o carácter temporal ou definitivo do traslado e as condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento.

En calquera caso, a protección do ben implica que as intervencións que se pretendan terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Fotografía:

missing image file