Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2017 Páx. 53230

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2017 pola que se delegan competencias en materia de contratación na Secretaría Xeral desta escola.

Mediante o Decreto 52/2013, do 14 de marzo, estableceuse a estrutura orgánica da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). No dito decreto recóllense expresamente as competencias da persoa titular da Secretaría Xeral do organismo. Entre elas figura a relativa á xestión e supervisión da contratación administrativa. Porén, na dita norma non se atribúe a ningún órgano en concreto a competencia para resolver posibles licitacións.

Por tal motivo, en virtude do sinalado polo artigo 51 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e, por remisión deste, do sinalado polo artigo 316 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, a competencia referida correspóndelle á persoa titular da dirección da EGAP.

A actividade administrativa relativa aos procesos de contratación na EGAP comporta unhas tarefas de carácter técnico que, unido ao feito de que a competencia para xestionar e supervisar os expedientes de contratación lle corresponde á Secretaría Xeral, fan aconsellable que se recorra á delegación de competencias. Todo isto sempre no marco do debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa, que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1, en prol dunha maior axilidade da actuación que redunde en beneficio tanto da propia Administración como das persoas administradas.

O artigo 9.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no seu número primeiro e, no mesmo sentido, o artigo 6.1 da xa referida Lei 16/2010, do 17 de decembro, recollen a posibilidade de delegación de competencias, indicando que os órganos das diferentes administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración, aínda cando non sexan xerarquicamente dependentes, ou en organismos públicos ou entidades de dereito público vinculados ou dependentes daquelas.

Logo de ver a Lei 40/2015, do 1 de outubro, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, a Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, o Decreto 52/2013, do 14 de marzo, e demais disposicións de aplicación ao caso,

RESOLVO:

1. Delegar na persoa titular da Secretaría Xeral o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores, a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, dispor a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 113 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

b) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores; a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación.

2. Ordenar que esta resolución se publique no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública