Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 11 de decembro de 2017 Páx. 55869

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2017, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se crea a Academia Xacobea.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 23 de novembro de 2017, aprobou o Acordo polo que se crea a Academia Xacobea.

Para xeral coñecemento, e de conformidade co disposto no artigo 8 da Orde do 8 de abril de 2005 pola que se desenvolve o Decreto 392/2003, do 23 de outubro, no referente á creación das academias de Galicia e o seu rexistro xeral, así como o procedemento de inscrición nel, procédese á publicación do referido acordo e dos estatutos que figuran como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2017

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de novembro de 2017
polo que se crea a Academia Xacobea de Galicia

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia exclusiva en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, de conformidade co disposto no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía para Galicia, e no artigo 3 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución española, e de desenvolvemento lexislativo en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

Mediante o Decreto 373/2003, do 16 de outubro, asumíronse as funcións en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución española, e de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A regulación do exercicio pola Comunidade Autónoma de Galicia das competencias en materia de academias efectuouse mediante o Decreto 392/2003, do 23 de outubro, desenvolvido pola Orde do 8 de abril de 2005. Actualmente as competencias nesta materia corresponden á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita vicepresidencia.

As academias de Galicia configúranse como corporacións de dereito público que teñen por finalidade principal a investigación no campo das ciencias, das artes, das letras e da cultura en xeral.

A adopción do acordo de creación das academias, a súa adscrición ás distintas consellerías e a aprobación da modificación dos estatutos correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da solicitude da academia interesada, conforme o disposto no artigo 5 do Decreto 392/2003, do 23 de outubro, e no artigo 2 da Orde do 8 de abril de 2005 pola que se desenvolve o citado decreto, e publicase no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da secretaría xeral técnica da consellería que formulou a proposta do acordo.

De conformidade co exposto, os promotores presentaron a correspondente solicitude na cal manifestan a súa vontade de creación da Academia Xacobea e xuntan os seus estatutos, nos cales se recollen os fins de promoción e desenvolvemento da investigación, estudo e divulgación do Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo en todas as súas vertentes, así como a promulgación e difusión dos valores universais que lle son propios.

Debe terse presente que a Academia non se crea como órgano asesor da Administración, como permite o artigo 7 do Decreto 392/2003, do 23 de outubro, dado que os estatutos non prevén esta función e xa existe unha regulación dos órganos asesores da Administración na materia de patrimonio cultural e bens culturais, establecida pola Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e pola normativa reguladora do Camiño de Santiago (como o Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, polo que se refunde a normativa reguladora na materia do Camiño de Santiago).

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de novembro de dous mil dezasete,

ACORDA:

Primeiro. Creación da Academia Xacobea

Créase a Academia Xacobea, que se rexerá polos estatutos que figuran como anexo.

Segundo. Adscrición

A Academia Xacobea queda adscrita á consellería con competencias en materia de cultura.

Terceiro. Publicación e entrada en vigor

O presente acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

ANEXO
Estatutos da Academia Xacobea

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Denominación, natureza e réxime xurídico

1. Co nome de Academia Xacobea e ao abeiro do Decreto 392/2003, do 23 de outubro, créase esta institución, con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins de interese xeral e público.

2. A Academia réxese polos presentes estatutos, pola lexislación xeral e autonómica que resulte aplicable e polo regulamento de réxime interno que desenvolva os presentes estatutos.

Artigo 2. Dos académicos

O corpo de académicos da Academia Xacobea componse de académicos de número, académicos correspondentes e académicos de honra.

Artigo 3. Ámbito territorial

O ámbito natural de actuación da Academia Xacobea é a Comunidade Autónoma de Galicia, por ser a cidade de Compostela a orixe e a fin do Camiño de Santiago.

Con todo, os seus académicos serán, preferentemente, catedráticos das universidades situadas en territorios do Camiño de Santiago en España e resto do mundo, ou doutores con coñecementos acreditados na materia xacobea, en calquera das súas vertentes.

Malia ter o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá celebrar actos académicos en calquera comunidade autónoma de España e en calquera país de Europa e América, e desenvolver a súa actividade a nivel internacional, dado o carácter universal do fenómeno xacobeo.

Artigo 4. Domicilio

A Academia ten o seu domicilio social en Calzada do Carme de Abaixo, nº 11, baixo, 15705 Santiago de Compostela (A Coruña).

Por acordo da Xunta de Goberno poderá variar o seu domicilio e establecer delegacións académicas noutros puntos do territorio español.

Artigo 5. Representación

A representación da corporación corresponde ao seu presidente e, na súa falta, por vacante, ausencia ou enfermidade, a un dos seus vicepresidentes.

Artigo 6. Adscrición

A Academia quedará adscrita á consellería que determine a Xunta de Galicia no acordo de creación.

Artigo 7. Fins

Ademais das funcións que a lexislación vixente lles atribúe ás academias con carácter xeral, son fins da Academia Xacobea:

A promoción e o desenvolvemento da investigación, estudo e divulgación do Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo en todas as súas vertentes, así como a promoción e difusión dos valores universais que lle son propios.

Para o cumprimento dos seus fins, a Academia Xacobea actuará sempre sen prexuízo das competencias e funcións que corresponden á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, á Axencia Turismo de Galicia, á Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, ao Comité Internacional de Expertos del Camiño de Santiago ou a calquera outro organismo ou institución impulsados, nesta materia, pola Xunta de Galicia, aténdose aos principios de lealdade e colaboración coas devanditas institucións e informándoos das actuacións que leve a cabo.

Artigo 8. Funcións

Para o cumprimento dos seus fins, a Academia levará a cabo as seguintes funcións:

a) Promover e organizar reunións, simposios, foros, xornadas, seminarios, exposicións públicas, conferencias ou calquera outro tipo de actos adecuados ao cumprimento dos seus fins.

b) Promover publicacións, tanto periódicas como monográficas, que permitan desenvolver e difundir os seus fins e obxectivos.

c) Crear premios, bolsas e distincións que se entendan adecuados para a promoción da investigación e o estímulo e recoñecemento do traballo dos investigadores nesta materia.

Para tal fin, poderá convocar e xestionar premios literarios e científicos con esta temática, xa sexa ensaio, ficción ou monografías.

d) Establecer relacións de reciprocidade con entidades con fins, total ou parcialmente, análogos.

e) Subscribir convenios ou acordos de colaboración con entidades, institucións e corporacións, públicas ou privadas, especialmente do ámbito universitario e investigador das materias obxecto dos seus fins.

f) Promover o mecenado do sector privado para a realización das actividades da Academia.

g) Cantas outras redunden en beneficio do cumprimento dos seus fins de interese xeral e público.

Artigo 9. Colaboración interinstitucional

A Academia manterá relación con cantas universidades e institucións, públicas ou privadas, leven a cabo actividades de estudo nos ámbitos do Camiño de Santiago e fenómeno xacobeo en xeral, a través de relacións de reciprocidade, da realización de actividades conxuntas, da promoción de bolsas de estudo ou da coparticipación en proxectos de investigación ou divulgación e cantas outras actividades sexan susceptibles de traballo conxunto.

TÍTULO II
Organización

Sección 1ª. Goberno e dirección

Artigo 10. Composición

1. A Academia componse de 30 académicos de número, académicos correspondentes e académicos de honra que se poidan designar.

2. Por acordo da Xunta Plenaria, adoptado por maioría absoluta, poderase ampliar o número de académicos sen necesidade de reforma estatutaria.

Artigo 11. Órganos de goberno

1. Son órganos de goberno da Academia a Xunta Plenaria, o presidente e a Xunta de Goberno.

2. Procurarase que na composición de todos os órganos de goberno exista un número tendencialmente semellante de homes e mulleres.

Artigo 12. Xunta Plenaria

1. A Xunta Plenaria é o órgano soberano da corporación e está integrada pola totalidade dos académicos de número, todos os cales terán dereito a voto. Á Xunta Plenaria poderán ser convocados tamén os académicos correspondentes e de honra, con dereito a voz pero non a voto. A Xunta Plenaria adoptará os seus acordos por maioría simple dos seus membros, salvo o disposto nos presentes estatutos ou no regulamento de réxime interno.

2. Son funcións da Xunta Plenaria:

a) Elección do presidente da Academia.

b) Elección, mediante sufraxio, dos académicos de número, correspondentes e de honra.

c) Ampliación, se é o caso, do número de académicos compoñentes da corporación.

d) Elección, mediante sufraxio, dos membros que compoñerán a Xunta de Goberno e cobertura de vacantes que se poidan producir nela.

e) Aprobación dos orzamentos de ingresos e gastos, así como o balance de contas e resultados.

f) Aprobación do plan de actuación e da memoria anual de actividades.

g) Adquisición ou alleamento de bens patrimoniais da Academia, modificación dos seus estatutos e cantas outras cuestións se valoren como de especial transcendencia ou interese para a corporación. Autorizarase, se é o caso, o presidente para iso.

h) Trámite e decisión sobre a moción de censura a membros da Xunta de Goberno ou a toda ela.

i) Establecemento de premios, bolsas e distincións que se consideren oportunos, así como a tramitación e adxudicación dos concursos ou premios que convoque a Academia.

j) Interpretación e desenvolvemento dos estatutos mediante a aprobación definitiva, se for o caso, do regulamento do réxime interno elaborado pola Xunta de Goberno.

3. A Xunta Plenaria reunirase con carácter ordinario, polo menos unha vez cada ano natural correspondente, no primeiro trimestre. Nesa sesión aprobaranse os orzamentos de ingresos e gastos para o seguinte exercicio, así como a memoria anual, o balance de contas e achegas de organismos públicos e particulares, e a xestión da Xunta de Goberno.

4. Ademais da preceptiva sesión ordinaria anual, a Xunta Plenaria poderá reunirse en sesión extraordinaria, que deberá ser convocada cando así o acorde o presidente ou a Xunta de Goberno, ou o solicite, polo menos, o vinte e cinco por cento dos académicos de número. Neste caso, a sesión extraordinaria deberá ser convocada dentro dos trinta días seguintes ao da data da solicitude.

5. Os acordos serán adoptados polo maioría dos asistentes, salvo os supostos que requiran unha maioría cualificada, e será mediante votación secreta cando así o solicite un dos académicos de número que asistan á Xunta. O voto será, en todo caso, secreto cando se trate do nomeamento de novos académicos.

6. O presidente da Xunta Plenaria, que será o da Academia, abrirá e pechará a sesión, exercerá de moderador e poderá, de non estaren presentes os vicepresidentes, delegar esta función en calquera dos académicos de número que asistan á sesión.

Artigo 13. Presidente

O presidente da Academia, que é tamén o da Xunta Plenaria e da Xunta de Goberno, exerce a xefatura superior da corporación e a súa representación máxima en todas as súas relacións cos poderes públicos, entidades, organizacións e persoas naturais ou xurídicas, velando polo cumprimento das prescricións estatutarias e regulamentarias, así como das disposicións e acordos adoptados polos órganos académicos de goberno e representación.

Artigo 14. Presidente honorario

A Academia poderá nomear presidente honorario en atención aos méritos relevantes ou extraordinarios que concorran no designado. O presidente honorario desenvolverá as funcións de representación que se lle asignen no regulamento de réxime interno ou as que lle delegue o presidente.

Artigo 15. Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano executivo superior da Academia e adoptará os seus acordos por maioría simple dos seus membros, salvo o disposto nos presentes estatutos ou no regulamento de réxime interno.

2. Estará constituída polo presidente da Academia, os vicepresidentes, o secretario xeral, o tesoureiro, o bibliotecario e dous académicos de número.

3. Para ser membro da Xunta de Goberno será preciso, inescusablemente, ser académico de número.

4. A duración do mandato da Xunta de Goberno será de cinco anos e os seus membros serán reelixibles.

5. Todos os cargos serán honoríficos e gratuítos.

6. Son funcións da Xunta de Goberno as seguintes:

a) Velar polo cumprimento do disposto nos estatutos e regulamento de réxime interno da Academia e executar os acordos da Xunta Plenaria.

b) Elaborar e aprobar o regulamento de réxime interno, que será elevado á Xunta Plenaria para a súa aprobación definitiva.

Artigo 16. Os acordos e a súa constancia

1. Tanto os acordos da Xunta Plenaria como os da Xunta de Goberno serán inmediatamente executivos; no que sexa necesario servirá de base a certificación que conste destes na acta correspondente, expedida polo secretario xeral co visto e prace do presidente.

2. Na Academia levaranse obrigatoriamente catro libros:

a) O libro de membros, no cal constarán os seus nomes e apelidos, profesión, domicilio e os títulos, publicacións e demais circunstancias relevantes para o efecto, especificando os cargos que exerzan ou exercesen na Academia, ou a investigación universitaria.

b) O libro de actas das sesións da Xunta Plenaria.

c) O libro de actas das sesións da Xunta de Goberno.

d) Os libros de contabilidade, nos cales figurarán todos os ingresos e gastos da Academia e onde se precisarán a procedencia dos ingresos e o concepto dos gastos.

Sección 2ª. Outros órganos

Artigo 17. Vicepresidentes

A Academia contará con dous vicepresidentes que desempeñarán cantas funcións, encomendas e actividades lles confíe o presidente, incluso as representativas da Academia, de acordo co indicado no artigo 5 dos presentes estatutos, e aquelas que lles atribúa o regulamento de réxime interno e os acordos que, se é o caso, se adopten no seo da Academia.

Artigo 18. Secretario xeral

1. O secretario xeral da Academia, que pola súa vez será o da Xunta Plenaria e da Xunta de Goberno, terá as seguintes atribucións:

a) Convocar, por orde do presidente, as sesións dos órganos de goberno e os actos da Academia, e redactar as correspondentes actas.

b) Dar conta da correspondencia e dos asuntos que haxa que tratar nas xuntas, tendo en conta todos os antecedentes necesarios para a súa acertada resolución.

c) Redactar e certificar as actas.

d) Redactar e asinar todos os documentos que haxa que expedir en nome da Academia e certificar coa súa sinatura as comunicacións oficiais, que levarán sempre o visto e prace do presidente e o selo da Academia.

e) Conservar os selos da Academia.

f) Desempeñar a xefatura de recursos humanos da Academia.

g) Velar porque as normas de goberno da Academia e as actuacións e decisións da Xunta Plenaria teñan presentes as recomendacións sobre bo goberno vixentes en cada momento.

2. En ausencia ou enfermidade do secretario, fará as súas veces o académico de número que a Comisión Executiva designe.

Artigo 19. Tesoureiro

1. Serán funcións do tesoureiro as seguintes:

a) Exercer, baixo a autoridade do presidente, a xefatura do Servizo de Tesouraría da Academia.

b) Expedir e formalizar os libramentos por instancia do presidente.

c) Levar os libros necesarios para o rexistro de ingresos e gastos e movemento patrimonial da Academia.

2. En ausencia ou enfermidade do tesoureiro, fará as súas veces o académico de número que a Comisión Executiva designe.

Artigo 20. Director de coordinación institucional

O presidente, con carácter facultativo, poderá designar un director de relacións institucionais, que desenvolverá aquelas funcións que o presidente lle outorgue, tanto no ámbito nacional como internacional.

Artigo 21. Director de promoción de actividade

O presidente poderá designar un director de promoción de actividades, que desenvolverá aquelas funcións que o presidente lle outorgue na área de colaboración con outras institucións culturais que sirvan ao cumprimento dos fins da Academia.

Artigo 22. Bibliotecario

O bibliotecario será o responsable dos fondos bibliográficos e de toda a documentación científica acumulada pola Academia.

Artigo 23. Consello Consultivo

O Consello Consultivo, integrado por un mínimo de cinco e un máximo de dez académicos correspondentes, designados pola Xunta Plenaria, emitirá informes non vinculantes sobre as materias que lle someta o presidente, a Xunta Plenaria ou a Xunta de Goberno. En todo caso, emitirá os devanditos informes non vinculantes relativos a novas incorporacións de académicos de honra e correspondentes.

TÍTULO III
Académicos

Artigo 24. Número e clases

1. A Academia estará integrada por un máximo de trinta académicos de número e académicos correspondentes e honorarios que se designen.

2. Os académicos de número engloban os académicos promotores fundadores, que adquiren automaticamente tal condición desde o momento de constitución da Academia, e aqueloutros que, reunindo os requisitos de titulación, calidade, procedemento e aval, sexan elixidos conforme o disposto nestes estatutos, por proposta da Xunta de Goberno ou dun mínimo de tres académicos de número.

3. Os académicos correspondentes, tanto nacionais como comunitarios europeos ou estranxeiros, serán nomeados pola Xunta Plenaria por proposta da Xunta de Goberno ou dun mínimo de tres académicos de número.

4. Os académicos de honra serán nomeados pola Xunta Plenaria, por proposta da Xunta de Goberno, de entre persoas de relevante prestixio.

TÍTULO IV
Funcionamento da Academia

Artigo 25. Sesións públicas

1. Serán públicas e solemnes a sesión inaugural do curso académico e as sesións de recepción e investidura de novos académicos.

2. Os académicos concorrerán a elas coas medallas e condecoracións que lles correspondan.

Artigo 26. Sesión inaugural

1. O curso académico comezará o día hábil do mes de xaneiro que fixe a Xunta de Goberno, ao longo do cal se celebrará a sesión inaugural, que será pública e solemne.

2. Neste acto darase lectura á memoria de actividades do curso anterior e, se é o caso, ao plan anual ou programa de actividades prevista para o exercicio que se inaugura.

A continuación, o académico de número designado para o efecto dará lectura ao discurso de apertura.

3. Nesta mesma sesión procederase á proclamación de bolsas, premios e honras promovidos pola Academia.

Artigo 27. Sesións de recepción

1. Con igual solemnidade celebrarase, se é o caso, sesión específica para a recepción e investidura de novos académicos.

2. Neste acto, o secretario xeral dará lectura aos acordos e á acta de nomeamento. Tras isto, o presidente da Academia convidará un dos vicepresidentes para que, xuntamente co académico que apadriña, acompañen o recipiendario ata o salón de sesións para que proceda á lectura do seu discurso de ingreso.

3. Unha vez concluída a lectura do discurso de ingreso, o presidente dará a palabra ao académico encargado de facer o discurso de contestación. A seguir, o presidente fará entrega ao novo académico dos atributos (medalla e título) que lle confire o nomeamento.

TÍTULO V
Premios, bolsas e distincións

Artigo 28. Convocatoria

A Academia establecerá en xunta plenaria os premios, as bolsas e as distincións que considere oportunos e poida sufragar en razón das súas dispoñibilidades orzamentarias ou patrocinios de que dispoña.

Artigo 29. Difusión e limitación de concorrencia

1. A Xunta Plenaria fixará as características dos concursos e convocatorias para a concesión dos premios establecendo todos os pormenores para a súa tramitación e adxudicación, e designará, ademais, o xurado que deba resolver cada un deles.

2. A Academia procurará a máxima difusión do resultado destes concursos ou convocatorias por cantos medios coide oportunos para o efecto.

3. Non poderán concorrer a estes concursos os membros ou colaboradores da Academia Xacobea.

TÍTULO VI
Réxime económico

Artigo 30. Recursos económicos

a) Recursos propios: libros, revistas e demais publicacións da súa biblioteca, así como os documentos que constitúen o seu arquivo, o mobiliario e as obras de arte ou ornato situadas na súa sede.

b) As cotas ordinarias e extraordinarias que poidan fixar os órganos académicos competentes.

c) As asignacións que, en función da súa actividade, poida recibir da Comunidade Autónoma de Galicia, das administracións locais ou doutras administracións públicas territoriais ou doutra natureza.

d) Os ingresos que se poidan producir por traballos, estudos ou informes por instancia de terceiros, así como pola difusión e venda de publicacións.

e) Os procedentes de herdanzas, legados, donativos, patrocinios ou subvencións que se ofrezan á Academia.

f) A renda dos seus bens.

g) Os que devindiquen os convenios ou acordos de cooperación subscritos con outras entidades ou corporacións, públicas ou privadas.

TÍTULO VII
Contabilidade e rendición de contas

Artigo 31. Contabilidade

O réxime de contabilidade da Academia axustarase ao establecido no Plan xeral de contabilidade.

Artigo 32. Contas

1. A Academia Xacobea queda obrigada a presentar unha memoria anual, comprensiva das actividades, balance e conta de resultados, ante a consellería da Xunta de Galicia a que se adscriba.

2. A Academia renderá contas, na forma establecida legalmente polas administracións públicas, das cantidades que percibise delas.

TÍTULO VIII
Transparencia

Artigo 33. Memoria anual

1. A Academia está suxeita ao principio de transparencia na súa xestión. Para ese efecto, eleva unha memoria anual que conterá información sobre a xestión económica, os acordos e convenios subscritos, calquera indemnización que poidan percibir os membros dos órganos directivos e os académicos, así como os gastos ordinarios e de persoal.

2. A Academia deberá facer pública a súa memoria no primeiro trimestre de cada ano natural.

TÍTULO IX
Modificación, derrogación e desenvolvemento dos estatutos

Artigo 34. Modificación e derrogación

1. Os presentes estatutos non poderán ser derrogados nin modificados, salvo pola Xunta Plenaria.

2. Para seren modificados ou derrogados, é necesario o voto favorable de dous terzos dos académicos de número.

3. O procedemento para modificar ou derrogar os presentes estatutos será obxecto de desenvolvemento polo regulamento de réxime interno.

Artigo 35. Desenvolvemento dos estatutos

1. Os presentes estatutos serán desenvolvidos no regulamento de réxime interno.

2. A Xunta de Goberno será a encargada de elaborar o regulamento e correspóndelle á Xunta Plenaria a súa aprobación definitiva.

3. Para a aprobación definitiva do regulamento de réxime interno pola Xunta Plenaria é necesario o voto favorable da maioría absoluta dos académicos de número.

TÍTULO X
Disolución

Artigo 36. Procedemento

A disolución da Academia Xacobea terá lugar cando así o dispoña expresamente unha lei ou mediante acordo adoptado pola Xunta Plenaria, expresamente convocada para o efecto, sempre que concorran a ela o oitenta por cento dos académicos e tal acordo sexa aprobado por maioría de dous terzos dos académicos de número.

Disposición transitoria primeira

1. Os membros da Comisión Xestora Fundacional da Academia adquiren a súa condición de académicos de número desde o momento da publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de creación da Academia Xacobea.

2. Ata ese momento, denominaranse simplemente académicos de número e exercerán as súas responsabilidades individuais e orgánicas corno tales, con carácter provisional pero en plenitude de dereitos.

Disposición transitoria segunda

Publicado no Diario Oficial de Galicia o acordo de creación da Academia Xacobea, a Comisión Xestora Fundacional, cuxos membros teñen xa automaticamente nese momento a condición de académicos de número, reunirase e elixirá no seu seo o presidente e os demais cargos da Xunta de Goberno que establecen estes estatutos. A seguir, procederase á convocatoria das vacantes ata completar os académicos de número que resten para cubrir o número total.