Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 23 de novembro de 2017 Páx. 53693

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de novembro de 2017 pola que se modifica a Orde do 17 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

O 31 de xullo de 2017, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 17 de xullo de 2017 (DOG núm. 144, do 31 de xullo), pola que establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

O punto 1 do artigo 21 da dita orde regula o prazo para xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da subvención, con datas límite do 24 de novembro na anualidade 2017, e 31 de outubro nas anualidades 2018 e 2019, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor acorde co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, logo da petición do beneficiario.

Pola complexidade da análise das solicitudes, o proceso administrativo de resolución das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 17 de xullo de 2017 pode alongarse no tempo de tal xeito que a data de resolución podería ser posterior á data de xustificación inicialmente prevista para o 24 de novembro de 2017. Por esta circunstancia é necesario modificar a referida data de xustificación prevista no punto 1 do artigo 21 da Orde do 17 de xullo de 2017.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 17 de xullo de 2017 (DOG núm. 144, do 31 de xullo), pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017

Modifícase o primeiro parágrafo do número 1 do artigo 21, que queda redactado do seguinte xeito:

«A entidade beneficiaria deberá xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da subvención, coa data límite do 15 de decembro na anualidade 2017 e do 31 de outubro nas anualidades 2018 e 2019, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor de acordo co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, logo da petición do beneficiario».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural