Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 20 de decembro de 2017 Páx. 57631

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria do Sistema público de saúde de Galicia.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 22 de xuño de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 126, do 4 de xullo), abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para vinculacións temporais no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia na categoría de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria.

Na devandita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata o 31 de agosto de 2017 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Finalizado o prazo indicado e de conformidade co punto sétimo da citada resolución, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes nas listas para vinculacións temporais na categoría de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria do Sistema público de saúde de Galicia.

Segundo. As listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as coa asignación aos primeiros da puntuación e a orde de prelación provisionais acadadas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base sétima da Resolución do 22 de xuño de 2017 pola que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes, contra a resolución provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A aceptación ou rexeitamento das reclamacións presentadas entenderanse implícitos na resolución desta dirección, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas acadadas polas persoas aspirantes.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos