Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2017 Páx. 59555

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2017, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o expediente para declarar a Ribeira Sacra ben de interese cultural, coa categoría de paisaxe cultural, e outros bens e manifestacións do patrimonio cultural material e inmaterial relacionados.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural, entendido este en especial como patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese para Galicia, pero tamén para ditar normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe.

No seu exercicio aprobouse a Lei 8/1995, do 30 de outubro, e recentemente a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), que a substitúe e actualiza, co obxecto da protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valoración e transmisión ás xeracións futuras.

No artigo 8.2 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indicase que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

A Lei 5/2016, do 4 de maio, supón, así mesmo, a incorporación de novos modelos e perspectivas tanto para a identificación como para a valoración e a xestión do patrimonio cultural galego, entre os que están o desenvolvemento tanto dos criterios de carácter estrutural e integral do recoñecemento do valor cultural, os seus aspectos territoriais e o carácter complementario dos bens e manifestacións tanto materiais coma inmateriais. Entre as novas categorías creadas pola lexislación vixente para adoptar estes criterios está a da paisaxe cultural.

O artigo 10.1.h) da Lei 5/2016, do 4 de maio, define a paisaxe cultural como o lugar identificable por un conxunto de características culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e do ser humano, que é o resultado do proceso da interacción e interpretación que unha comunidade fai do medio natural que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade. Esta definición asume, polo tanto, o concepto holístico do patrimonio cultural e recólleo como a construción dunha identidade pola interacción dunha comunidade no seu territorio vital.

As directrices prácticas para aplicar a Convención do patrimonio mundial da UNESCO definen as paisaxes culturais como a obra conxunta do ser humano e da natureza, que ilustra a evolución da sociedade humana e os seus asentamentos ao longo do tempo, condicionada polas limitacións e as oportunidades físicas que presenta o seu medio natural, e polas sucesivas forzas sociais, económicas e culturais, tanto externas coma internas.

A Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural que reúne todas as características para ser considerada non só dun valor sobranceiro para a identidade do pobo galego ao longo do tempo, senón un exemplo significativo de valor universal que testemuña o intercambio de valores humanos, desde a presenza prehistórica en que o pensamento abstracto se materializa no respecto aos mortos e na idealización da natureza e do universo observable plasmado sobre a pedra; a explotación dos recursos minerais estratéxicos; o ascetismo, a contemplación e a vida natural dos eremitas e monxes; o asentamento e asimilación de crenzas relixiosas e espirituais a través dos máis fermosos e complexos monumentos en que se gravaba na pedra tamén a súa doutrina; o cultivo intensivo de peadas pendentes para a súa venda e intercambio a lugares afastados; e mesmo a explotación do potencial hídrico para a produción de enerxía imprescindible para o sostemento dos estándares de confort da vida actual, ... todo iso nun escenario complexo para o uso, mesmo a pé, e de impresionante beleza estética, conformado pouco a pouco, coa man, pedra sobre pedra, creando o socalco, pero tamén a mesma terra e as especies que cultivan.

Unha tradición cultural que permanece de forma viva, presente en cada metro do terreo, nas xentes que son herdeiras de centos de miles de pequenos predios que seguen a usar e ser o seu sustento, e que fan viable a súa vida en comunidade.

Unha imaxe icónica que é recoñecible de inmediato: da alta pendente do canón, amurada, en que medran a vide e o castiñeiro, coa auga, agora alta e calma, antes vizosa e escorregadiza, permanente ao longo de toda a historia da comunidade, presente nas súas lembranzas e tamén nas súas vivencias actuais, e que pode comprenderse desde o alto e o miradoiro como unha fermosa panorama, pero tamén en cada unha das adegas, das escalas, dos esgrafiados ou dos capiteis labrados.

Un territorio e unha forma de habitalo que supón un sistema sustentable e viable da explotación tradicional dos recursos naturais, de forma que existe unha identificación entre a persoa e o seu traballo, que permite a apropiación do recurso co respecto ás súas características e á súa autenticidade, mesmo sendo quen de incorporar e valorar a existencia de grandes transformacións, como supón o estancamento da auga e a perda dos valiosos predios máis baixos do val.

En ningún outro lugar como na Ribeira Sacra estas definicións poden atopar unha mellor materialización e unha manifestación tan singular, abraiante e meritoria do esforzo dunha comunidade ao longo do tempo no mesmo espazo, desde a prehistoria á actualidade, por adaptar un territorio único, coas súas estremas dificultades e coas súas magníficas oportunidades, a múltiples acontecementos: ao devir complexo da historia; ao poder e á convivencia doméstica; á economía dun imperio e á dun pequeno lugar e á cavadura duns centos de metros; aos retos e abismos das relacións e adaptacións culturais; á enerxía dun pequeno artefacto e á enerxía de todo un país da cal depende o seu conforto e o seu modo de vida básico.

A Ribeira Sacra é o resultado de milleiros de anos de adaptación paciente e resiliencia activa de xeracións de mulleres e homes a un territorio singular, que hogano son a mellor evidencia dunha adaptación senlleira recoñecible nas súas formas, nas súas construcións e nos seus produtos. A súa singularidade está tanto nas condicións únicas determinadas polas súa xeografía física, pola permanencia ao longo de todo o marco histórico dun proceso de adaptación de mínimos recursos materiais e conmovedora expresividade estética; e pola capacidade de incorporar os cambios radicais tanto tecnolóxicos coma sociais mantendo unha forte imaxe de identidade e de pertenza.

A denominación desta paisaxe evoca a súa realidade e a comprensión que se ten dela, desde a afortunada transcrición de Frei Antonio de Yepes no século XVI do documento asinado en Allariz de fundación do Mosteiro de Montederramo de Tareixa de Portugal no século XII, ata a completa asimilación actual inspirada na propia espiritualidade que desde o século V, cando menos, achegou polas augas do Sil a San Frutuoso e a centos de eremitas e persoas dedicadas ao traballo e á oración, como a comunidade que aínda o día de hoxe reside no mosteiro cisterciense de Ferreira de Pantón, ocupado ininterrompidamente durante máis de mil anos.

Ribeira Sacra concibida como unha Tebaida no límite occidental da cristiandade, pero que xa era un lugar senlleiro, un refuxio nun deserto de incertezas, rico en auga e pan, que recompensa co seu froito logrado co sacrificio do traballo máis complexo.

Un territorio, o da Ribeira Sacra, de límites ofrecidos pola propia natureza da súa xeografía, vales de bocarribeira que caen con vertixe en exaxeradas pendentes imposibles cando superan o 100 %, as máis elevadas de todos os vales cultivados, condicións estremas que converten en heroicidade o traballo. Traballo por outra parte creado co propio material que os fondos canóns do Sil, do Miño, do Búbal, do Cabe, do Mao e doutros moitos ofrecen, a pequena pedra, de gran ou de xisto, a cachotaría ou a lousa, así como a propia terra enriquecida cos restos vexetais e animais para ofrecer unhas condicións óptimas para unha explotación exigua, un produto que é o reflexo do lugar en que se crea.

Sendo moitos dos seus exemplos construídos magníficas mostras do valor artístico e histórico dos seus monumentos, como o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, a ponte do Bibei, a bóveda do encoro de Belesar ou a boca do túnel de Montefurado, enxeños e fazañas técnicas que no seu momento foron concibidas como os produtos máis avanzados tecnoloxicamente e complexos do seu tempo, nada supera a construción miúda, pausada e ininterrompida, das muras das ladeiras, das súas adegas, dos seus chanzos voados, e da propia terra e a propia pedra, que todo o envolven e que persisten imperturbables mesmo cando son abandonadas e cubertas pola vexetación, agardando o mellor momento para ser postas de novo en servizo. O territorio desta paisaxe cultural ten o seu celme nos canóns do Sil e o Miño, un territorio do curso medio de profundos vales e peadas abas, abruptas e pétreas, disuasorias para o visitante ocasional ou oportunista, pero fértiles e protexidas por unha climatoloxía estable e apropiada para o cultivo de quen estea disposto a consagrar a súa vida ao traballo.

Os seus límites xeográficos son tamén límites históricos, enmarcados por fitos excepcionais. Ao leste polo Bibei e Montefurado, onde foi intensa a actividade de explotación aurífera nos primeiros séculos do primeiro milenio e onde se consagrou no século V o altar hoxe coñecido como Crismón da Ermida de Quiroga, peza excepcional e única no mundo cunha mensaxe universal tamén gravada no seu bordo: «O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátense. Máis é o que reloces pola túa propia felicidade». Límite que supón tamén a entrada dos primeiros eremitas que atopan nas poboacións rurais e diseminadas destes lugares un terreo fértil, afeitos á vida en comuñón coa natureza predicada polo priscilianismo, e a variante cara a Santiago polo Camiño de Inverno, cando os pasos do Cebreiro permanecían inaccesibles.

Polo oeste o complexo de Temes, en Carballedo, en que se localiza o primeiro documento escrito da cristianización deste territorio, coa inscrición pétrea en latín das súas virtudes teologais: fe, esperanza e caridade, xunto cun frontal marmóreo de procedencia romana do século IV, que detalla varias imaxes de animadas escenas da Biblia: os Reis Magos, Adán e Eva e Xonás e a balea.

Ao sur limitado polos mosteiros e terras de San Pedro de Rocas (fundado no século VI), nos terreos ocupados polo reino suevo, Montederramo (orixe da denominación) e Xunqueira de Ambía.

Polo norte limitaría con Portomarín e o Camiño de Santiago francés, os canóns do río Miño limitados polas terras do río Asma polo oeste, e polas terras de Pesqueiras e Diomondi polo leste.

O Miño e o Sil, ao tempo de dividir as dúas provincias de Lugo e Ourense, tamén establecen os límites entre os polos urbanos dos conxuntos históricos de Monforte de Lemos, ao norte, e Castro Caldelas, ao sur; as terras de Lemos e de Caldelas son as xurisdicións civís tradicionais da Ribeira Sacra. Na actualidade, estes límites vense reforzados polo propio aproveitamento enerxético das augas dos ríos, co encoro de Belesar como o límite norte no Miño, e o dos Peares como o límite suroeste.

Todas as riquezas, o ouro extraído da terra, a salvación da alma construída nos mosteiros, ou a electricidade que ilumina os fogares, son alimentadas coa auga dos ríos. O viño e a castaña, como a cereixa, o cereal e a carne tamén. Pero todo iso non sería nada sen o enxeño e o traballo das persoas, transmitido de forma militante durante xeracións e vivo aínda, ameazados polos cambios nos paradigmas da supervivencia nun mundo continuamente en cambio. O ensino do tempo é que a Ribeira Sacra saberá permanecer, teimuda, atopando un lugar no mundo coa base da súa pedra, da súa auga e do traballo das súas xentes. Como parte dese traballo cómpre o recoñecemento xeral destes valores e das súas especiais características, de tal forma que os medios da Administración tamén sexan postos á disposición da súa conservación e transmisión cara ao futuro.

A Ribeira Sacra é un exemplo excepcional e sobranceiro dunha paisaxe cultural, onde cobra significado a creación dun territorio pola acción das persoas sobre a natureza. As súas manifestacións materiais e inmateriais posúen un valor equivalente ao do seu substrato xeográfico.

Co fin de protexer estes valores e de encamiñar a actividade pública para a súa salvagarda e difusión, así como para establecer os parámetros que garantan a conservación dos seus valores compatibles co desenvolvemento das actividades sociais, económicas, culturais ou de lecer que nela se desenvolvan, considérase que se debe recoñecer como ben de interese cultural, coa categoría de paisaxe cultural, xunto coa relación doutros bens e manifestacións como os xa devanditos, que completan o seu sentido e valor cultural, así como establecer unha zona de amortecemento como medida adicional e reforzo das condición para a súa salvagarda.

Para a proposta de delimitación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra como ben de interese cultural emprégase o conxunto de traballos promovidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DXPC), en especial desde o ano 2016, e que constitúen o fundamento técnico do expediente, así como os estudos previos do patrimonio arquitectónico, da análise territorial e paisaxística, do patrimonio industrial, da situación socioeconómica e outros promovidos polas deputacións provinciais de Lugo e de Ourense desde 2014 e levados a cabo por un grupo de profesores universitarios coordinados pola oficina do Valedor do Pobo de Galicia.

Porén, dada a complexidade, a novidade, o alcance e a dimensión desta proposta de delimitación e de elementos relacionados, agárdase que o proceso participativo que se abre, de información pública estendida, poida nutrir e enriquecer os seus contidos e mesmo axudar a unha mellor precisión e un máis axeitado recoñecemento dos seus valores.

A paisaxe cultural exixe un réxime de protección propio que non debe perder a perspectiva da súa dimensión territorial e de cales son os valores que se recoñecen. O artigo 59 da Lei 5/2106, do 4 de maio, establece a necesidade dun instrumento específico de ordenación territorial ou urbanística que conteña as determinacións precisas para asegurar a súa protección e salvagardar os seus valores culturais.

O contido deste documento fundaméntase na base de tres aspectos concretos: a caracterización da súa estrutura territorial, a súa natureza, significación cultural e as características xerais do contorno, que son os que se recollen nesta declaración con carácter xeral; un catálogo exhaustivo de todos os bens que o conforman, dos cales neste documento se avanzan os que deben contar cunha clasificación do máis alto nivel; e as directrices xerais para a protección do patrimonio cultural. Porén, o recoñecemento do valor cultural de forma previa á elaboración do devandito documento implicará a necesaria autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Neste procedemento especifícase cales son as intervencións que, pola súa afección potencial aos valores que se identifican, deben contar coa devandita autorización previa. En calquera caso poderán desenvolverse as medidas do documento específico de forma global ou de forma parcial por ámbitos ou sectores da actividade, de tal xeito que gradualmente e adaptándose ás circunstancias e eventualidades que poidan ser precisas, se favorezan as medidas de salvagarda e as propias inercias da paisaxe cultural orgánica e evolutiva viva da Ribeira Sacra.

Así mesmo, no ámbito dos bens culturais específicos e en toda a paisaxe cultural, nos seus contornos e na zona de amortecemento, será de aplicación a estrutura interpretativa da Instrución do 8 de novembro de 2017, relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento (DOG nº 231, do 5 de decembro) en que se recollen os criterios para determinar o alcance das autorizacións en función da intensidade das intervencións sobre os bens do patrimonio cultural de Galicia.

Para estes efectos, cómpre sinalar que no ámbito da paisaxe cultural os criterios para determinar as intervencións sometidas ao trámite de autorización serán equivalentes aos dos contornos dos monumentos, entendendo a compoñente territorial que esta figura de protección implica.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro), e en virtude do que dispón o artigo 16 do título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992), á vista dos documentos, traballos e informes que constan no expediente, que acreditan o valor sobranceiro para o patrimonio cultural de Galicia da Ribeira Sacra e dos bens e manifestacións relacionados co seu ámbito territorial,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural a Ribeira Sacra, coa categoría de paisaxe cultural, así como a relación de bens e manifestacións do patrimonio cultural material e inmaterial relacionados con ela recollidas no anexo I desta resolución, segundo a descrición do anexo II e a delimitación proposta nos anexos IV e V, e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote a incoación de todos estes bens e manifestacións de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar, de forma inmediata e provisional, o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural, coas especificidades das súas propias categorías e o réxime de protección recollido no anexo III desta resolución, con eficacia desde o momento da publicación.

O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo de tres meses, que se comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente, achegar toda a información que poida ser relevante para a súa resolución ou alegar o que consideren conveniente.

A información planimétrica que se achega con esta resolución estará complementada por un conxunto de planos a maior detalle e escala (1:25.000 e 1:5.000), que estará dispoñible para a súa consulta na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, https://www.cultura.gal

A consulta do ámbito afectado en cada termo municipal poderá realizaríase nas dependencias administrativas que dispoñan os concellos respectivos. O expediente poderá ser consultado tamén na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2º, 15781 Santiago de Compostela), e nos servizos de Patrimonio Cultural das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo) e en Ourense (avenida da Habana, 79, 3º, 32004 Ourense), despois da correspondente petición da cita.

Sexto. Notificar esta resolución aos concellos afectados pola delimitación.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Mª Carmen Martínez Insua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I
Relación de bens e manifestacións

O conxunto de bens e manifestacións dos cales se incoa o expediente de declaración de ben de interese cultural da Ribeira Sacra ou relacionados componse de novos bens e manifestacións, de bens xa declarados previamente que non contaban cunha delimitación específica e de bens xa declarados que completan o valor cultural do conxunto.

Propostas de incoación de novos bens e manifestacións

Inmobles

Cód.

Denominación

Concello

Categoría

IPBR1

Adegas de Vilachá

A Pobra do Brollón

Lugar de valor etnolóxico

EPTR1

Cidadela de Santa María

A Pobra de Trives

Xacemento arqueolóxico

ICAR4

Igrexa de Santa María de Temes

Carballedo

Monumento

ICAR3

Capela do poboado dos Peares

Carballedo

Monumento

ICCA1

Mosteiro e igrexa de San Paio de Abeleda

Castro Caldelas

Monumento

ICHA2

Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño

Chantada

Monumento

ICHA3

Subestación de encoro de Belesar

Chantada

Monumento

ECHA1

Mosteiro e igrexa de San Salvador de Asma

Chantada

Monumento

EMLE1

Pazo de Tor

Monforte de Lemos

Monumento

ESAV1

Capela da Virxe de Guadalupe

O Saviñao

Monumento

ESAV2

Igrexa de Santa María de Seteventos

O Saviñao

Monumento

IPAN2

Igrexa e reitoral de San Vicente de Pombeiro

Pantón

Monumento

IPSI2

A Fábrica da Luz do río Mao

Parada de Sil

Lugar de valor etnolóxico

IPSI1

Necrópole de San Vítor de Barxacova

Parada de Sil

Xacemento arqueolóxico

EPAR1

Mosteiro e igrexa de San Xoán de Loio

Paradela

Monumento

EQUI2

Poboado dos Covallos de Montefurado

Quiroga

Conxunto histórico

EQUI2

Túnel e explotacións mineiras de Montefurado

Quiroga

Zona arqueolóxica

ISOB1

Muíños do río Xabrega

Sober

Lugar de valor etnolóxico

Mobles

Cód.

Denominación

Orixe

Localización

C.1

Crismón da Ermida (Ca. 2ª metade S. V)

A Ermida. Quiroga

Museo Diocesano da Catedral de Lugo

C.2

Inscrición fundacional (573) e pé de altar de San Pedro de Rocas

Rocas. Esgos

Museo Provincial Arqueolóxico de Ourense

Inmaterial

Cód.

Denominación

Localización

Tipo

D.1

Festas de fachas e fachós da Ribeira Sacra: Festa dos Fachós de Castro Caldelas, Folión de Fachas de Vilelos e Queima das Fachas de Castelo

Castro Caldelas, O Saviñao e Taboada

Acto festivo

D.2

Festas de entroido da Ribeira Sacra: Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba, Oso de Salcedo e Felos de Esgos

Chantada, A Pobra do Brollón e Esgos

Acto festivo

D.3

Olaría tradicional da Ribeira Sacra: Gundivós e Niñodaguia

Sober e Xunqueira de Espadanedo

Técnica tradicional

Propostas de novas delimitacións de bens xa declarados

Cód.

Denominación

Concello

Categoría

Declaración

EPTR2 EQUI1

Ponte Bibei

A Pobra de Trives

Quiroga

Monumento

Decreto 3.6.1931

ICAR2

Igrexa de San Xoán da Cova

Carballedo

Monumento

Decreto 16.10.1950

EMON1

Mosteiro de Santa María de Montederramo

Montederramo

Monumento

Decreto 16.3.1951

INOG1

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

Nogueira de Miño

Monumento

Real orde 12.4.1923

ISAV2

Mosteiro de San Paio de Diomondi

O Saviñao

Monumento

Decreto 3.6.1931

EPAN1

Igrexa de San Miguel de Eiré

Pantón

Monumento

Decreto 1843/1964

EPAN2

Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón

Pantón

Monumento

Decreto 2495/1975

EPAN3

Igrexa de San Fiz de Cangas

Pantón

Monumento

Real decreto 739/1979

EPOR1

Colexiata de San Xoán de Portomarín

Portomarín

Monumento

Decreto 3.6.1931

ETAB1

Igrexa de San Pedro de Bembibre

Taboada

Monumento

Decreto 1215/1975

Bens declarados vinculados á paisaxe cultural da Ribeira Sacra

Cód.

Denominación

Concello

Categoría

Declaración

(delimitación)

ICAR1

Igrexa de Santo Estevo de Chouzán

Carballedo

Monumento

Decreto 16.10.1950

(Decreto 273/1995)

CCA1

Núcleo antigo da vila de Castro Caldelas

Castro Caldelas

Conxunto histórico

Decreto 30/1998

(Decreto 30/1998)

ICHA1

Igrexa de Santa María de Pesqueiras

Chantada

Monumento

Decreto 16.10.1950

(Decreto 277/1995)

EESG1

Mosteiro de San Pedro de Rocas

Esgos

Monumento

Real orde 20.9.1923

(Decreto 49/1999)

EMLE2

Conxunto histórico de Monforte de Lemos

Monforte de Lemos

Conxunto histórico

Decreto 444/1973

(Decreto 187/2005)

ISAV1

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño

O Saviñao

Monumento

Decreto 3.6.1931

(Decreto 262/2008)

IPAN1

Mosteiro de Santo Estevo de Atán

Pantón

Monumento

Decreto 2496/1975

(Decreto 232/2004)

IPAR1

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

Parada de Sil

Monumento

Decreto 78/2009

(Decreto 78/2009)

EPAR2

Igrexa de San Facundo de Ribas de Miño

Paradela

Monumento

Real decreto 1751/1982

(Decreto 278/1995)

EXUN1

Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo

Xunqueira de Espadanedo

Monumento

Real decreto 3049/1980

(Decreto 28/1998)

A incorporación dos bens do terceiro grupo a esta declaración ten por obxecto, exclusivamente, completar a relación de valores culturais destes, pola súa especial relación coa paisaxe cultural da Ribeira Sacra, e porque gardan unha identidade en certos aspectos que é conveniente sinalar. Porén, esta relación non fai necesario variar o seu réxime de protección nin establecer outras medidas ou procedementos adicionais, polo que esta resolución de incoación non ten efectos administrativos sobre eses bens nin sobre os seus contornos de protección, de ser o caso.

ANEXO II
Descrición

A. A paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

– As características físicas do espazo natural.

Desde un punto de vista morfolóxico os canóns do Sil e do Miño presentan unhas singularidades cuantitativas que identifican un territorio de grandes contrastes e de magnitudes extremas. A primeira delas é a fenda profunda que supoñen os ríos na rocha granítica e metamórfica, con diferentes consecuencias, ao longo dun extenso período de tempo, desde o Terciario ata a actualidade.

A segunda é a forte pendente dos seus vales, que en inclinacións medias superiores a 30º (60 %); en moitas zonas superan os 80º (pendente moi superior ao 100 %) ata os 88º e mesmo paredes verticais, con alturas de ladeira duns 500 m. Estas ladeiras rematan contra zonas chairas con pendentes inferiores ao 16º e conforman a fértil paisaxe da bocarribeira.

En termos xeolóxicos estas características remiten a tempos da oroxenia Herciniana, que fragmentou o territorio galego en bloques e os desprazou, namentres que as fracturas que determinan a expansión atlántica e a separación das placas continentais durante o xurásico ou cretácico teñen como consecuencia o afundimento dos devanditos bloques.

As subseguintes dinámicas das placas determinan o afundimento e levantamento alternativo dos devanditos bloques, namentres que os cursos fluviais tenden a encaixarse de forma traumática nos bloques erguidos con tal intensidade que non pode ser explicada só como resultado nin das variacións dos seus caudais nin das condicións climáticas en xeral, senón que debe ser o resultado da combinación dos movementos lentos das placas coa persistencia da rede fluvial sen grandes desviacións de trazado.

Deste xeito xustifícanse estes profundos vales encaixados rodeados de chairas e depresións alleas aos seus trazados. Un illamento e unha configuración autónoma que proceden das eras de formación xeolóxica.

Tanto no Sil coma no Miño se observa unha división entre paisaxes graníticas e metamórficas, graníticas na parte occidental do Sil e norte do Miño e metamórficas na oriental do Sil e sur do Miño, entre Belesar e Os Peares. O sustrato rochoso xera diferentes manifestacións apreciables, en ocasións verdadeiras coleccións de pedra núa rodeada de pequenas fendas intensamente vexetadas, dun alto valor ecolóxico e estético.

Estas condicións especiais dos profundos vales de ribeira supoñen tamén a concreción dunhas condicións climáticas específicas e diferenciadas, con temperaturas superiores aos 20º en verán, de 8º no inverno, incluso máis estremas, con mínimas de -5º e máximas superiores aos 40º. As precipitacións anuais son tamén escasas, ao redor dos 600 mm, e con fases de escaseza hídrica.

A flora, polo tanto, adáptase e favorece as especies de aspecto mediterráneo, en que de forma natural abundan o rebolo, a aciñeira e a sobreira, os érbedos, os toxos, as uces e os piornos. Nas beiras dos ríos, os salgueiros e chopos. Entre a vexetación introducida, destacan principalmente o castiñeiro e as vides.

En principio, as elevadas pendentes semellan pouco favorables para desenvolver unha actividade agro-grandeira sustentable, mais un longo proceso de adaptación e transformación reforzado polas características específicas destes terreos con respecto aos do seu redor serviu para potenciar a súa singularidade.

Entre estas condicións vantaxosas están a exposición a unha máis eficaz orientación ao sol e a dispoñibilidade natural para crear un solo artificial, coa modificación da súa superficie natural, mesturando a capa superficial alterada co recurso ilimitado de toxos, uces e esterco animal, distribuída en socalcos empregando a mesma pedra en pequenas terrazas horizontais de a penas unhas decenas de centímetros, o que crea o substrato ideal para desenvolver unha agricultura de vides e oliveiras tamén favorables ás condicións climáticas.

Os asentamentos e vivendas tamén usan os mesmos recursos, xa que elixen nun terreo accidentado aqueles lugares máis propicios, sexa próximos ao fondo do val ou nas ladeiras en función da posibilidade das pendentes e da orientación. Estas diferenzas á exposición ao sol implican unha diferenza e contraste en ocasións entre as dúas marxes do río, cunha zona exposta extensa e intensamente humanizada e outras sombrías en que abundan as árbores mestas e unha vexetación.

– O topónimo.

A Ribeira Sacra é un topónimo recoñecido que semella representar os seus dous caracteres máis singulares, o do propio accidente xeográfico da ribeira, que é a parte dos terreos de val máis próximos ao río, neste caso hipertrofiados na súa pendente e dimensión, e o de ser un amplo espazo consagrado á vida espiritual.

Á vista da localización nos canóns formados polas ribeiras dos dous grandes ríos de Galicia, o Miño e o Sil, e do amplo e magnífico conxunto de monumentos e vestixios consagrados, o topónimo semella reafirmarse.

Mais, no ámbito documental, esta comarca debe o seu nome a un lugar moi concreto denominado Rouoyra Sacrata, termo que foi empregado nun documento datado o 21 de agosto de 1124 por Tareixa de Portugal, raíña desde o Océano ata o río Raspalloso (habitualmente referido como o Bibei), filla de Afonso VI, e nai de Afonso Henriques, primeiro rei de Portugal, nunha dotación ou declaración ao mosteiro de San Xoán o Vello nun lugar de monte do Ramo.

Neste documento, que se ten xulgado como unha falsificación (histórica), emprégase unha serie de referencias toponímicas e localizacións certas, cunha intención de xustificación de dereitos posesorios sobre un couto relativamente exiguo pero rico.

O termo Rouoyra etimoloxicamente faría referencia a reboira antes que a ribeira, derivado de robur, o carballo, e non de ripa, a ribeira. Polo tanto, describiría unha carballeira sagrada, un bosque simbólico, que no século XII se atoparía nas terras de Caldelas, un lugar asociado a ritos míticos relacionados co mundo atlántico. Aínda que a súa localización é descoñecida na actualidade, semella probable a súa localización no ámbito da parroquia de Seoane Vello, en Montederramo.

As referencias deste documento espurio resultan, polo tanto, auténticas e esclarecedoras do carácter sacro dun territorio e da antigüidade dun sistema de control e xestión do territorio baseado en doazóns e dereitos sustentados en comunidades cenobíticas activas na zona desde tempos moi primitivos e en número moi abondoso. Outros documentos, inscricións lapidarias, necrópoles, elementos parciais incorporados a novas arquitecturas, son probas da veracidade do contexto.

A identificación da reboira coa ribeira obedece á interpretación que fixo Frei Antonio de Yepes na Crónica General de la orden de San Benito, cando transcribe Rouoyra Sacrata por Ribera Sagrada (en castelán), topónimo que definía un territorio sagrado pola alta concentración de mosteiros e eremitorios que había nas marxes do Miño e do Sil e que, desde primeiros anos do século XVII, atopa fortuna na súa difusión. Ribeira Sacra impúxose pola forza da súa precisión ao se identificar con eses vales encaixados con fortes pendentes en que se distribúen as milenarias fundacións monásticas e se cultiva a vide en socalcos ou muras, un xeito de nova Tebaida cristiá nos confíns de occidente.

Poucos lugares como a Ribeira Sacra no mundo, unha comarca sen un límite administrativo, sen unha xurisdición común, sen unha nobreza dirixente concreta, teñen asumido unha personalidade única tan marcada e tan homoxénea derivada das características propias da súa natureza física, da súa bioloxía e das súas comunidades.

O uso histórico polos especialistas, primeiro, e pola xeneralidade das persoas, despois, do termo Ribeira Sacra desde os primeiros anos do XVII é a resposta a unha realidade que xa formaba parte do territorio, como amosa a pluralidade de topónimos que os habitantes destas terras empregaron para referirse a lugares cuxos restos físicos só permanecían na xeografía da súa memoria, como Fonte dos Frades, Campos dos Frades, Mosteiro, Campos das Tombas, Oleiros, A Silla dos Freires, Adro Vello, Eirexa Vella, Ca Capela, Val Sagrado, O Penedo dos Penitentes, Cova do Santo, ... ou advocacións de santuarios desaparecidos tamén como San Vitorio, San Facundo, San Pedro, Seoane, ... todos eles vivos na memoria xunto coas dos mouros e dos encantamentos.

Como indica Juan Carlos Rivas en Monasterios prerrománicos ourensáns no Catálogo da exposición Ribeira Sacra, esencia da espiritualidade de Galicia, celebrada en 2004: «la adopción de esa feliz y apropiadísima denominación de Ribeira Sagrada ha hecho ya arrolladora e inapelable fortuna aplicada a estas fascinantes y espectaculares tierras del curso final del río Sil y del central del Miño. Huelga pues toda discusión estéril. Además, no vamos a ir contra corriente de lo que la historia, la fe y el sacrificio de unos abnegados creyentes han confirmado a lo largo de muchos siglos como unha hermosa e incuestionable realidad».

– A ocupación histórica do territorio.

A Ribeira Sacra é un territorio que presenta unha ocupación humana documentada desde o Paleolítico Inferior, porque sempre foi unha zona estratéxica de tránsito que aproveitaba a rede fluvial do Miño e o Sil co seus afluentes. As recentes sondaxes arqueolóxicas no xacemento paleolítico de Pedras, parroquia de Vilelos, no concello do Saviñao, demostran que a depresión de Monforte de Lemos é unha área única no Paleolítico do NW peninsular con ocupacións desde o Pleistoceno medio ata momentos próximos ao Holoceno.

Pero foi no Neolítico cando estes pobos empezaron a intervir na paisaxe, modificando as súas formas, deixando a súa pegada. Deste período coñecemos restos importantes tanto na provincia de Lugo coma na de Ourense. En terras lucenses son de salientar os túmulos conservados en terras do Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón ou Sober, mentres que en terras ourensás destacan os xacementos dos concellos de Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.

Entre o final do megalitismo e o comezo da Idade dos Metais, no III-II milenio a. C., as comunidades que ocupaban os vales do Miño e do Sil introduciron un elemento máis que cambiou a súa paisaxe, ao transformar as rochas que coroaban os outeiros en santuarios e lugares de peregrinación dotados dun carácter máxico, onde esas rochas se convertían en altares e lugares de culto.

Así, do mesmo xeito que ocorrera coas mámoas, os petróglifos situábanse en lugares estratéxicos dentro do territorio, quizais marcando as zonas de caza, os lugares de paso, as comunidades que os habitaban ou as súas crenzas, usos e ritos, pero en todo caso en lugares estratéxicos en que é posible dominar amplas perspectivas do territorio, nunha forma máis de relacionarse con el e co seu concepto da natureza e do universo. Aínda que nestes momentos o coñecemento dos petróglifos na zona é parcial, pode confirmarse a súa relevancia como manifestación dunha inquedanza cultural relacionada co coñecemento do medio. De especial interese pola complexidade dos seus motivos e pola compoñente estética dos seus xogos de formas e agrupacións son os petróglifos de Cima da Costa (Vilar de Ortelle-Pantón), Regueiro/Tapado do Monte (Anllo, Sober), Pena do Xesta (Proendos, Sober), ou o petróglifo exento de Atán (Pantón).

Tamén existen testemuños da Idade do Bronce, achados importantes como espadas, puntas de lanza e colgantes, como os de Forcas, Mouruás e Ribas de Sil, que apareceron asociados ao leito do río ou en covas, o que é tamén mostra da relación do home co medio simbolizada nos instrumentos do seu poder.

Durante a Idade do Ferro as poboacións abandonan as terras baixas, próximas aos ríos, e colonizan as zonas altas, onde construirán os seus poboados fortificados, que coñecemos co nome de castros. Trátase en xeral de recintos fortificados, con varias liñas de defensa, de terra, pedra e probablemente empalizadas, localizados no cume dos outeiros, en posicións estratéxicas tanto de control territorial como das rutas de paso, pero sempre dominando o río.

Exemplos sobranceiros desta tipoloxía son o Castro de Marce (Pantón), Vilacaíz e Abuíme (O Saviñao) ou os de Arxeriz (O Saviñao), e San Lourenzo (A Cereixa-A Pobra do Brollón), os únicos escavados na Ribeira Sacra.

A pegada deste tipo de asentamentos, que amosa a presenza na xeografía da memoria das xentes que habitan o territorio, está tamén na prolífica toponimia relacionada co castro, como Castro Caldelas, O Castro de Ferreira, Castro de Abuíme, Castro da Torre (Freán), Castro de Illón (Licín), Castro da Portela (Diomondi), Castro de Mourelos, Castro da Besta (Vilelos) ou Penedos do Castro (Luintra), e mesmo moitos outros topónimos e microtopónimos.

Os ríos cumprían unha función esencial para as vías de comunicación, e resulta evidente a importancia dun sistema de relacións entre zonas e territorios diferentes, polo que nun contexto de tensións relacionadas coa posesión e comercio dos recursos, os asentamentos fortificados, aproveitando as escarpadas ladeiras dos montes, destas comunidades confería nunha grande vantaxe estratéxica.

A cultura destas comunidades que empregaban a tipoloxía castrexa para a súa residencia e defensa deixou unha fonda pegada neste territorio. En moitos casos, estes castros colonizaron espazos simbólicos anteriores das culturas do Calcolítico ou do Megalitismo. No continuo proceso de asimilación e transformación da paisaxe, os castros conforman unha nova achega á fisionomía do territorio e á comprensión da súa estrutura e da forma das actividades e relacións entre as diferentes comunidades.

Estes asentamentos, que empezaron a levantarse a partir do século VIII a. C., tiveron unha longa ocupación, porque foron romanizados e, en xeral, continuaron ocupándose ata o século V o VI da nosa era, e mesmo ata máis tarde, cando en tempos convulsos, ante a ameaza externa, as xentes da Ribeira abandonaban provisionalmente os seus novos asentamentos e poboados das terras baixas para refuxiarse nestas acrópoles, ou protexer os seus bens, ou como referencia para a súa comprensión do territorio.

No que respecta á súa tipoloxía, estes presentan planta de forma oval, circular ou ben elíptica, e o seu sistema defensivo confórmase a base de foxos e murallas. Son elementos que podemos apreciar na configuración topográfica porque forman parte da realidade paisaxística ou ben porque foron a base de núcleos urbanos actuais, como é o caso de Monforte ou de Castro Caldelas. A maior parte deles mantivo a súa ocupación e transformouse durante a época galaico romana, porque a presenza do Imperio neste territorio, rico en metais preciosos, levou a un proceso de romanización intenso, mais na súa crise e paulatina retirada, os castros continuaron a ser de utilidade en tempos da inseguridade derivada das loitas de poder por múltiples grupos locais, e volveron ser ocupados na Alta Idade Media, o que está sendo demostrado por múltiples investigacións recentes contra do criterio habitualmente sostido do seu total abandono.

Unha vez concluídas as Guerras Cántabras, iníciase a romanización do territorio e a explotación dos seus recursos. A minaría foi un dos máis intensamente explotados e que deixou unha meirande pegada no territorio, con enormes transformacións, algunhas delas baseadas nos traballos tecnolóxicos máis precisos e avanzados para a época. A explotación foi intensa no río Sil, no sistema que como nas Médulas, no Bierzo, empregaron o sistema de ruina montium, en especial en Montefurado e na Covela (Torbeo), por sinalar dous exemplos dos máis sinalados, pero son abondosas as mostras de perfís modificados por estas actividades. Xunto a estes xacementos auríferos primarios existen tamén outros secundarios, procedentes da súa erosión, xeralmente arrastrados polas correntes dos diversos ríos e depositados nas súas terrazas ao longo de millóns de anos, e dos que o río Sil é un dos máis fecundos, con pequenas concentracións de ouro explotadas a pequena escala e de maneira artesanal. Un dos máis famosos é o río Sil, que posúe amplos tramos en que eran habituais os traballos das aureanas e oureiros, que traballaban cando o caudal deste río baixaba considerablemente.

Un dos lugares máis singulares deste tipo de explotación está tamén en Montefurado, onde en tempo da ocupación romana foi perforada a montaña coa finalidade de desviar a canle do río Sil e así lavar as areas depositadas no gran meandro que describe nesta zona. Dadas as características xenéticas das cepas galegas, semella que existe unha gran variedade e compoñente arcaica na súa natureza que pode levar a afirmar que a dominación romana favoreceu o enxerto e cultivo da vide e, a partir dun momento de desenvolvemento, a produción de viños.

Aínda que non existen evidencias que permitan asegurar a transformación das peadas ladeiras en socalcos produtivos en época romana, si é posible reconstruír a biografía das especies máis abondosas ao longo da súa historia, o castiñeiro e a vide, ata ese momento.

As vías romanas construídas para o control do territorio e para o transporte dos recursos contribuíron tamén de forma decisiva á configuración da paisaxe. A vía máis importante foi a Vía Nova, que comunicaba Bracara Augusta con Asturica Augusta e que, desde Ourense, cruza o val de Maceda, o alto do Rodicio e chega a San Xoán de Camba e Castro Caldelas. A partir desta arteria principal saian as que comunicaban con Chantada e Lugo, a través de Temes, ou con Monforte.

Pese a importancia e significación do exposto no ámbito da primeira historia da Ribeira Sacra, a verdadeira magnitude da concepción dun territorio singular comeza a partir da época romana tardía, da que permanecen espléndidos vestixios arqueolóxicos en Proendos, Castrillón, Temes, Atán, San Xoán de Camba, Rocas, Montefurado e Licín, e aínda de forma máis relevante na Alta Idade Media, que será cando o territorio tome conciencia da súa personalidade como a auténtica Tebaida da antiga Gallaecia romano-visigótica.

Na configuración da paisaxe da Ribeira Sacra un elemento esencial foi a presenza dos primeiros cristiás, que probablemente chegaron e se instalaron nas proximidades dos castros habitados e nos asentamentos máis ou menos estables do exército romano que se desprazou á Gallaecia para controlar as explotacións mineiras, xa que nos primeiros momentos é un culto gobernamental asociado á vida urbana, que ten dificultade para penetrar nos paganus (campesiños). Desas datas iniciais son os restos do sartego de Temes, que se atopa sobre o arco triunfal do presbiterio da igrexa de Santa María de Temes, que está moi próxima á confluencia do Sil e do Miño e dunha vía romana secundaria.

Esta peza procede de obradoiros italianos, está feita en mármore branco, representa o tema da Epifanía, e é unha testemuña da importancia que desde as súas orixes tivo esta relixión no interior de Galicia. A maiores, contamos con outra peza sobranceira como é o Crismón da Ermida de Quiroga, localizado tamén nas ribeiras do Sil e que é unha obra de referencia ineludible na inicial cristianización do territorio e na conformación da súa identidade como espazo espiritual.

Pero, ademais destas evidencias materiais e que son en si pezas valiosas pola seu interese artístico e histórico, existen referencias á importancia deste vasto territorio como un lugar de oración, de retiro, de meditación e de penitencia, desde os primeiros tempos do cristianismo, cando as primeiras comunidades de anacoretas se instalaron nunha zona ampla que engloba os territorios do Bierzo e da Ribeira Sacra, ao redor do Sil, en que estes cristiáns renunciaban ás riquezas e vivían na pobreza dedicados á oración e á gloria de Deus, rodeados dunha natureza inalcanzable e monumental fronte á debilidade do home. No estremo máis occidental do antigo Imperio Romano nace, sobre as bases dun priscilianismo estendido entre as comunidades rurais e dispersas, no remate do século IV, unha nova Tebaida que, como a súa referencia exipcia, se converteu nun deserto para a meditación e o sacrificio consagrado a unha vida encamiñada á merecer a riqueza espiritual despois da morte.

En parte a relevancia e a singularidade deste espazo, na súa vertente berciana, xa foi recoñecida mediante o Decreto 1244/1969 (BOE do 24 de xuño) polo que se declaraba lugar pintoresco a chamada Tebaida Leonesa e, polo tanto, goza na actualidade da consideración de ben de interese cultural, recoñecemento que en xusta medida e coa base de semellantes argumentos históricos tamén é extensible á Ribeira Sacra, xa que nese momento da historia compartían unha certa identidade.

Da evidencia e da importancia que este movemento anacoreta tivo na Igrexa occidental quedaron algunhas pegadas sobranceiras, como pode ser a da monxa Exeria, peregrina que diversos autores vinculan co propio Prisciliano, e que, procedente da Gallaecia interior, viaxou entre 381-384 a Constantinopla, Asia Menor, Palestina, Sinaí, Exipto, Arabia e Siria e recolleu todas as súas experiencias para logo transmitirllas á súa comunidade, e que se enmarca nesa vida de renuncia e de ascetismo rigoroso que defendían os priscilianistas.

O papel de Exeria soamente pode entenderse neste contexto en que a muller pode participar da vida de igrexa case en relación de igualdade co home e no que se recoñece a súa achega, papel que non había ser asumido pola posterior ortodoxia. O priscilianismo incorpora elementos da espiritualidade pagá ou precristiá que defendían o animismo ou as romarías en lugares onde a natureza podía identificarse coas escenas do paraíso, limpo de todo pecado. Esas crenzas, que buscaban o ben absoluto a través da natureza como camiño de chegar a identificarse coa propia divindade, atoparon na Ribeira Sacra un espazo ideal de ocupación.

O priscilianismo segue a unha interpretación rigorista do cristianismo, onde a ascese cobra especial importancia e o ben se encarna no espírito mentres o mal se vincula có material, de aí a procura do ben a través da ascese e da mística. No concepto panteísta da vida, a divindade reside en todos os seres creados. O priscilianismo concibiu comunidades de anacoretas dúplices, onde homes e mulleres levaban unha vida de renuncia e penitencia, libre e independente de regras e convencións da ortodoxia dos primeiros bispos. Consideraban importante nas súas prácticas relixiosas a música e a danza, comportamentos moi censurados pola Igrexa de Roma e máis próximos ás prácticas, ritos e cerimonias das comunidades rurais da Ribeira. As ideas do priscilianismo foron condenadas no Concilio de Caesaraugusta no 380 e Prisciliano foi condenado polo papa Dámaso, xunto a algúns dos seus discípulos en Tréveris en 385, pero a pegada que as teses priscilianistas deixaron nesta rexión da Gallaecia foron moi profundas. A defensa dunha vida ascética, rigorista, organizada en torno a comunidades, é un anuncio da vida monacal, así como a aposta polo papel da muller nesas primeiras comunidades en que podía participar na lectura de Biblia, foi unha cuestión problemática para a ortodoxia e por iso acabou en herexía. Pero na Gallaecia, esas comunidades de primeiros cristiás tiveron o seu desenvolvemento e buscaron o seu lugar en paisaxes inhóspitas, lonxe das principais vilas e cidades, como eran os vales do Miño e do Sil, e alí permaneceron. De feito, no I Concilio de Braga, que se celebrou no ano 561, San Martiño de Dumio condenou explicitamente desde un punto de vista doutrinal e moral o priscilianismo e sinalou que a ortodoxia defendida no I Concilio de Nicea aínda estaba seriamente ameazada en Galicia pola persistencia tenaz da herexía priscilianista; polo tanto, máis dun século despois da desaparición do seu fundador, os seus seguidores seguían sendo un problema nestas terras.

