Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 15 de decembro de 2017 Páx. 56715

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2017 pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala superior de estatísticos, e do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de estatísticos.

O artigo 89 da Lei de 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, en adiante LEPG, establece que o concurso é o procedemento normal de provisión de postos de traballo polo persoal funcionario de carreira e consiste na valoración dos méritos e das capacidades e, de ser o caso, das aptitudes dos candidatos conforme as bases establecidas na correspondente convocatoria.

O artigo 14.2.d) do devandito texto legal atribúe á persoa titular da consellería competente en materia de función pública a competencia para convocar e resolver os concursos de provisión de postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 90.1 da LEPG establece o concurso ordinario como o procedemento xeral de provisión dos postos de traballo que non teñan establecida outra forma de provisión na relación de postos de traballo.

Existindo na relación de postos de traballo vacantes dotadas orzamentariamente e cuxa provisión se considera necesaria, esta dirección xeral, en uso das competencias que ten atribuídas, logo de negociación na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal, resolve convocar concurso ordinario de traslados para a provisión dos postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala superior de estatísticos, e do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de estatísticos, de conformidade coas seguintes

Bases

I. Requisitos para a participación.

1. Poderá participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia unha vez transcorridos dous anos desde que accedese ao posto que veña desempeñando con carácter definitivo, agás que este se provese polo sistema de libre designación, caso en que non se exixirá permanencia. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 90.2 da LEPG, o persoal funcionario de novo ingreso terá que acreditar, en todo caso, para os efectos de poder participar neste concurso, unha antigüidade mínima de dous anos desde o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

Ao persoal funcionario de carreira que accedese a un corpo/escala por promoción interna ou en virtude dun procedemento de integración e permanecese no posto de traballo que desempeñaba, computaráselle o tempo de servizos prestados neste posto no corpo/escala de procedencia para os efectos do disposto no parágrafo anterior.

b) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en situación de excedencia voluntaria por interese particular, unha vez transcorrido o período mínimo de permanencia nesta situación.

c) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en situación de excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público.

d) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en situación de excedencia por violencia de xénero.

2. Está obrigado a participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo estará obrigado a participar e a solicitar todos os postos situados en localidades que, de acordo co disposto no artigo 97.5 e na disposición transitoria quinta da LEPG, se atopen a unha distancia de 30 quilómetros en relación coa localidade do último posto que ocupou con carácter definitivo ou da localidade do posto a que está adscrito provisionalmente, elección que deberá manifestar expresamente na solicitude de participación. O incumprimento desta obriga determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular (artigo 97 da LEPG).

Para estes efectos, tomarase como data de referencia da situación administrativa da persoa concursante a do día da publicación da convocatoria de concurso de traslados no Diario Oficial de Galicia.

Ao persoal funcionario de carreira que, cumprindo a obriga establecida no artigo 97.5 da LEPG, non obteña praza consecuencia da resolución do concurso seralle adxudicado pola Dirección Xeral da Función Pública, de oficio e con carácter definitivo, un posto de traballo correspondente ao seu corpo ou escala de entre aqueles que queden vacantes.

Exceptúase do establecido nesta epígrafe o persoal de novo ingreso que non teña unha antigüidade mínima de dous anos desde o nomeamento como persoal funcionario de carreira.

O persoal a que se refire esta base I.2.a) poderá solicitar, a maiores dos que está obrigado a pedir no concurso, calquera outro posto ofertado para o que cumpra os requisitos.

b) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontre adscrito por motivo de saúde ou rehabilitación a un posto de traballo en distinta localidade daquela en que teña o seu destino definitivo estará, en aplicación do disposto no artigo 89 da LEPG, obrigado a participar no concurso e debe solicitar todos os postos situados na mesma localidade do posto a que figure adscrito provisionalmente.

O incumprimento desta obriga determinará o cesamento no posto no que figure adscrito por motivos de saúde ou rehabilitación.

3. Non poderá participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nomeado con carácter provisional como consecuencia da resolución de procesos selectivos, calquera que sexa a situación administrativa en que se encontre. Este persoal será convocado para elixir destino definitivo tras a resolución do concurso atendendo á orde de prelación obtida no correspondente proceso selectivo.

b) O persoal funcionario de carreira das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia suspenso firme, mentres dure a suspensión.

II. Tramitación electrónica.

Os trámites relativos á formalización das solicitudes de participación ou das solicitudes de elección de postos de traballo, así como os de formalización da xustificación dos méritos e requisitos ou a cobertura, de ser o caso, do impreso de emenda, deberán realizarse electronicamente a través do portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Concurso de traslados>.

A consulta e seguimento das distintas fases do concurso poderá realizarse a través do citado portal web, sitio no cal estarán dispoñibles para as persoas interesadas os diversos modelos de formularios que hai que cubrir.

Con independencia do que en cada epígrafe desta convocatoria se estableza, a documentación deberá presentarse no Rexistro Xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas xefaturas territoriais e oficinas comarcais da dita consellería, ou nos demais lugares previstos no artigo 16, relativo a rexistros, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou vía telemática, naqueles trámites que así o prevexan, a través do portal web corporativo da Xunta de Galicia.

III. Solicitudes de participación no concurso e documentación que debe xuntárselles.

1. As solicitudes de participación neste concurso dirixiranse á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda. O modelo de solicitude estará dispoñible no portal web corporativo da Xunta de Galicia. Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, deberán cubrirse todos os datos que aparecen en pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

O persoal funcionario de carreira integrado en máis dunha escala de estatísticos só poderá participar nunha única escala, á súa elección, e pode presentar unha única solicitude.

A solicitude deberá presentarse a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o día 12 de xaneiro de 2018, nos rexistros xerais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas súas xefaturas territoriais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos demais lugares previstos no artigo 16, relativo a rexistros, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou vía telemática a través do portal web corporativo da Xunta de Galicia.

2. Na solicitude faranse constar os datos persoais e os datos administrativos referentes á súa situación actual e ás condicións de participación.

Nesta fase do concurso non se poderán solicitar os postos de traballo a que se desexa optar.

Os postos vacantes na data de convocatoria deste concurso publicaranse no anexo II desta resolución.

3. O persoal funcionario de carreira con algunha discapacidade poderá pedir na súa solicitude a adaptación do posto ou postos de traballo que solicite na fase de elección de postos a que se refire a base IV. Coa solicitude deberase xuntar obrigatoriamente un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación (artigo 10 do Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro).

4. Para os efectos previstos na base V.4.3.1, o persoal funcionario de carreira que non teña destino definitivo na mesma localidade que o seu cónxuxe ou parella de feito deberá achegar xunto coa solicitude de participación a seguinte documentación:

a) Certificado de matrimonio ou acreditación de ser parella de feito.

b) Certificado do departamento de persoal ou de vida laboral segundo o caso:

• Administracións públicas:

Certificado expedido polo/a xefe/a de persoal do centro directivo onde o cónxuxe ou parella de feito preste servizos no cal conste que este/a é empregado/a público/a, o posto que ocupa e a localidade onde o posto radique (anexo I).

• Empresas privadas:

Certificado de vida laboral e contrato de traballo por conta allea en vigor cun mínimo de tres meses de antelación á data de remate do prazo de presentación de solicitudes de participación.

• Autónomos/as:

Certificado de vida laboral e documento de alta no Réxime de Autónomos da Seguridade Social con efectos dun mínimo de tres meses de antelación á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación.

5. Para os efectos previstos na base V.4.3.2, o persoal funcionario de carreira que non teña destino definitivo na mesma localidade en que radique o centro de estudos ou escola infantil dos/das fillos/as menores de doce anos deberá achegar, xunto coa solicitude de participación:

a) Certificado de nacemento do/da fillo/a menor de 12 anos ou fotocopia compulsada do libro de familia.

b) Certificado acreditativo da matrícula durante o curso escolar 2017/18.

6. No suposto de estaren interesados/as nos postos dunha mesma localidade que se anuncian neste concurso dous/dúas funcionarios/as de carreira poderán, por razóns de convivencia familiar, condicionar a súa petición ao feito de que ambos/as obteñan destino neste concurso e na mesma localidade, entendéndose en caso contrario anuladas as peticións efectuadas por ambos. Os/as concursantes que se acollan a esta petición condicional deberán facelo constar na súa solicitude e xuntar unha fotocopia da petición do/da outro/a.

7. As solicitudes de participación vincularán as persoas solicitantes unha vez finalizado o prazo de presentación destas.

Poderase renunciar a participar no concurso en calquera momento ata os dez días seguintes ao da publicación das puntuacións provisionais no Diario Oficial de Galicia. Unha vez transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha renuncia á participación agás erro manifesto do solicitante apreciado pola Administración.

IV. Solicitudes de elección de postos de traballo.

Unha vez rematado o período de presentación de solicitudes de participación (base III), publicarase no DOG a apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo.

As persoas interesadas poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo II desta convocatoria, aos que se engadirán as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia.

A puntuación mínima requirida para poder adxudicar os postos de traballo será a que na publicación da oferta se especifique para cada un deles.

A adxudicación dos postos de traballo efectuarase nun proceso de asignación único que incluirá todas as prazas ofertadas.

As persoas solicitantes só poderán ser adxudicatarias daqueles postos para cuxo desempeño reúnan os requisitos establecidos na correspondente relación de postos de traballo. A adxudicación dun posto de resultas estará condicionada a que o dito posto sexa de necesaria cobertura.

Con independencia do establecido na base I.2, relativa a quen está obrigado a participar, entenderase que renuncian a participar no concurso todas aquelas persoas que, tendo presentado unha solicitude de participación, non presenten solicitude de elección de postos de traballo.

De acordo co disposto na base I.2, o persoal funcionario de carreira que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo estará obrigado a participar e a solicitar todos os postos situados en localidades que, de acordo co disposto no artigo 97.5 e na disposición transitoria quinta da LEPG, se atopen a unha distancia de 30 quilómetros en relación coa localidade do último posto que ocupou con carácter definitivo ou da localidade do posto a que está adscrito provisionalmente. Esta elección de localidade deberá manifestarse expresamente na solicitude de elección de postos de traballo.

Para a elección dos postos de traballo, as persoas concursantes, despois de premer na epígrafe da modalidade de solicitude, deberán cubrir todos os datos que aparecen en pantalla e proceder a validalos e confirmalos.

Na dita solicitude deberán indicarse por orde de preferencia os postos a que se opta no concurso, podendo combinar e intercalar os inicialmente vacantes nas relacións de postos de traballo cos potenciais de resultas. Estes últimos corresponderanse con postos de traballo cuxo sistema de provisión fose o concurso ordinario e que estivesen ocupados con carácter definitivo por aqueles participantes que obtivesen un posto de traballo como consecuencia da adxudicación do concurso.

A solicitude poderá presentarse nos rexistros xerais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas súas xefaturas territoriais, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos demais lugares previstos no artigo 16, relativo a rexistros, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou vía telemática a través do portal web corporativo da Xunta de Galicia.

As solicitudes de elección de postos de traballo vincularán as persoas solicitantes unha vez finalizado o prazo de presentación destas.

V. Valoración de méritos.

A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:

1. Antigüidade (servizos prestados nas administracións públicas):

Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como funcionario/a de carreira: 0,15 puntos.

A puntuación máxima na base V.1 será de 5,5 puntos.

Para estes efectos computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

2. Méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo:

Os méritos que se especifiquen para cada posto de traballo desta resolución valoraranse da seguinte forma:

• Por estar en posesión da titulación académica que especificamente se menciona: 1,5 puntos. No caso de que se mencione máis dunha titulación só se valorará unha delas.

• Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia que se especifique adquirida coa condición de funcionario/a de carreira: 0,20 puntos.

As distintas epígrafes da base V.2 non se valorarán como mérito cando figuren como requisito imprescindible para acceder ao posto.

A puntuación máxima na base V.2 será de 3 puntos.

3. Grao persoal:

Polo nivel 16 de grao consolidado e formalizado: 1,9 puntos.

Por cada unidade de nivel que exceda o 16: 0,15 puntos.

A puntuación máxima na base V.3 será de 4 puntos.

No suposto de que o persoal funcionario de carreira non teña recoñecido ningún grao persoal ou este sexa inferior a 16 computarase, para os efectos de puntuación na presente epígrafe, o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis do subgrupo a que pertenza o funcionario.

4. Traballo desenvolvido, tempo transcorrido desde o último posto obtido con carácter definitivo e medidas de conciliación e de igualdade de xénero:

4.1. Traballo desenvolvido:

4.1.1. Só se computará o traballo desenvolvido coa condición de persoal funcionario nos distintos subgrupos.

4.1.2. A valoración efectuarase consonte os seguintes criterios:

a) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa inferior ao posto desempeñado en máis de dous niveis: 0,40 puntos.

b) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel ou o posto solicitado sexa inferior ao posto desempeñado ata dous niveis: 0,30 puntos.

c) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa de nivel superior ao desempeñado: 0,20 puntos.

4.1.3. O traballo desenvolvido en comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do persoal funcionario.

4.2. Tempo transcorrido desde a última adxudicación dun posto con carácter definitivo:

4.2.1. Polo tempo transcorrido desde a última adxudicación dun posto con carácter definitivo na escala desde a que se participe outorgaranse 0,15 puntos por cada ano ou fracción superior a 6 meses.

4.2.2. Exclúense da puntuación os dous anos de permanencia obrigatoria se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de concurso, e os dous primeiros anos se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de libre designación.

Ás persoas que se atopen na situación de adscrición provisional regulada no artigo 97.1 da LEPG computaráselles, para os efectos da base V.4.2, o tempo transcorrido desde a adxudicación do último posto definitivo no corpo/escala desde o que participan.

4.3. Medidas de conciliación e de igualdade de xénero:

4.3.1. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o posto de traballo do cónxuxe ou parella de feito sempre que o solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade. Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base III.4.

4.3.2. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o centro de estudos ou escola infantil en que estea matriculado un/unha ou máis fillos/as menores de doce anos sempre que o/a solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade. Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base III.5.

A puntuación das alíneas 4.3.1 e 4.3.2 outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo.

4.3.3. Outorgaranse 0,01 puntos por mes ao persoal funcionario que estea gozando ou gozase nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes dunha excedencia por coidado de familiares. Esta circunstancia apreciarase de oficio.

A puntuación da alínea 4.3.3 non poderá superar os 0,6 puntos.

A puntuación máxima da base V.4 será de 5,5 puntos.

5. Cursos de formación e perfeccionamento:

Valorarase a asistencia a cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Instituto Galego de Estatística, Instituto Nacional de Estatística, Instituto de Estudos Fiscais do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, Centro de Estudos Monetarios e Financeiros do Banco de España, outros organismos de estatística públicos autonómicos, estatais e internacionais, escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, e cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap).

Para cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1 punto por curso.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe consideraranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

A puntuación máxima da base V.5 será de 4 puntos.

6. Grao de coñecemento do idioma galego:

• Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

• Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións validadas polo órgano competente de acordo coa Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro) pola que se regulan os certificados oficais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

A puntuación máxima da base V.6 será de 3 puntos.

7. Polo subgrupo a que pertence o/a funcionario/a e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos:

• Subgrupo A1: 3 puntos.

• Subgrupo A2: 2 puntos.

8. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

Todos os méritos recollidos na base V computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes desta base. De persistir o empate resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 20 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro). En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

VI. Xustificación da posesión de méritos e requisitos.

1. Os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, concretamente o día 12 de xaneiro de 2018.

2. O procedemento para a xustificación destes méritos e requisitos será o seguinte:

A Dirección Xeral da Función Pública remitirá ás persoas participantes no concurso de traslados unha clave para consultar os datos que figuran no seu expediente no Rexistro Central de Persoal (RCP). Este envío efectuarase ao teléfono móbil ou ao correo electrónico indicado polo/a interesado/a na solicitude de participación no concurso.

Se, chegado o día 19 de xaneiro de 2018, algunha persoa interesada non recibiu a clave, poderá dirixirse a partir do día seguinte ao correo electrónico da Dirección Xeral da Función Pública, concurso.traslado.dxfp@xunta.gal, para solicitar o seu envío con indicación do número do teléfono móbil ou enderezo de correo electrónico, e achegará copia da solicitude de participación en que conste a presentación desta en calquera dos lugares consignados na base II.

Para a xustificación dos méritos e/ou requisitos, as persoas concursantes, no prazo de 15 días hábiles contados desde o día de apertura do prazo de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo a que se refire o parágrafo primeiro da base IV, actuarán do seguinte xeito:

No suposto de estar conforme cos datos consultados, a persoa interesada deberá validalos asinando o impreso de conformidade. Este impreso deberá rexistrarse e remitirse asinado á Dirección Xeral da Función Pública.

No suposto de desconformidade con algún dos datos porque se considere que estes son erróneos ou están incompletos, o interesado deberá formalizar o impreso de emenda que encontrará na páxina web. Este documento deberá ser presentado nas unidades que a seguir se relacionan:

• Servizos centrais: secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou ente público instrumental.

• Servizos periféricos: xefes/as territoriais, funcionarios/as responsables da área de persoal das xefaturas territoriais, delegacións ou ente publico instrumental respectivo.

As persoas interesadas achegarán a documentación xustificativa das modificacións que propoñan para que as unidades anteriormente relacionadas emitan a oportuna certificación segundo o modelo que estableza a Dirección Xeral da Función Pública, validando, de consideralo procedente, as correccións realizadas.

O prazo para expedir esta certificación será de 20 días hábiles contados desde o día de apertura do prazo de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo ao que se refire o parágrafo primeiro da base IV.

Unha vez expedida a certificación, a persoa interesada deberá asinala e remitila rexistrada á Dirección Xeral da Función Pública. No caso de que a certificación non se emitise en prazo por causas alleas ao ou á concursante, este/a presentará xustificación documental debidamente rexistrada de tela solicitado oportunamente.

O prazo para presentar a certificación, ou a xustificación de tela solicitado, será de 25 días hábiles contados desde o día de apertura do prazo de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo a que se refire o parágrafo primeiro da base IV.

3. Os datos reflectidos no impreso de conformidade ou na certificación serán os que teña en conta a comisión de valoración do concurso para a adxudicación dos postos de traballo solicitados. Calquera dato omitido non poderá ser invocado para os efectos de futuras reclamacións nin considerar por tal motivo lesionados os seus intereses e/ou dereitos.

4. Calquera impreso de conformidade ou certificación que non reúna os requisitos ou que fose enviado pola persoa interesada fóra do prazo establecido terase por non presentada, agás no suposto establecido no último parágrafo da base VI.2.

VII. Listaxe de admitidos e excluídos

1. Expirados os prazos de presentación das solicitudes de participación no concurso e de petición de postos de traballo, a Dirección Xeral da Función Pública ditará resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia, na cal se declararán aprobadas as listas de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do lugar en que estarán a disposición das persoas interesadas.

2. As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia e deberá presentarse no Rexistro Xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas xefaturas territoriais e oficinas comarcais da dita consellería, ou nos demais lugares previstos no artigo 16, relativo a rexistros, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública ditará resolución definitiva. Contra esta resolución poderase interpoñer, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data e de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

VIII. Comisión de valoración.

1. A valoración dos méritos alegados polas persoas concursantes para a adxudicación dos postos de traballo vacantes será efectuada pola comisión de valoración que prevé o artigo 12 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, coa composición establecida nel. Esta comisión terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e será nomeada polo órgano convocante. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría dos seus membros.

2. A comisión poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores para aquelas tarefas que o requiran, e o órgano convocante procederá ao seu nomeamento.

3. A proposta de adxudicación dos postos de traballo ofertados recaerá sobre o/a concursante que obtivese maior puntuación conforme o baremo establecido na base V, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate fixados na base V.8.

4. Unha vez efectuada a proposta de valoración provisional dos méritos, esta farase pública no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.

Contra a dita resolución as persoas concursantes poderán formular as oportunas reclamacións no prazo de dez días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación.

As reclamacións dirixiranse a Dirección Xeral da Función Pública e poderán presentarse no Rexistro Xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas xefaturas territoriais, nas oficinas comarcais da dita consellería ou nos demais lugares previstos no artigo 16, relativo a rexistros, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O dito escrito deberá especificar a epígrafe ou epígrafes da base V sobre as que se formula a reclamación, con indicación expresa daqueles méritos que se consideran erroneamente puntuados e a causa concreta obxecto de reclamación.

O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia.

5. Examinadas e resoltas pola comisión as reclamacións presentadas, elevarase proposta definitiva de resolución do concurso. A convocatoria resolverase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Función Pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na cal figurarán os destinos adxudicados a cada un dos participantes.

A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas contra a valoración provisional de méritos entenderase implícita na devandita resolución.

IX. Adxudicación de destinos.

1. Os destinos adxudicados serán irrenunciables salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, casos en que poderán optar entre os postos adxudicados, estando obrigados a comunicar por escrito a opción seleccionada á Dirección Xeral da Función Pública no prazo de tres días seguintes ao da resolución pola que se abren prazos posesorios.

2. Os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios polo que, en consecuencia, non xerarán dereito á indemnización.

X. Toma de posesión.

A toma de posesión en todos os postos adxudicados como consecuencia da realización do presente concurso efectuarase a partir da data que se faga constar na orde de resolución deste e iniciará o cómputo dos prazos posesorios establecidos no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 24 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

XI. Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta mesma dirección xeral no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2017

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

missing image file

ANEXO II

Posto

Código do posto

Nv.

Grupos

Corpo/escala

Adm. Púb.

Denominación posto

Cons.

Centro directivo

Centro destino

Conc.

Titulacións requiridas

Formación específica

Observacións

Puntuac. mínima

1

FC.A01.00.000.15770.002

20

A1

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS)

AXG

POSTO BASE SUBGRUPO A1

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

15770

5.500

2

FC.A01.00.000.15770.004

20

A1

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS)

AXG

POSTO BASE SUBGRUPO A1

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

15770

5.500

3

FC.A01.00.000.15770.006

20

A1

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS)

AXG

POSTO BASE SUBGRUPO A1

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

15770

5.500

4

FC.A01.00.000.15770.007

20

A1

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS)

AXG

POSTO BASE SUBGRUPO A1

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

15770

5.500

5

FC.A01.00.000.15770.008

20

A1

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS)

AXG

POSTO BASE SUBGRUPO A1

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

15770

5.500

6

FC.A01.00.000.15770.009

20

A1

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS)

AXG

POSTO BASE SUBGRUPO A1

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

15770

5.500

7

FC.A01.00.000.15770.013

20

A1

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS)

AXG

POSTO BASE SUBGRUPO A1

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

15770

5.500

8

FC.A01.00.001.15770.032

22

A1

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS)

AXG

TÉCNICO/A FACULTATIVO/A SUPERIOR

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

SECRETARÍA XERAL

15770

5.500

9

FC.A01.00.002.15770.012

25

A1A2

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS) XERAL (ESCALA TÉCNICA DE ESTATÍSTICOS)

AXG

XEFATURA SECCIÓN DE CONTAS ECONÓMICAS II

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

S. X. DE SÍNTESE, ANÁLISE E DIFUSIÓN

15770

3,900

10

FC.A01.00.002.15770.036

25

A1A2

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS) XERAL (ESCALA TÉCNICA DE ESTATÍSTICOS)

AXG

XEFATURA SECCIÓN DE DIFUSIÓN E INFORMACIÓN II

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

S. X. DE SÍNTESE, ANÁLISE E DIFUSIÓN

15770

3.900

11

FC.A01.00.003.15770.021

25

A1A2

XERAL (ESCALA SUPERIOR DE ESTATÍSTICOS) XERAL (ESCALA TÉCNICA DE ESTATÍSTICOS)

AXG

XEFATURA SECCIÓN DE ESTATÍTICAS DE EMPRESAS

FC

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

S. X. DE PRODUCIÓN ESTATÍSTICA

15770

3.900

Código de concello: 15770/Santiago de Compostela.

Tipo de administración: AXG/adscrición exclusiva a persoal funcionario da Xunta de Galicia.