Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2017 Páx. 58809

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Exposición de motivos

I

Os orzamentos requiren para a súa completa aplicación a adopción de diferentes medidas, unhas de carácter puramente executivo e outras de carácter normativo, que, pola súa natureza, deben adoptar rango de lei e que, como precisou o Tribunal Constitucional, non deben integrarse nas leis anuais de orzamentos xerais senón en leis específicas.

O debate doutrinal acerca da natureza das chamadas leis de acompañamento foi resolto polo Tribunal Supremo, que configurou este tipo de normas como leis ordinarias cuxo contido está plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa da que goza o lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa do Goberno nos distintos ámbitos nos que desenvolve a súa acción.

Desde esta perspectiva, tendo presente a actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se explicitan na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, a presente lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúan á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade Autónoma a través da execución orzamentaria.

Este é o fin dunha norma cuxo contido esencial o constitúen as medidas de natureza tributaria, aínda que se incorporan outras de carácter e organización administrativos.

II

En canto á estrutura da lei, esta divídese en dous títulos: o primeiro dedicado ás medidas fiscais e o segundo ás de carácter administrativo.

O título I, relativo ás medidas fiscais, está dividido en dous capítulos.

O capítulo I introduce medidas en materia de tributos cedidos. Así, no que atinxe ao imposto sobre a renda das persoas físicas, recóllense novas deducións na cota íntegra autonómica que responden a tres obxectivos fundamentais: revitalizar e poñer en valor os centros históricos; fomentar que os contribuíntes destinen unha parte da súa renda ao investimento en empresas agrarias, sociedades cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra, coa finalidade de mobilizar as terras e os bens rústicos desaproveitados e dinamizar a actividade económica no medio rural, fomentando a diversificación económica, o equilibrio territorial e a sustentabilidade, tanto en termos sociais como económicos; e, por último, facer efectivas as medidas aprobadas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos producidos pola vaga de lumes declarados de natureza catastrófica ou calamitosa, acontecidos en outubro do 2017.

Á mesma finalidade de fomento de rehabilitación dos inmobles situados nos centros históricos e de promoción do desenvolvemento do medio rural responden as novas deducións establecidas na cota do imposto sobre o patrimonio.

Introdúcense, así mesmo, deducións na cota do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, tanto na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas como na modalidade de actos xurídicos documentados, co obxectivo de incentivar a promoción e venda de solo industrial coa finalidade de dinamizar a actividade empresarial en Galicia, favorecendo a instalación de empresas nesta comunidade.

No capítulo introdúcense, así mesmo, varias habilitacións para o desenvolvemento normativo mediante orde de determinadas materias, dado o seu carácter técnico.

O capítulo II, relativo aos tributos propios, está integrado por un único precepto sobre taxas no que se prevé, por unha banda, a elevación dos tipos das taxas de contía fixa e, por outra banda, se introducen diversas modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes tanto na creación de novas taxas como na modificación dalgunhas vixentes. Destaca, polo seu impacto económico, a elevación da tarifa do canon por obras hidráulicas de regulación xestionadas pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia, que para o ano 2018 ascende a 0,021 €/m3.

O título II, relativo ás medidas administrativas, está dividido en dez capítulos.

No primeiro dos capítulos, dedicado á materia de emprego público, introdúcense modificacións na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, consistentes na redución a seis meses do período mínimo de permanencia nos postos de traballo obtidos por concurso para poder participar nos concursos específicos, co fin de favorecer a participación neles do persoal funcionario; na previsión da comisión de servizos como mecanismo legal que permita cubrir, de forma temporal, as baixas de longa duración; na ampliación da duración do permiso por parto, do permiso por adopción ou acollemento e do permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo, como medida favorecedora da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como na creación dunha nova escala do corpo de auxiliares de carácter técnico de administración especial.

Xunto ao anterior, como medida de protección da maternidade e da paternidade, no dito capítulo I garántese a percepción polo persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, durante as situacións de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural, así como durante todo o período de duración dos permisos de maternidade e paternidade, da totalidade das retribucións básicas e complementarias fixas, así como da media das retribucións variables aboadas no ano anterior ao mes en que deu comezo a correspondente situación en concepto de atención continuada derivada da prestación de gardas, noites e festivos.

Finalmente, introdúcese na lexislación específica do Consello de Contas de Galicia unha disposición na que se prevé, con remisión expresa á disposición transitoria cuarta do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público e aos límites e requisitos impostos pola normativa básica estatal, a convocatoria dun proceso selectivo para a consolidación de emprego temporal no ámbito do Consello de Contas de Galicia; convocatoria que terá carácter excepcional e por unha soa vez, co obxecto de acadar a finalidade de estabilidade no emprego público. A convocatoria do dito proceso selectivo corresponderá ao Consello de Contas, ao abeiro da competencia recoñecida na súa normativa reguladora para a selección de persoal funcionario propio, e o persoal así seleccionado terá a condición de persoal funcionario de carreira do Consello de Contas incluído no grupo de clasificación profesional dos previstos no dito Texto refundido correspondente en atención á titulación exixida para o acceso.

No capítulo II, relativo á ordenación do territorio e o urbanismo, recóllense, por unha parte, modificacións puntuais da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, co fin de dar resposta a necesidades postas de manifesto na súa aplicación. En concreto, amplíase o prazo máximo para resolver os procedementos para a fixación do prezo xusto en atención á súa complexidade, configúrase o concello como a administración á que as persoas propietarias de solo urbano consolidado deberán ceder os terreos destinados a viais fóra das aliñacións establecidas no planeamento cando pretendan parcelar, edificar ou rehabilitar integralmente, e introdúcese un réxime transitorio específico en relación co planeamento xeral en tramitación ou que se vaia tramitar no caso de concellos fusionados. Por outra, introdúcese unha nova disposición adicional na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, sobre a vixencia dos proxectos sectoriais que impliquen a transformación e parcelación urbanística do solo.

No capítulo III, sobre patrimonio natural, abórdase a modificación da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, co fin de acadar, respecto do réxime sancionador contido na dita lei, a máxima conciliación na aplicación do principio de proporcionalidade. Ademais, recóllese unha modificación puntual do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, para clarificar o concepto e o alcance de determinadas actuacións autorizables, recollendo, non obstante, na disposición derradeira primeira da lei, a posible modificación ulterior da previsión por normas do rango regulamentario correspondente á norma na que figura. Por último, no capítulo recóllese un precepto relativo aos procedementos de declaración de espazos naturais de interese local e de espazos privados de interese natural, coa finalidade de ampliar o prazo para resolver e notificar a resolución a seis meses, ao se ter manifestado na práctica a insuficiencia do anterior prazo de tres meses para a súa tramitación, e para recoller, en norma con rango de lei, tal e como prescribe o artigo 24.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a regra de silencio negativo co fin de garantir que as facultades de xestión recollidas no artigo 7 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural, se fagan efectivas coa existencia dunha declaración expresa.

No capítulo IV, sobre pesca, introdúcense modificacións na regulación dos efectos da fusión de confrarías de pescadores co fin de eliminar os obstáculos que impedían ata o momento o desenvolvemento de tales procesos. Así mesmo, en prol de permitir unha maior axilidade e adaptación da regulación normativa da pesca e do marisqueo á realidade cambiante destas actividades, modifícase o concepto de plans de xestión contido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, á vez que se introduce o concepto de plans zonais, os cales, polo seu alcance, veñen substituír os plans experimentais.

En materia de ordenación farmacéutica, o capítulo V recolle modificacións no réxime de transmisión das novas oficinas de farmacia adxudicadas por concurso público, ampliando a quince anos o período mínimo para que poida efectuarse a transmisión e adaptando a esta modificación a regulación da rexencia. Preténdese con isto lograr un perfil de persoas participantes nos concursos para a autorización de farmacias dirixido á oficina de farmacia como proxecto vital e mantido no tempo, garantindo así prover a cidadanía dunha atención eficaz, eficiente e de calidade.

O capítulo VI está dedicado ás medidas en materia de medio rural. Introdúcense nel diversas modificacións na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común; na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; na Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, coa finalidade principal de incluír medidas que fortalezan a prevención e a loita contra os incendios forestais. A carón do anterior, acomódase a regulación daquelas leis a cambios normativos producidos con posterioridade á súa aprobación, singularmente os derivados da aprobación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e recóllense, así mesmo, medidas en materia de fomento forestal. Nalgúns preceptos que son obxecto de modificación recóllense habilitacións directas á regulación de determinadas materias mediante orde da persoa titular da consellaría competente por razón da materia, ao tratarse de materias de carácter eminentemente técnico e que requiren dunha avaliación especializada.

Ademais, recóllense modificacións na Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, tendentes a corrixir un erro detectado na regulación das xuntas de zona e a atender necesidades postas de manifesto na aplicación da dita lei consistentes na incorporación, como membro nato dos comités técnicos asesores, da persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia de medio rural da provincia correspondente, así como a clarificar determinados conceptos relacionados coa toma de posesión dos predios de substitución e coa formulación de reclamacións de superficie, e a adaptar a regulación da iniciativa de reestruturación de predios de natureza forestal ao previsto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

En materia de política social, o capítulo VII aborda medidas destinadas á promoción da colaboración interadministrativa en materia de creación, mantemento e xestión dos servizos sociais, na liña prevista no artigo 64 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e tendo en conta as competencias propias atribuídas aos concellos polo artigo 60 da dita lei. Recóllense tamén neste capítulo modificacións concretas da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, destinadas a lograr unha maior precisión na delimitación do ámbito de aplicación así como na terminoloxía empregada polo dito texto legal, e recóllese, así mesmo, unha modificación na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, respecto da regulación da vicepresidencia do Consello Galego de Acción Voluntaria, derivada de cambios de estrutura orgánica.

O capítulo VIII, baixo o título de economía, emprego e industria, inclúe medidas de diversa índole.

Así, en primeiro lugar, modifícase a Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, para clarificar a forma de elección dos vogais dos plenos en representación das empresas de maior achega voluntaria así como para adoptar medidas que contribúan a dotar dunha maior eficacia e operatividade as cámaras no exercicio das funcións que teñen atribuídas, eliminando, ademais, a referencia contida naquela lei á aplicación con carácter subsidiario do Decreto 1291/1974, do 2 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de España, derrogado pola disposición derrogatoria única do Real decreto 669/2015, do 17 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación.

En segundo lugar, é obxecto de modificación puntual a Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, co fin de remitir a regulación dos comités provinciais a un decreto do Consello da Xunta diferenciado do regulador do réxime orgánico e funcional daquel instituto.

Modifícase, así mesmo, a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, para corrixir unha errata existente no precepto regulador do Consello Galego de Economía e de Competitividade así como para ordenar a venda ambulante nas rutas do Camiño de Santiago co fin de protexer o patrimonio cultural do Camiño de Santiago, o que leva implícita a obriga de evitar a súa explotación comercial mediante a venda ambulante en tramos non urbanos, fóra daquelas tipoloxías de venda ambulante que se efectúen no marco de manifestacións culturais como mercados, feiras, festas ou acontecementos populares.

Tamén se recollen no capítulo VIII modificacións na Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, co fin de eliminar interpretacións diverxentes na aplicación do sistema de redución de sancións previsto na dita lei, así como de recoller nela unha nova disposición adicional en relación cos servizos de información e atención das empresas, á vista do sinalado polo Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea na recente sentenza do 2 de marzo de 2017 respecto do que debe entenderse por tarifa básica para os efectos do artigo 21 da Directiva 2011/83/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2011, sobre os dereitos dos consumidores, pola que se modifican a Directiva 93/13/CEE do Consello e a Directiva 1999/44/CE do Parlamento Europeo e do Consello e se derrogan a Directiva 85/577/CEE do Consello e a Directiva 97/7/ CE do Parlamento Europeo e do Consello.

Por último, inclúese un precepto dirixido a promover a adaptación da composición dos padroados de determinadas fundacións de carácter feiral ás exixencias do artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de ordenación e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O capítulo IX, relativo á materia de educación, está integrado por un único precepto dirixido a prever normativamente, conforme o exixido na letra h) do artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a posibilidade de que os convenios celebrados ao abeiro dos plans galegos de financiamento universitario teñan un prazo de vixencia superior aos catro anos, co fin de que tal prazo de vixencia garde coherencia co marco temporal dos ditos plans, xeralmente quinquenal ou sexenal.

O último capítulo, relativo á mobilidade, introduce modificacións na Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, co fin de recoller expresamente nesta norma legal a obriga da utilización dun distintivo dos vehículos dedicados á actividade de arrendamento de vehículos con condutor que permita a súa doada identificación exterior e de habilitar a consellaría competente en materia de transportes para a concreción do seu deseño final, así como para a concreción das condicións de utilización e emisión que resulten procedentes. A habilitación directa para a regulación destas materias mediante orde está xustificada polo carácter marcadamente técnico da materia obxecto de regulación.

Na parte final da lei abórdase, por unha parte, o réxime transitorio preciso para facilitar o tránsito ao réxime xurídico previsto pola nova regulación, e a continuación, a derrogación expresa de disposicións concretas así como de cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nela. 

Por outra parte, na disposición derradeira primeira da lei modifícase o Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, para garantir a finalidade da técnica de coordinación establecida na disposición adicional terceira do Estatuto de autonomía de Galicia. Considérase necesario asegurar a adecuada toma de coñecemento polo Parlamento de Galicia dos orzamentos das deputacións provinciais, desde a perspectiva dos intereses xerais comunitarios directamente afectados, a través da comparecencia das persoas titulares da súa presidencia ante a comisión parlamentaria competente de acordo co Regulamento do Parlamento de Galicia.

Naturalmente, esta toma de coñecemento polo Parlamento debe entenderse sen prexuízo da competencia dos plenos das deputacións provinciais para a aprobación dos seus orzamentos en uso da súa autonomía constitucional e estatutariamente garantida.

Por último, a lei recolle unha autorización para a refundición normativa en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, unha habilitación para o desenvolvemento normativo da lei e a previsión sobre a súa entrada en vigor.

A presente lei axústase así aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, ao responderen as medidas previstas nela á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, ao se recolleren na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación como exixe o principio de transparencia, e ao se introduciren a través dela, conforme o principio de seguridade xurídica, as modificacións precisas nas disposicións vixentes.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas fiscais e administrativas.

TÍTULO I
Medidas fiscais

CAPÍTULO I
Tributos cedidos

Artigo 1. Imposto sobre a renda das persoas físicas

Engádense tres novos números, o catorce, quince e dezaseis, ao artigo 5 do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, co seguinte contido:

«Catorce. Dedución por rehabilitación de bens inmobles situados en centros históricos.

Os contribuíntes poderán deducir da cota íntegra autonómica o 15 % das cantidades investidas no exercicio na rehabilitación de inmobles situados nos centros históricos que mediante orde se determinen, cun límite de 9.000 euros.

Para estes efectos, consideraranse rehabilitación as obras que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que dispoñan dos permisos e autorizacións administrativas correspondentes.

b) Que teñan por obxecto principal a reconstrución do inmoble mediante a consolidación e o tratamento das estruturas, fachadas ou cubertas e outras obras análogas, sempre que o custo global das operacións de rehabilitación exceda do 25 % do prezo de adquisición, se se efectuou esta durante os dous anos inmediatamente anteriores ao comezo das obras de rehabilitación, ou, noutro caso, do valor de mercado que teña o inmoble no momento do devandito inicio. Para estes efectos, descontarase do prezo de adquisición ou do valor de mercado do inmoble a parte proporcional correspondente ao solo. Cando non se coñeza o valor do solo, este calcularase rateando o custo de adquisición satisfeito ou o valor de mercado entre os valores catastrais do solo e da construción de cada ano.

Na orde que delimite os centros históricos establecerase a xustificación documental necesaria que acredite a pertenza do ben ao devandito centro.

Quince. Dedución por investimento en empresas agrarias e sociedades cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra.

Os contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica, e cun límite conxunto de 20.000 euros, as cantidades seguintes:

a) O 20 % das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de capital social como consecuencia de acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital en empresas agrarias e sociedades cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra.

b) Con respecto ás mesmas entidades, poderá deducirse o 20 % das cantidades prestadas durante o exercicio, así como das cantidades garantidas persoalmente polo contribuínte, sempre que o préstamo se outorgue ou a garantía se constitúa no exercicio no que se proceda á constitución da sociedade ou á ampliación de capital desta.

Para ter dereito a estas deducións deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) A participación do contribuínte, computada xunto coas do cónxuxe ou das persoas unidas por razón de parentesco, en liña directa ou colateral, por consanguinidade ou afinidade ata o terceiro grao incluído, non pode ser superior ao 40 % do capital social da sociedade obxecto do investimento, ou dos seus dereitos de voto, en ningún momento e durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación. En caso de préstamo ou garantía, non será necesaria unha participación do contribuínte no capital, pero de esta existir non pode ser superior ao 40 %, cos mesmos límites anteriores.

b) A entidade na que hai que materializar o investimento, préstamo ou garantía debe cumprir os seguintes requisitos:

1º. Debe ter o domicilio social e fiscal en Galicia e mantelo durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación.

2º. Debe ter como obxecto social exclusivo a actividade agraria.

c) As operacións nas que sexa de aplicación a dedución deben formalizarse en escritura pública, na cal debe especificarse a identidade dos contribuíntes que pretendan aplicar esta dedución e o importe da operación respectiva.

d) As participacións adquiridas deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período mínimo de tres anos seguintes á constitución ou ampliación. No caso de préstamos, estes deben referirse ás operacións de financiamento cun prazo superior ou igual a cinco anos, sen que se poida amortizar unha cantidade superior ao 20 % anual do importe do principal prestado. No caso de garantías, estas estenderanse a todo o tempo de vixencia da operación garantida, e non poderán ser inferiores a cinco anos.

O termo «actividade agraria» será o definido na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias. A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Esta dedución é incompatible coas recollidas nos números nove, dez e once.

Dezaseis. Dedución da cota íntegra autonómica por determinadas subvencións e/ou axudas obtidas a consecuencia dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

Cando o contribuínte integrase na base impoñible xeral o importe correspondente a unha subvención ou calquera outra axuda pública obtida da Comunidade Autónoma de Galicia das incluídas no Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017, poderá aplicarse unha dedución na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe da devandita dedución será o resultado de aplicar os tipos medios de gravame ao importe da subvención na base liquidable».

Artigo 2. Imposto sobre o patrimonio

Modifícase o artigo 13 ter do Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

«Artigo 13 ter. Deducións na cota do imposto sobre o patrimonio

Un. Dedución por creación de novas empresas ou ampliación da actividade de empresas de recente creación.

Se entre os bens ou dereitos de contido económico computados para a determinación da base impoñible figura algún ao que se lle aplicaron as deducións na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas relativas á creación de novas empresas ou ampliación da actividade de empresas de recente creación, ou investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación, o contribuínte poderá aplicar unha dedución do 75 %, cun límite de 4.000 euros por suxeito pasivo, na parte da cota que proporcionalmente corresponda aos mencionados bens ou dereitos. O incumprimento dos requisitos previstos nas deducións do imposto sobre a renda das persoas físicas determinará a perda desta dedución.

Esta dedución será incompatible coas establecidas nos números dous, tres, cinco e sete seguintes.

Dous. Dedución por investimento en sociedades de fomento forestal.

Se entre os bens ou dereitos de contido económico computados para a determinación da base impoñible se incluíren participacións nas sociedades de fomento forestal reguladas na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, o contribuínte poderá aplicar unha dedución do 100 % na parte da cota que proporcionalmente corresponda aos devanditos bens ou dereitos.

As participacións deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período mínimo de cinco anos seguintes á súa adquisición.

Esta dedución será incompatible coa aplicación para os mesmos bens ou dereitos das exencións do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, aínda que a dita exención sexa parcial.

Tres. Dedución pola participación no capital social de cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra.

Se entre os bens ou dereitos de contido económico computados para a determinación da base impoñible se incluíren participacións no capital social de cooperativas agrarias ou de explotación comunitaria da terra ás que se refire a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, o contribuínte poderá aplicar unha dedución do 100 % na parte da cota que proporcionalmente corresponda aos devanditos bens ou dereitos.

As participacións deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período mínimo de cinco anos seguintes á súa adquisición.

Esta dedución será incompatible coa aplicación para os mesmos bens ou dereitos das exencións do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, aínda que a dita exención sexa parcial.

Catro. Dedución pola afectación de terreos rústicos a unha explotación agraria e arrendamento rústico.

Se entre os bens ou dereitos de contido económico computados para a determinación da base impoñible se incluíren terreos rústicos afectos a unha explotación agraria, o contribuínte poderá aplicar unha dedución do 100 % na parte da cota que proporcionalmente corresponda aos devanditos bens ou dereitos, sempre que estean afectos á explotación agraria polo menos durante a metade do ano natural correspondente á devindicación.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

O termo «explotación agraria» será o definido na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

Tamén terán dereito a esta dedución aqueles contribuíntes que cedan en arrendamento os terreos rústicos por igual período temporal, de acordo coas condicións establecidas na Lei 49/2003, do 26 de novembro, de arrendamentos rústicos.

Esta dedución será incompatible coa aplicación para os mesmos bens ou dereitos das exencións do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, aínda que a dita exención sexa parcial.

Cinco. Dedución pola participación nos fondos propios de entidades agrarias.

Se entre os bens ou dereitos de contido económico computados para a determinación da base impoñible se incluíren participacións nos fondos propios de entidades cuxo obxecto social sexan actividades agrarias, o contribuínte poderá aplicar unha dedución do 100 % na parte da cota que corresponda ao valor das participacións. A dedución só atanguerá o valor das participacións, determinado segundo as regras deste imposto, na parte que corresponda á proporción existente entre os activos necesarios para o exercicio da actividade agraria, minorados no importe das débedas derivadas desta, e o valor do patrimonio neto da entidade. Para determinar a devandita proporción tomarase o valor que se deduza da contabilidade, sempre que esta reflicta fielmente a verdadeira situación patrimonial da sociedade.

Da mesma dedución gozarán os créditos concedidos ás mesmas entidades na parte do importe que financie as ditas actividades agrarias.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

As participacións adquiridas deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período mínimo de cinco anos seguintes á súa adquisición. No caso de créditos, estes deben referirse ás operacións de financiamento cun prazo superior a cinco anos, sen que se poida amortizar unha cantidade superior ao 20 % anual do importe do principal prestado.

Os termos «explotación agraria» e «actividade agraria» serán os definidos na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

Esta dedución será incompatible coa aplicación para os mesmos bens das exencións do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, aínda que a dita exención sexa parcial.

Seis. Dedución pola afectación a actividades económicas de inmobles en centros históricos.

Se entre os bens ou dereitos de contido económico computados para a determinación da base impoñible se incluíren bens inmobles situados nos centros históricos que mediante orde se determinen, o contribuínte poderá aplicar unha dedución do 100 % na parte da cota que proporcionalmente corresponda aos devanditos bens ou dereitos, sempre que estean afectos a unha actividade económica polo menos durante a metade do ano natural correspondente á devindicación.

Esta dedución será incompatible coa aplicación para os mesmos bens das exencións do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, aínda que a dita exención sexa parcial.

Na orde que delimite os centros históricos establecerase a xustificación documental necesaria que acredite a pertenza do ben ao devandito centro.

Sete. Dedución pola participación nos fondos propios de entidades que exploten bens inmobles en centros históricos.

Se entre os bens ou dereitos de contido económico computados para a determinación da base impoñible se incluíren participacións nos fondos propios de entidades en cuxo activo se atopen bens inmobles situados nos centros históricos que mediante orde se determinen, o contribuínte poderá aplicar unha dedución do 100 % na parte da cota que proporcionalmente corresponda ás devanditas participacións, sempre que os devanditos bens estean afectos a unha actividade económica polo menos durante a metade do ano natural correspondente á devindicación.

A dedución só atanguerá o valor das participacións, determinado segundo as regras deste imposto, na parte que corresponda á proporción existente entre os devanditos bens inmobles, minorados no importe das débedas destinadas a financialos, e o valor do patrimonio neto da entidade. Para determinar a devandita proporción tomarase o valor que se deduza da contabilidade, sempre que esta reflicta fielmente a verdadeira situación patrimonial da sociedade.

Esta dedución será incompatible coa aplicación para os mesmos bens das exencións do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, aínda que a dita exención sexa parcial.

Na orde que delimite os centros históricos establecerase a xustificación documental necesaria que acredite a pertenza do ben ao devandito centro».

Artigo 3. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados

O Texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, queda modificado como segue:

Un. Engádese un novo número, o oito, ao artigo 16, co seguinte contido:

«Oito. Dedución para a promoción de solo industrial.

Terán dereito a unha dedución do 100 % na cota as compras de solo para a promoción de solo industrial realizadas por entidades instrumentais do sector público que teñan entre as súas funcións ou obxecto social a dita finalidade».

Dous. Engádese un novo número, o nove, ao artigo 17, co seguinte contido:

«Nove. Dedución para a promoción de solo industrial.

Terán dereito a unha dedución do 100 % na cota:

a) As vendas de solo público empresarial realizadas por entidades instrumentais do sector público que teñan entre as súas funcións ou obxecto social a promoción do devandito solo. Así mesmo, tamén gozarán de dedución a constitución de condicións resolutorias, dereitos de adquisición preferente ou outras garantías pactadas en favor das devanditas entidades transmitentes para garantir as obrigas de edificar, implantar actividade ou outras que se impoñan ao adquirente, derivadas das vendas.

b) As compras de solo para a promoción de solo industrial realizadas por entidades instrumentais do sector público que teñan entre as súas funcións ou obxecto social a dita finalidade.

c) Os actos de agrupación, agregación, segregación e división que se efectúen sobre o solo empresarial por parte das entidades instrumentais do sector público que teñan entre as súas funcións ou obxecto social a promoción do devandito solo.

d) Os actos de agrupación, agregación, segregación e división efectuados sobre o solo empresarial polos suxeitos pasivos que teñan dereito ao beneficio fiscal previsto na letra a). Estas operacións deberán realizarse no prazo máximo de tres anos desde a adquisición».

CAPÍTULO II
Tributos propios

Artigo 4. Taxas

1. Elévanse os tipos das taxas de contía fixa vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia ata a cantidade que resulte da aplicación do coeficiente do 1,01 ás contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei, exceptuando as tarifas que experimenten algunha modificación na contía no número 2 deste artigo. Este coeficiente seralles de aplicación tanto ás contías, de carácter mínimo ou máximo, como ás deducións que se establecen en todo tipo de tarifas, tanto de taxas de contía fixa como variable.

Considéranse taxas de contía fixa cando non están determinadas por unha porcentaxe sobre unha base ou esta non se valora en unidades monetarias.

Exceptúanse do incremento establecido anteriormente aquelas taxas que se recadan mediante efectos timbrados.

2. A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícanse as letras i) e j) do número 2 do artigo 40, que quedan redactadas como segue:

«i) Cando a ocupación do dominio público portuario teña por destino a explotación de superficies destinadas a varadoiro para embarcacións profesionais do sector pesqueiro e/ou marisqueiro, o importe da bonificación será do 50 % sobre a taxa de ocupación de terreos resultante, sempre que a instalación se destine en exclusiva ao servizo da frota profesional pesqueira e marisqueira. Cando na instalación, de xeito complementario, se autorice prestar servizo a outro tipo de embarcacións non vinculadas ao sector pesqueiro ou marisqueiro a bonificación que se aplicará sobre a taxa de ocupación de terreos resultante será do 35 %.

j) Estarán exentos do pagamento da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio portuario:

1º) Os órganos e as entidades das administracións públicas cando estean directamente relacionados con actividades de vixilancia, de represión do contrabando, de protección civil, de salvamento e de loita contra a contaminación mariña ou coa defensa nacional.

2º) As corporacións locais cando se trate de actividades encadradas entre as súas finalidades públicas e estas non sexan obxecto de explotación económica.

3º) O Estado e os demais entes públicos territoriais ou institucionais, sempre que os servizos ou as actividades que se vaian desenvolver no espazo portuario se presten ou realicen no marco do principio de colaboración entre administracións e non sexan obxecto de explotación económica.

4º) Os particulares ou as empresas concesionarias, cando a ocupación do dominio público ou o aproveitamento de obras e instalacións se corresponda con terreos ou bens incorporados á zona de servizo do porto a través dunha expropiación ou cesión aboada ou achegada integramente polo dito concesionario».

Dous. Modifícase a alínea 03 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«03 Inscrición nas convocatorias para a selección de persoal das administracións públicas

01 Inscrición nas listas para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo na Administración xeral da Comunidade Autónoma

17,32

02 Inscrición nos procesos de selección de persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma

* Grupo I do convenio ou subgrupo A1

41,56

* Grupo II do convenio ou subgrupo A2 ou grupo B

35,78

* Grupo III do convenio ou subgrupo C1

31,18

* Grupo IV do convenio ou subgrupo C2

25,40

* Grupo V do convenio ou agrupación profesional do persoal funcionario subalterno

20,78

03 Inscrición para a inclusión nas bolsas para a selección de persoal funcionario interino para ocupar postos reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional

17,32

04 Inscrición nos procesos selectivos para a selección dos membros dos corpos da policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local derivada da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos

* Inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal de novo ingreso na categoría de policía dos corpos da policía local de Galicia

31,18

* Inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal auxiliar de policía local

25,40

* Inscrición nos procesos selectivos para a selección de vixiantes municipais

25,40».

Tres. Modifícase a subalínea 11 da alínea 14 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«11 Licenza única interautonómica en materia de pesca continental

25,00».

Catro. Engádese unha subalínea 12 á alínea 14 do anexo 1:

«12 Participación en sorteos de distribución de permisos de pesca fluvial

6,06».

Cinco. Modifícase a subalínea 05 da alínea 15 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«05 Licenza única interautonómica en materia de caza

70,00».

Seis. Modifícase a contía do derradeiro parágrafo da subalínea 02 da alínea 20 do anexo 1:

«Solicitude de homologación a títulos de máster de ensinanzas artísticas.

91,90».

Sete. Modifícase a subalínea 03 da alínea 20 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«03 Expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas pola LOE e dos seus duplicados.

Título/Tarifas (en euros)

Tarifa normal

Familia numerosa categoría xeral

Familia numerosa categoría especial

Duplicado

Bacharel

50,82

25,44

0

4,68

Técnico

20,77

10,41

0

2,40

Técnico superior

50,82

25,44

0

4,68

Título superior de conservación e restauración de bens culturais

66,57

33,30

0

6,67

Certificado de nivel avanzado de idiomas

24,38

12,21

0

2,40

Profesional de Música

24,28

12,14

0

2,25

Profesional de Danza

24,28

12,14

0

2,25

Título superior de Música

66,57

33,30

0

6,67

Titulo superior de Danza

66,57

33,30

0

6,67

Técnico deportivo

21,19

10,61

0

2,44

Técnico deportivo superior

51,83

25,96

0

4,77

Título superior de Deseño

66,57

33,30

0

6,67

Título superior de Artes Plásticas

66,57

33,30

0

6,67

Título superior de Artes Dramáticas

66,57

33,30

0

6,67».

Oito. Engádese unha subalínea 21 á alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«21. Emisión de distintivos da actividade de arrendamento de vehículos con condutor: 20,40 €.

Cobrarase unha taxa por cada distintivo emitido, inicialmente ou por substitución».

Nove. Modifícase a subalínea 04 da alínea 7 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«04 Expedición de notificacións de movemento intracomunitario de animais vivos procedentes da acuicultura, certificados zoosanitarios e zootécnicos, incluídos os relacionados cos movementos de animais vivos e produtos de orixe animal, salvo que as tramitacións de autorizacións de traslado de animais se realicen de forma telemática a través da oficina agraria virtual da consellaría competente en materia de acuicultura, ou que o operador actúe directamente a través do sistema TRACES (mínimo 2,91 € por certificación):

- Équidos, bóvidos adultos e similares (por animal)

2,44

Máximo

48,73

- Ovino, caprino, porcino, tenreiros, colmeas e similares (por animal ou colmea)

0,451940

Máximo

13,54

- Leitóns, cordeiros, cabritos e animais de peletaría (por animal)

0,262415

Máximo

13,54

- Coellos e similares, galiñas e outras aves (por animal), esperma, óvulos e embrións (por unidade)

0,009041

Máximo

13,54

- Peixes vivos, gametos, ovos embrionados, crustáceos e moluscos para reinmersión, por tonelada ou fracción

1,89

Máximo

22,56

- Produtos de orixe animal, incluídos os destinados á alimentación animal (por tonelada)

2,28

Máximo

27,04

- Certificado de transporte

2,91

- Comprobación de carga:

* Équidos, bóvidos e similares

127,32

* Porcino, ovino, caprino e similares

84,88

* Aves, coellos, visóns, colmeas e similares

42,44

- Esperma, óvulos e embrións (por unidade)

0,015017

Máximo

36,45».

Dez. Engádese un apartado 1.5 na letra C da alínea 08 do anexo 2, coa seguinte redacción:

«1.5 Dedución por análise parasitolóxica nas unidades da Rede integrada de laboratorios de diagnóstico de triquina de carne de porco doméstico de matanza domiciliaria para autoconsumo: establécese como importe da dedución a aplicación de 12 € por mostra analizada».

Once. Modifícase a alínea 11 do anexo 2, que queda redactada do seguinte xeito:

«11 Servizos farmacéuticos e actividades realizadas en materia de medicamentos e principios activos para fabricar medicamentos»

Doce. Engádense as subalíneas 03, 04, 05, 06, 07, 08 e 09 na alínea 11 do anexo 2, coa seguinte redacción:

«03 Autorización de funcionamento ou traslado de entidade de distribución de medicamentos de uso humano

609,44

04 Autorización de modificacións relevantes que afecten os locais, equipos ou actividades de entidades de distribución de medicamentos de uso humano

334,97

05 Autorización de cambio de titularidade dunha entidade de distribución de medicamentos de uso humano

118,02

06 Autorización de peche de entidade de distribución de medicamentos de uso humano

88,76

07 Inspección para a verificación do cumprimento das boas prácticas de distribución de medicamentos de uso humano e/ou das boas prácticas de distribución de principios activos para medicamentos de uso humano

1.024,93

08 Inspección para a verificación do cumprimento das normas de correcta fabricación de medicamentos

2.252,40

09 Emisión de certificados de cumprimento de boas prácticas en materia de medicamentos (normas de correcta fabricación de medicamentos, boas prácticas de distribución de medicamentos e principios activos e outras asimilables)

112,62».

Trece. Elimínanse as subalíneas 06 e 08 da alínea 12 do anexo 2.

Catorce. Modifícase a subalínea 14 da alínea 12 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«14 Actividades de control oficial en empresas alimentarias para dar cumprimento a requisitos de terceiros países

Será cobrada unha taxa por cada actuación ou solicitude independente que implique realizar acta e/ou un informe.

O cómputo da taxa realizarase por hora completa ou fraccións de media hora completada.

No cómputo do tempo de actuación sumaranse os conceptos seguintes:

a) Tempo da inspección: será o recollido na acta de inspección. Se a solicitude implica máis dunha visita sumarase o tempo de todas as actas.

b) Tempo de desprazamento do persoal de inspección: compútase unha hora por cada día de visita ao establecemento.

c) Se a actuación comporta trámites de estudo de documentación e/ou tarefas administrativas anteriores ou posteriores, computaranse tres horas máis.

22,05».

Quince. Elimínanse as subalíneas 01 e 02 da alínea 25 do anexo 2.

Dezaseis. Engádese unha subalínea 03 á alínea 25 do anexo 2:

«03 Análise parasitolóxica por mostra nas unidades da Rede integrada de laboratorios de diagnóstico de triquina da Comunidade Autónoma de Galicia

15,07».

Dezasete. Modifícase a alínea 25 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«25 Emisión de certificados de verificación de produto, verificación periódica ou verificación tras a reparación ou modificación, emitidos directamente pola Administración, cando os ensaios os realice un laboratorio por ela designado (por instrumento)».

Dezaoito. Modifícanse as subalíneas 30, 31 e 32 da alínea 25 do anexo 3, que quedan redactadas como segue:

«30 Instrumentos destinados a medir a velocidade de circulación de vehículos a motor: verificación de produto ou verificación tras a reparación ou modificación de cinemómetros estáticos

469,58

31 Instrumentos destinados a medir a velocidade de circulación de vehículos a motor: verificación de produto ou verificación tras a reparación ou modificación de cinemómetros móbiles

687,98

32 Instrumentos destinados a medir a velocidade de circulación de vehículos a motor: verificación de produto ou verificación tras a reparación ou modificación de cinemómetros tramo

1.726,22».

Dezanove. Engádese unha subalínea 35 á alínea 25 do anexo 3:

«35 Instrumentos destinados a medir a velocidade de circulación de vehículos a motor: verificación de produto ou verificación tras a reparación ou modificación de cinemómetros tramo (tramo adicional)

808,00».

Vinte. Engádese unha subalínea 22 á alínea 52 do anexo 3:

«22 Declaración de subproduto

159,58».

Vinte e un. Modifícase a alínea 68 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«68 Obras hidráulicas de regulación xestionadas pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia, por metro cúbico de auga captado

0,021».

Vinte e dous. Engádese unha alínea 81 ao anexo 3:

«81 Informes preliminares de situación e informes de situación en materia de solos contaminados

52,00».

Vinte e tres. Engádese un punto 5 na regra cuarta da tarifa X-1 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, co seguinte contido:

«5. Unicamente para a súa aplicación aos servizos prestados no ano 2018, inclúese un novo suposto de bonificación por limitacións de calado sobrevidas e declaradas polo organismo competente nun porto concreto, aplicable unicamente aos barcos mercantes, no porto coa limitación e durante o tempo que persista esta limitación de calado.

Aplicarase aos barcos mercantes a tarifa correspondente cunha redución do 30 %».

Vinte e catro. Modifícase a regra décima da tarifa X-3 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décima. Cando a mercadoría obxecto da tarifa sexan produtos procedentes de acuicultura criados en bateas ou noutro tipo de instalacións flotantes, aboará a tarifa correspondente pola súa produción, aínda que Portos de Galicia poderá establecer concertos anuais cos propietarios ou asociacións de propietarios.

No caso de que o produto sexa mexillón, no suposto de formalizar o convenio indicado, aplicarase unha tarifa anual por batea, estimando unha produción media de 70 t/ano, resultando unha tarifa anual de 203,848363 €/ano. Cando non sexa formalizado convenio e non existan datos reais da descarga anual de cada batea no porto, tomarase como descarga anual estimada para os efectos do cómputo desta tarifa 90 t/ano.

No suposto doutros produtos acuícolas, as contías obteranse segundo a regra novena da presente tarifa, considerando as ditas mercadorías dentro do grupo quinto e a descarga real efectuada.

No concerto indicado poderase establecer unha redución da contía da tarifa dependendo do número de bateas ou instalacións flotantes adscritas a el, segundo os tramos establecidos no seguinte cadro:

Número de bateas adscritas ao convenio

 % bonificación

Da batea 0 a 4

0 %

Da batea 5 a 20

75 %

Da batea 21 a 50

80 %

Da batea 51 a 100

85 %

Por riba da batea 101

90 %

Polo tanto, o importe resultante da tarifa X-3 cando sexan formalizados convenios será a suma da taxa obtida en cada un dos intervalos, sendo cada sumando o resultado de multiplicar a contía unitaria correspondente polo número de bateas ou instalacións flotantes do intervalo e por 1, menos a bonificación que corresponda ao citado intervalo expresado en tanto por un».

Vinte e cinco. Modifícase a regra primeira da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Primeira. Esta tarifa abrangue a utilización, polas embarcacións deportivas, incluso as destinadas a fins lucrativos, polas embarcacións tradicionais e polos seus tripulantes e pasaxeiros, das augas do porto e das súas instalacións de balizamento, das axudas á navegación, das dársenas, dos accesos terrestres e viais de circulación dos portos e, de ser o caso, das instalacións de ancoraxe e atracada en peiraos ou embarcadoiros, así como dos servizos específicos dispoñibles.

Entenderase por embarcación deportiva toda embarcación de calquera tipo, con independencia do medio de propulsión, cuxo casco teña eslora comprendida ente 2,5 e 24 metros, sexa utilizada para fins deportivos ou de ocio. Quedan excluídas as embarcacións de recreo da lista 6ª que transporten máis de 12 pasaxeiros».

Vinte e seis. Modifícase a regra cuarta da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Cuarta. É condición indispensable para a aplicación desta tarifa que a embarcación non realice transporte de mercadorías e que os pasaxeiros non viaxen suxeitos a cruceiros ou excursións turísticas; neste caso aplicaranse as tarifas X-1, X-2 e X-3.

Entenderase que os pasaxeiros non viaxan suxeitos a cruceiros ou excursións turísticas cando o fagan en embarcacións deportivas que teñan menos de 24 metros de eslora e que as ditas embarcacións non poidan transportar máis de 12 pasaxeiros».

Vinte e sete. Modifícase a regra sexta da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Sexta. A contía da tarifa estará composta polos seguintes conceptos:

A) Pola utilización das augas dos portos e mais das instalacións portuarias.

B) Polos servizos utilizados de atracada, ancoraxe ou estadía en seco de embarcacións.

C) Pola dispoñibilidade doutros servizos.

O importe da tarifa X-5 será o resultado da suma dos conceptos A), B) e C) indicados anteriormente que lle sexan aplicables en función dos servizos prestados.

A contía dos conceptos dos que se compón a tarifa X-5, por metro cadrado arredondado por exceso e por día natural ou fracción, será a seguinte:

A) Pola utilización das augas do porto e mais das instalacións portuarias:

Zona I: 0,032311 €.

Zona II: 0,023028 €.

B) Polos servizos utilizados de atracada, ancoraxe ou estadía en seco de embarcacións:

1. Atracada en punta: 0,038380 €.

2. Atracada de costado: 0,095952 €.

3. Atracada a banqueta ou dique: 0,019191 €.

4. Ancoraxe: 0,038380 €.

5. Embarcacións en seco.

5.1. Embarcacións en seco que aboen durante o mesmo período o concepto A) da presente tarifa X-5: 0,061062 €.

5.2. Embarcacións en seco que non aboen durante o mesmo período o concepto A) da presente tarifa X-5: 0,081416 €.

C) Pola dispoñibilidade doutros servizos específicos:

1. Por cada finger en cada posto de atracada: 0,016282 €.

2. Por brazo de amarre ou por tren de ancoraxe para amarre por popa de embarcacións atracadas: 0,008142 €.

3. Toma de auga: 0,005815 €.

4. Toma de enerxía eléctrica: 0,005815 €.

5. Servizo de mariñeiría a embarcacións atracadas:

Para embarcacións de menos de 12 metros de eslora 19,72 €/m2/ano, e de 22,17 €/m2/ano para o resto de embarcacións, correspondendo os metros cadrados á superficie nominal da praza teórica que ocuparía cada embarcación, e aplicando a parte proporcional ao período autorizado.

O servizo de mariñeiría inclúe as axudas á atracada e desatracada e o control e xestión das instalacións.

No suposto de que o servizo de mariñeiría non inclúa a parte proporcional do servizo de vixilancia continuada, as contías serán as indicadas anteriormente multiplicadas por 0,65.

Cando por parte do organismo portuario se acouten especificamente zonas do porto para ancoraxe ou depósito de embarcacións deportivas, as contías dos apartados 4 e 5 do concepto B) terán unha bonificación do 50 %, sempre que previamente se soliciten os correspondentes servizos a Portos de Galicia.

As contías dos conceptos A), B) e C) para as embarcacións de paso no porto serán as anteriormente indicadas multiplicadas por 1,5.

As contías dos conceptos A), B) e C) para as embarcacións tradicionais e históricas de Galicia debidamente acreditadas e recoñecidas no censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, conforme o establecido na normativa de aplicación, serán as anteriormente indicadas cunha bonificación de ata un 60 % da tarifa resultante. A dita bonificación calcularase en función da clasificación da embarcación, segundo sexa tradicional ou histórica (clásica ou de época), antigüidade e uso. Esta bonificación non será acumulable ás bonificacións descritas na regra oitava desta tarifa X-5.

Para os efectos da aplicación das bonificacións indicadas para embarcacións tradicionais e históricas de Galicia terase en conta o seguinte:

a) Para as embarcacións tradicionais de Galicia construídas con anterioridade ao ano 1950: aplicarase unha bonificación dun 40 % sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante.

b) Para as embarcacións históricas clásicas: aplicarase unha bonificación dun 30 % sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante.

c) Para as embarcacións históricas de época, e para as restantes históricas e tradicionais construídas con posterioridade ao ano 1950: a bonificación será dun 20 % e aplicarase sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante.

Para a aplicación das bonificacións indicadas será preciso acreditar a inscrición no censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, e solicitar explicitamente a bonificación achegando a documentación acreditativa.

Ademais, se é o caso, serán aplicables sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante as seguintes bonificacións adicionais:

1. O 20 % para embarcacións tradicionais e históricas de Galicia propiedade de asociacións náuticas ou culturais sen ánimo de lucro e que se acredite a súa posta a disposición para a promoción, divulgación, protección ou conservación dos seus valores culturais e históricos.

2. O 10 % para embarcacións tradicionais e históricas de Galicia inscritas no censo voluntario propiedade dun armador particular, que non sexan destinadas a fins lucrativos.

Para os efectos do disposto nesta regra teranse en conta as seguintes definicións:

a) Enténdese por ancoraxe a dispoñibilidade dunha superficie de espello de auga destinado para tal fin e debidamente autorizado.

b) Enténdese por atracada en punta a dispoñibilidade dun elemento de amarre fixo a embarcadoiro, peirao, banqueta ou dique que permita fixar un dos extremos (proa ou popa) da embarcación.

c) Enténdese por embarcación en seco aquela que permaneza nas instalacións portuarias, fóra da lámina de auga, tanto en estadía transitoria non dedicada a invernada coma en estadías prolongadas en zonas habilitadas para tal fin.

d) Enténdese por dispoñibilidade dos servizos de auga e enerxía, dos números 3 e 4 do concepto C), a existencia nas proximidades do punto de atracada, a peirao ou embarcadoiro, de tomas de subministración de auga ou enerxía, con independencia do aboamento da tarifa E-3 que lle sexa aplicable polos consumos efectuados».

Vinte e oito. Modifícase a regra décimo segunda da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décimo segunda. Nas instalacións deportivas construídas e xestionadas parcialmente por Portos de Galicia que sexan explotadas por particulares mediante a correspondente concesión ou autorización administrativa, poderase aplicar, para as embarcacións en tránsito que ocupen prazas de uso público, unha redución na contía da tarifa do 5 %, dependendo da composición e porte da frota afecta, sempre que o xestor se subrogue na obriga dos suxeitos pasivos. Neste caso, o xestor da instalación entregaralle a Portos de Galicia a documentación que lle sexa requirida por este organismo, consonte o procedemento e formato que se determine.

Nas instalacións descritas no parágrafo anterior que, no momento da entrada en vigor desta lei, incluísen nos pregos de condicións a redución da contía da tarifa X-5 de ata o 15 %, por subrogarse nas obrigas de pagamentos dos suxeitos pasivos que utilicen as instalacións, manterase esta redución mentres estea vixente ese título administrativo».

Vinte e nove. Modifícase a regra décimo primeira da tarifa E-1 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décimo primeira. Con carácter xeral, as contías da tarifa, por hora de utilización, do guindastre tipo pluma, ou por eslora máxima, no guindastre tipo pórtico serán as seguintes:

Guindastre tipo pluma

€/h

Menos de 3 toneladas

14,181233 €

Entre 3 e 6 toneladas

19,241587 €

Maior de 6 toneladas

22,275079 €

Guindastre tipo pórtico

Euros por manobra de subida ou baixada

Eslora máxima ata 8 metros

60

Eslora máxima entre 8,01 e 10 metros

65

Eslora máxima entre 10,01 e 12 metros

70

Eslora máxima entre 12,01 e 14 metros

80

Eslora máxima entre 14,01 e 16 metros

90

Eslora máxima de máis de 16,01 metros

105

As embarcacións que realicen manobras de subida e baixada nun prazo de 24 horas terán un desconto do 25 %.

Portos de Galicia poderá establecer concertos para a utilización dos guindastres cos usuarios habituais, facéndose estes cargo da súa conservación e mantemento ordinario e sendo responsables ante terceiros da súa manipulación, e fixará como tarifa mensual unha estimación da utilización do guindastre baseada para cada porto no tipo e na composición da frota usuaria, nas condicións de abrigo das augas e na superficie de peirao dispoñible para a ancoraxe.

Os portos nos que será de aplicación o disposto nesta regra serán San Pedro de Visma, Suevos, Caión, Razo, Malpica, Barizo, Santa Mariña de Camariñas, Aguete, Vilanova e Panxón. Esta relación poderá ser modificada, a criterio de Portos de Galicia, se as condicións físicas ou climatolóxicas do porto así o aconsellan».

Trinta. Modifícase a regra quinta da tarifa E-3 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Quinta. As contías da tarifa por subministración de enerxía eléctrica serán as seguintes:

a) Por kWh ou fracción subministrada a través das tomas propiedade de Portos de Galicia: 0,331849 €. A facturación mínima será de 3,840155 €.

b) As contías da taxa para as restantes instalacións:

As bases de cálculo da taxa portuaria defínense segundo os conceptos de enerxía establecidos en referencia directa ao cálculo da factura eléctrica do mercado retallista español establecido no RD 1164/2001 e, en particular, á tarifa PVPC simple dun único período 2.0A establecida no RD 216/2014, con prezos dos termos de peaxes de acceso e marxe de comercialización fixo vixentes, segundo a formulación seguinte:

Taxas E-3 no período de devindicación = (PA+EA) x Rv x IE + Ct.

Sendo:

– Concepto de potencia accesible (PA): resulta da aplicación do prezo da potencia vixente no ano natural de devindicación. Fíxase para o exercicio 2018 e seguintes unha contía de 0,1152 €/kW.día, multiplicado pola potencia dispoñible da instalación, que vén determinada polo calibre do interruptor xeral de protección da liña de acometida (kW), multiplicado polos días comprendidos no período de facturación.

– No suposto de que a contía sufra variacións, tomarase a nova tarifa legalmente aprobada.

– Concepto de enerxía activa (EA): resulta da aplicación do prezo da enerxía vixente no ano natural de devindicación, multiplicado pola diferenza de lecturas do equipo de medida tomadas o primeiro día e o último do período de devindicación en kWh.

O prezo da enerxía vixente no ano natural será unha contía fixa para todo o ano natural, sendo este valor o prezo medio da enerxía publicado polo ministerio con competencia en materia de enerxía do período interanual calculado a partir do 1 de xullo. Para o exercicio 2018 este valor medio é de 0,116842 €/kWh.

– No suposto de que a contía sufra variacións, tomarase a nova tarifa legalmente aprobada.

– Recarga polo volume de kWh consumidos (Rv): establécese unha recarga da tarifa base consumida comprendida entre o 2 % e o 10 %, dependendo a dita porcentaxe do consumo medio diario realizado durante o período de devindicación, segundo a seguinte táboa:

Media dos kWh consumidos/día durante o período liquidado

Recarga (%)

Igual ou superior a 300 kWh/día

10 %

Igual ou superior a 200 kWh/día e inferior a 300 kWh/día

8 %

Igual ou superior a 100 kWh/día e inferior a 200 kWh/día

6 %

Igual ou superior a 10 kWh/día e inferior a 100 kWh/día

4 %

Igual ou superior a 5 kWh/día e inferior a 10 kWh/día

2 %

Onde:

Rv = 1 + recarga (%)/100

– Imposto eléctrico (IE): sobre o concepto de potencia accesible e o concepto de enerxía activa será de aplicación a porcentaxe correspondente ao imposto eléctrico legalmente establecido polo organismo competente. O imposto eléctrico para o exercicio 2018 e seguintes é dun 5,11269632 %. Non obstante, no suposto de que sufra variacións durante este exercicio, adaptarase a formulación ao imposto vixente no período de devindicación.

Onde:

IE = 1 + gravame imposto eléctrico (%)/100 = 1+5,11269632/100 = 1,0511269632

– Contía por posta a disposición de contador (Ct): polos traballos de conexionado, desconexionado e tramitación administrativa de instalación e seguimento establécese unha contía fixa de 0,05 €/día en subministracións efectuadas en baixa tensión e de 0,5 €/día en subministracións efectuadas en media tensión, polos días comprendidos entre o primeiro e o último do período de devindicación».

Trinta e un. Modifícase a regra décimo cuarta da tarifa E-4 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décimo cuarta. As contías pola subministración de elementos de apertura ou peche de control de accesos instalados nos portos serán os seguintes:

Tarxetas magnéticas de proximidade ou contacto: 15,02 €/unidade.

Dispositivos de lectura a distancia: 20,00 €/unidade.

Mandos a distancia: 50,61 €/unidade».

Trinta e dous. Modifícase o número 2 da alínea 02 do anexo 5, que queda redactado como segue:

«2. O tipo de gravame anual aplicado á base impoñible será o seguinte:

No suposto de ocupación de terreos e de augas do porto:

– Nas áreas destinadas a usos portuarios pesqueiros onde se desenvolvan actividades de lonxa, coas súas correspondentes cámaras de frío, fábricas de xeo e naves de redes: o 2,5 % sobre o valor dos terreos.

– Nas áreas destinadas a outros usos portuarios pesqueiros, usos portuarios relacionados co intercambio entre modos de transporte, aos relativos ao desenvolvemento de servizos portuarios e aos servizos básicos que se prestan nunha instalación náutico-deportiva: o 5 % sobre o valor dos terreos.

No suposto de edificacións propiedade da Administración destinadas a estacións marítimas, ou instalacións para o servizo ao tráfico de pasaxeiros, aplicarase o gravame do 5 % a toda a instalación, incluso naqueles espazos destinados a actividades complementarias desta.

– Nas áreas destinadas a actividades auxiliares ou complementarias das actividades portuarias, incluídas as loxísticas, de almacenaxe e os servizos comerciais que correspondan a empresas industriais ou comerciais: o 6 % sobre o valor dos terreos.

– Nas áreas destinadas a outros usos complementarios e auxiliares non estritamente portuarios, tales como locais de hostalaría e restauración ou locais comerciais con uso non estritamente portuario ou actividades relacionadas coa interacción porto-cidade: o 7 % sobre o valor dos terreos.

– Respecto do espazo de auga para recheo, o 2,5 % do valor da base mentres o concesionario efectúa as obras de recheo no prazo fixado na concesión. Ao finalizar este prazo, o tipo será do 5 %.

a) No caso de ocupación do voo ou subsolo de terreos ou espazos somerxidos:

– O 2,5 % do valor da base impoñible que corresponda aos respectivos terreos ou augas, agás que o seu uso impida a utilización da superficie. Neste caso o tipo de gravame será o que corresponda de acordo co previsto na letra a) anterior.

b) No caso de ocupación de obras e instalacións:

– Nas áreas destinadas a usos portuarios pesqueiros onde se desenvolvan actividades de lonxas coas súas correspondentes cámaras de frío, fábricas de xeo e naves de redes: o 2,5 % do valor das obras e instalacións, e o 25 % do valor da depreciación anual asignada.

– Nas áreas destinadas a usos portuarios pesqueiros de exportación de peixe fresco e venda en locais situados en lonxas da Comunidade Autónoma de Galicia: o 5 % do valor das obras e instalacións, e o 60 % do valor da depreciación anual asignada naquelas.

– Nas áreas destinadas a outros usos portuarios pesqueiros, usos portuarios relacionados co intercambio entre modos de transporte, aos relativos ao desenvolvemento de servizos portuarios e aos servizos básicos a prestar nunha instalación náutico-deportiva: o 5 % do valor das obras e instalacións, e o 100 % do valor da depreciación anual asignada.

No suposto de edificacións propiedade da Administración destinadas a estacións marítimas, ou instalacións para o servizo ao tráfico de pasaxeiros, aplicarase o gravame do 5 % do valor de todas as obras e instalacións, incluso daqueles espazos destinados a actividades complementarias desta.

– Nas áreas destinadas a actividades auxiliares ou complementarias das actividades portuarias, incluídas as loxísticas, de almacenaxe e os servizos comerciais que correspondan a empresas industriais ou comerciais: o 6 % do valor das obras e instalacións, e o 100 % do valor da depreciación anual asignada.

– Nas áreas destinadas a outros usos complementarios e auxiliares non estritamente portuarios, tales como locais de hostalaría e restauración ou locais comerciais con uso non estritamente portuario ou actividades relacionadas coa interacción porto-cidade: o 7 % do valor das obras e instalacións, e o 100 % do valor da depreciación anual asignada.

Para os efectos da aplicación deste artigo consideraranse actividades relacionadas co intercambio dos modos de transporte e servizos portuarios as seguintes: servizo de practicaxe, servizos técnico-náuticos, servizo á pasaxe, servizo de manipulación e transporte de mercadoría e servizo de recepción de refugallos xerados polos buques.

Así mesmo, consideraranse servizos básicos que deberá prestar unha instalación náutico-deportiva os seguintes: amarre e desamarre, servizo de duchas, vestiarios e lavandaría, servizo de subministración de auga e enerxía, servizo contra incendios, vixilancia e seguridade, servizos administrativos da instalación náutica, servizos de información, servizos de correo e comunicacións e servizo de vixilancia e control das instalacións.

De xeito xeral, ás edificacións que teñan antigüidade superior á súa vida útil máxima aplicaráselles o 25 % do valor da depreciación anual asignada, sobre unha vida útil remanente que será, como máximo, un terzo da vida útil inicial asignada. A súa aplicación será gradual de tal xeito que cando a antigüidade do ben sexa superior ao 75 % da vida útil máxima o valor da depreciación será dun 75 % e cando a antigüidade sexa superior ao 85 % da vida útil máxima a depreciación será do 50 %. A vida útil remanente será fixada na taxación efectuada para os efectos con base na normativa vixente de aplicación e será acorde ao prazo de vixencia da concesión ou autorización.

c) No suposto de uso consuntivo: o 100 % do valor dos materiais consumidos».

TÍTULO II
Medidas administrativas

CAPÍTULO I
Emprego público

Artigo 5. Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 91, que queda coa seguinte redacción:

«2. Para participar nos concursos específicos regulados neste artigo é requisito necesario unha antigüidade mínima de tres anos como persoal funcionario de carreira. Ademais, o persoal funcionario de carreira que ocupe con carácter definitivo un posto de traballo obtido por concurso debe permanecer nel un mínimo de seis meses para poder participar nos concursos específicos regulados neste artigo».

Dous. Modifícase o número 1 do artigo 96, que queda redactado como segue:

«1. Os postos de traballo reservados ao persoal funcionario de carreira pódense prover excepcionalmente e de maneira temporal mediante comisión de servizos voluntaria nos seguintes casos:

a) Cando os postos estean vacantes, mentres non se proceda á súa provisión definitiva.

b) Cando os postos estean suxeitos a reserva legal da persoa titular destes, incluídos os casos en que o persoal funcionario de carreira sexa autorizado para realizar unha misión por período non superior a seis meses en programas de cooperación internacional.

c) Cando os postos estean ocupados por persoal funcionario de carreira que teña a condición de representante do persoal e teña recoñecido un crédito de horas para o desempeño desa función equivalente á xornada de traballo completa.

d) Cando concorran as circunstancias previstas no artigo 100 desta lei.

e) Por circunstancias excepcionais e debidamente motivadas, cando os postos de traballo estean ocupados por persoal funcionario de carreira que se atope en situación de incapacidade laboral e esta se prevexa de longa duración».

Tres. O número 1 do artigo 121 queda modificado como segue:

«1. Nos casos de parto, a nai funcionaria ten dereito a un permiso retribuído de vinte semanas ininterrompidas, que se distribuirán á elección da persoa titular do dereito, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto».

Catro. Modifícase o número 1 do artigo 122, que queda coa seguinte redacción:

«1. Nos casos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, o persoal funcionario ten dereito a un permiso retribuído de vinte semanas ininterrompidas, do cal se fará uso, por elección da persoa titular do dereito, en calquera momento posterior á efectividade da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou efectividade da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, sen que en ningún caso un mesmo menor poida dar dereito a varios períodos de aproveitamento deste permiso».

Cinco. Modifícase o número 1 do artigo 124, que queda coa seguinte redacción:

«1. Nos casos de nacemento, acollemento ou adopción dun fillo, o persoal funcionario que non estea a gozar do permiso por parto ou por adopción ou acollemento previsto nesta lei ten dereito a un permiso retribuído de cinco semanas ininterrompidas de duración, do cal se fará uso a partir da data do nacemento, da efectividade da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da efectividade da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. Nos casos de parto, adopción ou acollemento múltiple, a duración deste permiso incrementarase nunha semana máis».

Seis. Modifícase a alínea 3 da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, referida ás escalas e especialidades do corpo de técnicos de carácter facultativo, nos termos seguintes:

Denominación

Especialidades

Subgrupo

Funcións

Titulación

Escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa

contra Incendios Forestais

Bombeiro

forestal

Xefe de brigada

B

Coordinación do persoal ao seu cargo para previr, combater e extinguir incendios de natureza forestal, así como vixilancia e mantemento dos labores de prevención, coordinación en situacións de emerxencia nas áreas rurais e forestais e colaboración cos responsables dos servizos de protección civil no amparo de persoas e bens ante a incidencia dos incendios forestais. Así mesmo, deberá conducir cando o demanden as necesidades do servizo, polo que debe estar en posesión do carné de conducir B.

Técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural ou equivalente

Sete. No número 4 bis da disposición adicional novena engádese unha nova escala, nos seguintes termos:

Denominación

Especialidades

Subgrupo

Funcións

Titulación

Escala de gardas de recursos naturais

C2

Con carácter xeral, realizarán as seguintes funcións:

– Informar e asesorar a Administración e a cidadanía en asuntos relacionados tanto cos aproveitamentos piscícolas en augas continentais e os recursos cinexéticos como coa xestión dos espazos naturais.

– Policía e custodia da riqueza ictícola e cinexética así como dos espazos naturais, formulando as denuncias que procedan no seu ámbito de actuación.

– Vixilancia, custodia e mantemento das infraestruturas da consellaría con competencias en materia de conservación da natureza, executadas en beneficio da riqueza piscícola e cinexética e/ou as executadas nos espazos naturais, incluída a reposición do patrimonio inmobiliario e elementos de sinalización dos espazos naturais e/ou os relacionados co aproveitamento dos recursos cinexéticos e/ou piscícolas.

– Vixilancia e control dos ecosistemas, velando pola loita e/ou erradicación das posibles ameazas á biodiversidade.

– Seguimento, localización, mostraxes e controis sobre os valores dos espazos naturais, especialmente daqueles que motivaron a súa declaración como espazos protexidos, de ser o caso, así como a colaboración na realización de labores de control, seguimento e mostraxe da fauna e flora silvestres.

– Execución das directrices de xestión e vixilancia para o cumprimento das normas aplicables en materia de conservación e preservación dos valores dos espazos naturais, especialmente no relativo ao control do uso público destes espazos.

– Calquera outra función que se lles encomende, entre as que se atopan as de apoio a outras escalas, en relación coa xestión e tutela dos recursos naturais e coa conservación do medio ambiente.

Titulación de
graduado en

Educación

Secundaria

Obrigatoria ou equivalente

Oito. Na alínea 4 bis da disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, referida ao corpo de auxiliares de carácter técnico de administración especial, modifícanse a escala e especialidades seguintes:

Denominación

Especialidades

Subgrupo

Funcións

Titulación

Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa

contra incendios Forestais

Emisorista/Vixiante/a fixo/a

C2

Vixiar os incendios desde puntos fixos predeterminados e avisar dos que se manifesten polos medios de comunicación dispoñibles.

Realización das transmisións para asegurar unha adecuada comunicación dos avisos, ordes ou instrucións dentro do servizo.

Cando as circunstancias o requiran, poderán ser dedicados a outras funcións administrativas vinculadas á prevención e defensa contra incendios forestais.

Graduado/a en ESO ou equivalente

Bombeiro

forestal-

condutor

motobomba

Conducir os vehículos motobomba do servizo e o mantemento destes en bo estado, polo que debe estar en posesión do carné de conducir C e B. Levar a cabo obras de construción, mellora e mantemento de infraestruturas vinculadas á prevención e defensa contra incendios forestais, manexando para tal fin tractores e diferentes tipos de maquinaria mecanizada que demanden as referidas tarefas.

Bombeiro

forestal

Previr, combater e extinguir incendios de natureza forestal así como vixilancia e mantemento dos labores de prevención. Atención en situación de emerxencia nas áreas rurais e forestais e colaboración cos servizos de protección civil no amparo das persoas e bens ante a incidencia dos incendios forestais. Labores silvícolas preventivos de diminución de combustibilidade das masas forestais e obras de construción, mellora e mantemento da infraestrutura. Ademais, conducirá vehículos dedicados ao transporte das cuadrillas e materiais do servizo polo que debe estar en posesión do carné de conducir B.

Artigo 6. Protección da maternidade e a paternidade

O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, durante as situacións de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural, percibirá, en concepto de mellora da prestación, as retribucións que correspondan ata acadar a totalidade das retribucións básicas e complementarias de carácter fixo.

Así mesmo, percibirá a media das retribucións variables aboadas no ano anterior ao mes en que dese comezo a correspondente situación, en concepto de atención continuada derivada da prestación de gardas, noites e festivos.

O disposto neste precepto será tamén de aplicación durante todo o período de duración dos permisos de maternidade e paternidade previstos na lexislación autonómica aplicable aos empregados públicos.

Artigo 7. Modificación da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas

Engádese unha disposición transitoria terceira na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, co seguinte contido:

«Disposición transitoria terceira. Consolidación do emprego temporal

1. De acordo co previsto na disposición transitoria cuarta do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e respectando os límites e requisitos fixados pola normativa básica estatal, poderase efectuar, con carácter extraordinario e por unha soa vez, co fin de conseguir a estabilidade no emprego público no ámbito do Consello de Contas de Galicia, unha convocatoria de consolidación de emprego a prazas de auxiliar administrativo do dito órgano, de carácter estrutural, dotadas orzamentariamente, e que se atopan desempeñadas interinamente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005.

2. A correspondente oferta de emprego público será aprobada por acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia.

3. O proceso selectivo, que será obxecto dunha convocatoria específica, garantirá o cumprimento dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

4. A convocatoria do proceso selectivo será efectuada polo Consello de Contas de Galicia ao abeiro da súa competencia para a selección de persoal prevista no artigo 72.3 do Regulamento de réxime interior do dito órgano. As bases do proceso selectivo serán aprobadas polo Pleno e a convocatoria será realizada pola Comisión de Goberno, de acordo co disposto no artigo 12.g) do regulamento. En relación co órgano de selección será de aplicación o disposto no artigo 60 do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público e no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

5. O sistema selectivo será o concurso-oposición e a titulación exixida para o acceso será a correspondente ao grupo C, subgrupo C2, dos grupos de clasificación profesional do persoal funcionario de carreira previstos no Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público. De conformidade co sinalado na disposición transitoria cuarta do dito Texto refundido, o contido das probas gardará relación cos procedementos, tarefas e funcións habituais dos postos obxecto da convocatoria. Na fase de concurso valorarase, entre outros méritos, o tempo de servizos prestados nas administracións públicas e a experiencia nos postos de traballo obxecto da convocatoria.

O proceso selectivo desenvolverase conforme o disposto nos números 1 e 3 do artigo 61 do Texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público. Será de aplicación, así mesmo, o sinalado no artigo 56.3 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

6. As persoas que superen o proceso selectivo serán nomeadas funcionarias de carreira do Consello de Contas, do grupo C, subgrupo C2, e tomarán posesión nos correspondentes postos da relación de postos de traballo do Consello de Contas. Estes destinos terán carácter definitivo, equivalente, para todos os efectos, aos obtidos por concurso».

CAPÍTULO II
Ordenación do territorio e urbanismo

Artigo 8. Modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 11, que queda coa seguinte redacción:

«2. A resolución do Xurado adoptarase no prazo máximo de seis meses, contado desde o día seguinte ao de entrada no rexistro do expediente completo. De non se adoptar acordo no prazo sinalado, entenderanse desestimadas as reclamacións por silencio negativo. Os seus acordos serán sempre motivados e fundamentados no que se refire aos criterios de valoración seguidos para cada un dos casos en concreto, de conformidade coas disposicións legais que sexan aplicables. Os actos que dite o Xurado poñerán fin á vía administrativa».

Dous. Modifícase a letra a) do artigo 20, que queda coa seguinte redacción:

«a) Ceder gratuitamente ao concello os terreos destinados a viais fóra das aliñacións establecidas no planeamento cando pretendan parcelar, edificar ou rehabilitar integralmente».

Tres. Engádese un número 4 na disposición transitoria segunda coa seguinte redacción:

«4. No caso dos concellos fusionados, os plans que estean en tramitación nalgún dos concellos de orixe na data da entrada en vigor desta lei poderán continuar a súa tramitación consonte co previsto nos números anteriores, sempre que o outro concello conte cun plan xeral de ordenación municipal adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

De non terse iniciado a tramitación, o concello fusionado poderá tramitar un plan xeral de ordenación municipal referido unicamente ao ámbito territorial que, con anterioridade á fusión, correspondía a un dos concellos fusionados, sempre que, conforme o indicado, o ámbito territorial que correspondía ao outro concello conte con plan xeral de ordenación municipal adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro.

En todo caso, mentres non se produza a aprobación dun plan xeral que abranga o novo límite do termo municipal, no concello resultante da fusión seguirá vixente a ordenación urbanística aprobada».

Artigo 9. Modificación da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia

Engádese unha disposición adicional terceira na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional terceira. Vixencia dos proxectos sectoriais que impliquen a transformación e parcelación urbanística do solo

A vixencia dos proxectos sectoriais que impliquen a transformación e parcelación urbanística do solo será a que estableza a lexislación urbanística para os plans parciais. Nestes casos non será de aplicación o disposto no artigo 15 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal».

CAPÍTULO III
Patrimonio natural

Artigo 10. Modificación da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial

A Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, queda modificada como segue:

Un. O primeiro parágrafo do artigo 34 queda redactado nos seguintes termos:

«Terán a consideración de infraccións menos graves e serán sancionadas con multa comprendida entre 300,52 e 3.005,06 euros, e, ademais, de darse algunha das circunstancias previstas no artigo 38 desta lei, sancionaranse coa retirada da licenza de pesca e inhabilitación para obtela durante un ano, as infraccións administrativas que se relacionan a seguir:»

Dous. O primeiro parágrafo do artigo 35 queda redactado como segue:

«Terán a consideración de infraccións graves e serán sancionadas con multa comprendida entre 3.005,07 euros e 30.050,61 euros, e, ademais, de darse algunha das circunstancias previstas no artigo 38 desta lei, sancionaranse coa retirada da licenza de pesca e inhabilitación para obtela durante un ano e un día a tres anos, as infraccións administrativas que se relacionan a seguir:»

Artigo 11. Modificación do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia

No número 3 do artigo 60 do anexo II do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, relativo á normativa xeral en materia de infraestruturas e obras, dáselle unha nova redacción ao ordinal 1º da letra c) nos seguintes termos:

«1º) As tarefas de mantemento e conservación das infraestruturas lineais existentes no espazo natural non consideradas como permitidas, que serán debidamente autorizadas polo órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza sempre e cando supoñan modificacións no seu trazado e/ou largo, se minimice todo posible impacto, se tenda a empregar técnicas o máis brandas posible, non se afecten os elementos clave para a conservación (hábitats, especies de interese) e se teñan en conta as determinacións establecidas no presente plan director.

Para os efectos das letras b)1º) e c)1º) deste número 3, entenderase por infraestruturas lineais existentes as liñas férreas, autovías, autoestradas, estradas, camiños, pistas, devasas, sendeiros, pasarelas, vías pecuarias e todas aquelas non mencionadas que cumpran con características similares».

Artigo 12. Prazo de resolución e sentido do silencio nos procedementos de declaración de espazos naturais de interese local e espazos privados de interese natural

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución nos procedementos de declaración dos espazos naturais de interese local e dos espazos privados de interese natural será de seis meses, contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. De conformidade co artigo 24.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso de vencemento do prazo máximo sen que se teña notificado a resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

CAPÍTULO IV
Pesca

Artigo 13. Modificación da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia

O número 3 do artigo 15 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, queda redactado da seguinte maneira:

«3. Regulamentariamente determinaranse as consecuencias que produzan a fusión ou a disolución de confrarías. A disolución de confrarías supoñerá a perda das concesións e autorizacións administrativas para o exercicio das actividades de marisqueo ou cultivos mariños que posúan, sen prexuízo do que prevexan os estatutos da confraría afectada en canto ao destino do seu patrimonio. No suposto de fusión de confrarías, a nova entidade resultante subrogarase nos dereitos e obrigas que tiñan as entidades fusionadas, así como na titularidade das concesións e autorizacións para o exercicio das actividades de marisqueo ou cultivos mariños, e a confraría resultante deberá cumprir as condicións e prescricións da concesión ou autorización ou de calquera outra obriga exixida legal ou regulamentariamente».

Artigo 14. Modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O número 11 do artigo 4 queda redactado como segue:

«11. Plans zonais: medidas reguladoras da actividade pesqueira aplicadas nunha zona e nun período de tempo determinado e que teñen por obxecto, entre outros, novas especies, novas artes, modificación ou uso diferente das existentes ou novas medidas de xestión, incluíndo limitación de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro».

Dous. O número 13 do artigo 4 queda redactado como segue:

«13. Plans de xestión: medidas reguladoras da actividade pesqueira e marisqueira. Estes plans incluirán as medidas técnicas, os horarios e o réxime de calamento das artes autorizadas e, de ser o caso, limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro».

Tres. A letra a) do número 1 do artigo 7 queda redactada da seguinte maneira:

«a) A determinación das artes, aparellos e utensilios permitidos para o exercicio da pesca e do marisqueo. A pesca e o marisqueo soamente se poderán exercer con artes, aparellos e utensilios expresamente autorizados».

Catro. A letra a) do número 2 do artigo 7 queda redactada da seguinte maneira:

«a) Plans de xestión que regularán as medidas técnicas, os horarios e o réxime de calamento das artes de pesca e do marisqueo. Estes plans, que poderán ser elaborados por proposta das entidades asociativas do sector, poderán incluír tamén limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro».

Cinco. A letra e) do número 2 do artigo 7 queda redactada como segue:

«e) Plans zonais que conterán medidas reguladoras da actividade pesqueira, aplicadas nunha zona e nun período de tempo determinado, que teñan por obxecto, entre outros, novas especies, novas artes, modificación ou uso diferente do establecido nos plans de xestión, así como novas medidas de xestión, incluíndo limitacións de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro».

Seis. Engádese unha disposición transitoria novena, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria novena. Plans experimentais e de xestión

Os plans experimentais e de xestión aprobados á entrada en vigor da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, manteranse vixentes nas condicións en que foron aprobados».

CAPÍTULO V
Ordenación farmacéutica

Artigo 15. Modificación da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica

A Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, queda modificada como segue:

Un. O número 4 do artigo 12 queda redactado da seguinte maneira:

«4. A rexencia terá unha duración máxima de cinco anos, salvo no caso das novas oficinas de farmacia adxudicadas por concurso público, en que a rexencia se estenderá ata completar o período mínimo de quince anos, conforme o disposto no segundo parágrafo do artigo 23.2 desta lei».

Dous. O número 2 do artigo 23 queda redactado da seguinte maneira:

«2. A transmisión das oficinas de farmacia adxudicadas polo procedemento de concurso público só se poderá levar a cabo cando leven abertas ao público un mínimo de quince anos. Nos supostos de falecemento, declaración xudicial de ausencia ou incapacitación legal do farmacéutico titular ou dun dos titulares, abondará con que a oficina estea aberta ao público na data de produción destas circunstancias.

No caso de se producir a xubilación voluntaria da persoa titular antes do esgotamento dos quince anos previstos, esta deberá solicitar a designación dun rexente ata completar o período mínimo previsto para a transmisión, en cumprimento do disposto no número 4 do artigo 12 desta lei».

CAPÍTULO VI
Medio rural

Artigo 16. Modificación da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común

A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, queda modificada como segue:

Un. Engádese un novo número 5 ao artigo 22 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, que queda redactado como segue:

«5. No caso de que o instrumento de ordenación ou xestión forestal do monte prevexa o aproveitamento de pastos e a comunidade de veciños propietaria acordase a distribución entre os veciños de parte do monte veciñal para este fin, a asignación de lotes constituirá un dereito para aqueles comuneiros que sexan titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras no lugar e que precisen base territorial para garantir a viabilidade da propia explotación ou a sustentabilidade do gando. Nestes casos, garantiráselles o dereito de aproveitar os terreos que precisen en proporción ao tamaño das súas explotacións e á superficie prevista para a distribución por lotes, sen prexuízo das novas reparticións que teña que efectuar a comunidade veciñal cando, por circunstancias sobrevidas, outros comuneiros precisen igualmente de base territorial para as súas explotacións e sempre nas condicións que adopte a comunidade de veciños propietaria en cada caso para evitar desequilibrios ou menoscabos na viabilidade do monte veciñal».

Dous. Modifícase o artigo 25, que queda redactado como segue:

«Artigo 25. Competencias da Comunidade Autónoma

A consellaría competente en materia de montes dará aos montes veciñais en man común, xunto con outras figuras de xestión conxunta da propiedade, carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora do monte, na prevención e defensa contra os incendios forestais e na concesión de axudas económicas para as mesmas finalidades suxeitas a plans de viabilidade económica e ao cumprimento de instrumentos de ordenación ou xestión forestal. A dita consellaría, ademais das funcións especificamente sinaladas nesta lei, desenvolverá as seguintes funcións:

a) Promover a marcaxe dos lindes entre os montes veciñais.

b) Procura da súa conservación e integridade dos valores naturais do uso veciñal deste tipo de propiedade, vixiando polo cumprimento da execución dos instrumentos de ordenación ou xestión que se citan nos artigos 28 e 29 desta lei.

c) Impulso e promoción do aproveitamento do monte.

d) Asesoramento técnico ás comunidades veciñais.

e) Labores de gardaría forestal.

f) Coidar do cumprimento do disposto nesta lei e na normativa que a desenvolva, aplicando as medidas correctoras e sancionadoras establecidas legalmente.

g) Subscribir contratos temporais de xestión pública dirixidos a unha xestión sustentable do monte.

h) Defensa e xestión, nos casos en que proceda, en caso de grave abandono ou extinción da comunidade veciñal.

i) Velar polo cumprimento e execución do instrumento de ordenación ou xestión forestal.

j) Promover a constitución das comunidades veciñais cando estas non existan».

Tres. Modifícase o artigo 27 nos seguintes termos:

«Artigo 27. Xestión cautelar

1. Os montes veciñais en man común serán xestionados cautelarmente pola consellaría competente en materia de montes cando se extinga ou desapareza a comunidade de veciños titular do monte, de xeito provisional, ata que, de ser o caso, se reconstitúa a comunidade, e sempre que a parroquia onde radique o monte non exerza o dereito conferido no artigo 20.

2. Tamén pasarán a ser xestionados cautelarmente pola consellaría competente en materia de montes cando a entidade xestora do Banco de Terras de Galicia informe de que existen razóns obxectivas de índole técnica que non permitan ou limiten, total ou parcialmente, o aproveitamento forestal do monte, de acordo co previsto no artigo 30.1.

3. A consellaría competente en materia de montes poderá exercitar a xestión cautelar prevista neste artigo mediante os seus propios órganos ou mediante a súa encomenda a entidades instrumentais do sector público autonómico.

4. Para o reinicio da actividade da comunidade veciñal extinguida ou desaparecida deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) A presentación da solicitude por parte dunha xunta provisional do monte veciñal.

b) A acreditación da existencia dunha comunidade veciñal formada por comuneiros de pleno dereito e elección dunha xunta provisional consonte o disposto nesta lei respecto dos órganos das comunidades veciñais.

c) O compromiso notarial da xunta provisional de asunción do estado contable do monte e do instrumento de ordenación ou xestión forestal vixente.

d) No caso de que, como consecuencia da inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade veciñal, o Banco de Terras de Galicia cedese ou arrendase con anterioridade o uso e aproveitamento dos montes a outra persoa ou entidade beneficiaria, o reinicio da actividade solicitada pola xunta provisional non será posible ata o remate da cesión ou arrendamento realizado polo Banco de Terras de Galicia, salvo que exista acordo entre as partes».

Catro. Modifícase o artigo 28, que queda redactado como segue:

«Artigo 28. Montes veciñais en estado de grave abandono ou degradación

1. Entenderase por monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación aquel que, de modo manifesto, sufrise unha grave deterioración ecolóxica, non sexa explotado de acordo cos seus recursos ou sufra unha extracción abusiva deles.

2. Corresponde á persoa titular da consellaría competente en materia de montes a competencia para declarar por razóns de utilidade pública e interese xeral o estado de grave abandono ou degradación, por proposta da persoa titular da dirección xeral que teña as atribucións na mesma materia.

3. A declaración en estado de grave abandono ou degradación implicará a execución dun instrumento de ordenación ou xestión forestal.

4. Mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de montes, estableceranse periodicamente os indicadores obxectivos que sirvan para a determinación do estado de grave abandono ou degradación dos montes, sobre a base, fundamentalmente, dos seguintes criterios:

a) O grao de aproveitamento da extensión superficial.

b) O grao de manifesto desuso.

c) O grao de acomodación aos aproveitamentos establecidos en instrumentos de ordenación ou xestión forestal, de ser o caso, independentemente de que se refira a aproveitamentos madeireiros, de pastos ou outros.

d) O carácter depredador das actividades extractivas dos recursos.

e) O perigo manifesto de degradación das terras».

Cinco. Modifícase o artigo 29, que queda redactado como segue:

«Artigo 29. Declaración do monte en estado de grave abandono ou degradación se existe comunidade veciñal

1. Se existe comunidade de veciños, o procedemento para a declaración dun monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación iniciarao a consellaría competente en materia de montes e acomodarase aos seguintes trámites:

a) A consellaría requirirá a comunidade de veciños para que presente un instrumento de ordenación ou xestión forestal no que se exprese o prazo para a súa execución.

b) Requirida a comunidade, esta terá un prazo de tres meses, prorrogable por outros tres, para presentar o devandito instrumento.

c) No caso de a comunidade non presentar o instrumento ou de non ser aprobado o presentado por non se axustar aos obxectivos previstos para conseguir a xestión e mellora integral do monte, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de montes elevará á persoa titular da súa consellaría a proposta para que o monte sexa declarado en estado de grave abandono ou degradación».

Seis. Modifícase o artigo 30, que queda redactado como segue:

«Artigo 30. Incorporación ao Banco de Terras de Galicia

1. Cando se declare un monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación, a dirección xeral competente en materia de montes acordará a incorporación do monte veciñal ao Banco de Terras de Galicia, co fin de que a entidade xestora deste poida ceder o seu uso e aproveitamento nos termos previstos pola Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou norma que a substitúa.

Previamente á incorporación do monte veciñal ao Banco de Terras de Galicia, a dirección xeral competente en materia de montes solicitará á entidade xestora deste un informe no que indique se existen razóns obxectivas de índole técnica que non permitan ou limiten, total ou parcialmente, o aproveitamento forestal do monte. No caso de que a entidade xestora informe de que existen tales razóns, farase cargo da xestión do monte a consellaría competente en materia de montes.

A declaración de monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación substituirá a declaración como predio abandonado regulada na Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou norma que a substitúa.

2. A cesión do uso e aproveitamento dos montes veciñais en estado de grave abandono ou degradación requirirá a previa presentación pola persoa beneficiaria ante a consellaría competente en materia de montes dun instrumento de ordenación ou xestión forestal para a súa aprobación. A cesión non se poderá formalizar sen que conste a aprobación deste instrumento.

3. Formalizada a cesión do uso e aproveitamento do monte, corresponderá á comunidade de veciños a percepción da contraprestación económica que sexa aboada pola persoa beneficiaria da cesión, descontados, de ser o caso, os gastos de xestión realizados pola entidade xestora do Banco de Terras de Galicia. De non existir comunidade de veciños, percibirá a contraprestación a Administración forestal, que a destinará a un fondo para investir na promoción e apoio á xestión dos montes veciñais.

4. A cesión do uso e aproveitamento dos montes veciñais en estado de grave abandono ou degradación non poderá superar o prazo de 50 anos.

5. A incorporación ao Banco de Terras de Galicia pode ser igualmente solicitada de xeito voluntario por parte da comunidade veciñal propietaria do monte».

Sete. Modifícase a disposición adicional segunda, que queda coa seguinte redacción:

«As comunidades propietarias de montes de veciños consorciados ou con convenios coa Administración, e con independencia de que neles sexan parte os concellos ou deputacións provinciais, poderán optar por subrogarse no consorcio ou convenio preexistente, realizar un novo convenio ou resolver o existente.

As débedas dos consorcios realizados pola Administración forestal do Estado serán condonadas polo importe a que ascendía a débeda no momento da clasificación do monte como veciñal en man común.

Se os consorcios coa Administración continúan en vigor, ben na súa forma orixinal ou transformados en convenios ao abeiro da disposición derradeira terceira da Lei 55/1980, do 11 de novembro, e a totalidade ou parte da débeda existente no momento da clasificación for amortizada, o importe desta devolveráselles ás comunidades en forma de investimentos que ten que realizar a Administración no propio monte.

Cando o consorcio ou convenio fose resolto e liquidado, as comunidades interesadas poderán solicitar a devolución do importe das amortizacións realizadas no momento da clasificación, que será compensado pola Administración en forma de investimentos materializados no propio monte.

Estes investimentos realizaranse con acordo expreso das comunidades propietarias, nun prazo máximo de catro anos».

Artigo 17. Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O parágrafo terceiro do número 1 do artigo 2 queda redactado como segue:

«Non terán a consideración de monte ou terreo forestal os terreos dedicados ao cultivo agrícola, o solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, incluíndo a canle e a zona de dominio público hidráulico destes solos, e os excluídos pola normativa vixente, así como os terreos rústicos de protección agropecuaria».

Dous. Modifícase o número 13 do artigo 2, que queda redactado como segue:

«13. Zona de influencia forestal: as áreas estremeiras que abranguen unha franxa circundante dos terreos forestais cunha largura de 400 metros, excluíndo o solo urbano, de núcleo rural e urbanizable».

Tres. Modifícase o número 2 do artigo 16, que queda redactado como segue:

«2. A estrutura dos plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais será establecida mediante orde da consellaría competente en materia forestal, de acordo coas directrices que estableza a normativa aplicable en materia de emerxencias. En todo caso, incluirá a rede das pistas, vías, camiños, estradas e montes de titularidade municipal e a definición das redes de faixas secundarias, así como a análise da propiedade destas redes de faixas. Poderán incluír ordenanzas de prevención de incendios concordantes co obxecto desta lei en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable situado a menos de 400 metros do monte».

Catro. Modifícase a letra c) do número 3 do artigo 20, que queda redactada como segue:

«c) Das liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, subestacións eléctricas, liñas de transporte e distribución de gas natural, estacións de regulación e medida de gas e depósitos de distribución de gas, e estacións de telecomunicacións».

Cinco. Modifícase a letra c) do artigo 20 bis, que queda redactada como segue:

«c) Nas liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, sen prexuízo do necesario respecto das especificacións da regulamentación electrotécnica sobre distancia mínima entre os condutores, as árbores e outra vexetación, deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 5 metros desde a proxección dos condutores eléctricos máis externos, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa sectorial vixente. Ademais, nunha faixa de 5 metros desde a estrema da infraestrutura non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

Nas subestacións eléctricas deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 5 metros desde o último elemento en tensión e desde os paramentos das edificacións non destinadas ás persoas. Ademais, na devandita faixa non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

De nas subestacións eléctricas existiren edificacións destinadas a albergar oficinas, almacéns ou parque móbil, ás devanditas edificacións seralles de aplicación o disposto no artigo 21 para as edificacións ou vivendas illadas.

A xestión da biomasa incluirá a retirada desta por parte da persoa que resulte responsable consonte o artigo 21 ter, sen prexuízo da facultade do propietario do terreo afectado de proceder á súa retirada. Para estes efectos, a persoa responsable deberá remitir ao taboleiro de edictos do concello un anuncio, con quince días de antelación ás operacións de xestión da biomasa, para os efectos de que os propietarios dos terreos poidan executalas previamente, caso de estaren interesados. Transcorrido o devandito prazo, a persoa responsable estará obrigada á realización da xestión da biomasa».

Seis. Engádese unha letra e) no artigo 20 bis coa seguinte redacción:

«e) Nas estacións de telecomunicacións deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 5 metros desde as infraestruturas de telecomunicación e desde os paramentos das edificacións non destinadas ás persoas. Ademais, na devandita faixa non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

De nas estacións de telecomunicacións existiren edificacións destinadas a albergar oficinas, almacéns ou parque móbil, ás devanditas edificacións seralles de aplicación o disposto no artigo 21 para as edificacións ou vivendas illadas.

No caso das estacións de regulación e medida de gas e depósitos de distribución de gas, deberá xestionarse a biomasa tendo en conta a regulamentación derivada da súa normativa específica, sendo en todo caso, como mínimo, unha faixa de 5 metros».

Sete. Modifícase o artigo 21, que queda redactado como segue:

«Artigo 21. Redes secundarias de faixas de xestión de biomasa

1. Nos espazos previamente definidos como redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais será obrigatorio para as persoas que resulten responsables consonte o artigo 21 ter xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, nunha franxa de 50 metros:

a) Perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

b) Arredor das edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte.

c) Arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

2. Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros mencionada no número anterior non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira.

3. As distancias mencionadas neste artigo mediranse, segundo os casos:

a) Desde o límite do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

b) Desde os paramentos exteriores das edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, ou os límites das súas instalacións anexas.

c) Desde o límite das instalacións no caso dos depósitos de lixo, gasolineiras e parques e instalacións industriais.

d) Desde o peche perimetral no caso dos cámpings».

Oito. Modifícase o artigo 21 ter, que queda redactado como segue:

«Artigo 21 ter. Persoas responsables

1. Con carácter xeral, entenderase por persoas responsables:

a) Nos supostos a que se refiren os artigos 21 e 21 bis, as persoas físicas ou xurídicas titulares do dereito de aproveitamento sobre os terreos forestais e os terreos situados nas zonas de influencia forestal en que teñan os seus dereitos.

b) Nos supostos a que se refiren o artigo 20 bis e, de ser o caso, a letra b) do artigo 21 bis, as administracións públicas, as entidades ou as sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión, ou cedida esta en virtude dalgunha das modalidades previstas legalmente, das vías de comunicación, liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, subestacións eléctricas, liñas de transporte e distribución de gas natural e estacións de telecomunicacións.

2. No caso das edificacións ou instalacións que non conten co preceptivo título habilitante urbanístico ou que se teñan executado incumprindo as condicións sinaladas naquel, a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal corresponde á persoa propietaria dos terreos edificados, que dispoñerá dunha servidume de paso forzosa para acceder á faixa establecida. Este acceso levarase a cabo durante o tempo estritamente necesario para o labor de xestión da biomasa polo punto menos prexudicial ou incómodo para os terreos gravados e, de ser compatible, polo máis conveniente para a persoa beneficiaria.

A retirada de especies arbóreas será realizada polas persoas propietarias delas.

O cumprimento das obrigas ás que se refire este número enténdese sen prexuízo do dereito das persoas titulares do dereito de aproveitamento dos terreos gravados pola servidume de paso forzosa ou das persoas propietarias das árbores retiradas a reclamar da persoa propietaria dos terreos edificados, na vía xurisdicional que corresponda, a correspondente indemnización polos danos e perdas sufridos, incluído o lucro cesante.

3. En solo urbano, de núcleo rural e urbanizable aplicaranse subsidiariamente os criterios establecidos nos artigos 20 bis, 21, 21 ter, 22 e 23, agás aprobación específica de ordenanza municipal ou na falta dela, que poderá elaborarse de conformidade co artigo 16 desta lei».

Nove. Modifícase o artigo 22, que queda redactado como segue:

«Artigo 22. Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas

1. As persoas que resulten responsables consonte o artigo 21 ter procederán á execución da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, de ser o caso, a retirada de especies arbóreas, antes de que remate o mes de maio de cada ano. Exceptúanse os supostos en que, pola extensión ou especial dificultade dos labores de xestión de biomasa ou retirada de especies, sexa precisa a elaboración dunha planificación anual das actuacións, que terá que ser aprobada pola Administración forestal. Esta planificación coordinarase coa actuación doutras administracións públicas responsables da xestión da biomasa e retirada de especies respecto de infraestruturas da súa titularidade, especialmente atendendo á seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, consonte o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa.

A xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas realizarase consonte os criterios establecidos mediante orde da consellaría competente en materia forestal.

2. No suposto de incumprimento do establecido no número anterior, a administración pública competente, de oficio ou por solicitude de persoa interesada, enviará á persoa responsable unha comunicación na que se lle recordará a súa obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas e se lle concederá para facelo un prazo máximo de quince días naturais, ou de tres meses no caso das franxas laterais das vías de comunicación, contado desde a recepción da comunicación. Esta incluirá a advertencia de que, en caso de persistencia no incumprimento transcorrido o devandito prazo, se poderá proceder á execución subsidiaria con repercusión dos custos de xestión da biomasa e, de ser o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración, nas condicións establecidas neste precepto, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda.

3. Cando non se poida determinar a identidade da persoa responsable da xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas ou resulte infrutuosa a notificación da comunicación á que se refire o número anterior, esta efectuarase mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, no que se incluirán os datos catastrais da parcela. Nestes supostos o prazo para o cumprimento computarase desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado.

4. Transcorridos os prazos sinalados neste artigo sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou retire as especies arbóreas prohibidas, a administración pública competente poderá proceder á execución subsidiaria, atendendo ás necesidades de defensa contra os incendios forestais, especialmente respecto da seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, consonte o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa, sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable.

Os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación á que se refire o número 2, e realizarse a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva logo de rematados os traballos de execución subsidiaria.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos adiarase ao momento en que, de ser o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública.

Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas prohibidas, darase traslado da resolución na que se acorde a dita execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador, o cal deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das indicadas especies. O destino das especies obxecto de comiso será o seu alleamento, o cal será efectuado, nos termos regulados nesta lei, pola administración que realizase a execución subsidiaria.

No caso de venda das especies obxecto de comiso, os importes obtidos deberán aplicarse, por parte da administración que realice tales vendas, a sufragar os gastos derivados das execucións subsidiarias da súa competencia.

Nos casos en que, por razóns técnicas debidamente motivadas, resulte inviable que a Administración local poida realizar a execución subsidiaria, poderanse arbitrar medios de colaboración entre a Administración local e a autonómica para posibilitar a execución subsidiaria. Os instrumentos de colaboración determinarán nestes casos a administración actuante e o destino dos fondos que, de ser o caso, se perciban da venda das especies arbóreas.

5. Poderán delimitarse zonas de actuación prioritaria e urxente, nas cales o incumprimento por parte das persoas responsables das súas obrigas de xestión da biomasa vexetal ou a retirada de especies arbóreas prohibidas na data a que se refire o número 1 habilitará as administracións públicas competentes para proceder de maneira inmediata á execución subsidiaria de tales obrigas, en función da presenza de factores obxectivos de risco tales como o carácter recorrente da produción de incendios forestais na zona.

A dita delimitación efectuarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, sobre a base dunha avaliación técnica especializada das zonas que se van delimitar.

Sen prexuízo desta delimitación xeral, cando concorran razóns urxentes derivadas dunha situación obxectiva de grave risco para as persoas ou os bens no caso de que non se efectúe decontado a xestión da biomasa e a retirada de especies prohibidas, as administracións públicas poderán delimitar, mediante resolución, nas faixas da súa competencia, unha ou varias zonas como de actuación prioritaria e urxente co fin de habilitar para proceder de maneira inmediata á execución subsidiaria en caso de incumprimento das obrigas de xestión da biomasa ou retirada de especies prohibidas por parte das persoas responsables na data a que se refire o número 1 deste precepto. A delimitación provisional destas zonas de actuación prioritaria e urxente publicarase no Diario Oficial de Galicia e incluirá un apercibimento das consecuencias establecidas nesta lei no caso de aprobación. Transcorridos 15 días, a resolución pola que se delimitan as zonas publicarase no Diario Oficial de Galicia.

6. Nos supostos de execución subsidiaria, a persoa responsable está obrigada a facilitarlles os accesos necesarios aos suxeitos que acometan os traballos de xestión da biomasa e retirada de especies árboreas prohibidas. En todo caso, a Administración e os seus axentes e colaboradores poderán acceder aos montes, terreos forestais e outros terreos incluídos nas faixas de xestión da biomasa para realizar os traballos necesarios de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas, sen que sexa preciso o consentimento do seu titular, salvo naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso no que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa autorización do seu titular.

7. A competencia para efectuar as comunicacións e tramitar os procedementos de execución subsidiaria regulados neste artigo corresponde ás entidades locais nos casos de incumprimento do disposto no artigo 21, así como nas faixas laterais das redes viarias da súa titularidade, e á consellaría competente en materia forestal nos demais casos.

8. Malia o previsto nos números anteriores, a consellaría competente en materia forestal poderá proceder á execución directa de traballos preventivos nas redes de faixas de xestión de biomasa establecidas nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis, sen necesidade de comunicación previa nin de autorización de ningún tipo, cando se declare un incendio forestal que supoña un risco inminente para as persoas ou os bens.

9. O incumprimento das obrigas que esta lei establece por parte da persoa propietaria do terreo implicará o incumprimento da función social da propiedade e será causa de expropiación forzosa por interese social, no caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa que a administración actuante asumise con cargo ao seu orzamento, e que non lle poida repercutir a aquela por descoñecerse a súa identidade, superen o valor catastral da parcela. A entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou a administración que asumise eses custos con cargo ao seu orzamento terá a condición de beneficiaria da expropiación forzosa e compensará, no momento do aboamento do prezo xusto expropiatorio, as cantidades debidas pola persoa propietaria por este concepto, sempre que non teñan prescrito os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública. No suposto de que a beneficiaria da expropiación for a Administración local, poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia».

Dez. Engádese un novo artigo 22 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 22 bis. Fondo de xestión da biomasa e retirada de especies

Créase na consellaría competente en materia de montes un fondo constituído cos importes procedentes da venda das especies arbóreas prohibidas ou ilegais derivadas das execucións subsidiarias realizadas, ante o incumprimento das obrigas das persoas responsables, pola Administración forestal e comisadas por esta. O destino deste fondo será o de sufragar os custos das execucións subsidiarias que teña que realizar a Administración forestal».

Once. Engádese un novo artigo 22 ter, coa seguinte redacción:

«Artigo 22 ter. Negocios patrimoniais de alleamento da madeira

1. A venda da madeira procedente de especies arbóreas prohibidas que proceda retirar de acordo co establecido nesta lei rexerase polas seguintes regras e, supletoriamente, pola lexislación patrimonial das administracións públicas.

2. Os negocios xurídicos polos que se venda a madeira, incluíndo a súa corta e retirada a cargo do contratista, terán a consideración de privados.

3. A Administración poderá estipular as cláusulas e condicións precisas, sempre que non sexan contrarias ao ordenamento xurídico ou aos principios de boa administración. En particular, a madeira poderá agruparse en lotes por zonas por razóns económicas e de eficiencia na actuación.

4. Será suficiente a formalización destes negocios xurídicos en documento administrativo.

5. A venda da madeira deberá ir precedida dunha valoración previa para determinar o seu valor de mercado.

6. O órgano competente para allear a madeira será o alcalde, no caso de que a competencia corresponda ao concello, ou a persoa titular da dirección xeral competente en materia forestal da Administración autonómica, no caso de que a competencia corresponda á Administración da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da posibilidade de desconcentración ou delegación.

7. O alleamento da madeira poderá realizarse mediante poxa pública, por concurso ou adxudicación directa. A forma ordinaria de alleamento será a poxa pública. Poderá acordarse a adxudicación directa cando sexa declarada deserta a poxa promovida para o alleamento ou esta resulte errada como consecuencia do incumprimento das súas obrigas por parte do adxudicatario; e cando a valoración da madeira non exceda de 12.000 euros. No procedemento de adxudicación directa deberán solicitarse, polo menos, tres ofertas, sempre que resulte posible.

8. Cando deba procederse á retirada illada de madeira, cando polas súas condicións ou as do terreo en que se atope se poida xustificar tecnicamente que o valor de venda equivale aos custos da súa extracción, poderá adxudicarse directamente a súa retirada e entregar a madeira en compensación dos indicados custos.

No caso de que os custos de extracción superen o valor en venda, a contratación das obras realizarase de acordo coa lexislación de contratos do sector público, e poderase entregar a madeira como parte da contraprestación que deba aboar a Administración. Neste caso, o compromiso de gasto correspondente limitarase ao importe que se satisfaga en diñeiro ao contratista, sen ter en conta o valor da madeira. O prezo que aboe a Administración poderalle ser repercutido á persoa responsable como custo da execución subsidiaria».

Doce. Modifícase o artigo 23, que queda redactado como segue:

«Artigo 23. Novas edificacións en terreos forestais e en zonas de influencia forestal e medidas de prevención de incendios forestais nas novas urbanizacións

1. Os instrumentos de planeamento urbanístico deberán ter en conta a avaliación de risco de incendio forestal, no que respecta á zonificación do territorio e ás zonas de alto risco de incendio que constan nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

2. As novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais e as vivendas vinculadas a estas, así como as novas urbanizacións e edificacións para uso residencial, comercial, industrial ou de servizos resultantes da execución de plans de ordenación urbanística que afecten zonas de monte ou de influencia forestal, e que non teñan continuidade inmediata coa trama urbana e que resulten estremeiras con monte ou con zonas de influencia forestal, terán que cumprir coas seguintes medidas de prevención:

a) Asegurar a existencia dunha faixa perimetral de protección para a xestión da biomasa e retirada de especies de 50 metros de largo, arredor da urbanización, edificación ou instalación, computada desde o límite exterior da edificación ou instalación destinada ás persoas, libre de vexetación seca e coa masa arbórea rareada, que en ningún caso conterá especies da disposición adicional terceira, consonte os criterios que se establecerán mediante orde da consellaría competente en materia forestal.

b) Nas zonas de alto risco de incendio será necesario adoptar medidas especiais de autoprotección pasiva da edificación ou da instalación fronte a posibles fontes de ignición procedente de incendios forestais.

c) No caso de urbanizacións e edificacións para uso industrial, deberán dispoñer de xeito perimetral dunha rede de hidrantes homologados para a extinción de incendios ou, na súa falta, de tomas de auga, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

d) Presentar ante a Administración municipal un proxecto técnico de prevención e defensa contra incendios forestais que garanta o cumprimento do que establece esta lei e a normativa que a desenvolva, así como o cumprimento do plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais, se é o caso.

3. No caso de incumprimento da xestión da biomasa vexetal, corresponderalle ao concello a súa realización, acudindo á execución subsidiaria de acordo co establecido no artigo 22 desta lei, sen prexuízo da instrución do correspondente expediente sancionador».

Trece. Modifícase o título do artigo 48, que queda redactado como segue:

«Artigo 48. Extinción, remate, vixilancia, investigación e repercusión de gastos de incendios forestais».

Catorce. Modifícase o número 9 do artigo 48, que queda redactado como segue:

«9. Sen prexuízo das responsabilidades que, de ser o caso, correspondan ás persoas autoras dos incendios forestais, a consellaría competente en materia forestal repercutirá os gastos de extinción, logo da tramitación polo órgano territorial daquela do preceptivo procedemento, con audiencia das persoas interesadas:

a) Ás persoas que resulten responsables consonte o artigo 21 ter cando incumprisen as obrigas de xestión da biomasa vexetal ou retirada de especies arbóreas que lles impón esta lei.

b) Ás persoas que resulten responsables consonte o artigo 21 ter cando incumprisen as distancias mínimas establecidas nesta lei e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou norma que a substitúa.

c) Ás persoas titulares do aproveitamento de predios concentrados ou reestruturados que estean en estado de abandono.

O procedemento para a repercusión dos gastos de extinción iniciarase de oficio, na xefatura territorial correspondente ao municipio en que se produciu o incendio, ou, de seren varios os municipios afectados e isto determinar a competencia de órganos distintos, polo que corresponda ao municipio con maior superficie afectada, sempre que da investigación á que se refire o número anterior se desprenda que os devanditos incumprimentos das persoas responsables ou o estado de abandono dos predios concentrados ou reestruturados influíron na produción, na propagación ou na agravación da intensidade e nos danos provocados polo incendio forestal.

Os gastos repercutiranse ás persoas mencionadas en proporción á contribución dos incumprimentos que lles sexan imputables ou do estado de abandono dos predios concentrados ou reestruturados á produción, á propagación ou á agravación da intensidade e aos danos provocados polo incendio forestal.

A instrución e resolución do procedemento corresponderá ao mesmo órgano territorial competente para inicialo».

Quince. Engádese un número 10 ao artigo 48, coa seguinte redacción:

«10. A inclusión no rexistro cartográfico e informático de superficies queimadas, recollido no número 2 do artigo 4 desta lei, terá efectos de recoñecemento oficial do incendio».

Dezaseis. Engádese un número 4 ao artigo 53, que queda redactado como segue:

«4. O órgano competente para resolver impoñerá acumulativamente, de ser o caso, a sanción accesoria de comiso definitivo da madeira correspondente ás especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración no caso das execucións subsidiarias realizadas consonte o establecido no artigo 22 desta lei. Se a madeira se tiver vendido de acordo co establecido no dito artigo, o comiso referirase ao produto obtido pola súa venda, ao cal deberá darse o destino previsto nesta lei».

Dezasete. Modifícase o número 3 do artigo 54, que queda redactado como segue:

«A incoación do procedemento sancionador en aplicación desta lei, por ausencia de ordenanzas municipais ao respecto, para as infraccións cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, será competencia do correspondente concello. A resolución dos expedientes pola comisión de infraccións leves, graves ou moi graves corresponderalle á persoa titular da alcaldía, de conformidade co establecido no número 3 do artigo 21 ter».

Dezaoito. Engádese unha disposición adicional sexta, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional sexta. Rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia

1. De acordo coa Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, en canto determina o carácter estratéxico para o desenvolvemento económico de Galicia dos recursos forestais galegos e o interese público na conservación das masas forestais, e o disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, tendo en conta a súa finalidade de protexer as persoas e os bens afectados polos incendios forestais, e como instrumento de apoio das redes de vixilancia e detección de incendios forestais que compoñen as redes de defensa contra os incendios forestais de distrito forestal, a Administración autonómica poñerá en marcha a Rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia.

2. A Rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia incluirá a instalación de sistemas tecnolóxicos de detección de incendios mediante cámaras ópticas nos puntos do monte galego que se determinen, coa finalidade de facilitar as tarefas de vixilancia forestal do monte galego e detección temperá de incendios, así como, no caso de se detectaren lumes, permitir a visualización en directo e o seguimento do avance, condicións e evolución destes a través de medios dixitais e imaxes xeoposicionadas, todo isto como mecanismo de apoio á toma de decisións óptimas polas autoridades e persoal técnico competentes para a mobilización e xestión de medios e asignación e coordinación de recursos para a extinción.

3. A instalación dos sistemas de vixilancia realizarase con preferencia en torres de telecomunicacións e infraestruturas de titularidade da Administración autonómica ou do seu sector público, e priorizando os puntos que permitan a vixilancia forestal das parroquias de alta actividade incendiaria e zonas de alto risco definidas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, todo isto sen prexuízo dos medios persoais e materiais xa existentes de vixilancia.

4. A Rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia poderá ir incorporando as diferentes innovacións tecnolóxicas que permita en cada momento a evolución do estado da ciencia e da técnica, como capacidade de visión nocturna e imaxes térmicas, co obxecto de ir mellorando a súa efectividade e eficiencia.

5. A operación da Rede corresponderá á consellaría competente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais e o mantemento técnico, á entidade do sector público competente en materia de modernización tecnolóxica de Galicia.

6. Na implantación do proxecto adoptaranse todas as medidas técnicas, organizativas e de seguridade que sexan necesarias para asegurar a privacidade e o cumprimento da lexislación sobre protección de datos, na medida en que poidan captarse incidentalmente imaxes de persoas identificables. Para estes efectos, establécese como responsable do dito tratamento a consellaría competente en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.

No marco aludido, aprobaranse medidas como o establecemento de protocolos de uso do sistema por parte do persoal técnico competente, rexistros de accesos da manipulación das cámaras, mecanismos técnicos de encriptación para a conservación das imaxes, limitación de prazos de conservación antes da súa destrución e todas aquelas outras medidas que sexan precisas para o cumprimento das normas sinaladas.

Así mesmo, as imaxes poderán ser postas á disposición da autoridade xudicial e das forzas e corpos de seguridade do Estado nos supostos previstos na normativa aplicable».

Artigo 18. Modificación da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras

A Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra d) do artigo 29, que queda redactada como segue:

«d) Os montes veciñais en man común, aos cales, de ser o caso, se lles aplicará o réxime de declaración en estado de grave abandono ou degradación previsto na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, que substituirá, para todos os efectos, a declaración como predio abandonado regulado nesta lei».

Dous. Modifícase o título do capítulo III do título VI, que pasa a ser: «Dos perímetros abandonados».

Tres. Engádese un novo artigo 34 quater, coa seguinte redacción:

«Artigo 34 quater. Execución subsidiaria

1. Cando os predios con vocación agraria situados en solo rústico, contiguos ou non, poidan supoñer risco de incendios forestais, sexan habitualmente obxecto de incendios co conseguinte perigo para as áreas habitadas próximas a esas zonas, sempre que se manteña o seu estado de abandono, consonte co que dispón o artigo 34 bis, con carácter previo á tramitación do procedemento de declaración de perímetro abandonado, a Administración forestal poderá realizar directamente a execución subsidiaria, logo da comunicación dun requirimento previo á persoa responsable no que se lle exixa que xestione a biomasa e retire as especies arbóreas prohibidas e manteña o terreo en condicións axeitadas para previr a aparición ou propagación do lume, así como os posibles prexuízos para as explotacións estremeiras.

2. O requirimento a que alude o número anterior será realizado pola persoa titular da xefatura territorial correspondente ao territorio en que se sitúen os predios. Caso de os predios abrangueren varias provincias, o requirimento realizarao a persoa titular da xefatura territorial competente no territorio de maior extensión da repoboación que sexa da súa competencia.

3. No requirimento concederáselle un prazo á persoa responsable, ben como propietaria dos terreos ou ben como titular do seu aproveitamento, para que realice as actuacións oportunas, que se concretarán no dito requirimento, e será advertida de que, de non facelo, se poderá proceder á execución subsidiaria e se acordará a incoación do procedemento sancionador que corresponda e a medida cautelar de comiso dos produtos procedentes da corta de especies arbóreas prohibidas, se for o caso. O prazo que se concederá neste requirimento terá unha duración que variará en función da superficie afectada e as condicións desta.

4. Cando non se poida determinar a identidade da persoa responsable ou resulte infrutuosa a notificación do requirimento á que se refiren os números anteriores, a notificación efectuarase mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia no que se incluirán os datos catastrais das parcelas. Nestes supostos o prazo para o cumprimento computarase desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado.

5. No caso de que a persoa requirida non realice as actuacións oportunas no prazo concedido, a persoa titular da dirección xeral competente en materia forestal ditará unha resolución na que se acordará a execución subsidiaria pola Administración forestal das actuacións correspondentes.

6. A Administración forestal asumirá os custos da execución subsidiaria da xestión da biomasa, sen prexuízo da súa repercusión á persoa responsable.

Os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación á que se refire o número 1, e realizarse a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva logo de rematados os traballos de execución subsidiaria.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos adiarase ao momento en que, de ser o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública.

Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas prohibidas, darase traslado da resolución na que se acorde a dita execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador, o cal deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das indicadas especies. O destino das especies obxecto de comiso será o seu alleamento, o cal se efectuará nos termos regulados no artigo 22 ter da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

No caso de venda da madeira, os importes obtidos pasarán a formar parte do Fondo de xestión da biomasa e retirada de especies creado para o efecto no artigo 22 bis da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

7. Nos supostos de execución subsidiaria, a persoa responsable está obrigada a facilitarlles os accesos necesarios aos suxeitos que acometan os traballos de retirada de especies ou xestión da biomasa. En todo caso, a Administración e os seus axentes e colaboradores poderán acceder aos montes, terreos forestais e outros terreos incluídos nas faixas de xestión da biomasa para realizar os traballos necesarios de xestión de biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas, sen que sexa preciso o consentimento do seu titular, salvo naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso no que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa autorización do seu titular.

8. O incumprimento das obrigas que esta lei establece por parte da persoa propietaria do terreo implicará o incumprimento da función social da propiedade e será causa de expropiación forzosa por interese social, no caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa que a administración actuante asumise con cargo ao seu orzamento, e que non lle poidan repercutir a aquela por descoñecerse a súa identidade, superen o valor catastral da parcela. A entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou a administración que asumise eses custos con cargo ao seu orzamento terá a condición de beneficiaria da expropiación forzosa e compensará, no momento do aboamento do prezo xusto expropiatorio, as cantidades debidas pola persoa propietaria por este concepto, sempre que non teñan prescrito os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública. No suposto de que a beneficiaria da expropiación for a Administración local, poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia».

Catro. Modifícase o artigo 39, que queda redactado como segue:

«Artigo 39. Sancións accesorias

1. As persoas responsables de infraccións moi graves deberán ser sancionadas, ademais de coas multas recollidas neste título, coas seguintes sancións accesorias:

a) Inhabilitación durante un período de dous anos para seren adxudicatarias de predios integrantes do Banco de Terras de Galicia.

b) Publicación nun diario de maior circulación da provincia das sancións firmes en vía administrativa e da identidade das persoas sancionadas.

2. O órgano competente para resolver impoñerá acumulativamente, de ser o caso, a sanción accesoria de comiso definitivo da madeira correspondente ás especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración no caso das execucións subsidiarias realizadas consonte co establecido no artigo 34 quater desta lei. Se a madeira se tiver vendido de acordo co establecido no dito artigo, o comiso referirase ao produto obtido pola súa venda, ao cal deberá darse o destino previsto nesta lei».

Artigo 19. Modificación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese un artigo 67 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 67 bis. Execución subsidiaria nas repoboacións forestais ilegais

1. Cando exista unha repoboación ilegal, a Administración forestal poderá realizar directamente a execución subsidiaria de retirada da plantación, logo da comunicación dun requirimento previo á persoa titular do dereito de aproveitamento no que se lle exixa que retire a dita repoboación forestal ilegal, nos seguintes supostos:

a) Cando a repoboación se tiver efectuado en solos nos que estea prohibido, con especies prohibidas ou incumprindo as condicións que regula o artigo 67 desta lei.

b) Cando a repoboación se tiver efectuado sen cumprir a exixencia de autorización previa prevista no artigo 67.5 desta lei, sempre que a dita repoboación non sexa autorizable.

2. O requirimento indicado no número anterior será realizado pola persoa titular da xefatura territorial correspondente ao territorio en que se sitúe a repoboación. No caso de que a repoboación abranga varias provincias, o requirimento realizarao a persoa titular da xefatura territorial competente no territorio de maior extensión da repoboación que sexa da súa competencia.

3. No requirimento concederáselle un prazo á persoa titular do dereito de aproveitamento para que retire a repoboación, advertíndoa de que, de non facelo, se poderá proceder á execución subsidiaria e se acordará a incoación do procedemento sancionador que corresponda e a medida cautelar de comiso dos produtos procedentes da corta de especies arbóreas obxecto da repoboación ilegal se for o caso. O prazo que se concederá neste requirimento terá unha duración que variará en función da superficie afectada pola plantación ilegal e as condicións desta, sen que en ningún caso o dito prazo poida exceder de seis meses.

No caso previsto no número 1.b) deste artigo, no requirimento comunicaráselle, así mesmo, á persoa titular do dereito do aproveitamento o criterio que determina que a repoboación non sexa autorizable.

4. Cando non se poida determinar a identidade da persoa titular do aproveitamento ou resulte infrutuosa a notificación do requirimento á que se refiren os números anteriores, esta efectuarase mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, no cal se incluirán os datos catastrais da parcela. Nestes supostos o prazo para o cumprimento computarase desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado.

5. Caso de a persoa requirida non retirar a repoboación no prazo concedido, a persoa titular da dirección xeral en materia forestal ditará unha resolución na que acorde a execución subsidiaria pola Administración forestal do traballo de retirada da repoboación.

6. A Administración forestal asumirá os custos da execución subsidiaria, sen prexuízo da súa repercusión á persoa responsable.

Os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación á que se refire o número 1, e realizarse a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva logo de rematados os traballos de execución subsidiaria.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos adiarase ao momento en que, de ser o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública.

Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas obxecto de repoboación ilegal, darase traslado da resolución na que se acorde a dita execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador, o cal deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das indicadas especies. O destino das especies obxecto de comiso será o seu alleamento, o cal se efectuará nos termos regulados no artigo 22 ter da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

No caso de venda da madeira, os importes obtidos pasarán a formar parte do Fondo de xestión da biomasa e retirada de especies creado para o efecto no artigo 22 bis da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

7. Nos supostos de execución subsidiaria, a persoa responsable está obrigada a facilitarlles os accesos necesarios aos suxeitos que acometan os traballos de retirada de especies. En todo caso, a Administración e os seus axentes e colaboradores poderán acceder aos montes, terreos forestais e outros terreos incluídos nas faixas de xestión da biomasa para realizar os traballos necesarios de retirada de especies arbóreas obxecto da repoboación ilegal, sen que sexa preciso o consentimento do seu titular, salvo naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso en que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa autorización do seu titular.

8. O incumprimento das obrigas previstas no artigo 67 por parte da persoa propietaria do terreo implicará o incumprimento da función social da propiedade e será causa de expropiación forzosa por interese social, en caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria que a administración actuante asumise con cargo ao seu orzamento superen o valor catastral da parcela e non llos poida repercutir á persoa responsable por descoñecerse a súa identidade. A entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou a administración que asumise eses custos con cargo ao seu orzamento terá a condición de beneficiaria da expropiación forzosa e compensará, no momento do aboamento do prezo xusto expropiatorio, as cantidades debidas pola persoa propietaria por este concepto, sempre que non teñan prescrito os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública. No suposto de que a beneficiaria da expropiación for a Administración local, poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia».

Dous. Engádese un novo artigo 68 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 68 bis. Adecuación das masas arboradas e das novas plantacións ás distancias mínimas establecidas pola normativa forestal e de defensa contra os incendios forestais

1. A Administración forestal e as demais administracións públicas que resulten competentes consonte a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ou norma que a substitúa, respectivamente, velarán polo cumprimento dos réximes de distancias mínimas establecidos no anexo II desta lei e na devandita Lei 3/2007, do 9 de abril, así como pola adecuación das masas arboradas e das novas plantacións a aqueles, procurando, cando proceda, a colaboración entre todas as administracións públicas competentes.

2. En caso de incumprimento dos réximes de distancias mínimas aos que se refire o número anterior, a administración pública competente, de oficio ou por solicitude de persoa interesada, enviará á persoa que resulte responsable consonte o artigo 140 desta lei ou o número 1 do artigo 21 ter da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ou norma que a substitúa, segundo o que proceda, unha comunicación na que se lle recordará a súa obriga de retirada do arborado afectado e se lle concederá para facelo un prazo máximo de quince días naturais, ou de tres meses no caso das franxas laterais das vías de comunicación, contado desde a recepción da comunicación. Esta incluirá a advertencia de que, en caso de persistencia no incumprimento transcorrido o devandito prazo, se poderá proceder á execución subsidiaria á custa do obrigado e se poderá acordar a incoación do procedemento sancionador que corresponda e a medida cautelar de comiso dos produtos procedentes da corta de especies arbóreas, se for o caso.

3. Cando non se poida determinar a identidade da persoa responsable ou resulte infrutuosa a notificación da comunicación á que se refire o número anterior, esta efectuarase mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, no que se incluirán os datos catastrais da parcela. Nestes supostos o prazo para o cumprimento computarase desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado.

4. No suposto de distancias mínimas a vías de comunicación, a comunicación prevista neste artigo poderá formularse de maneira conxunta para todas as persoas responsables nun mesmo tramo daquelas mediante a publicación dun anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia no que se incluirá unha relación cos datos catastrais das parcelas afectadas. O prazo para o cumprimento computarase desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado.

5. Transcorridos os prazos sinalados neste artigo sen que a persoa responsable retire as especies arbóreas, a administración pública competente poderá proceder á execución subsidiaria, sen prexuízo da repercusión dos custos á persoa responsable.

Os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación á que se refire o número 2, e realizarse a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de retirada de especies nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva logo de rematados os traballos de execución subsidiaria.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos adiarase ao momento en que, de ser o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública.

Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas, darase traslado da resolución na que se acorde a dita execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador, o cal deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das indicadas especies. O destino das especies obxecto de comiso será o seu alleamento, o cal será efectuado, nos termos previstos no artigo 22 ter da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, pola administración que realizase a execución subsidiaria.

No caso de venda das especies obxecto de comiso, os importes obtidos deberán aplicarse, por parte da administración que realice tales vendas, a sufragar os gastos derivados das execucións subsidiarias da súa respectiva competencia.

Nos casos en que, por razóns técnicas debidamente motivadas, resulte inviable que a Administración local poida realizar a execución subsidiaria, poderanse arbitrar medios de colaboración entre a Administración local e a autonómica para posibilitar a execución subsidiaria. Os instrumentos de colaboración determinarán nestes casos a administración actuante e o destino dos fondos que, de ser o caso, se perciban da venda das especies arbóreas.

6. Nos supostos de execución subsidiaria, a persoa responsable está obrigada a facilitarlles os accesos necesarios aos suxeitos que acometan os traballos de retirada de especies. En todo caso, a Administración e os seus axentes e colaboradores poderán acceder aos montes, terreos forestais e outros terreos incluídos nas faixas de xestión da biomasa para realizar os traballos necesarios de retirada de especies arbóreas, sen que sexa preciso o consentimento do seu titular, salvo naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso en que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa autorización do seu titular.

7. O incumprimento das obrigas a que se refire este artigo por parte da persoa propietaria do terreo implicará o incumprimento da función social da propiedade e será causa de expropiación forzosa por interese social, no caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria dos traballos de retirada de arborado que a administración actuante asumise con cargo ao seu orzamento, e non lles poidan repercutir a aquela por descoñecerse a súa identidade, superen o valor catastral da parcela. A entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou a administración que asumise eses custos con cargo ao seu orzamento terá a condición de beneficiaria da expropiación forzosa e compensará, no momento do aboamento do prezo xusto expropiatorio, as cantidades debidas pola persoa propietaria por este concepto, sempre que non teñan prescrito os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública. No suposto de que a beneficiaria da expropiación for a Administración local, poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia».

Tres. Modifícase a letra a) do número 2 do artigo 70, que queda coa seguinte redacción:

«a) Vincularse a unha agrupación con personalidade xurídica para a xestión conxunta dos seus terreos, que se acreditará mediante a integración das persoas titulares nas correspondentes sociedades de fomento forestal ou similares, ben mediante a achega de títulos de propiedade dos terreos ou de dereitos de aproveitamento sobre eles».

Catro. Modifícase o número 1 do artigo 80, que queda redactado como segue:

«1. Os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal elaboraranse por instancia do propietario ou do titular de dereitos de uso e desfrute sobre o monte, ou da entidade que teña a responsabilidade da súa xestión, e contarán coa conformidade expresa do propietario ou do titular dos dereitos sobre o monte. En caso de existencia de comunidade ou cotitularidade sobre o monte, esta conformidade entenderase outorgada pola maioría necesaria que, conforme as normas que resulten de aplicación á comunidade de que se trate, requiran os actos e negocios de administración ordinaria».

Cinco. Modifícase o número 3 do artigo 80, que queda redactado como segue:

«3. Con carácter xeral, os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal serán específicos para cada monte, aínda que, logo de xustificación, poderán ser redactados conxuntamente para grupos de montes que sexan propiedade da mesma persoa, física ou xurídica, ou entidade e presenten características semellantes. En todo caso, o plan especial desagregarase no nivel de monte».

Seis. Modifícase o artigo 122, que queda redactado como segue:

«Artigo 122. Sociedades de fomento forestal

1. Para os efectos desta lei, serán consideradas como sociedades de fomento forestal aquelas agrupacións que asocian propietarios de predios forestais ou, de ser o caso, persoas titulares de dereitos de uso de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal, que ceden estes dereitos á sociedade para a súa explotación e xestión forestal conxunta por un prazo non inferior a vinte anos ou que realizan as facultades propias do uso e ordenado aproveitamento das superficies forestais da súa propiedade.

2. As sociedades de fomento forestal rexeranse polo Texto refundido da Lei de sociedades de capital cando adopten as formas reguladas na indicada lei, ou, noutro caso, pola lexislación mercantil ou civil aplicable.

3. Mediante desenvolvemento regulamentario determinaranse os requisitos adicionais que deberán cumprir estas sociedades, o seu obxecto e finalidade e outras particularidades do seu réxime xurídico».

Sete. Engádese un novo artigo 122 bis, que queda redactado como segue: 

«Artigo 122 bis. Interese xeral das agrupacións de propietarios en xestión conxunta

 1. Declárase de interese xeral a xestión forestal conxunta e sustentable das agrupacións de propietarios ou titulares do dereito de uso de terreos forestais para a súa explotación conxunta co fin de impedir o abandono de parcelas forestais, especialmente cando concorra algún dos seguintes supostos:

a) Cando a situación da parcela impida ou dificulte a realización de infraestruturas de xestión ou defensa forestal, tales como devasas, pistas, puntos de auga, parques de madeira, cercados gandeiros, entre outras, que se estimen necesarias no correspondente instrumento de ordenación forestal da sociedade de fomento forestal aprobado pola Administración.

b) Cando a situación da parcela impida ou dificulte unha adecuada ordenación da superficie de xestión conxunta.

c) Cando as parcelas constitúan un risco de incendio forestal ou de transmisión de enfermidades ou pragas fitosanitarias pola súa situación de abandono.

2. Cando se dean os supostos previstos no número anterior, as persoas titulares da propiedade ou dereito de uso das parcelas terán a opción de integrarse voluntariamente nas sociedades de fomento forestal ou de poñer as ditas parcelas á disposición do Banco de Terras de Galicia, para que este ceda o seu uso á sociedade, en condicións que permitan unha explotación e xestión forestal conxunta e sustentable por parte desta.

3. No caso de que non se opte por algunha das alternativas indicadas, poderase proceder, nos supostos indicados expresamente no número 1, á expropiación forzosa, por incumprimento da súa función social, da propiedade ou dos dereitos de uso daquelas parcelas de cabida inferior a unha hectárea, susceptibles de explotación forestal, por impedir ou dificultar a explotación e xestión forestal. A beneficiaria da expropiación forzosa será a sociedade de fomento forestal correspondente.

4. A expropiación dos dereitos de uso será, como máximo, polo tempo que dure a cesión voluntaria á sociedade de fomento forestal do resto dos terreos de acordo cos seus estatutos».

Oito. Modifícase a letra a) do número 2 do artigo 129, que queda redactada como segue:

«a) As infraccións tipificadas nas letras a), d), e).1, e).4, i).4 e i).5 do artigo 128 desta lei».

Nove. Engádese un novo número 4 ao artigo 136, coa seguinte redacción:

«4. O órgano competente para resolver impoñerá acumulativamente, de ser o caso, a sanción accesoria de comiso definitivo da madeira correspondente ás especies arbóreas retiradas pola Administración no caso das execucións subsidiarias realizadas consonte o establecido no artigo 67 bis e 68 bis desta lei. Se a madeira se tiver vendido de acordo co disposto nos ditos preceptos, o comiso referirase ao produto obtido pola súa venda, ao cal se lle deberá dar o destino previsto nesta lei».

Dez. Modifícanse as letras h) e i) do anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que quedan redactadas como segue:

h) Con edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte e fóra de solo urbano e de núcleo rural

i) Con solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable

15 metros cando se empreguen as especies de frondosas do anexo I, e 50 metros no resto de especies

Artigo 20. Modificación da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia

A Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O número 2 do artigo 14 queda coa seguinte redacción:

«2. O comité técnico asesor estará presidido pola persoa titular da delegación territorial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente por razón de localización da zona, ou persoa que a represente, e estará formado, como membros natos, pola persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia de medio rural da provincia correspondente e por unha persoa representante por cada un dos departamentos e entidades competentes en materia de:

a) Desenvolvemento rural.

b) Xestión do Banco de Terras.

c) Produción agropecuaria.

d) Montes.

e) Conservación da natureza.

f) Xestión de augas.

g) Urbanismo.

h) Patrimonio cultural.

i) Organizacións profesionais agrarias.

j) Administración local.

Así mesmo, e por razón das súas competencias, será citada, con voz e sen voto, ás reunións do comité técnico asesor unha persoa representante de cada un dos seguintes departamentos e entidades:

a) Estradas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estradas do Estado.

c) Xestión da calidade agroalimentaria, denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas.

d) Infraestruturas enerxéticas e minas.

e) Xerencia territorial do catastro.

f) Deputación provincial.

g) Calquera outro departamento, organización ambiental, monte veciñal en man común ou asociación en defensa do patrimonio e aqueloutras entidades ou persoas que por razón da materia teñan incidencia na actuación de mellora da estrutura agraria que se leve a cabo.

Exercerá a secretaría unha persoa funcionaria da xefatura territorial da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural da provincia correspondente que estea en posesión de licenciatura ou grao en Dereito».

Dous. O primeiro parágrafo do número 2 do artigo 37 queda redactado da seguinte maneira:

«Dentro dos dous meses seguintes á data establecida pola dirección xeral competente por razón da materia para a posta á disposición dos predios de substitución ás persoas titulares adxudicatarias para que tomen posesión deles, poderase reclamar, xuntando unha medición pericial asinada por persoa técnica competente, sobre diferenzas de superficie superiores a unha marxe de tolerancia variable entre a medición in situ do predio de substitución sobre o que se reclame e a que conste no boletín de atribucións dos novos predios. A posta á disposición dos predios de substitución será notificada ás persoas titulares adxudicatarias, e desde ese momento estas poderán, en todo caso, acceder aos ditos predios para proceder á comprobación pericial da superficie asignada».

Tres. Engádese un número 3 ao artigo 45, que queda redactado como segue:

«3. No caso de reestruturación de predios de natureza forestal a iniciativa tamén lles corresponderá ás sociedades de fomento forestal que acrediten ter a titularidade dominical dunha superficie ou dunha cota de copropiedade sobre o conxunto da superficie que pretende reestruturarse non inferior ao 70 % desta».

Catro. Modifícase o número 1 do artigo 47, que queda redactado como segue:

«1. As iniciativas de reestruturación de predios de natureza forestal e con destino a aproveitamentos forestais deberán definir a delimitación cartográfica do perímetro de reestruturación e as áreas excluídas do proceso, ademais de acreditar na solicitude que a agrupación está constituída por un mínimo de tres titulares e o dominio das terras correspondentes a cada partícipe da agrupación. En todo caso, deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) A superficie mínima obxecto de reestruturación será de 15 hectáreas, formada por un ou varios subperímetros dentro da zona de reestruturación parcelaria.

b) A superficie constituída polos enclaves das persoas titulares alleas á agrupación non poderá superar o 30 % do conxunto das terras que serán obxecto de reestruturación.

c) A xestión e o aproveitamento en común das parcelas de forma sustentable e viable».

Cinco. O número 3 do artigo 85 queda coa seguinte redacción:

«3. A xunta de zona constituirase nun prazo non superior aos tres meses contados desde o día seguinte ao da publicación do decreto da zona e quedará disolta unha vez rematadas as funcións inherentes ao plan de actuación intensiva».

CAPÍTULO VII
Política social

Artigo 21. Modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia

Introdúcese na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, un novo artigo 64 bis co seguinte texto:

«Artigo 64 bis. Promoción da colaboración interadministrativa para a creación, a xestión e o mantemento dos servizos sociais

1. De acordo co establecido no artigo anterior, a Administración xeral da Comunidade Autónoma promoverá a formalización de convenios administrativos de colaboración entre ela ou as entidades instrumentais do sector público autonómico e as entidades locais para a creación, a xestión e o mantemento de servizos sociais, en especial no que respecta aos servizos comunitarios específicos, co fin de asegurar a calidade e unha cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio, así como os criterios de economía, eficiencia e eficacia na xestión e o uso racional dos recursos públicos, con independencia da concreta administración titular dos centros.

2. Os convenios a que se refire o número anterior poderán ter por obxecto, en particular, a cesión de bens ás entidades locais con destino á prestación por parte destas últimas de servizos sociais mediante centros de día e residencias, ou o cofinanciamento de centros de día e residencias nas condicións que neles se establezan. Os convenios recollerán os termos da dispoñibilidade ou achega de medios humanos, técnicos ou financeiros e, se é o caso, das instalacións dos centros que en cada caso procedan para cumprir cos principios establecidos nesta disposición.

3. Conforme o establecido na lexislación de réxime local e na Lei 5/2014, do 27 de maio, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, as competencias que corresponden aos concellos en materia de creación, xestión e mantemento dos servizos sociais comunitarios en virtude do disposto no artigo 60 desta lei teñen o carácter de competencias propias atribuídas pola lexislación autonómica, polo que para o exercicio de tales competencias por parte dos concellos non serán exixibles os informes que prevé o artigo 3 da Lei 5/2014, do 27 de maio, para o caso de exercicio de competencias distintas das propias e das atribuídas por delegación».

Artigo 22. Modificación da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria

Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 37 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, que queda redactada como segue:

«b) Vicepresidencia primeira: este cargo recaerá na persoa titular dunha subdirección xeral ou xefatura de servizo con funcións en materia de voluntariado designada pola persoa titular da dirección xeral competente neste ámbito».

Artigo 23. Modificación da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, queda modificada nos seguintes termos:

Un. Engádese un número 3 ao artigo 2 coa seguinte redacción:

«3. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, esta lei será tamén aplicable a persoas que non teñan a consideración de novas, en función da natureza e os obxectivos dos programas e actuacións obxecto de regulación».

Dous. Engádese un novo artigo 10 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 10 bis. Xuventude e medio ambiente

A Xunta de Galicia impulsará a educación e a sensibilización da xuventude na protección e uso responsable do medio natural, co fin de acadar unha utilización sustentable dos recursos naturais, o fomento da solidariedade interxeracional e o compromiso dos mozos e mozas co medio ambiente».

Tres. Modifícase o número 2 do artigo 18, que queda redactado como segue:

«2. Son servizos prestados á xuventude, entre outros, os seguintes:

a) A información xuvenil.

b) A formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil.

c) As actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.

d) As instalacións xuvenís.

e) Os carnés de servizos á xuventude».

Catro. Modifícase o título do capítulo II do título II, que pasa a ser o seguinte: «Da información xuvenil».

Cinco. Engádese unha letra e) no número 2 do artigo 20 coa seguinte redacción:

«e) Os correspondentes xuvenís».

Seis. Modifícase o título do capítulo III do título II, que pasa a denominarse: «Da formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil».

Sete. Modifícase o artigo 23, que queda redactado como segue:

«Artigo 23. Da formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil a través da educación non formal

O órgano de dirección competente en materia de xuventude promoverá e coordinará as actividades de formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil no ámbito da educación non formal, a través da Escola Galega de Xuventude e da Rede de escolas de educación no tempo libre de Galicia».

Oito. Modifícase o artigo 24, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 24. Escolas de educación no tempo libre

1. As escolas de educación no tempo libre constitúen centros de formación, perfeccionamento e especialización nas actividades e técnicas orientadas á promoción e axeitada utilización do ocio e do tempo libre.

2. As persoas físicas ou xurídicas que queiran iniciar a prestación de servizos en escolas de educación no tempo libre deberán presentar a correspondente declaración responsable ante o órgano de dirección competente en materia de xuventude, nos termos que regulamentariamente se establezan.

Así mesmo, os requisitos para poder realizar a actividade de formación da persoa nos ámbitos do ocio e do tempo libre estableceranse regulamentariamente.

En todo caso, as persoas interesadas dispoñerán na páxina web da consellaría competente en materia de xuventude de toda a información necesaria, a través dun portelo único onde poidan realizar todos os trámites necesarios para levar a cabo a prestación destes servizos.

3. Presentada a declaración responsable, as escolas pasarán a integrar a Rede de escolas de educación no tempo libre de Galicia, mediante a inscrición no rexistro regulado nesta lei, e seralles aplicable o establecido nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

4. As escolas de educación no tempo libre, integradas na Rede de escolas de educación no tempo libre de Galicia, impartirán as seguintes modalidades de ensino:

a) Cursos de primeiro nivel, cuxa titulación se corresponde coa de monitores ou monitoras de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.

b) Cursos de segundo nivel, cuxa titulación se corresponde coa de director ou directora de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil e director ou directora de campos de traballo.

Así mesmo, poderán impartir calquera outra formación correspondente ao seu ámbito de actuación no eido da xuventude, nos termos que se establezan regulamentariamente.

5. O órgano de dirección competente en materia de xuventude procederá á expedición dos correspondentes títulos, baixo os principios e requisitos contidos na normativa que, en desenvolvemento da lei, lle resulte aplicable.

6. Non precisarán de homologación as titulacións de educación de tempo libre análogas expedidas polos organismos responsables en materia de xuventude das distintas comunidades autónomas».

Nove. Modifícase o título do capítulo IV do título II, que pasa a denominarse: «Das actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil».

Dez. Modifícase o artigo 25, que queda redactado como segue:

«Artigo 25. Definición e tipoloxía

1. Para os efectos desta lei, as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil son as promovidas por persoas físicas, asociacións, entidades ou empresas públicas e privadas que contribúan ao desenvolvemento integral da infancia e da mocidade mediante a execución dun proxecto cunha metodoloxía educativa non formal dun xeito lúdico-recreativo e formativo.

2. Para os efectos desta lei, as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil comprenderán:

a) As acampadas.

b) As marchas voantes ou rutas.

c) Os campamentos.

d) Os campos de traballo.

e) Outras actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil que regulamentariamente se considere que deban someterse a esta lei.

Estas actividades serán obxecto de desenvolvemento regulamentario».

Once. Modifícase o artigo 26, que queda redactado como segue:

«Artigo 26. Requisitos

1. O desenvolvemento de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil requirirá:

a) A presentación previa dunha declaración responsable, nos supostos e termos previstos regulamentariamente.

b) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil. As características do seguro serán desenvolvidas regulamentariamente.

c) Estar a cargo de persoas con titulación suficiente, nos termos previstos regulamentariamente.

2. Cando participen menores de idade nas actividades, requirirase que conten cunha autorización por escrito da persoa ou das persoas que exerzan a súa patria potestade ou tutela».

Doce. Modifícase o número 1 do artigo 27, que queda coa seguinte redacción:

«1. Para os efectos desta lei, considéranse instalacións xuvenís as que, pertencendo á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás administracións locais e a entidades privadas, se encontren principalmente ao servizo da mocidade, facilitando a súa convivencia, aloxamento, formación e participación en actividades dirixidas ás persoas novas.

A prestación de servizos á xuventude nos supostos de instalacións xuvenís e modificacións substanciais destas requirirá a formulación de declaración responsable de inicio de actividade ante o órgano de dirección competente en materia de xuventude».

CAPÍTULO VIII
Economía, emprego e industria

Artigo 24. Modificación da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia

A Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra c) do número 2 do artigo 14, que queda redactada como segue:

«c) Representantes das empresas de maior achega voluntaria na demarcación de cada cámara. Estes vogais serán elixidos de entre as empresas que realizasen achegas económicas voluntarias, efectivas e satisfeitas, que superen o limiar que determine o regulamento de réxime interior de cada cámara. O seu número representará un sexto do número total dos vogais do pleno. A xunta electoral proclamará electas as empresas que realicen as maiores achegas na demarcación, segundo a información facilitada pola secretaría xeral da cámara, no número de vogalías que se deben cubrir. No caso de existir empate entre estas a xunta electoral proclamará electa a empresa con maior antigüidade no censo da cámara e, de persistir o empate, resolverá mediante sorteo».

Dous. Modifícase o número 2 do artigo 15, que queda redactado como segue:

«2. Conforme o procedemento previsto no regulamento de réxime interior, o pleno da cámara poderá delegar e revogar, sen prexuízo da súa comunicación ao órgano tutelar, o exercicio das súas atribucións no comité executivo, agás as atribucións previstas nas alíneas a), b), c), e), f), h), j) e n) do número un deste artigo. No caso de cámaras que conten con plenos compostos por un número de vogais inferior a 50, non poderán ser obxecto de delegación as atribucións enumeradas nas alíneas a), b), c), e), f), g), h), i), j), k) e n) do número un deste artigo.

As delegacións en materia de xestión financeira decaerán automaticamente coa aprobación de cada orzamento anual. En calquera caso, as delegacións conferidas polo pleno non poderán exceder do seu período de mandato, e extinguiranse automaticamente no momento en que se renove o pleno da cámara».

Tres. Suprímese a disposición derradeira primeira.

Artigo 25. Modificación da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral

Modifícase o segundo parágrafo da disposición transitoria segunda da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que queda coa seguinte redacción:

«Os comités provinciais regulados no Decreto 200/2004, do 29 de xullo, polo que se crea o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e se regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, continuarán existindo ata o que dispoña para o efecto un decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellaría con competencias en materia de traballo».

Artigo 26. Modificación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia

Un. Modifícase o número 2 do artigo 18 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que queda coa seguinte redacción:

«2. As funcións indicadas no número anterior serán exercidas polo Consello a través do Comité Executivo de Comercio Interior e Exterior, con excepción da función prevista na letra c), para o exercicio da cal se constituirá unha comisión consultiva, da que formarán parte, ademais da persoa que ocupe a presidencia do Comité Executivo de Comercio Interior e Exterior, os seguintes membros do Consello:

a) A persoa representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

b) A persoa representante do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

Completarase a composición da Comisión Consultiva cos seguintes membros designados pola persoa que exerza a presidencia do Consello Galego de Economía e Competitividade, por proposta da consellaría de procedencia:

a) Dúas persoas representantes da consellaría competente en materia de comercio.

b) Dúas persoas representantes da consellaría competente en materia de urbanismo, ordenación do territorio e medio ambiente.

c) Unha persoa representante da consellaría competente en materia de infraestruturas.

A secretaría da Comisión Consultiva corresponderá a unha persoa funcionaria da dirección xeral competente en materia de comercio, que actuará como tal con voz e sen voto».

Dous. Engádese un número 2 ao artigo 75, que queda redactado como segue:

«2. Por razóns de protección do patrimonio cultural, nas rutas dos Camiños de Santiago a venda ambulante só poderá desenvolverse nos tramos urbanos da traza dos devanditos Camiños ou no marco das tipoloxías previstas nas letras a), b) e d) do artigo 71 da presente lei nos tramos non urbanos, debéndose respectar en todo caso o establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia».

Tres. O primeiro parágrafo do artigo 75 numérase como 1.

Artigo 27. Modificación da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, queda modificada como segue:

Un. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 92, que quedan redactados como segue:

«1. As sancións pecuniarias só poderán ser obxecto de redución nos seguintes casos:

a) Cunha redución dun setenta por cento nos supostos de conformidade co contido do acordo de iniciación do expediente sancionador, sempre que este non se inicie como consecuencia de denuncia ou reclamación dunha persoa prexudicada e se xustifique ter rectificado as circunstancias da infracción cometida.

O importe resultante da devandita redución nunca poderá, en ningún caso e baixo ningunha circunstancia, ser inferior ao límite mínimo establecido no artigo 86 para as sancións previstas nel segundo a gravidade da infracción imputada, isto é, para as infraccións leves 150 euros, para as infraccións graves 3.001 euros e para as infraccións moi graves 15.001 euros.

Para poder acollerse á devandita redución, deberá manifestarse a dita conformidade e xustificarse o ingreso da sanción coa dedución ou solicitar o fraccionamento dela no prazo de alegacións ao acordo de iniciación do expediente sancionador. En todo caso, tanto o ingreso da sanción coa dedución como a solicitude de fraccionamento dela no prazo indicado, supoñerá a conformidade co contido do acordo de iniciación. O cumprimento dos requisitos anteriores para acollerse á redución poñerá fin ao procedemento.

b) No límite mínimo para a sanción prevista para a infracción imputada nos supostos de conformidade co contido do acordo de iniciación de expediente sancionador, sempre que se procedese a satisfacer aos consumidores prexudicados pola infracción e se xustifique ter rectificado as circunstancias da infracción cometida.

Neste suposto deberá manifestarse a dita conformidade, xustificarse a satisfacción aos prexudicados pola infracción e o ingreso da sanción coa dedución ou solicitar o fraccionamento dela, no prazo dun mes desde a notificación do acordo. En todo caso, tanto o ingreso da sanción coa dedución como a solicitude de fraccionamento dela no prazo indicado supoñerá a conformidade co contido do acordo de iniciación. O cumprimento dos requisitos anteriores para acollerse á redución poñerá fin ao procedemento.

c) Cunha redución dun vinte e cinco por cento nos supostos de conformidade coa resolución sancionadora, caso en que deberá manifestarse a dita conformidade e xustificarse o ingreso da sanción coa redución ou solicitar o fraccionamento dela no prazo dun mes desde a notificación da resolución. O ingreso da sanción coa dedución no prazo indicado supoñerá a conformidade coa resolución sancionadora. O importe resultante desta redución non poderá ser, en ningún caso e baixo ningunha circunstancia, inferior ao límite mínimo establecido no artigo 86 para as sancións previstas nel segundo a gravidade da infracción imputada, isto é, para as infraccións leves 150 euros, para as infraccións graves 3.001 euros e para as infraccións moi graves 15.001 euros.

2. A interposición de recursos administrativos ou ante a xurisdición contencioso-administrativa supoñerá a perda das reducións determinadas no número anterior».

Dous. Engádese unha disposición adicional sétima coa seguinte redacción:

«Disposición adicional sétima. Servizos de información e atención das empresas

1. De acordo coa sentenza do 2 de marzo de 2017 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea relativa á interpretación do artigo 21 da Directiva 2011/83/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2011, sobre os dereitos dos consumidores, pola que se modifican a Directiva 93/13/CEE do Consello e a Directiva 1999/44/CE do Parlamento Europeo e do Consello e se derrogan a Directiva 85/577/CEE do Consello e a Directiva 97/7/CE do Parlamento Europeo e do Consello, asunto C568/15, cando o servizo de información e atención ao cliente que as empresas poñen á disposición dos consumidores se proporcione telefonicamente a través dunha liña fixa, deberá prestarse a través dunha liña con rango de numeración xeográfica ou, no suposto dunha liña móbil, deberá prestarse a través dunha liña con rango de numeración para servizos de comunicacións móbil estándar.

O establecido no parágrafo anterior non impedirá que o servizo de información e atención se poida realizar a través doutros rangos de numeración. Nestes casos deberá garantirse para os consumidores que a utilización destes rangos de numeración sexa totalmente gratuíta ou non supoña un custo superior ao dunha liña con rango de numeración xeográfica ou con rango de numeración para servizos de comunicacións móbil estándar, segundo os casos. Correspóndelle á empresa a proba, tanto de forma xenérica para os rangos de numeración aplicados, como para cada chamada recibida concreta, de que a numeración aplicada non supón un custo superior ao dunha liña con rango de numeración xeográfica ou dunha liña con rango de numeración para servizos de comunicacións móbil, segundo os casos. No caso de falta de proba por parte da empresa deste dato, presumirase que o custo é superior para os efectos previstos no número seguinte deste artigo.

2. O incumprimento do establecido no número anterior suporá a comisión da infracción prevista no artigo 82.5 desta lei.

3. O establecido nos números anteriores non será de aplicación cando unha norma exixa que o número de teléfono sexa gratuíto, caso en que será aplicable a dita norma e non poderá supoñer ningún custo para o consumidor por ningún concepto».

Artigo 28. Fundacións de carácter feiral de Galicia

Nas fundacións de carácter feiral nas que concorra algunha das circunstancias previstas no número 1 do artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nas que, no entanto, non se cumpra o disposto no número 3 do mesmo precepto legal, os membros dos respectivos padroados designados pola Administración autonómica e/ou entidades do sector público autonómico promoverán que se adapte a composición dos ditos padroados de xeito que a designación da maioría dos membros corresponda á Administración pública autonómica. A correspondente modificación estatutaria, de realizarse, deberá axustarse ao previsto no artigo 114 da citada Lei 16/2010, do 17 de decembro.

CAPÍTULO IX
Educación

Artigo 29. Modificación da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia

Introdúcese un novo artigo 116 na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, co seguinte texto:

«Artigo 116. Convenios celebrados ao abeiro dos plans galegos de financiamento universitario

Atendido o marco temporal dos plans galegos de financiamento universitario, os convenios que se celebren ao abeiro deles poderán ter un prazo de vixencia superior aos catro anos, co fin de que o dito prazo de vixencia se axuste ao período de duración de tales plans».

CAPÍTULO X
Mobilidade

Artigo 30. Modificación da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia

 A Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 53, que queda coa seguinte redacción:

«2. As persoas titulares de autorizacións administrativas para o exercicio da actividade de arrendamento de vehículos con condutor domiciliadas en Galicia estarán obrigadas a colocar en todos os vehículos adscritos á dita autorización un distintivo identificativo desta actividade, consonte as condicións de deseño, emisión, uso e validez temporal que aprobará a consellaría competente en materia de transportes.

En todo caso, o dito distintivo consistirá nun autoadhesivo vinilo que se deberá colocar na parte dianteira e traseira do vehículo, e será emitido aos titulares dos correspondentes títulos habilitantes polos órganos administrativos competentes para o outorgamento ou visado periódico das correspondentes autorizacións administrativas habilitantes.

Os vehículos non poderán levar ningunha publicidade nin signos externos identificativos, agás a placa relativa á súa condición de servizo público e o distintivo regulado neste artigo».

Dous. Modifícase a letra j) do artigo 61, que queda co seguinte contido:

«j) Non dispoñer, no caso de autorizacións de arrendamento de vehículos con condutor, do número mínimo de vehículos, ou carecer das características exixibles a estes, entre as que se inclúe a utilización do distintivo e a placa de servizo público regulados no número 2 do artigo 53».

Tres. Incorpórase unha disposición transitoria décimo segunda coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria décimo segunda. Exixencia da dispoñibilidade dun distintivo da actividade de arrendamento de vehículos con condutor

A exixencia da disposición dun distintivo identificativo da actividade de arrendamento de vehículos con condutor establecida no número 2 do artigo 53 será exixible para o conxunto de titulares de títulos habilitantes domiciliados en Galicia ao mes da publicación da orde da consellaría competente en materia de transportes pola que se establezan as súas condicións de deseño, emisión e uso, agás que na dita orde se fixe motivadamente un prazo superior, que en ningún caso poderá ser superior ao de seis meses».

Disposición transitoria primeira. Aplicación da nova duración do permiso por parto, do permiso por adopción ou acollemento e do permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo ao persoal funcionario que estea gozando de tales permisos

A nova duración do permiso por parto, do permiso por adopción ou acollemento e do permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo será de aplicación a aquel persoal funcionario que estea gozando de tales permisos no momento da entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria segunda. Réxime de transmisión de oficinas de farmacia

1. O réxime de transmisión previsto na nova redacción do número 2 do artigo 23 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, será de aplicación ás novas oficinas de farmacia adxudicadas nos concursos públicos convocados con posterioridade á entrada en vigor desta lei.

2. As oficinas de farmacia adxudicadas con anterioridade quedan sometidas ao réxime de transmisión que lles era aplicable antes da entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria terceira. Exixibilidade das novas obrigas introducidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e no anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e repercusión dos gastos de extinción dos incendios forestais

1. Serán inmediatamente exixibles desde a entrada en vigor desta lei as novas obrigas que a nova redacción dada por esta lei á Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, impón ás persoas responsables e, en particular, as que derivan das seguintes disposicións:

a) Letra c) do número 1 do artigo 21.

b) Número 2 do artigo 21.

c) Letra a) do número 2 do artigo 23.

Malia o anterior, o incumprimento destas obrigas só será sancionable cando persista transcorridos tres meses desde a entrada en vigor desta lei, agás no caso de incumprimento das obrigas previstas no artigo 21.2 respecto de cámpings, gasolineiras e industrias nas que se viñesen desenvolvendo actividades perigosas, ao tratarse, neste último caso, dun incumprimento xa constitutivo de infracción ao abeiro da normativa modificada por esta lei.

2. A repercusión dos gastos de extinción dos incendios forestais prevista na redacción dada por esta lei ao número 9 do artigo 48 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, só se poderá facer efectiva cando os incumprimentos ou circunstancias que a motivan persistan transcorridos tres meses desde a entrada en vigor desta lei.

3. Establécese un prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei para a adecuación das repoboacións forestais existentes á nova distancia prevista nas letras h) e i) do anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, respecto dos últimos 20 metros dos 50 previstos para a retirada das especies distintas das frondosas do anexo I.

Disposición transitoria cuarta. Montes con consorcios ou convenios coa Administración

1. Os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes no momento da entrada en vigor desta lei serán obxecto de:

a) Cancelación de oficio nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2021, nos casos seguintes:

– Montes que non presenten saldo debedor na data de entrada en vigor desta lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado.

– Montes catalogados de dominio público que pasen a xestionarse de acordo co establecido no artigo 34 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– Montes que non consigan os fins para os cales se subscribise o convenio ou o consorcio por causas relacionadas co estado legal, forestal, administrativo ou económico do monte.

Considerarase que non se cumpriron estes fins, entre outras causas, cando o arborado existente ocupe unha superficie inferior ao 30 % da total do consorcio ou convenio, agás por afectación de incendios forestais posteriormente á data de entrada en vigor desta lei, polo que neste caso de afectación de incendios forestais a superficie arborada queimada se considerará como superficie arborada para os efectos do cómputo desta porcentaxe do 30 %.

Para efectos do cómputo dese 30 % non se contabilizará o arborado cunha idade inferior aos cinco anos.

b) Finalización nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2021, momento en que deberá asinarse un contrato temporal de xestión pública que substitúa o consorcio ou o convenio finalizado. No caso de non se formalizar o devandito contrato no prazo establecido, o titular do monte deberá aboar o saldo debedor do convenio ou consorcio finalizado á Comunidade Autónoma; para iso, poderá aboalo nun único pagamento ou a través dun plan de devolución plurianual. No caso de non se producir o aboamento total ou da cota anual disposta no devandito plan, procederase á súa anotación preventiva, en concepto de carga real, das cantidades debidas á Comunidade Autónoma de Galicia no correspondente rexistro da propiedade, e non poderán ter axudas ou beneficios de ningún tipo mentres non regularicen a súa situación nos termos previstos nesta lei.

2. O novo contrato de xestión pública, se procede dun convenio ou dun consorcio finalizado, considerará, como primeira partida do anticipo reintegrable de novo contrato, a diferenza entre a suma das partidas de gastos sufragados pola Administración forestal e os ingresos do consorcio ou do convenio. A partir dese momento aplicará o réxime previsto para a contabilización.

3. Sen prexuízo do anterior, considerarase liquidado o saldo debedor dos convenios ou consorcios que sexan obxecto de finalización ou de cancelación cando os seus titulares constitúan unha sociedade de fomento forestal ou pasen a formar parte dela.

4. Para os efectos contables, as débedas dos consorcios realizados pola Administración forestal serán condonadas polo importe a que ascendía a devandita conta no momento da clasificación do monte como veciñal en man común.

5. As cancelacións referidas no número 1 desta disposición transitoria publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellaría competente en materia de montes.

6. Nas cancelacións referidas no número 1 desta disposición transitoria, cando veñan motivadas por non se teren conseguido os fins para os cales se subscribiu o convenio ou o consorcio, e sempre que a causa non sexa atribuíble á persoa titular, considerarase que os predios se atopan libres de cargas, liquidándose o saldo debedor do convenio ou consorcio coa Comunidade Autónoma.

7. Entenderanse extinguidos, sen máis trámite, os convenios e consorcios existentes en superficies que conten cun acordo de concentración parcelaria firme. No caso de que na protocolización da acta de reorganización da propiedade ou na inscrición dos títulos de concentración no rexistro da propiedade conste expresamente que os predios se atopan libres de cargas, o saldo debedor do convenio ou consorcio coa Comunidade Autónoma considerarase liquidado.

8. Para o cálculo do saldo debedor do convenio ou consorcio non se terán en conta os investimentos e cargos realizados pola Administración forestal con anterioridade ao ano 2005, sen que isto supoña, en ningún caso, a existencia dun saldo favorable ao titular do monte.

Disposición transitoria quinta. Proceso electoral das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia

As modificacións da Lei 5/2004, de 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, introducidas nesta lei serán de aplicación ao actual proceso electoral aberto pola Orde EIC/710/2017, do 26 de xullo, pola que se declara aberto o proceso electoral para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de España, cuxa convocatoria de eleccións na Comunidade Autónoma de Galicia se publicará con posterioridade á entrada en vigor desta lei.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 208/2005, do 14 de xullo, sobre xestión e integración ambiental de ocos ocasionados por antigas actividades, con excedentes de terras e rochas procedentes de grandes obras, a disposición transitoria novena da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e o número 2 do artigo 28 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

2. Quedan derrogadas, así mesmo, as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto na presente lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro

Engádese un artigo 53 bis no Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, co seguinte contido:

«Artigo 53 bis. Comparecencia dos titulares da presidencia das deputacións provinciais ante a comisión parlamentaria

Sen prexuízo da competencia dos plenos das deputacións provinciais para a aprobación dos seus orzamentos en uso da súa autonomía constitucional e estatutariamente garantida, o Parlamento de Galicia tomará coñecemento deles desde a perspectiva dos intereses xerais comunitarios directamente afectados. Para estes efectos, deberán comparecer ante a comisión parlamentaria competente, de acordo co Regulamento do Parlamento de Galicia, as persoas titulares da presidencia das deputacións».

Disposición derradeira segunda. Modificacións regulamentarias

As previsións do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia que son obxecto de modificación pola presente lei poderán ser modificadas por norma do rango regulamentario correspondente á norma na que figuran.

Disposición derradeira terceira. Refundición normativa en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais

1. Autorízase o Consello da Xunta para que, no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, aprobe, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de incendios, un decreto lexislativo no que refunda a normativa de rango legal vixente en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, constituída pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e as súas modificacións.

2. A autorización a que se refire esta disposición inclúe a facultade de regularizar, aclarar e harmonizar os textos legais que teñan que refundirse.

Disposición derradeira cuarta. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Habilítase o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrara en vigor o 1 de xaneiro de 2018.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil dezasete.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente