Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2017 Páx. 59096

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

ANUNCIO do 20 de decembro de 2017 polo que se convocan seis bolsas, cinco dirixidas a persoas tituladas superiores universitarias e unha en formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea para o ano 2018.

O día 27 de decembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 1 de decembro de 2017 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias e en formación profesional en asuntos relacionados coa Unión Europea.

Segundo o establecido no artigo 15 dos estatutos da Fundación Galicia Europa, en ausencia do presidente da Fundación correspóndelle ao vicepresidente asinar as convocatorias públicas das axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación.

Á vista do anteriormente exposto

DISPOÑO:

Primeiro. Convocatoria

Convocar cinco bolsas para persoas tituladas superiores universitarias e unha en formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea para o ano 2018 de conformidade coas bases reguladoras establecidas no anexo I da Orde do 1 de decembro de 2017 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias e en formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea.

As bolsas distribuiranse da seguinte maneira:

1. Catro (4) bolsas estarán destinadas a persoas tituladas universitarias para a formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos. Dúas delas desenvolveranse na oficina da FGE en Santiago de Compostela e outras dúas na oficina de Bruxelas.

2. Unha (1) bolsa estará destinada a persoas tituladas universitarias para a formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos, con destino na oficina de Bruxelas.

3. Unha (1) bolsa estará destinada a persoas técnicas superiores de formación profesional para a realización de prácticas con destino na oficina de Bruxelas.

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario da bolsa deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II das bases da convocatoria anteriormente mencionada que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das devanditas bases.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 6 das bases reguladoras.

Terceiro. Importe e financiamento da bolsa

1. O importe total destas bolsas é de oitenta e sete mil cento dezasete euros con vinte oito céntimos (87.117,28 €). Deste importe, oitenta e catro mil cincocentos oitenta euros (84.580,00 €) están destinados ao pagamento das bolsas e dous mil cincocentos trinta e sete euros con vinte oito céntimos (2.537,28) ao pagamento das cotas da Seguridade Social dos bolseiros en cumprimento do establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

2. O pagamento das bolsas será efectuado pola Fundación Galicia Europa que recibirá para esta finalidade una transferencia da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.111E.443.02 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

A adxudicación das bolsas queda condicionada á aprobación dos orzamentos para o 2018 e á materialización da devandita modificación orzamentaria.

3. A contía bruta individual das axudas para todo o período será:

– Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Santiago de Compostela: doce mil cincuenta euros (12.050 €).

– Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Bruxelas: catorce mil seiscentos vinte euros (14.620 €).

Estas contías estarán suxeitas ás retencións fiscais e de cotizacións á Seguridade Social, que veñan determinadas pola normativa vixente. O pagamento da bolsa será mensual. No caso de que o período de formación sexa inferior ao mes, ratearanse de forma proporcional aos días desfrutados.

Para as persoas bolseiras que vaian realizar a súa formación en Bruxelas establécese unha axuda complementaria de cincocentos euros (500 €) en concepto de gastos de viaxe que serán aboados unha vez comezadas as prácticas.

A FGE non aboará ningunha cantidade adicional por outros conceptos, aínda que correrá cos gastos de transporte, aloxamento e manutención nos casos en que, a petición da FGE, a persoa bolseira deba asistir a eventos relacionados coa realización das prácticas, sen exceder en ningún caso o nivel do baremo de axudas de custo aplicado pola FGE que lles corresponda.

Cuarto. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Quinto. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo (PR770N) poderase obter documentación normalizada segundo as bases reguladoras na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal ou información adicional na Fundación Galicia Europa, a través dos seguintes medios: páxina web oficial da Fundación Galicia Europa:
http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu

O teléfono: 981 54 10 18 ou enderezo electrónico: santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu

Presencialmente: Fundación Galicia Europa. Rúa do Hórreo, 61, Santiago de Compostela

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

Sexto. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa