Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 18 de decembro de 2017 Páx. 56950

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2017, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia de determinados grupos e categorías correspondentes aos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, modificado polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 124/2016, do 19 de setembro, establece no artigo 6, no seu punto primeiro que «poderanse presentar novas solicitudes para incorporarse ás listas cando se publique a resolución de apertura de prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública».

O mesmo artigo, no punto segundo, establece que «…en calquera momento en que a Administración considere que unha determinada lista está saturada porque non se produzan contratacións ou nomeamentos, ou ben porque haxa un excesivo número de persoas inscritas, poderá determinar o peche da incorporación de novas solicitudes ata a resolución dun novo proceso selectivo para ese grupo, categoría, corpo e/ou escala, coa excepción das/os interesadas/os que superasen algunha proba do último proceso selectivo ou teñan prestado servizos na Xunta de Galicia para a lista correspondente a esa categoría, corpo, escala ou especialidade».

O Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, engadindo un novo artigo, 9.bis, que desenvolve o baremo a aplicar na elaboración das listas para a cobertura de postos de traballo reservados ás diferentes categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.

Por Resolución do 22 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 41, do 28 de febreiro), acordouse o peche e a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes, figurando entre as que non se abriron as correspondentes ao grupo IV, categoría 033 (bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba), e o grupo V, categoría 014 (bombeiro/a forestal).

Tendo en conta o número actual de integrantes das devanditas listas e as previsións de chamamentos para a cobertura de prazas nas ditas categorías, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Abrir o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para a contratación temporal de persoal laboral do grupo IV, categoría 033 (bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba), e do grupo V, categoría 014 (bombeiro/a forestal).

Segundo. Aquelas persoas interesadas en inscribirse deberán facelo de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 37/2006 e acreditar os requisitos e superar as probas físicas que se especifican na Resolución do 30 de xaneiro de 2007 (DOG núm. 24, do 2 de febreiro) pola que se abre o prazo inicial de presentación de solicitudes para a elaboración das referidas listas.

Terceiro. O modelo de solicitude de inscrición estará á disposición dos interesados no portal web corporativo da Xunta de Galicia (http://funcionpublica.xunta.gal), na epígrafe de listas de contratación temporal (xeración de solicitudes).

Cuarto. O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto desde o día 2 de xaneiro ata o día 15 de xaneiro de 2018, ambos inclusive.

Quinto. Contra esta resolución as/os interesadas/os, de conformidade co disposto nos artigos 112.1 e 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública