Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2017 Páx. 53219

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 111/2017, do 2 de novembro, polo que se declara ben de interese cultural o castro de Fazouro, no lugar de Punta do Castro, parroquia de Santiago de Fazouro, termo municipal de Foz, coa categoría de xacemento arqueolóxico.

O 16 de febreiro de 2017 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emitiu a resolución pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural coa categoría de xacemento arqueolóxico o castro de Fazouro, no lugar de Punta do Castro, parroquia de Santiago de Fazouro, termo municipal de Foz (Lugo), publicada no DOG núm. 47, do 8 de marzo de 2017, e abriuse un período de exposición pública dun mes, con notificación aos interesados.

Durante o trámite de información pública, no cal se solicitou o informe tamén de departamentos con competencias sectoriais no ámbito da protección e se notificou ao concello de Foz e aos titulares catastrais dos predios afectados pola declaración, non foi presentada ningunha alegación.

No expediente constan o informe da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo e dos órganos consultivos (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes e Facultade de Humanidades do campus universitario da Universidade de Santiago de Compostela), que emitiron informe favorable á declaración de ben de interese cultural do castro de Fazouro, e propuxeron algunhas recomendacións relativas á súa área de protección, cuestión que xa fora incorporada na resolución da incoación.

Por tal motivo, e unha vez que se deu cumprimento a todos os requirimentos técnicos e formais necesarios para a declaración, e non existindo ningún impedimento nin alegación ao respecto, considérase que debe seguirse coa aprobación definitiva da declaración segundo o que se establece no artigo 20 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

O castro de Fazouro ten un indubidable valor histórico e arqueolóxico de carácter sobranceiro, xa que se trata dun xacemento costeiro asentado nunha pequena península que penetra no mar a carón dunha zona acantilada que presenta escavado parte dun poboado castrexo, con estruturas visibles e musealizadas.

As escavacións de que foi obxecto deron como resultado a obtención de moita información sobre os modos de vida dos seus habitantes na época romanizada e grazas a elas púidose encadrar entre os séculos I e III d. C., que foi a etapa de máis ocupación e de maior grao de romanización. Esta presenza romana asóciase coa chegada ao territorio por mor da súa explotación aurífera.

Tendo en conta os valores culturais indicados, proponse a súa declaración singular como xacemento arqueolóxico, por estimala a figura más acaída, para o seu réxime de protección, que deriva da categoría de xacemento arqueolóxico, establecido no artigo 10.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, que o define como «o lugar en que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico».

Á vista das consideracións feitas, e despois de rematar a instrución do expediente administrativo, cómpre resolver o expediente segundo a proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dous de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural o castro de Fazouro, no lugar de Punta do Castro, parroquia de Santiago de Fazouro, termo municipal de Foz (Lugo), coa categoría de xacemento arqueolóxico, segundo a descrición, delimitación e réxime recollidos nos anexos I e II deste decreto.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural e notificala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificar esta resolución aos interesados e ao Concello de Foz, para os efectos do coñecemento da consideración de protección referida á natureza do ben.

Disposición derradeira. Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Descrición do ben

• Denominación: castro de Fazouro.

• Localización: este xacemento atópase ao leste da praia de Arealonga no lugar de Punta do Castro, parroquia de Santiago de Fazouro, concello de Foz (Lugo), sobre unha zona de cantil, e forma parte dunha serie de castros situados en pequenas penínsulas ao longo da costa e con continuidade en Asturias.

• Descrición: o castro de Fazouro atópase na costa lucense, no lugar de Punta do Castro, da parroquia de Santiago de Fazouro, a uns poucos quilómetros da vila de Foz. Este poboado costeiro é o único escavado e musealizado na costa cantábrica galega e, neste senso, é un referente para o coñecemento e a difusión dos valores culturais da época castrexa. Existen outros xacementos das súas características, xa que nas súas proximidades están os castros de Marzán, Devesa, Vilaselán, Rueta e Burela, de morfoloxía e características semellantes a Fazouro pero non co seu grao de coñecemento e posta en valor. Todos eles están situados en istmos de suave relevo e basean as súas defensas en parapetos, murallas e foxos na franxa que une o istmo á terra. A súa orografía contrasta coa doutros castros costeiros máis occidentais, nos cales o terreo é máis abrupto e montañoso, como é o caso de Espasante ou Baroña.

Outro dos elementos comúns aos castros cantábricos é o seu forte grao de romanización, ao tratarse de asentamentos cun alto nivel de ocupación entre os séculos I e III d. C., e que amosan restos que os asocian a explotacións metalúrxicas.

Outro elemento característico é o material empregado na súa construción: as laxes de lousa, en contraste co granito empregado na franxa atlántica.

Aínda pode apreciarse o resto do foxo, así como as defensas de parapeto. O resto do sistema defensivo estaría constituído polo propio cantil. A zona visitable datouse no século III d. C., época en que se abandona o castro, e entre as súas estancias poden apreciarse dous cuartos con lar central, probablemente espazos destinados á cociña; restos de receba e lousado interior de tipo romano, suponse que cun uso habitacional; dependencias con bancos encostados ás paredes; unha estancia cunha lareira rodeada de pedras fincadas, chea de escouras, que ben puido ser un taller metalúrxico. A maioría delas presentan planta cadrada con cantos arredondados.

No aspecto construtivo destaca o sistema para favorecer a drenaxe das augas interiores, ao construírse os pisos dos cuartos a un nivel superior ao exterior. Tamén é Fazouro un exemplo da evolución construtiva producida pola ocupación romana, e poden observarse muros medianís reutilizados e anexos sobre construcións anteriores, e mesmo o grupo de escaleiras, que se atribúen á utilización dun segundo piso, caso pouco habitual noutros castros galegos. Os materiais cerámicos recuperados nas escavacións están moi fragmentados e só hai algúns restos de sigillatas de importación. En canto a metais, a pesar da gran cantidade de escouras presentes no xacemento, atopáronse só uns poucos cravos de ferro e algúns fragmentos informes, así como fíbulas e alfinetes de bronce. Ademais, acháronse dúas moedas, un antoniano de mediados do século III d. C. e outra con ceca de Clunia. Polo que respecta aos restos orgánicos, a súa análise permite afirmar un amplo uso dos recursos costeiros e do gando ovino.

En resumo, a configuración do castro é sinxela, posúe un só recinto, defendido por un foxo escavado no istmo que o une á terra, que desta forma illa completamente o asentamento. Interiormente existen dúas liñas de parapeto moi alteradas por labores agrícolas, e das cales só se conserva o tramo oeste.

No seu conxunto e grao de coñecemento, resulta un exemplo paradigmático dos xacementos costeiros da cornixa cantábrica de Galicia e o que mellores condicións ten para a difusión das súas características e valores culturais polo seu coñecemento e posta en valor.

• Estado de conservación: as primeiras intervencións neste ben comezaron en 1963, ligadas á Dirección Xeral de Belas Artes. As campañas, de curta duración, realizáronse na zona norte do xacemento, xunto ao cantil, e puxeron ao descuberto unha serie de construcións que, lixeiramente ampliadas, configuran un espazo expositivo que aínda pode ser visitado.

Estas escavacións, baseándose nos materiais atopados e nas características construtivas (plantas rectangulares, restos de recebas, lousados, etc.) sinalan unha ocupación tardía dentro do mundo castrexo, claramente relacionados co influxo romanizador. En 1988 efectuouse unha intervención coa intención de recuperar o xacemento como un centro de atracción social de carácter estritamente arqueolóxico e en 1989 decidiuse realizar unha curta intervención para arranxar danos, aproveitando a ocasión para colocar carteis de sinalización de acceso ao xacemento. Posteriormente, en 1993 realizáronse unha serie de tarefas de campo onde se ultimaron os traballos de escavación e consolidación do xacemento. Con esta última campaña de escavación quedou ao descuberto unha área total dun 400 m2, cun total de nove estruturas.

• Uso: as diferentes escavacións realizadas permitiron determinar que, temporalmente, o castro de Fazouro podería encadrarse entre os séculos I e III d. C., etapa esta que é a de máxima ocupación e a de maior grao de romanización. A súa estrutura conformaríase mediante un recinto defensivo formado por un foxo escavado na zona que une o núcleo habitacional co resto do territorio, o que leva a illalo e protexelo. No interior deste foxo hai dúas liñas de muralla, das cales se conserva só o lado oeste. O dito sistema, xunto cos límites naturais que fornecería o cantil, completaría o potencial defensivo dun espazo destinado á vivenda e á produción metalúrxica. As vivendas escavadas corresponderían ao último momento ocupacional do castro, pertencente ao século III d. C. Cada unha destas construcións permite observar diferente funcionalidade. Na actualidade, o uso deste espazo está relacionado en exclusiva co estudo, protección e conservación dos restos e é compatible coas visitas xerais, coas cautelas necesarias derivadas da súa localización costeira.

• Réxime de protección: o réxime de protección dun ben inmoble declarado ben de interese cultural coa categoría de xacemento arqueolóxico será o que definen nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; en concreto, pode resumirse en:

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a permitir o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

– Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellaría competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

– Dereito de tanteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute do ben deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente. Se a pretensión de transmisión e as súas condicións non foren notificadas correctamente, poderase exercer o dereito de retracto no prazo dun ano a partir da data en que se teña coñecemento das condicións e do prezo do alleamento.

– Uso: en calquera caso a protección do ben implica que as intervencións que se pretendan terán que ser autorizadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Fotografías:

ANEXO II
Delimitación literal e gráfica

A área que ocupa esta zona arqueolóxica é bastante reducida e adáptase á punta do saínte costeiro onde se localiza o castro. Boa parte do xacemento foi erosionado polo mar e, con certeza, a súa extensión foi moito maior da que se conserva hoxe en día. Na zona onde se separa do istmo pódense apreciar parte dos parapetos que illan o castro da península, así como os foxos.

Considérase axeitado establecer un contorno de protección para protexer as características ambientais dos predios que rodean o xacemento. A proposta de delimitación do ben e do seu contorno asume as recomendacións tanto da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo como dos órganos consultivos. Estas recomendacións supuxeron incluír unha franxa de protección arredor do foxo polo lado suroeste.

En coherencia con outros procedementos de declaración, considerouse conveniente incluír no contorno de protección do castro de Fazouro o mar próximo, tendo en conta que, especialmente as calas e a praia próxima, que puideron chegar a funcionar como desembarcadoiros, lugares de descarga de importacións para abastecer o poboado durante a súa vida útil e poden conter información de relevancia para o seu coñecemento e estudo.

A delimitación do castro de Fazouro, tanto da área do xacemento como do contorno de protección, corresponden aos seguintes puntos do sistema xeodésico de referencia oficial nas coordenadas ETRS89 Fuso UTM 29:

Delimitación do xacemento arqueolóxico

Punto

X

Y

1

637.145

4.829.230

2

637.115

4.829.191

3

637.225

4.829.166

4

637.319

4.829.059

Delimitación do contorno de protección

Punto

X

Y

1

636.542

4.829.739

2

636.526

4.829.701

3

636.517

4.829.672

4

636.904

4.829.336

5

637.038

4.829.391

6

637.140

4.829.108

7

637.167

4.829.126

8

637.268

4.828.777

9

637.280

4.828.767

10

637.436

4.828.849

A descrición da área do xacemento axústase aos seguintes puntos: en primeiro lugar e situándonos no extremo noroeste da delimitación da área do monumento, comezamos o seu trazado no litoral, no punto 1, situado nun entrante do cantil ao sueste da praia de Arealonga e ao oeste da Punta de Fazouro, onde se sitúa o castro é a seguinte:

• P1. 637.145 – 4.829.230. Desde o entrante no cantil da praia de Arealonga, o límite da área de protección do monumento traza unha liña recta en dirección suroeste até o linde da liña de ferrocarril, onde se atopa o P2.

• P2. 637.115 – 4.829.191. Desde aquí vírase en liña recta en sentido leste até chegar á bifurcación do camiño de acceso ao castro na Punta de Fazouro, até a coordenada UTM de referencia do P3, situada na marxe dereita do camiño.

• P3. 637.225 – 4.829.166. Desde este punto cóllese o muro de peche de parcela con vivenda en dirección sueste e séguese en paralelo á costa polo lindeiro parcelario que deixa ao leste as parcelas catastrais 34:956 e parte da 34:171, até chegar ao extremo sueste da parcela 34:174, onde se vira ao norte e se segue o seu linde cara ao mar até acadar o seu extremo na beira litoral, onde se atopa o P4.

• P4. 637.319 – 4.829.059. Desde aquí séguese a liña de costa en dirección norte-noroeste, abeirando o cantil e a totalidade da Punta de Fazouro, para enlazar co P1, no cantil da praia de Arealonga.

Polo que respecta á descrición do contorno de protección do xacemento, este comeza, de noroeste a sueste, no extremo noroeste da praia de Arealonga, na rampla de acceso á praia, onde se sitúa o P1, e segue:

• P1. 636.542 – 4.829.739. Desde a rampla de acceso á praia de Arealonga séguese en liña recta dirección sur até cruzar coa estrada N-642, que discorre paralela á praia; nese punto de cruzamento coa estrada atópase o P2 .

• P2. 636.526 – 4.829.701. Desde aquí continúa o linde en dirección sur até o cruzamento do primeiro camiño que sobe en dirección suroeste coa liña férrea da FEVE, onde se sitúa o P3.

• P3. 636.517 – 4.829.672. Desde aquí continúase a delimitación seguindo a liña do tren que vai paralela á praia en dirección sueste, até o punto onde se cruza a ponte da estrada sobre a vía, onde se atopa o P4.

• P4. 636.904 – 4.829.336. Desde este punto continúase uns metros pola estrada N-642 cara ao sueste até chegar a unha bifurcación da estrada, onde se atopa o P5.

• P5. 637.038 – 4.829.391. Na bifurcación cóllese á esquerda pola estrada que leva ao castro a través de zonas de vivendas, séguese en dirección ao castro até o primeiro cruzamento coa pista que baixa en dirección norte cara ao castro, onde se atopa o P6.

• P6. 637.140 – 4.829.108. Neste cruzamento cóllese pola estrada que vai en liña case recta cara ao norte en dirección ao castro. Unha vez transcorridos uns metros chégase á ponte sobre a liña férrea, onde se atopa o P7.

• P7. 637.167 – 4.829.126. Neste cruzamento vírase á dereita en dirección sur-sueste seguindo a liña da vía do tren por unha pista de servizo paralela, até o P8.

• P8. 637.268 – 4.828.777. Desde aquí vírase ao leste en liña recta para coller un cruzamento cun camiño paralelo á vía do tren, onde se atopa o P9.

• P9. 637.280 – 4.828.767. Desde este punto cóllese por unha pista que vai cara ao mar, en dirección nordés, até chegar ao cantil, no remate da pista, onde se sitúa o P10.

• P10. 637.436 – 4.828.849. Desde aquí establécese unha liña equidistante de 200 metros medidos desde a beira da costa que se interna no mar e vai abeirando a costa cara ao norte até chegar á altura do P1.

• Plano coa delimitación e contorno de protección:

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file