O carácter animista do primeiro credo cristián e do priscilianismo, na procura de paraísos naturais afastados das riquezas do ouro e do que pode ser comido pola touza, non alterados polo home, a vida en harmonía coa natureza, favorecerá a implantación das comunidades nesta zona, que terán xa no século VI unha forte presenza. Estes asentamentos xustificarían a importancia que o monacato chegará a ter nos séculos VI-X, na Alta Idade Media.

En tempos da monarquía sueva (409-585), está documentada a importancia do eremitismo neste territorio, onde os anacoretas vivían afastados e celebraban as súas cerimonias en covas. A mellor coñecida é o mosteiro de San Pedro de Rocas, santuario eremita. No ano 572 a Igrexa volve congregarse no II Concilio de Braga, e un ano máis tarde a comunidade de Rocas refunda o mosteiro de acordo coa ortodoxia da Igrexa romana. Así o testemuña o pé de altar que se conserva no Museo Arqueolóxico de Ourense e a inscrición que está no templo en que se pode ler: «+ HEREDITAS: N (ostrorum) / EVFRAXI: EVSANI / QVINEdI: EATI: FLAVI / RVVE: ERA: dª C. X A I:», que podería traducirse por: Isto (que estades a contemplar) é a herdanza de todos nós, é dicir, de Eufrasio, Eusano, Quinedo, Eato, Flavio e Rvve, (e consagrado na) Era (hispánica) de 611 (ano 573), e que é interpretada como acta fundacional do mosteiro antes da anexión do reino suevo ao reino visigodo.

Os reinos visigodos mantiñan unha continuidade en decadencia do goberno do Imperio no resto da Península a través principalmente da súa estrutura de poder, sostida nunha poderosa igrexa, pero sometidos a múltiples e continuas loitas internas de poder. Pero a súa superioridade estratéxica e de medios con respecto dos suevos era evidente. No ano 586 os visigodos vencen os suevos e comeza unha nova etapa. Conquistan os territorios suevos e someten os aurigenses e os roucóns, pobos prerromanos que permaneceran á marxe do poder de Roma. O rei suevo Miro (570-583) intentara sometelos previamente e, co pretexto de reducilos, os exércitos visigodos penetraron na Gallaecia e, como consecuencia, anexionaron o reino suevo.

Visigodo era tamén Fructuoso de Braga, que desde o Bierzo penetra polo Sil no século VII para asentar a súa Regula Monchorum e promover tamén novas fundacións, antes da chegada dos beneditinos e a xeneralización da súa regra.

Pero tamén o reino visigodo é pola súa vez derrotado polos exércitos omeyas do Califato de Damasco nas primeiras décadas do século VIII, en que se somete a Lugo, capital do reino da Gallaecia, e ben que conseguiron unha rápida expansión política e de control dos recursos, a ocupación e o asentamento non foron regulares en todo o territorio da Península. No norte os asentamentos permanentes non resultaron efectivos e non correspondían coa súa estratexia, aínda que as incursións e saqueos resultaron moi frecuentes ao longo da segunda metade do século VIII e principios do IX, especialmente durante o reinado de Fruela (757-768) e Bermudo I (788-791),o que favoreceu, en especial na Ribeira Sacra, que a poboación volvese ocupar os antigos castros como asentamentos con mellor refuxio.

Neste contexto, ao desaparecer o poder político dunha monarquía, que estaba sometida a un poder afastado, a igrexa ocupou a xestión da produción do territorio. Acadouse deste xeito unha certa independencia e afastamento do control directo do poder, e aínda que sometidos a el e ás loitas derivadas das súas diferentes estratexias, os núcleos mosteirais desenvolveron un sistema exhaustivo e eficaz de xestión das terras.

O cambio do exercicio do poder e a inestabilidade das loitas e das pillaxes da guerra levaron a moita poboación a fuxir da parte meridional e central da Península cara a zonas illadas e afastadas, e asentarse en refuxios protexidos e de difícil acceso, para aumentar as súas posibilidades de defensa.

O proceso de repoboación iniciouse nos anos corenta do século VIII cando o rei Afonso I encargou ao bispo Odoario a reorganización da diocese de Lugo. O labor deste prelado é moi importante en relación coas comunidades asentadas nos vales do Sil e sobre todo no Miño, en Atán ou Diomondi, onde a pegada do prelado foi relevante e aínda é visible.

Foi entón cando comezou a definirse a organización parroquial dentro da reestruturación da diocese. Para definir os lindes e asegurar o seu coñecemento e eficacia empregáronse os elementos significativos do territorio, que en moitos casos eran elementos culturais preexistentes, o que explica a habitual integración dos campos de mámoas, petróglifos ou castros como límites recoñecibles e consensuados desas parroquias e que permanecen con escasas variacións ata o día de hoxe.

Nos séculos da Alta Idade Media, a presenza de anacoretas neste territorio foi relevante e intensa, como testemuñan a necrópole de Barxacova en Parada de Sil, un dos maiores conxuntos funerarios rupestres coñecidos, con decenas de tumbas antropomorfas dispostas escavadas na rocha, ou a inscrición localizada nun impoñente farallón pétreo na desembocadura do río Fiscaiño no Bibei, na Pobra de Trives.

Esta inscrición, recollida nunha cartela de 4×7 m contén: + IN NNE DNI / INCOAVIMVS / HANC OPVS FABRILE / IN. ERA. M. Xa / LOCO ISTO / VERE. OPIDV SCE / MARIE. DICITVR / que podemos desenvolver e traducir como: «No nome do Señor iniciamos a presente construción na era de 1010 (ano 972), que se di ser este lugar a auténtica cidade de Santa María».

Son mostras da sistemática repoboación promovida polos reis cristiáns nunha época conflitiva e chea de enfrontamentos bélicos, con continuos avances e retrocesos, que conflúe co proceso de retirada espiritual de ascetas anacoretas que buscaran nas quebradas abismais dos grandes ríos da Ribeira Sacra non só un lugar de retiro, senón tamén un refuxio dos perigos do mundo.

No caso da cidadela de Santa María, moi próximo á inscrición devandita, consérvase un lagar rupestre conformado dentro dunha estrutura rectangular. O pan e o viño eran os dous elementos imprescindibles para a celebración da eucaristía cristiá. O cultivo do cereal era o principal sustento das comunidades, plantado nos terreos máis accesibles da bocarribeira, en especial centeo ou trigo. O cereal era un dos produtos fundamentais da dieta e do pagamento das rendas, polo que ocupaba os mellores e máis rendibles terreos. O viño, pola súa banda, ocuparía os socalcos, que irían sendo traballados para completar a dieta fundamental tanto para o corpo como para o espírito. O territorio das ribas do Miño e do Sil foi asumindo o soporte de pan e viño dunha extensa vida fundamentalmente influenciada polos anacoretas, eremitas, incipientes comunidades de monxes, refuxiados e repoboamentos promovidos por reis cristiáns en loita por recuperar territorios para o seu poder, o que dotaba o lugar dunha fonda espiritualidade. Esta circunstancia favoreceu a fundación dos primeiros mosteiros dúplices, promovidos pola nobreza local como lugar de acollemento ao final da súa vida e como ofrenda para favorecer o seu xuízo espiritual.

Estes primeiros mosteiros dúplices de comunidades femininas e masculinas que compartían unha pequena igrexa ou capela non formaban parte de ningunha congregación máis grande e eran células independentes baixo o control do abade, que actuaba como reitor da comunidade. A regra de San Frutuoso de Braga foi a que acadou un maior desenvolvemento nestes primeiros tempos.

Aínda que non existe un patrimonio documental que reafirme a existencia pretérita destas fundacións prerrománicas, a profusión de fundacións e doazóns nos primeiros anos do século X, xunto coas mostras da actividade anacoreta, son mostras suficientes. Cenobios primitivos como San Xoán de Camba, San Paio e Santa Trega de Abeleda (Castro Caldelas), Santa Marta de Fontao (A Teixeira), Santo Adrián de Sacardebois, San Lourenzo e San Vítor de Barxacova, Santa María de Chandrexa do Sil (Parada de Sil),... e moitos outros dos que se pode ir construíndo a súa xeografía relacionada co eremitismo, completada con inscricións, xacementos e toponimia que completan con rigor os argumentos. A esta importante presenza do anacoretismo e do monacato na Alta Idade Media teríamos que engadir a expansión no século XI e XII da orde de San Bieito, inicialmente grazas ao apoio do rei Afonso VI e do seu xenro Raimundo de Borgoña, que impulsaron a chegada dos monxes bieitos.

Os mosteiros dúplices deixaron paso ás abadías masculinas e femininas entre as que destacan, sen sermos exhaustivos: Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil, San Salvador de Asma e Santo Estevo de Atán, no caso das masculinas, e Santa María de Pesqueiras, San Xoán da Cova, San Fiz de Cangas e San Miguel de Eiré no caso das femininas. Cos monxes regulares chegou unha nova forma de organizar o traballo e a xestión do territorio. Introduciron novos cultivos, entre eles novas variedades de vides que conviviron coas existentes e probablemente mantiveron o sistema de cultivo en socalcos, aproveitando as mesmas pedras do terreo para facer as muras. Este sistema de explotación da terra permitía aproveitar as ladeiras de forte pendente para o cultivo tanto da vide coma doutros produtos como legumes, verduras, froiteiras, oliveiras ou castiñeiros. Aínda que non se atoparon referencias escritas ás construcións de socalcos nestes momentos, interprétase como mostra de que esta cuestión técnica non representaba unha novidade nin na xestión nin na transmisión de dereitos sobre as terras ou os seus produtos, polo que poden testemuñar a súa presenza no territorio desde, cando menos, as fundacións e os repoboamentos.

As novas comunidades regulares aproveitaron as fundacións dúplices preexistentes para fundar as súas abadías, mantendo o locus sacratum, como podemos constatar en San Vicente de Pombeiro, Atán, Eiré ou Rocas.

No marco da consolidación do poder dos reinos resistentes á expansión do Califato, Afonso IX (1188-1230) retoma no seu reinado o modelo desenvolvido por Afonso III e Ramiro II, e impulsa unha nova repoboación do noroeste peninsular coa concesión de privilexios, cartas pobras e foros que favoreceron o asentamento de novos colonos en terras pouco poboadas. Especialmente importantes foron para este territorio as cartas pobras de Monforte de Lemos, Portomarín e Sarria, polas que naceron novas poboacións como A Pobra do Brollón e A Pobra de Trives, entre outras moitas.

Ao longo dos séculos XI e XII eríxense as principais igrexas románicas onde traballan importantes obradorios, algúns deles vinculados ao mestre Mateo, como se pode apreciar en Santo Estevo de Ribas de Miño ou en Santa María de Pesqueiras, ou do obradoiro da Catedral de Ourense, como en Santo Estevo de Ribas de Sil. Estas relacións operativas e de xestión da construción e renovación dos templos na Ribeira Sacra están reforzadas polo paso de peregrinos que visitan as reliquias do apóstolo Santiago polo Camiño de Inverno. Esta ruta aproveita unha entrada ao territorio galego máis favorable en determinadas épocas do ano que a da ruta francesa; aproveita en gran parte o itinerario das vías de comunicación anteriores e, en especial, as rutas romanas que desde Quiroga e A Pobra de Trives levan para os vaos do Miño en Chantada, ben abeirando o Sil ata Doade ou ben a través da Pobra do Brollón, para desde Monforte de Lemos continuar cara Compostela.

Na segunda metade do século XII difundiuse a reforma cisterciense pola Ribeira Sacra e algunhas das fundacións incorporáronse á reforma, como os mosteiros de Montederramo e de Ferreira, que se converteron nas principais casas masculina e feminina da comarca.

Durante a Baixa Idade Media, o monacato viviu un período de profunda crise no relixioso, económico e social. As comunidades relixiosas confiaron a súa defensa e protección aos nobres, apareceu así a figura do abade comendatario, un civil que a cambio desa protección administraba as propiedades do mosteiro, abadías seculares que tiñan un exercicio de control e supervisión económico duns dereitos que resultaba dificultoso administrar.

Tanto os mosteiros coma os nobres explotaban o territorio mediante un sistema de aforamento que en moitos casos vinculaba unha familia por tres vidas prorrogables. Neses contratos non só se explotaba a viña, a horta ou o souto, senón tamén a pesqueira ou o muíño que estaba xunto ao predio. O pagamento das rendas facíase mediante a entrega dunha parte da colleita, que desde mediados do século XV, será en viño, centeo, forraxes ou castañas fundamentalmente. Os aforados tiñan que prestar algúns servizos extras anuais ao mosteiro ou ao señor, como «nossos vasalos serventes». Entre o labor que se lles encargaba estaba o «arquear as cubas» ou asistir con «fouciña» a traballos nas viñas.

Esta expansión da vide a partir do século XV queda documentada nos contratos de foro onde se obriga aos foreiros a plantar as leiras ou montes para producir viño branco, mosto ou tinto, «sen agoa et sen mao sabor» e, asemade, se lles obriga a construír pequenas adegas na leira coas súas cubas e todo o necesario para facer o viño.

A partir do século XV os mosteiros constrúen un número importante de adegas para o almacenamento do viño, espalladas polos distintos territorios onde teñen as súas propiedades. Así, o mosteiro de San Salvador de Asma en 1433 ten documentadas sete adegas, ás que se engadiron outras novas nos séculos XVI-XVIII.

A situación mudou coas políticas activas dos Reis Católicos no século XV, cando impulsaron, co apoio do papa Alejandro VI, a reforma das ordes regulares. Todos os mosteiros da Ribeira Sacra foron revisados e concentrados. Os bieitos incorporáronse na Congregación de San Bieito de Valladolid e os cistercienses na Congregación Observante de Castela.

Este proceso de cambio levou a unha reorganización tanto do monacato como da xestión do territorio e dos recursos. O número de fundacións era tan elevado que resultaba pouco eficaz e dificultaba o seu control, polo que foron reducidas; as casas máis importantes conservaron a consideración de mosteiros e as máis modestas convertéronse en priorados. Nesta reorganización, as fundacións femininas foron practicamente eliminadas, decaendo así o importante papel que tiveran ata daquela na organización do territorio. Todas as relixiosas da orde bieita foron trasladadas á forza ao convento de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela, namentres que só a comunidade cisterciense de Ferreira de Pantón permaneceu na Ribeira Sacra. Pesqueiras, Eiré, Cangas ou A Cova quedaron reducidos a simples granxas e priorados dependentes dun poder afastado.

Os novos abades tiñan entre os seus obxectivos mellorar o rendemento dos seus privilexios e explotar a riqueza do territorio mediante un sistema de foros e arrendamentos reforzados. Os novos requirimentos e a mellor organización produciron o crecemento da explotación dos predios e dos seus cultivos e, en xeral, de todos os recursos dispoñibles, incluídos os produtos dos ríos e a percepción do décimo.

As rendas dos mosteiros non deixaron de aumentar, e produciuse tamén unha renovación artística. Nas principais abadías acométense grandes reformas nas edificacións, mobiliario e nos obxectos litúrxicos, namentres que nas fundacións máis modestas, en que se mantiveron as fábricas medievais, se impulsou unha modernización estética mediante a decoración interior dos templos, con ciclos de pintura mural que ademais favorecían a catequización dos fieis. Na Ribeira Sacra, ao contrario que na maior parte do territorio galego, aínda se conservan moitos destes grandes e fermosos paneis pictóricos que son un bo exemplo da plástica manierista ou contrarreformista, entre os que destacan os de Nogueira de Miño, Seteventos, Pesqueiras, Proendos, Diomondi ou Eiré. O crecemento e a importancia estratéxica que acadaron os mosteiros como xestores deste rico territorio durante os séculos XVII-XVIII resulta evidente á vista das grandes obras e construcións das fábricas de Santa María de Montederramo, Santa María de Ferreira de Pantón ou Santo Estevo de Ribas de Sil. Boa parte destas obras custeouse coa venda das rendas e dos décimos que os mosteiros percibían.

A partir de fins do século XV e maiormente no XVI e XVII esas rendas pagábanse en cereal, castañas, legumes ou viño e nos contratos de aforamento establecíase a proporción que cada produto debía ter na renda. A abondosa documentación destes privilexios permite coñecer con precisión os cultivos máis estendidos por estas parroquias.

O poder exercido desde os mosteiros tiña desde época medieval neste territorio o contrarresto do poder da nobreza terratenente personificado nos Condes de Lemos, que exercían os seus dominios desde o norte e o sur das ribeiras do Sil en Monforte e en Castro Caldelas, ou nos condes de Amarante desde o Castelo de Maceda.

Asemade, outras casas señoriais tiñan na Ribeira Sacra os seus pazos a as súas propiedades como os Quiroga, os Somoza, os López de Lemos, os Camba, os Varela, os Temes ou os Taboada.

Estas casas nobres tamén exercían o seu poder con foros e arrendamentos, en especial nas zonas de bocarribeira, compartindo o espazo limítrofe coas posesións dos mosteiros e entrando de cando en cando en conflito pola súa xestión. Exemplo deste poder agrícola derivado das liñaxes guerreiras medievais e das riquezas de diversa orixe son as magníficas casas e pazos que se conservan. Nelas a arquitectura e a natureza forman un microcosmos perdurable no tempo, como acontece na fortaleza de Taboada, nos pazos de Perrelos, Buía e de Relás (Taboada), no pazo de Tor (Monforte) ou de Bóveda, así como nas casas grandes de Boán e do Pacio en Sabadelle (Chantada),na casa grande de Touza (Carballedo), na casa grande da Lagariza (Pantón) ou no pazo de Cristosende (Teixeira), verdadeiros centros de poder, factorías de transformación agrícola e cómodas residencias de lecer en que se mesturaban o traballo do campo e a cultura. Estes pazos eran células economicamente case autosuficientes tamén coma os mosteiros, posto que ademais da explotación agropecuaria, rexentaban os muíños, as pesqueiras, as ferrerías, os curtidoiros, ... e máis adiante, as fábricas da luz.

Os pazos organizábanse para producir todo aquilo que necesitaban para o desenvolvemento da vida diaria pero, ademais, estas elites tiveron un papel importante nos movementos culturais da época, ocupando no século XVIII e XIX o lugar que deixaran os mosteiros; de aí a importancia dalgunhas das bibliotecas destas casas, que conservan pezas únicas da nosa literatura. Despois do proceso reformador do Estado que levou ás sucesivas desamortizacións das propiedades das ordes eclesiásticas no século XIX, foron estas familias as que en xeral se fixeron coas titularidades dos edificios exclaustrados dos que foron expulsadas as comunidades relixiosas, e principalmente todos os territorios produtivos pasaron ás súas propiedades. Mantiña así a poboación unha certa continuidade na súa relación coa terra, da que facía uso e produción a través de arrendamentos e pagamentos en especie que, en troques de ir ás comunidades relixiosas, pasaba aos señores que, pola súa banda, tamén sufriron as súas crises para seren quen de xestionar os lugares, nunha lenta decadencia acompañada dos radicais cambios sociais que cuestionaban cada vez máis os dereitos e o exercicio do poder sobre as terras que manexaban. O territorio que fora conformándose século a século co traballo continuo das comunidades que nel residían, ao servizo en xeral dun poder asentado nas súas proximidades e ligado a el, viuse sometido á unha fonda transformación a mediados do século XX, na década dos corenta, cando a súa fisionomía se transformou de forma radical e vertixinosa.

O recurso que viña sostendo este territorio, o propicio val, peado e inaccesible, dos canóns abancalados do Miño e do Sil, que ofrecía viño, castaña, froita, cereal, salmón e lamprea, de súpeto, como sucedera dous mil anos antes, fica en segundo lugar fronte a unha novidade tecnolóxica: o potencial de enerxía da auga acumulada para producir electricidade.

Como antes os romanos co ouro, a electricidade, moeda imprescindible para o sostemento do desenvolvemento industrial e da vida urbana, require dunha abondosa e constante produción. Construíronse no Miño os encoros de Belesar e Os Peares e no Sil os de San Martiño, Sequeiros, Santo Estevo e San Pedro. Estas novas infraestruturas, feitas co deseño e dimensións máis avanzados da época, monumentais desde un punto de vista técnico e exemplos singulares e sobranceiros do patrimonio industrial, asolagaron numerosas poboacións, así como as terras máis fértiles de cultivo, que quedaron baixo as augas. No momento da súa construción xeraron un grande impacto visual e aínda son visibles as pegadas das canteiras necesarias para acumular o material dos centos de miles de toneladas precisas para suxeitar o empuxe da auga. Maior impacto supuxo, porén, a amortización dos vales que, desde aquela, permanecen como unha paisaxe fosilizada baixo a auga que agroma, de cando en vez, nos procesos de mantemento do sistema hidroeléctrico. A percepción do espazo, as comunicacións, a forma de cultivo e a forma de vida do territorio víronse sometidas a unha profunda transformación. Porén, as comunidades seguiron ligadas ao territorio. Aínda que amortizada baixo decenas de metros de auga permanece unha parte da paisaxe, sobre dela emerxe con máis forza a identidade dun lugar marcado pola pendente, polas muras e pola orientación, aínda cheo de vides. Os cambios recentes no territorio da Ribeira Sacra engadiron un novo aspecto á súa valoración, ligada á súa xeografía extrema para a produción agrícola, o que permitiu que ambas as dúas bacías pasasen a ser zonas produtoras de enerxía hidroeléctrica, que se caracteriza por ser limpa e renovable e un modelo de desenvolvemento sustentable e respectuoso co medio. A partir da construción dos encoros, as características climáticas dos dous vales cambiaron polo incremento do volume de auga encorada e iso favoreceu o cultivo da vide, pero ao tempo manteñen unha rica biodiversidade que permitiu cualificar as ribeiras do Sil, do Mao e do Miño como zonas da Rede Natura precisamente por estes valores. Na actualidade a visión e panorama do conxunto non se ve empecida pola presenza da auga encorada, que permite un uso tamén ligado á propia percepción da paisaxe fluvial.

– A construción tradicional do territorio.

O territorio da Ribeira Sacra enténdese como unha paisaxe cultural ben delimitada polos seus valores culturais e naturais, a pesar da ausencia dunha consideración administrativa, un poder histórico identificable ou mesmo unha conciencia propia. Porén, é unha paisaxe representativa dos valores esenciais da identidade galega, o seu celme máis orixinal e propio, depurada ao longo do tempo nun espazo que require o sacrificio e o amor á súa terra que caracteriza o galego. Un territorio intensamente vivido e construído, educado á forma de ser propia, desde a orixe da memoria ata hoxe. Hoxe a Ribeira Sacra, xa sen ouro e sen eremitas, cos mouros agochados nos castros e nas rochas e nos penedos sen amosar o seu caprichoso actuar, como o capricho das forzas da natureza, é concibida, se cadra máis que nunca, como un lugar sagrado, un lugar santificado polo esforzo heroico dos que aínda viven nel e fan posible, contra a inercia dunha forma de vida que cada vez lles exixe un maior esforzo e militancia para seguir a vivir a súa vida.

A mesma apreciación cultural desde o paleolítico, sacralizado polos primeiros eremitas, acrecentado polos sobranceiros mosteiros da Idade Media, os singulares pazos e casas grandes barrocos e renacentistas, ata as centrais hidroeléctricas do pasado século, primeiras na súa categoría e, desde logo, nas pendentes viñateiras que a caracterizan hoxe, e que engaiolan os que as visitan e que amosan con modestia os seus propietarios.

A estreita relación co territorio propiciou o xurdimento dun riquísimo catálogo de coñecemento popular, crenzas, ritos e cerimonias, unha sistemática de saberes relativos á natureza e á vida que xira ao redor dos ríos e dos principais elementos da paisaxe, e que foi transmitíndose ao longo dos séculos, en moitas ocasións coas pedras e os lugares como soporte material e evidencia da súa validez.

As xacias, as meigas ou os mouros son persoeiros habituais na transmisión oral e na propia percepción do territorio. A toponimia e a diversidade. Do mesmo xeito, naceron tradicións ancestrais que seguen manténdose como o entroido, festas do final de inverno ou festas de primavera, de celebración da resurrección da vida e da natureza, ritos relacionados co sol, co lume e as actividades necesarias para propiciar os beneficios dunha boa colleita ou dunha boa saúde.

Na actualidade son moitas as festas e actividades que se ligan tamén á recreación e transmisión dos coñecementos e procesos tradicionais relacionados cos principais produtos agrarios das comunidades (castaña, cereixa, viño).

Tamén un exercicio entre o rescate e a militancia supón o mantemento das actividades artesanais ligadas aos produtos domésticos que noutrora eran parte esencial da vida diaria e das relacións comerciais, e que hoxe teñen un carácter cultural asociado ao amor e respecto pola propia tradición e a cultural en xeral, entre os que cómpre destacar as singulares producións oleiras dos cacharreiros de Gundivós ou de Niñodaguia, ou o facer dos afiadores, moitos deles de Esgos e que peregrinaban coas súas ferramentas por toda a península; ou os cesteiros e os traballos de lata. Todas estas actividades hoxe buscan a súa continuidade no afondamento do coñecemento preciso das técnicas e na busca de lugares para o uso dos seus produtos nos novos colectivos sociais.

Existen tamén pegadas de dor relacionadas co traumático abandono pola forza dos fondos dos vales coa construción dos encoros, a perda dos referentes vitais, dos vaos, dos batuxos, das pesqueiras e muíños, pero tamén das propias casas. Unha instalación feita para levar algo fóra, sobre cestos e costas de homes e mulleres que, ao tempo, souberon como tantas outras veces rescatar o seu pasado e construír unha vida refundada no seu propio territorio.

Porque a Ribeira Sacra é un territorio intensamente antropizado entre as fendas dunha natureza inaccesible dunha beleza agresiva e impoñente, pero é unha paisaxe en que ese valor combinado do substrato natural e o traballo da man son unha creación superior á das súas partes.

Os retos para o territorio son máis grandes cando o sistema económico deriva inevitablemente cara á perda de peso do sector primario e da vida fundada na agricultura e na gandaría, cara a un sistema de produción industrial, na última metade do século XX, e de servizos xa no propio século XXI.

A ameaza do despoboamento, unha zona especialmente sensible polos inxentes esforzos que requiren os servizos e a atención a unhas comunidades envellecidas, co risco dun abismo xeracional que, unha vez máis, está a saber reconducirse a través da apreciación e valoración da súa singularidade, facendo das súas dificultades a oportunidade para reafirmar a súa identidade e apostando por procesos ligados á terra e aos seus valores, tamén os culturais.

• A toponimia e a transmisión do coñecemento sobre os lugares.

A presenza de rochas decoradas con gravados, como outras manifestacións prehistóricas e históricas, como as mámoas, os castros, os marcos e mesmo os restos de construcións abandonadas, desencadea unha serie de lendas que teñen por obxecto tanto transmitir esa xeografía mental do territorio como incorporar os coñecementos da vida e da natureza, mesmo do universo e das relacións humanas, integrados coas informacións de todo tipo que conforman o coñecemento. Así, vanse realizando apropiacións dos lugares da memoria volvendo inscribir símbolos, imaxes ou contos actuais. Os paneis rupestres son cristianizados e os ritos cristiáns son humanizados e levados á historia de persoas. As mouras, a virxe, as meigas e veciños vellos ou míticos mestúranse nunha amalgama de coñecementos sintéticos que teñen a fonte común das propias evidencias que poden pisarse no territorio. Seres da imaxinación, seres da lembranza e seres transmitidos pola ortodoxia e polo ensino son os mesmos seres que habitan os lugares, algúns ameazantes e perigosos, outros cheos de promesas de saúde e de riqueza, de lascivia ou de oportunidade. No equilibrio das consecuencias está a liberdade de elección. As leccións están gravadas na paisaxe polos nosos antepasados e aliméntanse coa transmisión oral.

Na Ribeira Sacra existen mostras asociadas a este tipo de continuidade no uso de lugares ligados á transmisión oral e á tradición, como a Pedra da Virxe do Santuario de Cadeiras (Sober) ou a Virxe da Pena, en Pantón, onde os petróglifos asumen sentidos relixiosos, ou as Penas da Pastora, da Raíña ou da Moura en San Xoán de Río, en que se asocian os lugares a personaxes paradigmáticos ou esquemáticos que representan as concepcións sociais das comunidades, asociadas neste caso tamén á aparición de restos de pasados míticos, como a espada de Mouruás, ademais do propio valor estético dos propios penedos para as sensibilidades tanto actuais como dos pasados moi afastados.

Estes seres fantásticos, mouras (habitantes dos castros, dos petróglifos, dos penedos), xacias (metade peixe metade muller, que viven nas pozas dos ríos), santos e virxes, adoitan relacionarse cos veciños do lugar, ás veces con nefastos resultados que xustifican unha catástrofe apenas presente no recordo, pero moi activa na memoria.

Entre estes seres da memoria encaixaría tamén o lobishome, temor recollido xa no século XVI por Torquemada, e que no século XIX se evidenciaría no corpo de Romasanta, nacido en Esgos.

• Os socalcos.

Na Guía de Galicia, Otero Pedrayo en 1926 define así esta paisaxe: «unha das formas interesantes do cultivo é a dos “socalcos” ou terrazas vitícolas que esculpen e decoran as rudas pendentes sobre o Sil, o Miño en certos tramos, o Bibei, o Navea, o Cabe, rectificando o labor destrutor dos torrentes e ofrecendo un admirable exemplo da perseverancia secular das xeracións labregas, tratando en estilo inconscientemente artístico a paisaxe».

A construción máis evidente da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, a elaboración dun novo solo artificial, refacendo a terra coa mestura do xabre, do toxo, das uces e do esterco para ganar unha precaria liña chaira de traballo, ás veces escasa para pasar de canto, e peada que require as mans para pasar de salto a salto.

Eladio Rodríguez no Diccionario enciclopédico gallego-castellano emprega as seguintes definicións para o termo Sucalcos/Socalcos: «muro o albarrada que forma bancales en terrenos de mucha pendiente, para que las tierras no sean arrastradas por las lluvias torrenciales. El sistema de socalcos de emplea especialmente en el Ribeiro de Avia y en otras zonas vitícolas y labrantías de Galicia. Es unha forma de cultivo muy curiosa, aconsejada por la experiencia e impuesta por la necesidad de detener las tierras con muretes escalonados, que en toda la extensión del pronunciado declive forman a modo de gradas o peldaños más o menos altos. El trabajo que esto impone a los trabajadores es extraordinariamente penoso, pues tienen que conducir a hombro sobre sus espaldas los abonos por senderos estrechísimos». Na área de estudo o termo socalco non se utiliza a penas, ou se utiliza desde hai pouco tempo.

Nos diferentes lugares pódense escoitar diferentes nomes: «muras» en Taboada, O Saviñao e Chantada; «muros» en Sober e Parada de Sil; «paredes» na Teixeira, «paredós» en Ribas de Sil; e «calzadas» en Pantón, Carballedo, Nogueira de Ramuín e A Peroxa. En Chantada, ademais, as muras de notable tamaño son coñecidas como «poxadas», e as de maiores dimensións son un «patal», que pode ter ata vinte filas de cepas. Terrazas, sucalcos ou socalcos, pataos, pataus ou patais, muras ou muros, liños, bancadas, bancais, paredós, calzadas, poxadas, ... todos eles cos seus matices refiren a un concepto que ten a súa apreciación tamén nunha construción mental propia de cada comunidade.

• As cavadas ou cavaduras.

As cavadas son unidades de medida, específicas do lugar, que miden o traballo diario dun home, superficie final que depende da dificultade do terreo, accesibilidade e pendente, e transforman a unidade de tempo, en superficie, propiedade e forma. Adoita ser o bo traballo dunha xornada que atenda cen cepas.

A medida adoitase equivaler noutro tipo de produción agrícola ao ferrado e pódese dividir en media cavada, un cuarto de cavada, ata contabilizar a propiedade por regos, xerando un parcelario, que nas pendentes da Ribeira Sacra se fai protagonista, creando un tapiz múltiple de formas, que obedece a unhas regras fondamente asentadas no tempo e que se reflicten na paisaxe e a relación home-natureza.

• Os núcleos de poboación.

As aldeas e os asentamentos de poboación da Ribeira Sacra posúen características determinadas polas especiais condicións orográficas e os polos de atracción que supuxeron os mosteiros e as actividades de explotación agraria do territorio, en especial o viño. As ribeiras do viño forman parte de territorios caracterizados polo dominio da montaña, con grandes contrastes ambientais entre as terras baixas e as de altas.

En moitas ocasións os cultivos do viño quedan afastados da antiga aldea, cunha intensiva transformación das ladeiras mediante socalcos de escaso fondo, fuxindo as antigas aldeas das inclinacións dos vales encaixados. A distancia respecto dos cultivos e a dificultade do acceso conduce a edificar construcións apoiadas nun dos muros dos socalcos para dispoñer o lagar e a adega. Cando existen plataformas máis chairas, concentran a disposición dos núcleos combinadas cunha maior variedade de cultivos. A incidencia da paisaxe do viño como contorno dos asentamentos rurais tradicionais vai variar en toda a zona entre a proximidade dos cultivos, o mosaico de diferentes produtos en núcleos con colleitas escasas, e a concentración de áreas específicas de viño en terreos afastados das aldeas, case que sempre rodeadas dun perímetro de monte baixo. A combinación das fendas de regatos curtos ou farallóns pétreos con claros ou redutos dedicados ao viño tamén caracteriza outras partes do territorio. En ocasións, o conxunto das antigas aldeas do viño sitúase en plataformas aplanadas por riba do curso fluvial, afastadas da zona vitícola e no medio dun contorno de agro en que os núcleos aproveitan unha maior suavidade do relevo para colonizar os vales secundarios con pequenas aldeas moi próximas entre elas, formando agregacións compactas.

Noutras zonas as antigas aldeas avanzan aquí sobre saíntes da parte alta das ribeiras e desenvolven amplos contornos de socalcos na pendente das ladeiras. A medida que o val vai deixando ladeiras en costa orientadas ao mediodía, o aproveitamento das pendentes volve amosar un intensivo traballo de modelado do terreo en estreitos socalcos, que vai caracterizar boa parte das ribeiras, onde as antigas aldeas volven quedar algo afastadas das videiras.

En conclusión, destaca a orientación cara ao mediodía e a adaptación a un lugar condicionado pola orografía, con aldeas de pequeno tamaño, compactas e densas, próximas entre elas, que ocupan lugares propicios en contextos de grandes pendentes, en esporóns saíntes ou pequenas chairas, ou ben en zonas de val alto, rodeadas de agras e cultivos de cereal e pastos, onde se reducen as pendentes.

Pedro de Llano conclúe que a casa da Ribeira Sacra se agrupa en conxuntos pechados de edificacións amoreadas sen orde ao redor dos camiños, asentamentos polinucleares a media pendente, por adición de pequenos núcleos ou barrios que se van diseminando na medida en que os vales se abren e o permite a orografía, coa presenza de hortas e currais.

En xeral existe unha proximidade da casa á plataforma de cultivo e unha orientación cara ao mediodía. Os moitos mosteiros contribuíron tanto á difusión do cultivo do viño como á focalización das relacións territoriais con certos núcleos veciños, con agregacións próximas ás construcións relixiosas ou con crecementos ao longo dos camiños. Un efecto similar producen as casas grandes ou os pazos que xestionan grandes extensións de terreo e provocan estruturas de asentamento menos compactas e máis irregulares. Tamén o ferrocarril estableceu unhas dinámicas que caracterizan a disposición de núcleos densos e compactos aliñados ao seu trazado, como en Montefurado ou Os Peares.

• A casa tradicional.

A casa labrega das bacías do Miño e do Sil caracterízanse por unha forma rectangular exposta ao sur a media pendente, de dúas alturas, algunha delas parcialmente soterrada co obxecto de obter espazos óptimos para a conservación do viño, pero con múltiples variacións e alteracións producidas pola múltiple natureza das singularidades da topografía. Os accesos habituais son por patíns ou corredores de escasa altura e de certa amplitude que facilitan as funcións agrícolas e o acondicionamento ante os estremos climáticos. As casas teñen función de vivenda, adega e corte, que se separan por grosos muros estruturais e de escasas aberturas.

No interior as divisións son escasas, algunha parede para illar a cociña, que en ocasións se despraza cara ao corredor nas vivendas máis sinxelas. As máis complexas distribúense con divisións en cuartos, sala e cociña.

Nos núcleos de maiores dimensións son tamén habituais casas de tres andares, os dous primeiros parcialmente soterrados, coa planta terrea dedicada á bodega, cun amplo portalón de dúas follas, e de ordinario entre medianeiras, que exemplifica o crecemento asociado a unha explotación máis sistemática do viño nos séculos XIX e XX. A planta primeira será a do dormitorio principal e a sala, namentres que a última, que tamén terá acceso directo desde o exterior pola parte posterior, acolle a cociña.

O material de construción é variado e responde á natureza do solo. A presenza da pedra adoita facer innecesaria a cimentación e permite unha execución rápida co material accesible, sexa xisto de escasa calidade, coa introdución puntual de perpiaños de gran ou coios, sexa granito de boa calidade. Entre a heteroxeneidade de materiais destaca, polo xeral, a técnica da pedra en seco de procedementos máis modestos.

Como se indicou, as aperturas e ocos soen ser de pequeno tamaño, con cargadeiros e linteis precarios, marcos de madeira ou pequenos arcos de descarga de cachotaría. O maior dos ocos será a porta da adega, en que tamén se dispoñen reixas practicables. Complementariamente destaca o uso do pallabarro ou dos barrotes de madeira como técnica para a execución de tabiques ou mesmo de cerramentos exteriores non estruturais, que adoitan coincidir cos corredores e as fachadas principais, e as técnicas de esgrafiado, con mostras fantasiosas de formas animais e orgánicas que decoran a pel exterior.

• As adegas e os sequeiros.

É a propia vivenda a que adoita recoller as funcións de adega, corte, curral e celeiro. A disposición complexa sobre o terreo e a escaseza xeral de terreo dispoñible xustifican a acumulación de funcións nas casas localizadas nas ribeiras máis peadas. Destaca, pola contra, a construción de adegas de garda nas propias videiras. Son construcións executadas coas mesmas técnicas de uso da cachotaría e a pedra en seco, recollida do propio lugar e cimentada directamente sobre os socalcos das ladeiras e como continuidade deles. Plantas rectangulares ou cadradas dun só oco de acceso, xeneroso, normalmente cunha porta de dúas follas, e algún pequeno oco de ventilación sen contra e resgardado. As cubricións, normalmente a unha auga, seguen a caída da pendente e, na súa posición parcialmente soterrada, poden poñerse como exemplo de integración no seu ambiente. En casos excepcionais, existen agrupacións destes conxuntos de adegas, como o caso de Vilachá, ou grandes bodegas retiradas das pendentes, a medio camiño dos núcleos dos vales altos que, seguindo unha tipoloxía e funcionalidade semellante, acadan unha dimensión maior, ou construcións de tipo cova, cunha fachada e unha cuberta que se estenden á entrada dun espazo escavado na terra.

Estas dependencias poden acoller os lagares, que no caso das casas grandes e dos pazos da zona eran dependencias asociadas á propia edificación principal, aínda que tamén existen mostras de lagares rupestres, localizados nas propias ladeiras e inmediatos ás videiras, dos que apenas fica a pegada sobre a rocha ao teren perdido a súa funcionalidade.

En relación co uso da castaña, tamén pode destacarse a presenza, ao pé mesmo dos castiñeiros e afastados dos núcleos de poboación, dos sequeiros, construcións da mesma tipoloxía de pedra en seco destinadas á secar a castaña. Estas dependencias, como as adegas de garda das videiras, podían acoller nas temporadas de traballo a residencia provisional das persoas que as traballaban.

No seu interior diferéncianse os espazos dun pequeno cortello para cebar os porcos co produto sobrante, un almacén de leña e zona de paso e un lar en que se facía o lume para secar a castaña nun canizo, unha trama de madeira a altura do piso en que estender as castañas. Noutros núcleos existen tamén agrupacións de sequeiros, normalmente de pequenas dimensións e orientados á entrada dos camiños.

B. Bens inmobles vinculados de interese cultural sobranceiro.

A construción dun territorio tan complexo no tempo e no espazo como a Ribeira Sacra complétase cunha serie de fitos tanto simbólicos coma representativos, de tal xeito que á paisaxe viva dos peados canóns fluviais se suma a paisaxe asociativa dos elementos que complementan e dan sentido ao conxunto. Moitos destes bens xa contan con recoñecemento do valor cultural polo seu interese histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico ou etnolóxico. O conxunto de elementos en si supera este valor singular e na súa suma cualifican e perfeccionan a comprensión non só do territorio, senón da propia identidade das comunidades que o habitan.

No ámbito xeográfico da ribeira localízanse unha grande parte deles. Todo o conxunto suma máis de seiscentos elementos que hoxe contan coa protección que lles outorga a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, en virtude do disposto no artigo 30 e na disposición adicional segunda da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG). Son bens arquitectónicos, de carácter etnolóxico ou arqueolóxicos. A isto se súmase a riqueza dunha complexa toponimia e dunha chea de manifestacións do patrimonio cultural inmaterial.

Ademais, esta proposta de delimitación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra inclúe tamén unha relación de bens exteriores ao espazo delimitado polo límite da bocarribeira que, para os efectos da súa distinción no traballo de delimitación, se denominan exoámbitos, que son bens que completan a significación cultural do territorio e que dotan o conxunto dun valor maior por seren a sobranceira mostra dun momento, dunha técnica, dun conxunto que resulta esencial para comprender o carácter da paisaxe e as súas dinámicas. Algúns destes exoámbitos tamén teñen xa a consideración de ben de interese cultural, pero non contaban cunha delimitación específica que definise o seu alcance e a do contorno necesario para a súa protección. Outros non contaban co recoñecemento do seu valor sobranceiro, pero tras a preparación deste expediente considérase que deben ser declarados. No anexo I indícanse todos eles, tanto os novos bens e manifestacións que se recoñecen nalgunha das categorías ou tipos legalmente establecidos, como aqueles que, malia estaren declarados, non posuían unha declaración específica, como outros bens que xa contaban coa declaración e a delimitación, pero que é preciso relacionar coa paisaxe cultural da Ribeira Sacra para completar o seu sentido e valor.

B.1. Novas declaración de bens inmobles de interese cultural.

– Adegas de Vilachá (A Pobra do Brollón).

Constitúe un conxunto de arquitectura tradicional vinculado ao viño, destinado á produción e conservación de tan prezado produto. As construcións das actuais adegas remóntanse ao século XVIII-XIX, pero probablemente a súa orixe sexa moi anterior, relacionada coas repoboacións da Alta Idade Media, e ligada a algún dos mosteiros da Ribeira Sacra (tense citado o de Montederramo ou o de San Vicente do Pino) a través dalgún priorado local, hoxe desaparecido, pero do que fica o coñecemento popular, xa que na zona se fala do Val dos Frades.

A súa singularidade, ademais da súa representatividade como unha parte esencial no ciclo do viño, está na súa disposición e no número de instalacións, pois conforma practicamente un barrio exclusivo para esta función.

Na parroquia de Salvadur, no lugar da Abelaira, escolleuse este espazo con probabilidade pola súa eficacia para madurar mellor o viño, que sería traído xa elaborado. Estas dependencias e a súa agrupación facilitarían a custodia e garda do prezado produto. Trátrase dun gran conxunto de edificacións de cachotaría, máis de corenta, cun simple oco de entrada con groso lintel de madeira, sen necesidade de máis luz, de paso suficiente para o movemento dos grandes pipos e bocois, cunha cubrición sinxela de lousa sobre estrutura de madeira. Algunhas están parcialmente soterradas, polo que a súa integración no territorio é óptima, así como as condicións para a conservación do viño.

O seu estado de conservación é bo, foron restauradas no ano 1996 pola Xunta de Galicia e o seu uso está relacionado co viño, coa súa cata e coa posta en valor en xeral da actividade a través de actividades de difusión e hostalaría, así como unha festa ao redor do viño no mes de maio.

– Cidadela de Santa María (A Pobra de Trives).

Na confluencia do Bibei e o Fiscaíño atópanse os restos dunha cidadela que foi poboada nos remates do século X nunha situación extrema, nun promontorio rochoso natural sobre o río, nunha crista triangular de 120 metros de lonxitude por só sete de anchura media, e a unha altura aproximada de 15 m sobre o río.

Nun costado vertical da crista, na cara suroeste sobre unha superficie de 7 m de altura por 4 de largo, labrouse unha cartela co seguinte contido: «No nome do Señor iniciamos a presente construción na era de 1010 (ano 972), con tan bos resultados que se di ser este lugar a auténtica cidadela de Santa María». Cronoloxicamente, esta inscrición prodúcese no epílogo da segunda repoboación propiciada polos avances conquistadores de Afonso III o Magno e nas vésperas da desoladora expedición de Almanzor e do pantasma ameazador do milenarismo.

Os protagonistas desta inscrición exemplifican a parte desa nutrida pléiade de ascetas anacoretas que desde antigo viñan buscando as quebradas abismais dos grandes ríos da Ribeira Sacra, non só como lugar de retiro, senón tamén como lugar para o refuxio. A menos de 100 metros da inscrición consérvase un lagar rupestre conformado dentro dunha estrutura rectangular. Este lagar semella ser coetáneo do establecemento anterior e parte integral das súas estruturas funcionais e pode acreditar o cultivo da vide e a produción do viño neste territorio xa desde unha época moi antiga.

O seu valor máis relevante, ademais de testemuñar a creación moi temperá dun asentamento ligado á vida ascética nun lugar remoto, é o de constituír un documento físico escrito en pedra, inscrición que fala da fundación desta oppidum por uns autores que a consideran digna da Virxe María no ano 972.

– Igrexa de Santa María de Temes (Carballedo).

A igrexa de Santa María de Temes atópase nas proximidades dunha vía romana que unía Aquae Flaviae (Chaves) con Lugo, a través de Esgos, pasando por San Pedro de Rocas, O Pereiro de Aguiar ou Luíntra para cruzar o Miño polos Peares e pasar por Temes. Desa época atopouse unha ara dedicada aos lares viales. A orixe desta igrexa está nun eremitorio da época alto-medieval que se construíu neste territorio nunha data temperá, como se desprende dalgúns elementos arquitectónicos que se conservan da época tardo-imperial romana, concretamente tres capiteis embutidos nos muros que coroan dúas pilastras, así como unha columna que serve de base á pía bautismal ou unha pilastra e dous capiteis que se aproveitaron para a mesa do altar. Todas estas pezas son de mármore cipollino, que se extraía dunhas canteiras que había na illa grega de Eubea. Así mesmo, sobre o arco triunfal da capela maior consérvase a tapa dun sartego palecristián da época de Constantino, que presenta unha decoración escultórica en que se narran o tema da Epifanía, do pecado orixinal e a historia de Xonás. Dado que a temática é explicitamente cristiá, este sartego tivo que tallarse tras o Edicto de Milán de 313, por iso é posible datalo entre o 315 e 325. O material empregado foi o mármore grego das canteiras do Pentélico.

Todas estas pezas tardo-imperiais chegaron a Temes desde Roma por mar, aproveitando as rutas comerciais do Mediterráneo e do Atlántico e a ruta fluvial do Miño ata o porto Polumbario en que se descargaron e se trasladaron a Temes.

Outro elemento de grande interese é a inscrición que se conserva na parte alta do muro norte do presbiterio en que pode lerse en letras capitais romanas FIDES SPES CARITAS (fe, esperanza e caridade), que é considerada a primeira inscrición cristiá de Galicia; polo tanto, supón que as primeiras testemuñas da nova relixión apareceron na Ribeira Sacra.

Na igrexa actual foron aproveitados materiais de construcións anteriores, o que remite á existencia dun templo que foi fundado a principios do século IX, no momento da repoboación deste territorio impulsada por Afonso II O Casto. Esta afirmación baséase na existencia dunha inscrición no muro norte da nave en que pode lerse: SACRATIO TEMPLI KL/ DCBS IN ERA DCCC/ (X) L (A) (I) II: «A consagración do templo foi dous días antes das calendas de decembro da era 843, ano 80». Da época medieval consérvase o arco de acceso ao presbiterio e parte dos muros, pero en 1776 a igrexa foi reconstruída e nos primeiros anos do século XX ampliouse tres metros a nave e levantouse unha nova fachada. Na actualidade o seu estado de conservación é bo.

– Capela do poboado do Peares (Carballedo).

O poboado dos Peares é unha obra de Antonio Tenreiro Brochón, foi proxectado no ano 1956 e pode ser considerado un exemplo senlleiro da arquitectura de mediados de século XX, que naceu da profunda inquedanza renovadora dunha xeración de arquitectos que intenta, durante a ditadura, asimilar a súas propostas ás que se estaban a desenvolver no resto do mundo baixo unha relectura da tradición vernacular.

A capela forma parte do poboado que se levantou para albergar os traballadores da central hidroeléctrica dos Peares, que se construíu na marxe esquerda do río, augas abaixo da presa, aproveitando unha escarpada pendente. O pequeno templo proxectouse a partir da modificación dun pequeno edificio administrativo que quedou en desuso. Atópase na parte máis alta do poboado, dominando o encoro. A intervención consistiu na conservación dunha serie de elementos existentes aos cales se engadiron outros novos, segundo a memoria que se conserva. Deste xeito mantivéronse o forxado do piso e os muros laterais de ladrillo, pero erixiuse o campanario que orixinalmente albergou a sancristía.

A estrutura de formigón que descansa sobre os soportes dos pórticos permitiu abrir grandes ventás na parte alta dos muros, favorecendo unha iluminación cenital cun marcado valor simbólico, nun edificio relixioso destas características. Dada a forte pendente do terreo, na base da construción dispúxose, no proxecto de Tenreiro, a vivenda do párroco e unha pequena sala de conferencias, que hoxe foron rehabilitados para ter novos usos. As recentes intervencións no inmoble fan que se conserve en moi boas condicións, e pese a perder algunha das súas condicións espaciais orixinais, segue a ser mostra da capacidade de integrar a inspiración vernácula e tradicional nos parámetros da arquitectura moderna.

– Mosteiro e igrexa de San Paio de Abeleda (Castro Caldelas).

É un mosteiro fundado pola orde de Santo Agostiño e foi a única casa que esta orde tivo na Ribeira Sacra, un territorio colonizado polos monxes negros de San Bieito e brancos de San Bernardo. As referencias máis antigas datan do ano 934 e aluden á existencia dun cenobio nesta zona, do cal non conservamos restos salientables.

A igrexa actual é unha obra do século XII que presenta planta de cruz latina dunha soa nave de tres tramos abovedados e separados por arcos faixóns. A cabeceira está composta por unha capela de planta semicircular que tivo cuberta de madeira. A construción ten a particularidade de que o interior da igrexa conserva os cales e restos da policromía que presentaban capiteis románicos, todos eles decorados con motivos figurativos que representan demos ou figuras monstruosas.

Da fábrica medieval consérvase a portada de acceso ao cemiterio, que pode vincularse a talleres de cantería do século XII e XIV. Conserva as súas columnas cos relevos dos dous principais apóstolos de Cristo, San Pedro e San Paulo, que sosteñen un arco apuntado cunha arquivolta que enmarca o lintel en que aparece a relevo do Pantócrator. Á época moderna, especialmente aos séculos XVI-XVIII, corresponden as dependencias monásticas que se conservan en malas condicións. O elemento máis destacable é o claustro que responde á tipoloxía dos modelos do século XVI.

A raíz da desamortización os cóengos de Santo Agostiño foron expulsados do mosteiro e a Casa de Alba adquiriu a propiedade do cenobio mentres a igrexa pasou a depender do bispado de Ourense ao converterse en templo parroquial, ata que en 1972 se clausurou.

A partir deste momento, o conxunto de Abeleda quedou abandonado e acelerouse a súa ruína. A igrexa perdeu a súa cuberta, os retablos que aínda se conservaban foron espoliados e algunhas pezas de valor, como a pía bautismal do século XIII, foron trasladadas á capela de Soutelo. Aínda que o estado do conservación do conxunto é malo, existe un recoñecido movemento social co apoio local para promover a súa recuperación e a integración deste senlleiro monumento nalgún uso que revitalice o seu contorno e poña en valor as partes del que se conservan.

– Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño (Chantada).

Santa María de Nogueira de Miño é unha igrexa de base románica que data da segunda metade do século XII, pero con posibles orixes anteriores polo emprego dunha cabeceira recta que podería vinculala a unha época máis antiga. O templo actual presenta unha cabeceira cunha capela maior rectangular precedida do presbiterio. Tanto o arco triunfal de acceso á capela como o do presbiterio descansan sobre columnas con capiteis decorados con motivos decorativos fitomórficos, zoomórficos e antropomórficos, dos característicos da segunda metade do século XII. Da mesma época datan os motivos de puntas de diamante e as rosetas que ornamentan a rosca do arco de acceso ao presbiterio.

A bóveda de canón que cobre este espazo descansa sobre unha cornixa decorada con motivos xeométricos. O corpo da igrexa é dunha soa nave, de maior altura que a cabeceira e cuberta con teito de madeira de pontón e ponte. No muro meridional da nave consérvase a portada lateral románica de acceso ao templo coas súas columnas con capiteis con decoración vexetal que soportan unha tripla arquivolta que se apea sobre unha cornixa decorada con puntas de diamante e bolas. As arquivoltas presentan unha ornamentación de inspiración vexetal e albergan o lintel que descansa sobre unhas batentes en que se representan as cabezas de dous animais (león e touro).

O tímpano esta decorado cunha cruz grega enmarcada por unha circunferencia e franqueada por dous círculos nos cales se inscriben dúas follas. Ao exterior a igrexa conserva da fábrica románica un oco enmarcado por dúas columnas que soportan a arquivolta no testeiro da capela maior e os modillóns da cornixa do tellado tanto no muro norte como sur, probablemente aproveitados no século XVI cando se ampliou a nave. Nestes modillóns hai claras alusións ao cultivo do viño, como a representación dunha cuba ou dun bebedor, así como representacións fluviais.

Na reconstrución da fachada aproveitáronse elementos arquitectónicos procedentes da fachada románica, como o rosetón e da fachada renacentista de finais do XVI como os nichos trilobulados, que se dispoñen sobre a portada.

En Santa María de Nogueira tan importante como a súa arquitectura é o programa de pintura mural que decora todo o interior da capela e da nave da igrexa, unha mostra única que exemplifica a relevancia da pintura mural no século XVI como unha das armas da Contrarreforma da Igrexa Católica.

Os recentes labores de restauración promovidos pola DXPC permiten distinguir as diferentes mans que estiveron traballando desde 1560 aos que conclúen a decoración en 1571. Entre os temas máis destacados está o Xuízo Final, a Resurrección, a Anunciación, a Trindade ou o martirio de San Sebastián. Así mesmo, son de interese o conxunto de retablos barrocos e as liñas de montea que se conservan no solo.

– Subestación do encoro de Belesar (Chantada).

A subestación do encoro de Belesar é un exemplo destacado do patrimonio industrial galego. Foi proxectada polo arquitecto Juan Castañón de Mena e polo enxeñeiro L. Jordi Carricarte, no ano 1963 como parte do proxecto do encoro de Belesar, e promovida pola empresa Fuerzas Eléctricas del Noroeste (Fenosa). Como recolle García Brañas, o edificio da subestación é unha peza moi notable de enxeñaría e arquitectura, tanto no edificio administrativo como no de válvulas, que está situado no medio das augas e que se apoia no terreo do fondo do pantano por medio dunha impresionante construción duns cen metros de altura, de tal xeito que cando o encoro esta cheo parece que o edificio flota sobre a auga e queda patente a súa condición de transparencia, lograda pola presenza do vidro e as carpintarías metálicas nunha rigorosa orde compositiva. Pola contra, cando o encoro está baixo, lembra as construcións do futurismo italiano que serviron de inspiración aos seus autores. O estado de conservación deste inmoble é bo e está no uso para o cal foi concibido.

– Mosteiro e igrexa de San Salvador de Asma (Chantada).

As orixes do mosteiro de San Salvador de Asma están nos anos finais do século X e foron os seus fundadores os condes Ero Ordoniz e Adosinda. Trataríase dun mosteiro familiar e dúplice que se enmarca nunha etapa de florecemento da vida monacal de tradición visigótica. Aínda que non sabemos a data exacta en que a comunidade aceptou a regra bieita, sería con posterioridade ao ano 1100.

Desde entón e ata 1496, San Salvador estivo gobernado por un abade, pero coa reforma emprendida polos Reis Católicos en 1496 incorporouse a San Benito de Valladolid e a partir dese momento deixou de ter a consideración de mosteiro e pasou a ser un priorado dependente da abadía vallisoletana, ata o momento da desamortización e exclaustración de mediados do século XIX.

Do primitivo conxunto monástico consérvase a igrexa, que funciona como parroquial. Presenta unha estrutura característica dos templos románicos da Ribeira Sacra, cunha nave única con cuberta de madeira e cabeceira cunha ábsida semicircular ao exterior e poligonal ao interior, tamén cuberta cun artesoado de madeira. Aínda que no exterior a ábsida está parcialmente oculta pola sancristía, conserva a súa articulación orixinal coas columnas acaroadas cos capiteis románicos decorados que soportan a cornixa cos modillóns labrados e nos entrepanos ábrense as ventás coas característica columniñas con capiteis traballados sobre os cales se dispón unha cornixa xadrezada e unha tripla arquivolta cunha moldura de bocel, escocia e taqueado.

Da época románica conserva parte dos modillóns do muro norte da nave, todos eles historiados excepto os do tramo central, que carecen de decoración porque son froito dunha reforma posterior.

A fachada é unha obra de fins do século XVIII, de formas moi sinxelas, sen decoración e cunha organización moi simple en tres corpos separados mediante unhas faixas e cunha simple porta alintelada e unha ventá para a iluminación do coro, no segundo corpo. O conxunto remátase cunha espadana para as campás.

É de grande interese o retablo maior dedicado ao Salvador, que é unha peza manierista de fins do século XVI e vinculado aos obradoiros vallisoletanos de gran calidade. Tamén son relevantes os retablos colaterais de principios do XVIII dedicados a San Xosé e San Bieito. Outra peza relevante é a pía bautismal de época medieval.

– Pazo de Tor (Monforte de Lemos).

O Pazo de Tor esta situado nunha elevación que lle serve de miradoiro sobre o val de Lemos, na parroquia de San Xoán de Tor, pertencente ao concello de Monforte de Lemos. As orixes do pazo están ligadas á liñaxe dos Garza no século XIV e a súa posesión mantívose en mans dos seus descendentes directos ata a súa derradeira propietaria María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga, que fixo doazón da propiedade á Deputación Provincial de Lugo.

O edificio foi construído no último terzo do século XVIII, aínda que conserva algún vestixio anterior e foi tamén afectado por algunha reforma posterior (como as reparacións efectuadas tras o seu incendio polas tropas napoleónicas). É encadrable dentro do estilo barroco, de longa persistencia en Galicia, pero xa matizado por certo sentimento estético neoclásico, visible na súa sobriedade, simetría e emprego das ordes clásicas.

Os elementos decorativos concéntranse nas fachadas e a organización interna do edificio diferencia claramente un baixo de servizo, que alberga as dependencias necesarias en toda facenda agropecuaria (cocheiras, adegas, cortes, tullas, vivenda dos criados e caseiros ...), e un primeiro andar reservado a residencia dos donos do pazo.

Cando a Deputación Provincial de Lugo recibiu a doazón do pazo, acometeu unha serie de obras de acondicionamento e mellora do edificio, respectando escrupulosamente a súa estrutura e distribución. A un tempo desde o Museo Provincial procédese á musealización, do pazo que se abre para os visitantes o día 13 de xullo do ano 2006.

– Capela da Virxe de Guadalupe (O Saviñao).

O Santuario da Virxe de Guadalupe foi construído no alto do monte da Capela no século XVIII e é un exemplo sobranceiro de tantos santuarios marianos de gran devoción popular, que se erixiron no barroco espallados polo territorio da Ribeira Sacra. A representatividade deste templo é a súa exemplificación do culto mariano en santuarios ligados a puntos relevantes da paisaxe. Estes templos elixiron as zonas altas, dominando os vales do Miño e do Sil, substantivando a paisaxe circundante en zonas máis ou menos illadas, e fóra dos núcleos de poboación, porque o culto a María estaba asociado á celebración da romaría do primeiro domingo do mes de setembro e, polo tanto, ao redor do templo estaba o campo da festa.

Desde un punto de vista arquitectónico o santuario é unha construción de planta de cruz latina dunha soa nave que presenta un transepto que sobresae lixeiramente en planta, pero non en alzado, sobre o cruceiro unha cúpula cuberta cun ciborio que contribúe a darlle maior altura á construción e favorece a iluminación interior do templo.

A cabeceira é recta no exterior e poligonal no interior, con dúas sancristías acaroadas á capela maior. Aos pés do santuario está o coro alto. No interior todo o templo está encalado. O alzado articúlase na cabeceira e no transepto mediante pilastras toscanas de fuste refundido e co entabolamento que presenta un friso decorado con casetóns en resalte e cornixa voada, sobre a cal se dispón a bóveda de nervadura casetonada de madeira. Parte das pilastras aínda conserva a policromía orixinal. A capela maior cóbrese cunha bóveda de canón que conserva restos de pinturas murais. Son de interese o retablo maior, unha obra de finais do barroco en que se empregan algúns elementos propios do rococó e que perdeu parte da súa policromía orixinal, e os retablos laterais de mediados do século XVIII. Toda a edificación esta feita de cachotaría de granito. A cantaría reservouse para as portadas e o recercado dos vans.

A fachada principal presenta unha portada moi sinxela de arco alintelado con guarnición tipicamente barroca coas características orelleiras e a clave, sobre a cal se dispón unha simple cornixa que serve de base ao tímpano mixtilíneo, presidido polo relevo da Piedade, en que María sostén o corpo do seu fillo diante da cruz.

Sobre a portada ábrese o óculo que permite a iluminación do coro, e sobre el a tribuna entre as dúas torres, que se utilizaba para a celebración da misa durante a romaría, cando a asistencia de fieis era moi numerosa.

– Igrexa de Santa María de Seteventos (O Saviñao).

A igrexa de Santa María de Seteventos é un exemplo dun templo románico rural galego de finais do século XII e principios do XIII, aínda que a súa orixe, como moitas das igrexas desta zona, estaría no monacato de tradición visigoda que se mantivo nos vales do Miño e do Sil durante toda a Alta Idade Media, xa que as novas máis antigas datan do ano 976 e vinculan esta fundación ao mosteiro de Diomondi.

A igrexa é de planta rectangular cunha nave única con cuberta de madeira e cabeceira recta, como é habitual en templos vinculados á repoboación asturiana. Conserva da época románica o arco triunfal sobre columnas rematadas en capiteis historiados e unha decoración de xadrezado ao redor das doelas.

Da mesma época é a portada, que presenta dúas parellas de columnas con capiteis decorados con motivos vexetais moi erosionados e as tres arquivoltas decoradas con bolas que enmarcan o lintel. Sobre a portada disponse a espadana, que é unha adición posterior. No lado meridional do templo consérvanse os modillóns medievais, que non presentan decoración.

A singularidade da igrexa de Santa María de Seteventos está no excelente conxunto de pinturas murais do século XVI que decoran o arco triunfal de acceso á capela maior, no cal se representan a Anunciación, no extradorso do arco, e o Xuizo Final baseado no relato apocalíptico de San Xoán, completado co tema do Calvario ou dos mártires, entre os que se representa a Santa Catarina. Tanto o estado de conservación da igrexa como das pinturas murais é bo e foron restaurados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

– Igrexa e Reitoral de San Vicente de Pombeiro (Pantón).

A Igrexa e Reitoral de San Vicente de Pombeiro representan a pervivencia dun dos mosteiros máis importantes da Ribeira Sacra na época medieval que, tras a reforma dos Reis Católicos, pasou a converterse nun priorado dependente de Santo Estevo de Ribas de Sil. Como moitos dos templos desta zona, tivo as súas orixes na Alta Idade Media, cando os anacoretas poboaron estas terras. Proba da ocupación do territorio son os sepulcros antropomorfos escavados na rocha que se conservan nas proximidades da igrexa. Esta documentada a súa existencia desde o primeiro terzo do século X como un mosteiro dúplice vinculado aos condes Suario Gutiérrez e Guntroda, pero foi en tempos da reina Urraca de Castela e Raimundo de Borgoña, no século XII, cando San Vicente foi anexionado á abadía borgoñona de Cluny como priorado, sendo unha das dúas casas que esta orde tivo na Ribeira Sacra.

En tempos da reforma do século XV, concretamente no ano 1508, pasou a depender do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil como priorado.Aínda que coa construción do encoro de Santo Estevo o nivel das augas subiu e se alterou a fisionomía do val, San Vicente seguiu dominando o canón, do mesmo xeito que Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil ou Santo Estevo de Ribas de Miño. A súa presenza simboliza e evidencia a colonización dos monxes no territorio.

A igrexa é unha das xoias do románico en Galicia. Data do último terzo do século XII e a primeira metade do XIII. Ten planta basilical de tres naves e cabeceira tripla, composta por tres ábsidas semicirculares no exterior e poligonais no interior. Da fábrica románica conserva a cabeceira e parte dos muros perimetrais das naves, tanto no interior como no exterior, pero é posible que cando no século XVI se realizaron as pinturas murais que decoran o interior do templo se alterase o sistema dos piares que separan a nave maior das laterais, xa que os actuais non son da fábrica románica.

É posible que esta igrexa fora concibida para ser toda ela abovedada, porque a articulación do muro é similar á de Santo Estevo de Ribas de Sil. Do conxunto destaca a cabeceira pola súa monumentalidade, o equilibrio das súas proporcións e a riqueza ornamental do alzado; así mesmo, as portadas norte e sur constitúen dous dos exemplos sobresaíntes da arquitectura do románico da Ribeira Sacra, que falan do tránsito das formas cara ao século XIII, onde non faltan as referencias simbólicas ao pan e ao viño, como alimento eucarístico, ou á palmeira, símbolo do martirio e da inmortalidade.

A fachada principal, aínda que modificada, conserva a portada entre dous contrafortes, coas súas columnas con capiteis de decoración fitomórfica e arquivoltas apuntadas con motivos xeométricos e florais, todas elas con formas estilizadas e elegante trazado, así coma o tornachoivas que combina as rosetas cos trísceles ou discos solares e as cabezas humanas nas ménsulas. No ángulo suroeste consérvase o resto do arranque da torre.

No interior San Vicente de Pombeiro atesoura elementos moi destacados como o conxunto de retablos, especialmente o maior de principios do século XVIII, vinculado co obradorio de Francisco Castro Canseco e o ciclo de pinturas murais que se descubriron no 1996 e restauradas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nas cales se representan a Santa Cena, as lamentacións sobre Cristo Morto, o Xuízo Final, así como outras escenas como o Nacemento de Cristo ou Santa Ana.

O conxunto complétase coa casa reitoral, unha construción nobre do século XVIII que, segundo a inscrición que coroa o lintel do montante do balcón que preside a fachada, foi erixida entre 1766-1784, é dicir cando Pombeiro dependía do próximo mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Trátase unha edificación, exenta de cantería de granito que consta de soto (adega), baixo e unha altura, que responde á tipoloxía de pazo galego, cunha portada de formas sinxelas cun arco alintelado coroada polo balcón voado sobre o cal se dispón o escudo do prior que impulsou a reforma. Na fachada, como único elemento decorativo, cun marcado carácter plástico, destacan as guarnicións dos vans co montante característico do terceiro cuarto do século XVIII. O estado de conservación tanto da igrexa como o da casa reitoral é bo.

– A Fábrica da Luz do río Mao (Parada de Sil).

A Fábrica da Luz do río Mao, no concello de Parada de Sil, identíficase no conxunto da Ribeira Sacra como un lugar de valor etnolóxico tanto polo que representan os seus elementos patrimoniais destacados dentro da arquitectura industrial vinculada ao aproveitamento da forza da auga para a produción de enerxía eléctrica, como polo proceso de incorporación das infraesrtruturas polas comunidades locais para un uso destinado precisamente á relación co lugar, coa natureza e cos valores culturais do seu contorno.

O río Mao, tras o encoro de Leboreiro, forma un canón encaixado ata a desembocadura no Sil, en Barxacova. A Fábrica da Luz construíuse no ano 1914, inicialmente chamouse La Gallega e posteriormente pasou a Unión Fenosa. Esta construción remite a un tempo moi inicial na explotación enerxética do potencial das augas da Ribeira Sacra. Dese pasado consérvase a chamada canle vella, os tubos e parte da maquinaria.

O desenvolvemento tecnolóxico deixou obsoleta toda esta estrutura ao construírse os novos encoros e centrais, polo tanto a Fábrica da Luz perdeu a súa función industrial, pero pasou a converterse nun elemento patrimonializado polo pobo de Parada, que o rehabilitou para o seu uso e dinamización local. Hoxe depende do concello de Parada de Sil e é un establecemento hoteleiro e lugar de ocio e de lecer, que funciona de xeito complementario coas pasarelas do río Mao, obra da arquitecta Isabel Aguirre, e das rutas de sendeirismo, polo que é un lugar óptimo para contemplar os canóns da Ribeira Sacra e apreciar a harmonía entre a natureza e a obra humana tanto nos seus aspectos tradicionais coma tecnolóxicos.

– Necrópole de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil).

A Necrópole de San Vítor de Barxacova representa un elemento fundamental na xustificación do valor universal excepcional da paisaxe cultural da Ribeira Sacra por constituír un testemuño de grande importancia do período de expansión do eremitismo na Alta Idade Media.

Atópase nun lugar especialmente importante dentro desta paisaxe, na desembocadura do río Mao no río Sil, na zona alta do canón, dominando o val pero apenas visible desde a contorna. Trátase dunha das necrópoles máis importantes do noroeste peninsular para o período alto-medieval.

Os traballos de escavación revelaron a existencia dunha capela que existiu no alto dunha pena e unha serie de 35 sepulturas escavadas na rocha, repartidas en tres sectores diferenciados: o alto da capela, o sector norte e o sector sur do afloramento. Esta zonificación indica unha organización moi coidada da necrópole, polo que se deduce a existencia dunha comunidade xerarquizada, máis aínda tendo en conta a presenza dunha «tumba privilexiada», que albergaría algún personaxe destacado.

É posible que a extensión da necrópole sexa aínda maior da actualmente coñecida á vista das plataformas que se definen cara ao sur do afloramento e as tumbas localizadas cara ao centro da esplanada. Entre as novidades do xacemento destaca o descubrimento de tumbas superpostas, o que nos mostra unha perdurabilidade no tempo deste tipo de enterramentos, ademais de claras probas de reaproveitamento das tumbas por máis dun individuo, cun curioso, e a penas sen paralelos, osario cuadrangular anexo aos pés da sepultura. A partir do estudo dos restos óseos é posible datar este xacemento no século X-XI, é dicir, o momento de máximo desenvolvemento do movemento eremita, coetáneo á cidadela de Santa María entre os ríos Fiscaíño e Bibei (A Pobra de Trives).

As recentes intervencións no xacemento que permiten o seu coñecemento, visita e valoración foron promovidas polo Concello de Parada de Sil no marco dun exemplar proxecto de investigación liderado pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, no cal colaborou a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. En varias campañas sucesivas foi posible a escavación, investigación e consolidación do xacemento desde diversas disciplinas, xunto cunha interesante campaña de difusión e de implicacion da comunidade local.

– Mosteiro e igrexa de Santa María de Loio (Paradela).

A Igrexa de Santa María de Loio representa un exemplo único da presenza da orde militar dos Cabaleiros de Santiago na Ribeira Sacra.

Esta orde foi fundada co obxectivo de protexer os peregrinos a Compostela e o sepulcro do apóstolo; polo tanto, en Santa María de Loio entrecrúzase a realidade dos camiños de peregrinación e a propia Ribeira Sacra. A orixe do cenobio estaría nas fundacións da época alto-medieval de carácter familiar e dúplice, que incluso algúns autores vinculan á figura de San Martiño de Dumio, no século V, e posteriormente relacionan coa regra de San Fructuoso e co desenvolvemento do monacato de tradición visigoda. Desa época consérvanse os restos dun sartego antropomorfo e algúns materiais reaproveitados da etapa prerrománica. No século XII, o mosteiro incorporouse á orde miliar dos cabaleiros de Santiago, pero a mediados da centuria seguinte, a orde foi expulsada e o mosteiro pasou a ser unha das propiedades do Arcebispado de Santiago.

Na actualidade a igrexa é un templo de nave única e cabeceira recta con profundas modificacións na época moderna, concretamente no século XVIII, cando se reformou e se construíron o coro alto, a fachada, o campanario e o retablo maior que preside a igrexa coa imaxe de Santiago Peregrino. Unha lectura de paramentos permite falar do reaproveitamento de materiais de épocas anteriores, especialmente na portada, dado que no exterior os muros están encalados.

– Poboado dos Covallos en Montefurado (Quiroga).

O poboado dos Covallos de Montefurado representa un elemento sobranceiro que ilustra a transformación da paisaxe de mediados do século XX, cando se construíron os grandes encoros. O poboado foi promovido por Iberdrola para albergar o persoal que ía traballar na central de Montefurado, que se atopa a moi pouca distancia, e nas outras centrais do Sil que estaban nas proximidades.

No ano 1954 os enxeñeiros J. Trincado, F. Gómez e E. Casado deseñaron sobre o río Bibei un novo encoro antes da súa desembocadura no Sil e, vinculado a esta obra de enxeñaría, naceu este poboado que, seguindo os criterios da época, presentaba unha urbanización a modo de pequena cidade con todas as infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento e diferentes tipoloxías arquitectónicas para uso administrativo, educativo, comercial, relixioso ou vivendas para as diferentes escalas dos traballadores.

As construcións combinan a cachotaría de granito co ladrillo cerámico encalado e a lousa para os tellados. O interese deste conxunto é a súa homoxeneidade, a disposición sobre o territorio e o modelo de asentamento social ligado a un traballo e unha empresa específica, tipoloxía que se atopa repetida noutros casos ao longo da Ribeira Sacra.

O terreo sobre o cal se construíu o poboado dos Covallos é unha antiga explotación aurífera romana que se atopa na ladeira esquerda do cauce do leito do río Sil realizada sobre un pequeno depósito de masas de aluvión consolidado formado na era terciaria. Trátase, polo tanto, dun xacemento secundario cun espesor de aluvión considerable sobre o cal, na época galaico-romana, se empregaron técnicas de beneficio de carácter masivo, en concreto as coñecidas como cortas de minado, ruina montium ou arrugia. Sobre os restos desa explotación atópase o poboado.

– Túnel e explotacións mineiras de Montefurado (Quiroga).

As explotacións mineiras e o túnel de Montefurado representan un elemento fundamental dun período significativo da Ribeira Sacra, ligado á explotación dos recursos e á gran transformación do territorio que iso implica.

Trátase dunha explotación aurífera romana que se atopa na ladeira dereita do leito do río Sil, realizada sobre un gran depósito de masas de aluvión consolidado formado na era terciaria, que na actualidade presenta unha típica cor vermella. Trátase, polo tanto, dun xacemento secundario cun espesor de aluvión considerable sobre o cal os romanos empregaron técnicas de beneficio de carácter masivo, en concreto as coñecidas como cortas de minado, ruina montium ou arrugia, que deixaron marcados no terreo diversas frontes polilobuladas. No centro da explotación atópase a aldea de Montefurado.

O túnel de Montefurado, a Boca do Monte, na actualidade conserva unha lonxitude de 52 metros, aínda que en orixe medía 120 metros por 20 metros de largo. Foi construído na época romana coa finalidade de desviar a auga do río Sil e así, en seco, beneficiar as áreas auríferas depositadas no gran meandro que describe o río neste lugar. A zona é, ao tempo, un paso natural e nela concentráronse os camiños tradicionais, o Camiño de Inverno, o ferrocarril e a estrada N-120 nunha estreita faixa. Na súa construción desviouse o curso natural do río, que atacaba o túnel lateralmente mentres que na actualidade o fai de xeito directo.

– Muíños do río Xabrega (Sober).

O conxunto de muíños do Xabrega e o grupo máis completo dos que se conservan nesta paisaxe e, ademais, son un exemplo da arquitectura popular que ten na Ribeira Sacra unhas características singulares.

A meirande parte deste patrimonio edificado, muíños, aceñas, pesqueiras e canles, na Ribeira Sacra atópase baixo o nivel das augas actuais polos encoros do Miño e do Sil, formando unha reserva arqueolóxica importante que só pode contemplarse cando as augas baixan polas tarefas de limpeza que periodicamente as empresas teñen que realizar, ou pola seca. As arquitecturas da auga ligadas aos afluentes do Miño e do Sil teñen unha maior relevancia porque son as únicas testemuñas deste outro xeito de explotación tradicional dos recursos naturais que resulta accesible.

O regato de Xabrega, tamén coñecido como «do Camilo», «da Boca» ou «de Bouzas» ou incluso «dos Muíños» é un río curto e pequeno que forma un val espectacular, moi estreito, que se interna nos canóns ata desembocar no Sil en forma de fervenza, pero antes da súa unión con el tradicionalmente o río foi aproveitado polas xentes que poboaron esta zona para a construcións de muíños, un tras outro ata 28, dos cales oito puideron ser recuperados nos últimos anos e formaron unha fermosa ruta de gran valor etnolóxico promovida polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

A súa tipoloxía é moi variada porque son arquitecturas que se adaptan á topografía do terreo co obxectivo de acadar o máximo rendemento á forza da auga, que se emprega para moer o cereal, pero tamén para mazar o liño e, noutros contextos, como batáns para moer a galena do vidrado da cerámica e outras producións ocasionais.

A técnica construtiva das súas fábricas é a cachotaría de granito con cantaría escuadrada nos esquinais e nos ocos, nalgúns casos, ou simplemente de cachotaría de granito na maior parte deles; empregan sinxelas técnicas de pedra en seco que alcanzan a perfección na formación de linteis, arcos de descarga e, en xeral, os elementos destinados a soster o bater das augas. A cuberta a unha ou dúas augas é de estrutura de madeira e cubrición de tella. Hai algúns exemplos que conservan parte da súa maquinaria, ben as moas de moer, os mazos ou as turbinas das primeiras máquinas da luz. No seu contorno recuperáronse canles, presas, pontellas e muíños e construíronse pasarelas e miradoiros sobre o río.

B.2. Novas delimitacións de bens inmobles declarados.

Incorpórase a referencia a monumentos xa declarados no ámbito dos territorios que conforman a Ribeira Sacra para completar o retrato global e dos episodios significativos que están relacionados na descrición da paisaxe cultural. Para os bens que non contaban cunha delimatición específica, incorpórase unha baseada en xeral nos antecedentes e homoxenización doutras figuras ou lexislacións vixentes, ou estudos previos que forman parte do expediente. Son os seguintes bens inmobles, todos eles declarados coa categoría de monumento:

– Ponte Bibei (A Pobra de Trives-Quiroga): Decreto do 3.6.1931 (GAC 155, do 4.6.1931).

– Igrexa de San Xoán da Cova (Carballedo): Decreto do 16.10.1950 (BOE núm. 319, do 15.11.1950).

– Mosteiro de Santa María de Montederramo: Decreto do 16.3.1951 (BOE núm. 95, do 5.4.1951).

– Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín): Real orde do 12.4.1923 (GAC 114, do 24.4.1923).

– Mosteiro de San Paio de Diomondi (O Saviñao): Decreto do 3.6.1931 (GAC 155, do 4.6.1931).

– Igrexa de San Miguel de Eiré (Pantón): Decreto 1843/1964, do 11 de xuño (BOE núm. 158, do 2.7.1964).

– Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón: Decreto 2495/1975, do 23 de agosto (BOE núm. 254, do 23.10.1975).

– Igrexa de San Fiz de Cangas (Pantón): Decreto 739/1979, do 20 de febreiro (BOE núm. 85, do 9.4.1975).

– Colexiata de San Xoán de Portomarín: Decreto do 3.6.1931 (GAC 155, do 4.6.1931).

– Igrexa de San Pedro de Bembibre (Taboada): Decreto 1215/1975, do 24 de abril (BOE núm. 134, do 5.6.1975).

B.3. Bens inmobles declarados de interese cultural xa delimitados.

Tamén foron incorporados á declaración da paisaxe cultural outros monumentos e conxuntos históricos xa declarados co mesmo criterio, ben que nestes casos os bens xa contan cunha delimitación e zonificación concreta, que se mantén nos termos das súas diferentes figuras de protección:

– Igrexa de Santo Estevo de Chouzán (Carballedo): Decreto do 16.10.1950 (BOE núm. 319, do 15.11.1950) e Decreto 273/1995, do 29 de setembro (DOG núm. 204, do 24.10.1995).

– Núcleo antigo da vila de Castro Caldelas: Decreto 30/1998, do 2 de xaneiro (DOG núm. 22, do 3.2.1998).

– Igrexa de Santa María de Pesqueiras (Chantada): Decreto do 16.10.1950 (BOE núm. 319, do 15.11.1950) e Decreto 277/1995, do 5 de outubro (DOG núm. 206, do 26.10.1995).

– Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos): Real orde do 20.9.1923 (GAC 269, do 6.9.1923) e Decreto 49/1999, do 18 de febreiro (DOG núm. 43, do 3.3.1999).

– Conxunto histórico de Monforte de Lemos: Decreto 444/1973, do 22 de febreiro (BOE núm. 62, do 13.3.1973) e Decreto 187/2005, do 16 de xuño (DOG núm. 126, do 1.7.2005).

– Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao) Decreto do 3 de xuño de 1931 (GAC 155, do 4.6.1931) e Decreto 262/2008, do 6 de novembro (DOG núm. 232, do 28.11.2008).

– Mosteiro de Santo Estevo de Atán (Pantón) Decreto 2496/1975, do 23 de agosto (BOE 254, do 23.10.1975) e Decreto 232/2004, do 23 de setembro (DOG núm. 191, do 30.9.2004).

– Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil) Decreto 78/2009, do 2 de abril (DOG núm. 73, do 17.4.2009).

– Igrexa de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela): Real decreto 1751/1982, do 4 de xuño (BOE núm. 181, do 30.7.1982) e Decreto 278/1995, do 5 de outubro (DOG núm. 206, do 26.10.1995).

– Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo: Real decreto 3049/1980, do 12 de decembro (BOE núm. 28, do 2.2.1981) e Decreto 28/1998, do 22 de xaneiro (DOG núm. 206, do 26.10.1995).

C. Bens mobles.

C.1. Crismón da Ermida ou Crismón de Quiroga.

O Crismón da Ermida é unha das pezas máis singulares da liturxia e da arte cristiá coñecidas en Galicia e no contexto cultural do occidente europeo, ademais de ser unha obra dun significativo valor artístico e plástico, mesmo na actualidade.

Trátase dunha peza que estaba localizada na igrexa da Nosa Señora da Ermida, en Quiroga, na posición de mesa de altar. É un bloque de mármore branco grisáceo con vetas azuis, probablemente de procedencia de Lóuzara, de forma circular, de case un metro de diámtero e uns 6 de grosor. Na sua posición estaba ata 1887, cando o bispo decidiu retirala nunha visita pastoral polas prácticas supersticiosas que existían ao seu redor, e desde 1925 está no Museo Diocesano da Catedral de Lugo.

Na súa cara ten inscrito un grande crismón, o monograma de Cristo, X+P entrelazado coas letras alfa e omega aos seus lados, e na faixa exterior perimetral unha fermosa inscrición rodeada por pérolas en relevo, no formato literario de dístico en latín XP AVRVM VILE TIBE EST, ARGENTI PONDERA CEDANT. PLVS EST QVOD PROPRIA FELICITATE NITES, que pode traducirse por: «O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátanse. Máis é o que reloces pola túa propia felicidade».

Pode afirmarse que se trata dunha obra romano-cristiá local, de mediados do século V. O reverso está sen traballar, polo que a función máis probable sería a de mesa de ofrendas. Na súa localización na ermida outras pezas de semellante material parecen concluír que estaría no seu contexto primeiro.

C.2. Inscrición fundacional e pé de altar de San Pedro de Rocas.

A inscrición está realizada con sumo detalle e perfección nunha peza de granito de 48×82×12 cm, co texto inciso a bisel que di: «HEREDITAS: N (ostrorum) / EVFRAXI: EVSANI / QVINEdI: EATI: FLAVI / RVVE: ERA: dª C. X A I:», que podería traducirse por: Isto (que estades a contemplar) é a herdanza de todos nos, é dicir, de Eufrasio, Eusano, Quinedo, Eato, Flavio e Rvve, (e consagrado na), Era (hispánica) de 611 (ano 573), e que é interpretada como acta fundacional do mosteiro antes da anexión do reino suevo ao reino visigodo.

Estaba localizada na nave da epístola en San Pedro de Rocas, e foi trasladada xunto co soporte do altar ao Museo Provincial de Ourense en 1970. Ten unha decoración perimetral e central dun cordón rematado nunha cruz episcopal que divide os campos do texto. A peza presenta unha quebradura no lado superior dereito e unha quebradura no lado superior esquerdo. Destca como obra tanto pola perfección do tallado como pola disposición do texto, a súa distribución e a calidade da letra e a redacción. Ao contrario do habitual, carece case por completo de abreviaturas.

No seu estudo propuxéronse varios dilemas, tanto da autenticidade e da propiedade da adscrición ao templo como mesmo da lectura da data fundacional. Podería tratarse, se cadra, por determinados aspectos, dunha transcrición alto-medieval, pero desde logo os trazos dos tipos son claramente visigóticos e a opinión xeneralizada establece súa pertenza á época datada (573). O que semella claro é que a peza presenta o feito dunha transición da vida anacoreta á vida cenobítica cunha testemuña que debe ser combinada coa presenza, tamén intrigante, dun pé de altar de clara decoración mozárabe.

Considérase que desde a orixe ou regulación precaria dunha serie de anacoretas, estaría en uso cenobítico ata as incursións árabes a comezos do século VIII, ata a súa restauración a finais do século IX por un tal Gemondo, que o volvería descubrir cheo de maleza, cando perseguía un veado e que, pola beleza e o afastado do lugar, sería aliciente abondo para promover nel o sentimento de dedicar a el a súa vida como anacoreta.

O pé de altar é un piar prismático de granito de 43×41×77 cm. Existindo un semellante en Santa Comba de Bande, aínda que este é de mármore, probablemente tomando como referencia as aras romanas. Está decorado nas catro caras por arcos de ferradura sobre columniñas enlazadas e outro cordón rodea a parte baixa da peza. Nun lateral está inscrito un crismón estilizado. Esta decoración, que se asume normalmente como mozárabe, é habitual nas estelas romanas do noroeste da Península, polo que tamén se poderá adscribir artisticamente ao momento fundacional do mosteiro rupestre.

En calquera caso, a peza tivo claramente unha función de altar de culto e a súa decoración resulta testemuño inequívoco da súa relación cun momento moi incial do culto cristano ligado á convivencia dunha cultura galaico-romana.

D. Manifestacións do patrimonio cultural inmaterial.

D.1. Festas de fachas e fachóns da Ribeira Sacra.

As festas de fachas e fachóns son actos festivos realizados polo conxunto dos veciños, que na véspera dunha celebración, normalmente relixiosa, xuntan elementos previamente preparados ao longo de días ou semanas, de material vexetal, palla, herbáceas ou madeira, segundo o caso, para portalas ardendo e logo queimalas nun lugar significativo, festexando con música e baile contra a noite e ata que o lume apaga.

As comunidades locais asumen que son festas de antigo e están asociadas a lugares relevantes da súa xeografía próxima, en concreto os castros ou o Castelo, os lugares máis elevados e visibles dende o arredor. Trátase de celebracións festivas multitudinarias en que participan todos os membros das familias e abertas ás parroquias da contorna.

As festas ou folións terían na súa orixe unha clara relación co sol e coas colleitas, e as fachas e fachóns prendidos terían unha natureza propiciatoria do sol, que é o seu sustento. Festas relacionadas coa queima de fachas teñen sido declaradas do patrimonio cultural inmaterial da UNESCO, como as Fallas do Pirineos.

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas ten lugar o 19 de xaneiro, que é a véspera da onomástica do patrón, San Sebastián. Tense asociado este rito a unha devoción penitencial relacionada coa peste, como agradecemento ao patrón da vila na súa intercesión ante a ameaza da morte, ou cun episodio máis pragmático en que se terían queimado os lugares apestados.

Existe documentación con referencia a esta festa en 1763, momento en que a enfermidade tivo unha grande incidencia na vila. As familias levan os seus fachós polas rúas da vila, no contorno da Igrexa dos Remedios e do Castelo, tradicionalmente elaborados de palla de centeo.

Algún fachón alcanza mesmo os 30 metros de longo e ten que ser levado por moitas persoas. Outros son de menor tamaño, tamén individuais, e acéndense en procesión na devoción a San Sebastián cunha festa á noite, con viño e chourizo. A particularidade do fachón e o seu tamaño é comparado entre os portadores. Finalmente, os fachós tíranse a unha cacharela en que acaban de arder en conxunto. Os fachós elaborábanse previamente nos palleiros propios, mais o abandono do cultivo influíu no esmorecemento da tradición.

Nos últimos anos, promovido polo propio Concello de Castro Caldelas, estanse realizando medidas de salvagarda que redundan nunha celebración con disposición axeitada do material para que os veciños poidan portar fachós bens feitos.

As celebracións acompañadas de fachas ou fachóns nas vésperas de actos festivos, como unha celebración comunitaria, están presentes tamén noutros lugares da Ribeira Sacra, en especial o Folión de Fachas de Vilelos (O Saviñao) ou a Queima das Fachas de Castelo (Taboada).

O Folión de Vilelos consiste nunha procesión nocturna da xente da parroquia ao castro da Besta, con fachas feitas de abrótegas ou agucios secos recollidos durante o verán, e úsanse na véspera das festas de setembro para iluminar o camiño e festexar con elas acesas. Non todas as fachas poden subir ao castro, pola súa lonxitude, polo que rematan por queimarse ao seu pé, en cacharelas conxuntas, onde se festexa con música e baile. Na actualidade está promovida pola Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos.

A Queima de Castelo tamén se celebra cara oo final do verán, neste caso festa de véspera de Santa María, e tamén se sobe a un castro, o de Castelo, no cal se dispoñen grandes fachas fincadas formando un amplo círculo. As fachas son elaboradas nas casas con madeiras e agucios, e sóbense o mesmo día, en que o traballo de poñelas en vertical é un dous maiores retos, dada a súa altura duns 9 m, e a súa forma afusada, máis grosa polo medio. Os agucios dan un lume moi vivo e procúrase que ardan o maior tempo posible. Na actualidade a Queima está promovida pola Asociación Cultural As Fachas.

D.2. Festas do entroido da Ribeira Sacra.

O carnaval, ou o antroido, entrado, introito, entrudio, ... foi sido declarado manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial de España polo Real decreto 383/2017, do 8 de abril, ao abeiro do disposto na Lei 10/2015, do 26 de maio, para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, por ser unha das manifestacións máis emblemáticas, vivas e representadas en todo o territorio nacional.

A súa orixe é moi antiga e ten recibido moitas achegas culturais ao longo do tempo, en especial de cerimonias do inverno e propiciadoras da primavera. Polo seu carácter catártico e libertario, ten sido condenada e prohibida en ocasións.

Son festividades en que os roles persoais se transforman ou exaxeran e que se celebran en comunidade, nos espazos públicos, coa participación, activa ou pasiva, mesmo involuntaria, de todos os veciños. Os seus aspectos lúdicos e pícaros antepóñense, no ciclo relixioso, a un período de penitencia e devoción mais, nos seus aspectos máis universais, a celebración do remate do inverno e a promesa da primavera estarían en relación coa futura fertilidade.

Todos eses aspectos se manteñen en común nas festas de carnaval, pero na Ribeira Sacra esta manifestación acada rangos distintivos e de singularidade que cómpre recoñecer, xa que é unha das festas que con máis incidencia redundan na formación dun carácter propio, sobre todo na actualidade, en que o Entroido é unha cerimonia que perdeu a súa significación en relación cos ritos agrarios e que foi recuperada e mantida como reforzo da identidade ameazada de desaparición.

O Entroido Ribeirao celébrase principalmente na parroquia de Santiago de Arriba, do termo municipal de Chantada, pero tradicionalmente tamén en Vilaúxe, Camporramiro, Nogueira ou Vilar. A súa decadencia prodúcese polos procesos de migración e despoboamento da zona, principalmente no último cuarto do século XX, ata o novo pulo dinamizador construído polos propios veciños e os seus testemuños e experiencias. O lugar de celebración é o Campo de Moredo, aínda que tradicionalmente adoitaban producirse encontros e mesmo liortas cos doutras parroquias. Os días de maior relevancia son os tres domingos (Corredoiro, Lambedoiro e de Entroido) e o martes de Entroido, pero os traballos preparativos tiñan que facerse con moita antelación, cada un traballando nunha parte do necesario, nas cintas, nos puchos, nas caraútas ou mesmo para preparar as campás para o seu son.

O personaxe máis característico e o volante, ataviado con roupa branca e un par de cintos de coiro sobre unha faixa de cor da cal penduran campaíñas. Tamén leva panos estampados sobre os ombreiros e, na actualidade, pantalóns de cores. Os volantes pintaban a cara de negro ou usaban unha careta ou caraúta aberta para poder respirar, e portaban un caxato grande con fitas de cores. O volante fai soar as campás e bailar as fitas de cores no ar e, de cando en cando, pasea o pucho.

Os puchos son outro dos elementos máis característicos do Entroido Ribeirao. Eran aparatosos sombreiros feitos en orixe cunha estrutura de verza seca, flores de rama de millo e fitas de palla, que na actualidade adquiriron unha maior vistosidade e cor, ao realizarse con cartón e papel e centos de fitas de moitas cores sobre unha estrutura de arame e vimbio. Estes puchos alcanzan unha grande altura e un peso de trinta quilos. No seu cumio dispóñense dúas bonecas, unha mirando para diante e outra para atrás, así como cinco penachos que sobresaen máis. Polo seu peso os volantes fan quendas para levar o pucho, que é un xeito de paso procesional irreverente.

As máscaras ou caraútas son pezas moi rústicas, feitas de capas de papel endurecido no forno cunha masa de fariña e coa forma dun molde de madeira. Ábreselles os ollos e a boca cun ferro e remátase con xema de ovo polo exterior. Non require de máis decoración.

No Entroido Ribeirao tamén participan os peliqueiros ou maragatos, que sobre a roupa vella ou de traballo poñen pelicas de ovella ou de cabra, suxeitas cun cinto do que colga unha campá. A cara lévana cuberta cunha pelica ou cunha máscara grotesca e sobre a cabeza o cranio e os cornos dun animal, polo que o seu aspecto contrasta coa cor e co tecido delicado do volante. A súa función é abrirlles o paso a estes no seu baile, para o que se axudan dun pau ou látego.

Outros personaxes deste Entroido son os corozeiros (que visten a tradicional coroza de palla coa carapucha) e os mecos, que fan burla e exaxeración dos comportamentos máis cotiás, os oficios ou as relacións persoais, en que se desenvolve o enxeño, a picaresca, a lascivia e se poñen en común os feitos máis relevantes das pequenas historias persoais recentes.

O Entroido practícase hoxe como unha exhibición do baile, dos traxes e máscaras e destas representacións satíricas. A festa remata coa fuxida do Entroido, que é un volante que marcha, acompañados de mecos que choran e berran. Na actualidade mantense a tradición a través da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao, que xunta mulleres, homes e cativos, que procuran participar tanto dos festexos como da preparación previa, con certa liberdade para as innovacións.

No ámbito da Ribeira Sacra, aínda que non nas terras dunha parroquia de ribeira senón dunha localizada no encontro do val alto coas montañas do Courel, e moi próximo ao canón do río Lor, na aldea de Salcedo, mantense outro Entroido de características singulares, en que destacan os personaxes do Oso e dos seus servos.

Durante as festas do Entroido de Salcedo madamas, mulleres que visten de branco e levan na cabeza sombreiros de flores e cintas de papel de cores, e danzantes, homes que visten de negro cunha máscara branca, remedan o baile de parellas ricas. Tamén se realizan representacións paródicas de acontecementos domésticos e familiares e cantigas.

O día do Oso é o luns de Entroido. Ese día, fuxido ou levado polos servos, chega o Oso por algún lugar dos rueiros da aldea, vestido de peles de ovella e unha máscara de coiro co aspecto do animal. O Oso leva unhas cinchas con campás colgando da cintura.

O lugar da súa aparición non o coñecen os veciños, aínda que algo antes o preceden o Osiño e os seus criados pequenos. O Oso anda pola vila polo medio da xente, métese a facer algún balbordo e coa axuda dos criados, envoltos en peles e trapos pardos, armados cunha vara e un caldeiro onde levan o sarrio (mestura graxa de cinza), tisna a cara e, se lle cadra, o peito e o bandullo da xente, tirados sobre o chan.

Fronte a outras tradicións no mundo que tamén celebran a chegada do oso, como o acordar do letargo do inverno, aquí o oso é o señor, non hai cazador nin se lle busca a morte, senón que o Oso marcha cando acaba a súa faena e a festa segue. Na actualidade a cerimonia festiva é sostida pola Asociación de Veciños de Salcedo, que procuran o recoñecemento da súa singular tradición.

Cómpre destacar tamén na Ribeira Sacra, de Ourense, a figura dos Felos de Esgos, aínda que con este nome se coñecen tamén nalgunhas zonas próximas, como Maceda ou Maside. Os felos visten roupa branca e enaguas con cintas de cores cosidas, tanto nos xeonllos como da cintura e do colo, acompañado de panos estampados sobre os ombreiros e mesmo atados ao pescozo ou cunha gravata rechamante. O traxe branco de base complétase cos adobíos descritos e cun cinto con esquilóns. O aspecto diferencial está no uso de máscaras de papel, a xeito de grande cilindro en que se mete a cabeza, que ten unha decoración libre e persoal. Andan ás carreiras cos caxatos na man e visten botas altas que na actualidade adoitan ser de goma para a auga.

Os felos nos seus folións do Entroido van acompañados de madamas¸ que personifican mozas finas e ben vestidas, así como ananos, vestidos con roupas frouxas e recheas de palla para avultar, así como remedos de bestas e burros feitos de pelicas e ramas. Entre os ritos deste Entroido recuperouse a práctica de poñer a coresma, que consistía en levar un boneco de palla á porta dunha casa, o que implicaba ser o obxecto da burla de todos os veciños. Desde época recente a Asociación Cultural-Etnográfica Felos e Madamas de Esgos mantén a tradición.

A provocación e as burlas enxeñosas e mesmo groseiras son habituais en todas as festas de Entroido. En xeral, as celebracións do Entroido da Ribeira Sacra son das máis descoñecidas, e neste século XXI as comunidades locais teñen realizado medidas de salvagarda propias, como un esforzo de reafirmación e recoñecemento identitario.

D.3. A olaría da Ribeira Sacra.

Entre as técnicas tradicionais máis estendidas e funcionais da Ribeira Sacra está a olaría, traballo destinado principalmente ao consumo propio das poboacións locais e como industria complementaria do comercio do viño. A olaría da Ribeira Sacra ten unhas características comúns singulares en canto ao tipo de produtor e consumidor, ben que contrastan nas dúas ribeiras do Sil polo material, os procedementos e as formas, de tal forma que resultan perfectamente distinguibles e diferenciadas. Tanto a Terra de Gundivós como a Aldea de Niñodaguia eran aldeas especializadas na produción oleira.

Aínda que se pode considerar factible a continuidade dunha certa actividade cerámica desde a época castrexa e pasando pola medieval, o tipo de vida e os recursos dos campesiños non eran quen de dar para moito máis que un consumo esporádico e local, namentres que os grandes posuidores da terra acostumaban importar a louza.

Porén, coa mellora das condicións económicas dos campesiños, especialmente a partir do século XVII, coas melloras agrarias e produtivas, comezou a creación dun consumidor dunha cerámica modesta e accesible, o que se veu fortemente incrementado co pulo da produción e do comercio máis sistemático do viño. Na Ribeira Sacra a produción da cerámica sería unha actividade a tempo parcial do campesiño integrada na súa economía doméstica. As aldeas de cacharreiros están documentadas desde o século XVIII en diversos censos e escritos. No caso das terras da Ribeira Sacra a louza está destinada en especial ao viño.

O caso característico dunha olaría nas raíces máis antigas da tradición artesanal é a olaría de Gundivós; a actividade alcanzou tal extensión que esta parroquia do concello de Sober era coñecida como terra de cacharreiros. Os traballos eran realizados tanto por homes como mulleres, tanto na produción coma no comercio, en obradoiros familiares en que ocasionalmente podía traballar algún xornaleiro. Os cacharreiros non traballaban a terra coa intensidade dos seus familiares porque tiñan que manter as mans e o pulso para alisar as olas, e gozaban do respecto dos seus veciños.

O barro sacábase con pico, rodo e aixada de buratos de ata máis de 2 m de profundidade de lugares próximos á parroquia (Lobios e Veiga de Liñares) con diferentes calidades, polo que se mesturaban por metades para garantir o mellor produto. Para dar cor, pode mesturarse barro rubio de Gundivós. De cada feira podía traballarse un carro de barro. Entre tanto o material amolentaba no barreiro, alpendre xunto á casa, picándoo cunha barra de ferro. O barro trabállase sistematicamente en porcións pequenas humedecéndoo, estirándoo e golpeándoo para sacar calquera impureza e conseguir unha masa axeitada para modelar durante unha xornada. O cacharreiro de Gundivós traballa cun torno baixo de grosa madeira de carballo, a roda, pesada e de moita inercia, que ten unha peza de resalte central para centrar o modelo co que se vai traballar e na cal está gravada a súa marca, sobre un eixe ou vío de madeira de buxo ou cerdeira.

Esta máquina pode dispoñerse no lugar que resulte máis cómodo para traballar, firme sobre un tallo. Para darlle voltas, entre a roda e o tallo disponse duns brazos en cruz que serven para dar impulsos periódicos.

O modelado faise cunha pitela e trapos, sentado sobre un banco e co torno entre as pernas, e só para pezas grandes pode ser necesaria a axuda dunha segunda persoa, xa que se constrúen por partes. As pezas secan ao ar sobre un canizo na cociña, ao sol no inverno ou á sombra no verán. A decoración é escasa, só con cordóns ou vincos e liñas incisas. As formas habituais son a ámboa, para almacenaxe de calquera produto, o cántaro, para a medida do viño, que se distinguía cos vincos perimetrais, as olas de auga, sen medida, e outras máis pequenas, destinadas para o leite, para a cociña, a matanza, etc.

A peza máis singular e recoñecible, ademais da ámboa e o cántaro, pode ser o xarro, que destaca pola complexidade da súa boca, apretada e decorada con vincos, e que ten unha forma plástica e suxestiva moi singular e evocadora, e medidas dende unha ola de 16 litros ata 1 litro ou menos. Destacan tamén pola súa beleza e polo depurado da súa forma e deseño as meleiras e os botixos.

As pezas cócense nun forno de propiedade familiar, próximo á casa e á leñeira, moi rústico, aberto por arriba e sen grade, duns dous metros de altura e rodeado de terra. Para a cocción dispóñense olas xa cocidas desbotadas doutras cocidas e sobre delas as pezas secas unhas sobre as outras, as pequenas sobre as grandes e enchendo os baleiros polo medio con outras. Ao superar a altura do forno, volven dispoñerse outras pezas rotas. O lume primeiro é máis tépedo e nunha segunda fase avívase, por unhas catro horas cada fase. As brasas sácanse para cubrir a bóveda e cando a lapa é limpa, cóbrese todo con terróns.

A súa cor despois da cocción é rubia, o que pode propiciarse engadindo sal ao remate da cocción. As pezas máis negras ou escuras son as máis afectadas polo lume. Para mellorar a súa impermeabilidade algunhas pezas empegábanse con pez polo interior. Para iso debía quentarse a peza e co fume da palla quedaba ennegrecida. Estas pezas resultaban as máis eficaces, polo que tamén son as que lle dan unha maior sona a Gundivós. Na actualidade o Centro Oleiro de Gundivós de Elías González, na antiga reitoral, mantén viva esta técnica construtiva coa produción das pezas tradicionais segundo a técnica de torno baixo e cocción con leña.

No caso de Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo, a técnica e o resultado plástico son ben diferentes, e supón un caso diferenciado da cacharrería de todo o centro e sur galego. A posición da aldea de Niñodaguia, á beira do camiño a Ourense, puido ter que ver na incorporación de técnicas innovadoras nesta zona de Galicia, como o vidrado, que non se reproducen no seu contorno, e unha sistemática anovación dos procedementos.

Neste caso a profesión era case exclusivamente masculina e, aínda que humilde, gozaba de prestixio. A actividade tradicional era tamén de carácter familiar e en exclusiva por mor do coidado das mans, namentres que a economía familiar exixía a achega do traballo do campo.

Os cacharreiros ou xarreiros traballaban no faiado da casa, sobre a cociña, e máis recentemente en pendellos sinxelos de ladrillo cerámico, situados nas proximidades da casa, abertos e con espazo para varios traballadores. O barro de Niñodaguia extraese do lugar de Veigachá, do Monte do Barro, que é propiedade dos veciños que colaboran no seu mantemento.

O barro sácabase de galerías escavadas a uns 6 metros de profundidade ao final do verán, aínda que na actualidade coa axuda dunha máquina; no seu momento a retirada manual era máis penosa, aínda que máis selectiva, e permitía recoller a nata, o barro de maior calidade que daba as cores amarelas características das pezas de Niñodaguia.

En carros levábase para as proximidades da casa, en forma de pedras sólidas, que se mazaban nun maseiro de madeira de carballo que logo se peneiraba para deixar un pó selecto. No propio maseiro engádese auga para obter o produto de moldeado, amasándoo repetidamente, aínda que este proceso está hoxe mecanizado tamén.

As pezas moldéanse nun torno alto, cun eixo de bidueiro cunha roda grande aos pés, campo da roda, e unha cabeza de roda superior de madeira de castiñeiro en que se traballan, todo iso nun armazón de madeira que serve para asento do cacharreiro e estabilidade do sistema. A porción de barro amasado lévase a este torno e despois trabállase segundo as formas e os modelos requiridos, para poñelo a secar no tarantín, un andel localizado no pendello ou fóra del se as condicións o permiten. As pezas son de escasa decoración, aínda que se empregan as liñas horizontais incisas como recurso estético, feitas cun canivete, a ferramenta de modelado. As pezas cócense en fornos, normalmente privados, aínda que os tradicionais permitían o uso a calquera que o marcase deixando unha peza crúa sobre el.

Os fornos son de pedra de granito, de escasa altura e cunha grade de pedra (ou cerámica) superior. Baixo dela faise o lume, e sobre dela dispóñense pezas ata un metro de altura. Faise primeiro un lume con herbas secas e logo con madeira. As pezas achegábanas aos fornos as mulleres ou rapaces a cambio de pezas da cocción, e colocábanse sobre a grella con coidado e habilidade, formando círculos concéntricos, coas bocas para abaixo e os grandes polo exterior; segundo o modelo de pezas, cada unha ten a súa posición, e este é un traballo especializado. Na primeira cocción feble prepárase a peza para recibir o vidrado, que se aplica ao día seguinte e vólvese á cocción a maior temperatura, aínda que moito menos tempo. Esta operación na actualidade adóitase reducir a un único vidrado previo e cocción, e a temperatura contrólase con ventilación forzada.

As pezas de Niñodaguia non estaban relacionadas tanto coa produción ou co transporte do viño como co enxoval máis cotiá e doméstico e variado. Destacan as olas ou cántaros de decoración incisa, ou os xarros de leite ou para a graxa, os barreñós e as almufías para a matanza, así como fontes, pratos e cuncas, e xarras de viño e auga.

Entre as pezas esteticamente máis singulares e atractivas están as alcuzas, de forma esferoide, cunha boca estreita e dunha a catro pequenas asas superiores, que servían para gardar o aceite, así como multitude de remates para as cubertas de tella, de formas caprichosas.

En Niñodaguia inagurouse un museo-obradoiro da olaría tradicional, destinado á difusión desta actividade. Existen artesáns locais, que combinan a creación de pezas artesás e de autor coa práctica da técnica tradicional, como a Alfarería de Agustín e José Vázquez. Tamén existe unha Asociación de Amigos do Barro de Niñodaguia.

– Outras actividades e técnicas tradicionais.

A olaría da Ribeira Sacra é un exemplo paradigmático da conservación e salvagarda dos saberes técnicos ligados ás formas de vida tradicionais e a aposta pola súa conservación e difusión como un xeito de vida.

Entre as técnicas tradicionais da Ribeira Sacra características e moi propias da súa singularidade hai outras moi relevantes tamén que, nos procesos de documentación e información que se están a realizar, e na medida en que poida acreditarse o seu valor sobranceiro e as súas características destacables, poderán tamén ser recoñecidas como manifestacións de interese cultural.

Entre estas actividades poden sinalarse os traballos de cordelaría, de cestaría ou de tonelaría. Tamén os traballos de folla de lata e de cobre, en especial os alambiques e as pezas para o traballo nas viñas. Ou, ademais de todos eles, o dos afiadores e paraugueiros de Esgos e Castro Caldelas, que levaron o seu oficio por toda a Península, precedidos polo son do seu chifre e acompañados dunha roda de afíar. Errantes polo mundo adiante, levando canda eles a súa ferramenta e un idioma propio, o barallete.

ANEXO III
Réxime de protección

– Réxime xeral de protección.

O conxunto de bens e manifestacións que se propón clasificar como bens de interese cultural ten unha natureza, categorías e tipoloxías moi diferentes que requiren dun tratamento específico e concreto para eles segundo as súas características, de xeito que as medidas para a súa salvagarda resulten eficaces e xustificadas.

Nun primeiro lugar debe indicarse que a través deste procedemento se están a incorporar bens que xa na actualidade posúen a consideración de ben de interese cultural. Para estes o réxime de protección non variará e será de aplicación directamente o establecido no marco lexislativo vixente. Pola mesma razón non será necesario para estes ámbitos o establecemento de ningunha medida adicional de protección nin outro réxime provisional.

Para os bens declarados que non contasen previamente cun contorno de protección específico, as medidas efectivas de protección sobre o ben seguirán a ser as mesmas das que xa dispoñían desde o momento da súa declaración, ben que para as novas zonas delimitadas, sobre todo os contornos de protección, será de aplicación o réxime provisional e a consecuente suspensión de licenzas, posto que nestes casos os ditos contornos non estiveran previamente sometidos a trámite de información pública.

Para o resto de bens que se recollen individualmente como ben de interese cultural e que non contaran de forma previa con esta consideración, así como para a definición tanto da paisaxe cultural como a súa zona de amortecemento, este procedemento define un réxime de protección que será de aplicación provisional ata o momento da súa aprobación definitiva ou a caducidade do expediente.

A paisaxe cultural exixe un réxime de protección propio adaptado á súa dimensión territorial e aos valores culturais, naturais e mixtos que a conforman. O artigo 59 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), establece a necesidade dun instrumento específico de ordenación territorial ou urbanística que conteña as determinacións precisas para asegurar a súa protección e salvagardar os seus valores.

O contido básico deste documento consiste en tres aspectos principais: a caracterización da súa estrutura territorial, a súa natureza, significación cultural e as características xerais do contorno, que son os que se recollen nesta declaración con carácter xeral; un catálogo exhaustivo de todos os bens que o conforman, dos que neste documento se avanzan os que deben contar cunha clasificación do máis alto nivel; e as directrices xerais para a protección do patrimonio cultural.

Entre tanto e de forma previa á elaboración do dito documento, algunhas das actuacións e intervencións que se propoña realizar no ámbito delimitado da paisaxe cultural requirirán a necesaria autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Neste procedemento especifícanse cales son as intervencións que, pola súa afección potencial aos valores que se identifican, deben contar coa dita autorización previa. En calquera caso poderán desenvolverse as medidas do documento específico de forma global ou de forma parcial por ámbitos ou sectores da actividade de tal xeito que, de forma gradual e adaptándose ás circunstancias e eventualidades que poidan ser precisas, se favorezan as medidas de salvagarda e as propias inercias da paisaxe cultural orgánica e evolutiva viva da Ribeira Sacra.

Así mesmo, no ámbito dos bens culturais específicos e en toda a paisaxe cultural, nos seus contornos e na zona de amortecemento, será de aplicación a estrutura interpretativa da Instrución do 8 de novembro de 2017 relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento (DOG núm. 231, do 5.12.2017), na cal se recollen os criterios para determinar o alcance das autorizacións en función da intensidade das intervencións sobre os bens do patrimonio cultural de Galicia. Para estes efectos cómpre sinalar que no ámbito da paisaxe cultural os criterios para determinar as intervencións sometidas ao trámite de autorización serán equivalentes ás dos contornos dos monumentos, entendendo a compoñente territorial que esta figura de protección implica.

O réxime da zona de amortecemento será o que corresponde á súa natureza e xustificación como medida adicional de salvagarda dos aspectos territoriais, de implantación, integración e percepción e, polo tanto, o do control da actuación en materia de grandes infraestruturas e instalacións que polo seu alcance poidan supoñer un impacto territorial. Así, observarase nestes aspectos o recollido no artigo 47 da LPCG.

De forma resumida, e co fin de ter unha visión global do réxime de protección e salvagarda establecido en función da clasificación, natureza e categoría dos bens, o réxime de protección podería definirse segundo o seu diferente alcance:

• Na área delimitada como ben de interese cultural da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, a protección terá por obxecto garantir os valores que o fan merecente da excepcionalidade e dos seus valores singulares; así quedarán sometidas a autorización da DXPC as actuacións nos bens que conten cunha protección singularizada (intraámbitos clasificados ben de interese cultural, resto de bens que conten con esta consideración en función da LPCG, como os petróglifos, os hórreos, cruceiros e petos de ánimas e os escudos, e todos os bens que teñan a consideración de bens catalogados ao estar recollidos nos catálogos das normas provinciais subsidiarias de planeamento ou nos diferentes planeamentos urbanísticos) e os seus contornos de protección, segundo o procedemento xa vixente na actualidade. Tamén será precisa a autorización para os proxectos de obras de novas infraestruturas, instalacións e construcións que se localicen no ámbito delimitado. No caso das edificacións existentes someteranse á autorización as novas obras de reestruturación e ampliación.

• No resto do ámbito da paisaxe cultural delimitada, ademais, conservaranse os socalcos tradicionais, polo que as actuacións que poidan supoñer a súa modificación deberán someterse a unha autorización previa da DXPC. Entenderase modificación a que supoña a desmontaxe xeneralizada de socalcos tradicionais existentes, estean ou non en uso e con independencia do seu estado de conservación, e as actuacións que teñan por obxecto a execución de novos socalcos en ámbitos que carezan deles.

As intervencións de mellora e integración ambiental de socalcos existentes non tradicionais tamén precisarán da correspondente autorización. Porén, o seu mantemento ou a súa adaptación puntual no marco das dimensións tradicionais deles non precisarán de autorización sempre que se manteña para as intervencións ou uso das técnicas tradicionais da pedra en seco.

• Na zona de amortecemento estarán sometidas a autorización as grandes infraestruturas que poidan supoñer modificación da paisaxe cultural, en relación co xa disposto no artigo 47 da LPCG.

• Nos exoámbitos someterase á autorización da DXPC segundo o réxime establecido na lei para os monumentos, zonas arqueolóxicas, conxunto histórico ou lugares de valor etnolóxico con que estean declarados. A suspensión de licenzas só alcanzará aqueles exoámbitos que non fosen previamente declarados.

• Para os bens mobles e para as manifestacións do patrimonio inmaterial incluídos tamén na proposta de declaración, será de aplicación ademais con carácter provisional o réxime de protección específico recollido na LPCG, nos artigos 62 e 63 para o caso dos bens mobles e 69 e 70 para o patrimonio cultural inmaterial.

– Consideracións específicas dá suspensión de licenzas.

A incoación do procedemento de declaración de interese cultural dun ben inmoble determinará, segundo establece o artigo 17.5 da LPCG, a suspensión da tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas, con excepción das de mantemento e conservación.

A continuidade da suspensión dependerá da resolución ou da caducidade do expediente incoado. A suspensión levantarase coa resolución do procedemento. Respecto disto, os concellos deberanlle remitir á consellaría competente en materia de patrimonio cultural as solicitudes de licenzas de obras que non sexan exclusivamente de mantemento e conservación cuxa tramitación quedase suspendida e notificaranlles a suspensión aos promotores ou promotoras, aos construtores ou construtoras e aos técnicos directores ou técnicas directoras das obras.

As restantes obras que, por causa de interese xeral, teñan que realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, logo de que o Consello da Xunta de Galicia determine a súa prevalencia.

Como se indicou de forma previa, esta suspensión de licenzas alcanzará os ámbitos que se identifican como novidade neste procedemento e non os que xa contaban cunha declaración anterior e que non se modifican, senón que se inclúen co obxecto de complementar os seus valores culturais.

Así mesmo, a suspensión de licenzas alcanzará aquelas actuacións que, por mor das medidas de protección e salvagarda que se definen neste procedemento, deban acadar a autorización previa en materia de patrimonio cultural, pero non afectará todas aquelas outras actuacións e intervencións que, pola súa natureza ou alcance, non precisen da dita autorización.

Polo tanto, as obras de conservación ou mantemento, tanto das edificacións como das infraestruturas e instalacións, así como as actividades relacionados con elas e o seu normal funcionamento, e aquelas outras que non se recollan de forma específica como necesariamente sometidas ao réxime de autorizacións, poderán seguir a realizarse ou tramitarse en aplicación do réxime urbanístico ou sectorial correspondente.

Do mesmo xeito, tampouco se estima que a devandita suspensión afecte os efectos das licenzas concedidas que estean xa en execución. En calquera caso, e como se indica no antedito artigo 17.5, sobre todas as licenzas concedidas o concello informará do seu estado, do seu alcance e estado de execución para que, de ser o caso, a DXPC poida informar da súa procedencia ou necesaria suspensión.

Tampouco se someterán ao réxime de suspensión de licenzas as actuacións e intervencións que, por xa afectar bens do patrimonio cultural de Galicia ou estar localizadas no seu contorno de protección, contasen co informe favorable ou a autorización da DXPC nalgún dos seus trámites. Estímase que, no ámbito descrito, procedementos de supervisión, informe e autorización previa xa se avaliaron convenientemente as medidas protectoras e correctoras concretas para a conservación dos valores culturais, tanto dos bens como dos territorios en que se implanta.

En conclusión:

• Os concellos suspenderán os procedementos de concesión de licenzas de parcelación e demolición no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra e nos contornos de protección dos bens inmobles de interese cultural que se propón declarar con este procedemento recollidos na táboa 1 do anexo I desta resolución.

• Poderán ser tramitadas as licenzas de edificación relativas á conservación e mantemento dos inmobles e das infraestruturas e instalacións.

• As obras de edificación que supoñan a consolidación e a restauración dos bens clasificados do patrimonio cultural poderán entenderanse recollidas no alcance das obras de conservación sempre que acrediten a súa necesidade e axuste aos criterios de intervención previstos nos artigos 44 e 89 da LPCG, se ben precisarán da autorización previa da DXPC.

• Tampouco se someterán á suspensión de licenzas as actuacións e intervencións que se recollen na Instrución do 8 de novembro de 2017 relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento (DOG núm. 231, do 5.12.2017), posto que, tal como se indica, son intervencións e actuacións que non precisarán da autorización previa da DXPC.

– Réxime de protección dos bens de interese cultural xa declarados.

Os bens inmobles xa clasificados como ben de interese cultural en virtude de disposicións legais anteriores vixentes seguirán estando sometidos ao réxime actual que deriva de tal consideración.

En virtude do anterior ademais quedan exentos do procedemento de suspensión de licenzas de parcelación, edificación ou demolición, agás nos novos contornos delimitado nos cales a suspensión das licenzas citdas alcanzará o novo contorno de protección establecido (sinálase no réxime LPCG co 17*), cos límites e condicións xa avanzados nesta epígrafe.

No caso do conxunto histórico de Castro Caldelas, posto que conta cun plan especial de protección aprobado en vigor, o concello será competente para autorizar as intervencións que o desenvolven nas condicións descritas no artigo 58 da LPCG.

No caso de Monforte de Lemos, posto que nestes momentos está en tramitación o plan especial de protección, que xa foi aprobado inicialmente mais aínda non de forma definitiva, será de aplicación o réxime específico recollido no artigo 57 da LPCG.

En concreto, as intervencións precisarán da autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural e non se admitirán modificacións nas aliñacións e rasantes existentes, incrementos ou alteracións do volume, parcelacións nin agregacións que supoñan modificación das fachadas e, en xeral, cambios que afecten a harmonía do conxunto.

As intervencións nestes ámbitos rexeranse polo disposto na LPCG e, sobre todo, recóllense os artigos aplicables a cada un deles. No caso dos contornos de protección, será de aplicación o disposto na Instrución do 8 de novembro de 2017 antedita, tomando en consideración o seu ámbito concreto de aplicación e as especificidades dos conxuntos históricos:

Réxime dos bens de interese cultural xa declarados

Ben de interese cultural

Concello

Categoría

Réxime LPCG

Igrexa de Santo Estevo de Chouzán

Carballedo

Monumento

32-36-37-39-42-43-45-48-52-54

Núcleo antigo da vila de Castro Caldelas

Castro Caldelas

Conxunto histórico

32-36-37-39-42-54-58

Igrexa de Santa María de Pesqueiras

Chantada

Monumento

32-36-37-39-42-43-45-48-52-54

Mosteiro de San Pedro de Rocas

Esgos

Monumento

32-36-37-39-42-43-45-48-52-54

Conxunto histórico de Monforte de Lemos

Monforte de Lemos

Conxunto histórico

32-36-37-39-42-54-57

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño

O Saviñao

Monumento

32-36-37-39-42-43-45-48-52-54

Mosteiro de Santo Estevo de Atán

Pantón

Monumento

32-36-37-39-42-43-45-48-52-54

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

Parada de Sil

Monumento

32-36-37-39-42-43-45-48-52-54

Igrexa de San Facundo de Ribas de Miño

Paradela

Monumento

32-36-37-39-42-43-45-48-52-54

Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo

Xunqueira de Espadanedo

Monumento

32-36-37-39-42-43-45-48-52-54

Ponte Bibei

A Pobra de Trives-Quiroga

Monumento

17*-32-36-37-39-42-43-48-52-54

Igrexa de San Xoán da Cova

Carballedo

Monumento

17*-32-36-37-39-42-43-48-52-54

Mosteiro de Santa María de Montederramo

Montederramo

Monumento

17*-32-36-37-39-42-43-48-52-54

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

Nogueira de Ramuín

Monumento

17*-32-36-37-39-42-43-48-52-54

Mosteiro de San Paio de Diomondi

O Saviñao

Monumento

17*-32-36-37-39-42-43-48-52-54

Igrexa de San Miguel de Eiré

Pantón

Monumento

17*-32-36-37-39-42-43-48-52-54

Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón

Pantón

Monumento

17*-32-36-37-39-42-43-48-52-54

Igrexa de San Fiz de Cangas

Pantón

Monumento

17*-32-36-37-39-42-43-48-52-54

Colexiata de San Xoán de Portomarín

Portomarín

Monumento

17*-32-36-37-39-42-43-48-52-54

Igrexa de San Pedro de Bembibre

Taboada

Monumento

17*-32-36-37-39-42-43-48-52-54

– Réxime de protección dos bens inmobles catalogados singularmente no ámbito da paisaxe cultural.

Os bens catalogados en función do disposto nos artigos 28 e 30 e na disposición adicional 2ª da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), estarán sometidos ao réxime de protección que a norma establece nos artigos 39, 65 e 96:

• As intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen nesta lei. A utilización dos bens declarados de interese cultural ou catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

• Calquera intervención nun ben inmoble incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia ou que afecte o seu contorno de protección ou a súa zona de amortecemento necesitará a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

• Será necesaria a autorización previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural para a realización das actividades arqueolóxicas definidas na Lei. A realización de obras de edificación ou calquera outra actuación que comporte a remoción de terras nunha zona arqueolóxica ou no seu contorno requirirá a autorización previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Deben considerarse como actuacións que non precisan da autorización previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria as actuacións puntuais de mantemento ou o uso ordinario, de moi escasa entidade técnica e construtiva, xustificadas pola deterioración material dos elementos sobre os cales se propón a intervención, cun alcance moi concreto e parcial e que requiren dunha rápida execución pola ameaza que pode supoñer para a súa conservación ou apreciación.

Estes traballos, que teñen un alcance semellante aos de mantemento recollidos no artigo 40.c) da Lei 5/2016, do 4 de maio, pero que teñen un menor alcance e se realizan con carácter puntual ante unha situación de deterioración, entenderanse sempre de forma restritiva e limitaranse aos da tipoloxía e natureza descritos, como os que se relacionan:

• A limpeza e retirada de po ou lixo depositado e non fortemente adherido, sempre que non requira medios auxiliares que poidan comprometer a súa integridade.

• A eliminación de residuos e depósitos sobre sumidoiros, canlóns e baixantes que formen parte do sistema de evacuación de auga pluvial das cubertas ou a substitución parcial de elementos deste sistema por outros de idénticas características dimensionais e de material, sempre que non supoñan a substitución total de todos eles.

• A limpeza con técnicas non agresivas e sen afectar o material de soporte existente. En calquera caso prohíbense os chorros de area sobre as fábricas de pedra vista e os chorros de auga a presión precisarán de autorización.

• A reposición parcial de material de cubrición ou revestimento de fachada movido accidentalmente ou a substitución puntual dalgún elemento deteriorado do material de cuberta, sempre que sexa parcial e sen afectar os elementos estruturais que o soportan e a composición construtiva e formal da cobertura.

• O axuste de fiestras e portas, sen actuar sobre o material ou cando a actuación sexa moi parcial e limitada sobre os seus elementos de ancoraxe ou axuste.

• A substitución de vidros deteriorados e a reposición de vidros sempre que se empreguen outros de similar espesor e aspecto que non requiran de técnicas ou materiais diferentes que os orixinais para a súa disposición.

• A revisión e afianzamento de soportes e ancoraxes de instalacións existentes desprendidas ou deterioradas parcialmente, sempre que non sexa precisa a súa substitución ou reforzo. Exclúense deste criterio as liñas aéreas de transporte de enerxía ou comunicación e as antenas existentes en xacementos ou zonas arqueolóxicas.

• O corte de herba ou maleza e a roza por medios manuais ou con maquinaria lixeira portátil, sen movementos de terra e respectando todos os exemplares arbóreos existentes ou elementos de xardinaría, así como podas parciais de mantemento.

• A instalación de medios auxiliares para o desenvolvemento dos traballos agrícolas e forestais de escasa entidade como guías e proteccións individuais, así como o amoreamento e movemento do propio produto do cultivo, sen afectar elementos recoñecibles da paisaxe como os propios camiños, cómaros, valos, socalcos, sebes e outros de natureza análoga.

• O cultivo de terreos sempre que non sexa precisa a modificación das rasantes existentes e os traballos que se produzan a nula ou escasa profundidade, e sempre fóra dos bens arqueolóxicos.

• A reposición ou reparación que inclúa a substitución puntual e parcial dos elementos de xardinaría, pavimento e mobiliario urbano por outros análogos.

• A realización de actividades e eventos efémeros, sempre que se produzan de forma illada e sen instalacións de carácter permanente, ligadas a actividades públicas periódicas como festas, actividades lúdicas, culturais ou deportivas, romarías, encontros, concertos, e se dispoña dos medios para a normal vixilancia e cautela dos bens que poidan verse afectados e que, con carácter xeral, non permanezan montadas un prazo maior de 72 horas, sempre que non se afecten materialmente os bens protexidos, en especial coas ancoraxes, instalacións, medios auxiliares ou apoios en inmobles protexidos.

• A venda ambulante, nos casos en que non estea prohibida pola lexislación sectorial na materia.

Tampouco precisan da autorización previa as actuacións en inmobles protexidos cun nivel de protección ambiental que non afecte os elementos e valores que determinaron o alcance da dita protección, como obras de fontanaría, modificación de distribucións interiores, novos azulexados, pavimentos e outras semellantes que non afectan a envolvente do edificio.

Se en calquera momento, por falta de previsión ou por circunstancias sobrevidas, as actuacións indicadas propostas ou en realización sobre bens protexidos polo seu valor cultural superan o alcance definido, deberá requirirse a paralización da intervención e que se definan axeitadamente as actuacións necesarias para a súa autorización previa en materia de protección do patrimonio cultural.

Para o caso das intervencións de mantemento que teñen un carácter continuo ou periódico, deberá avaliarse a posibilidade de establecer ou requirir a elaboración dun protocolo ou proxecto de mantemento adaptado ás características propias do inmoble, sempre que resulte proporcionado á previsión das intervencións ou aos especiais valores culturais do ben.

De ser o caso, e unha vez que o dito protocolo de mantemento sexa autorizado, poderán entenderse autorizadas todas as intervencións que o desenvolvan, sempre que se teñan especificado convenientemente as características técnicas e materiais das operacións e a súa vixencia e periodicidade, así como os criterios para a avaliación da súa eficacia e necesaria revisión, se for o caso.

Isto é, que unha vez autorizado un protocolo de mantemento a realización das operacións que o desenvolvan ao longo do tempo, e ata que sexa necesaria a súa revisión en función dos indicadores obxectivos que se establezan, tampouco precise de posteriores autorizacións.

O mesmo procedemento poderá establecerse ou requirirse para o caso de rozas de mantemento e limpezas periódicas de vexetación nos solos afectados por ámbitos de protección do patrimonio cultural, especialmente nos contornos de protección do patrimonio arqueolóxico, así como para determinadas operacións de mantemento dos tendidos de liñas eléctricas.

– Réxime de protección no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra e dos contornos de protección dos bens inmobles singularmente clasificados.

As intervencións propostas nos contornos de protección dos bens anteditos que non teñan efectos sobre as condicións de apreciación nin perturben o sentido do ben protexido no seu ambiente non precisan de autorización previa en materia de protección do patrimonio cultural.

As intervencións que polo seu carácter de escasa complexidade técnica e nula afección aos bens protexidos (aos seus valores, á súa consideración, apreciación ou estudo e ao carácter arquitectónico e paisaxístico da zona), e que non impidan ou perturben a súa consideración nin supoñan ningún risco para os bens –por se produciren no interior de edificios ou locais que non conten con ningunha protección polo seu valor cultural e non supoñan ningunha manifestación en absoluto cara ao exterior– non precisan da autorización previa da DXPC.

• As actuacións de investigación e mantemento que, realizadas sobre os inmobles localizados no contorno, non afecten os propios bens protexidos. Estas intervencións deben interpretarse de xeito estrito segundo a definición do artigo 40.a) e c) da Lei 5/2016 e non implicar efectos sobre a conservación dos materiais tradicionais, a integración volumétrica e os aspectos cromáticos do conxunto, é dicir, aplicando os criterios definidos no artigo 46, en especial, empregando «materiais, solucións construtivas e características dimensionais e tipolóxicas en coherencia co ámbito en calquera tipo de intervencións».

• As reparacións de cubertas que afecten só o material de cubrición, repoñendo o mesmo material tradicional existente, se este é coherente coa tradición da área xeográfica en que se atopa o inmoble. Estas reparacións non poderán incluír modificacións da forma do tellado, apertura de ocos, construción de chemineas nin modificación da solución dos beirís introducindo cornixas, voos, etc. que, se for o caso, si precisarán de autorización.

A pintura de fachadas e das carpintarías exteriores na mesma cor existente, sempre que esta sexa coherente coa tradición da área xeográfica en que se atope o inmoble ou se axuste aos criterios de cor que se poidan definir ou orientar desde a Xunta de Galicia. No caso contrario, deberá someterse a autorización co obxecto de determinar a cor e acabamentos apropiados.

• A reparación de carpintarías sempre que se manteña o material, a solución formal e construtiva e os acabamentos existentes, agás nos casos en que se teña establecido por algunha condición xeral de protección do ámbito a necesaria adaptación a algún tipo orixinal característico do ámbito.

• A reparación de revestimentos se se mantén a solución formal e construtiva existente, así como as súas cores e acabamentos. Non se aplicará este criterio ao mantemento de materiais construtivos deseñados para empregarse revestidos e que permanezan vistos ou sen rematar como as fábricas de bloque de formigón ou tixolo visto ou o emprego de materiais de construción en sistemas ou funcións para os cales non estean deseñados, como os forros de fachadas con materiais de cobertura de cubertas, ou os peches de leiras e edificios con elementos de mobiliario ou refugallos industriais. Admitiranse as reparacións das impermeabilizacións de medianís e fachadas secundarias con forros de placa de fibrocemento minionda sempre que como remate se pinten da mesma cor que o resto das fachadas do inmoble.

• Os traballos de reforzo ou mellora estrutural, sempre que non produzan ningún efecto visible ou aparente desde o exterior e non exista unha protección, aínda con carácter xeral, que estableza algunha determinación concreta de protección estrutural para os inmobles localizados no devandito contorno. Tamén deberán ser sometidos a autorización este tipo de traballos cando afecten o subsolo no caso de contornos de bens do patrimonio arqueolóxico.

• As reparacións e reposicións de peches de leiras que empreguen os materiais, técnicas e solucións construtivas tradicionais orixinais dos elementos en que se intervén ou a construción de novos peches segundo os modelos que poidan definirse desde a Xunta de Galicia, agás no caso dos contornos de protección dos bens do patrimonio arqueolóxico.

• Reposición de tendidos de instalacións de subministración de enerxía, voz e datos, ou outros servizos públicos existentes sempre que se realicen sen alterar o trazado, posición e características ambientais dos tendidos de redes, liñas e instalacións existentes e non afecten o rexistro arqueolóxico dos bens.

• Reparación de materiais de pavimentación de vías ou espazos públicos mantendo os existentes e sempre que non supoña actuacións de carácter xeral.

• Reparación do mobiliario urbano mantendo o material, a solución formal e construtiva e os acabamentos existentes.

• Traballos de limpeza de bens inmobles, espazos libres, vías públicas ou bens artísticos localizados neles que non conten cunha clasificación individualizada.

• Traballos de roza e os de xestión da biomasa forestal relacionados co cumprimento da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, en especial no relativo aos perímetros de protección que establece a Lei para a seguridade das persoas e dos bens, sempre que non afecten ámbitos especificamente protexidos polo seu valor arqueolóxico, para os cales será necesaria a autorización previa da DXPC. Como indica a disposición adicional terceira da dita lei, a xestión da biomasa limitarase ás especies sinaladas no texto e, en todo caso, poderán conservarse aqueles que cumpran funcións ornamentais ou estean illados e non supuxesen un risco para a propagación de incendios forestais.

• Traballos de poda e tratamento de silvicultura sobre árbores e arbustos de relevancia ambiental, sempre que non se altere o seu carácter en relación coa escena urbana e a paisaxe natural en que se encadran.

• Cambios de actividade sen reforma dos locais ou cando a reforma non afecta o aspecto exterior. Os rótulos e sinalización si deberán someterse á autorización, agás nos casos en que se empreguen os mesmos soportes e dimensións que os existentes e xa fosen autorizados previamente.

No caso de que, aínda que as obras sexan semellantes ás definidas nos puntos anteriores pero se propoñan diferenzas de materiais, acabamentos e técnicas construtivas, ou a incorporación de novas instalacións visibles ou cambios dimensionais, as intervencións descritas si terían efectos sobre a súa apreciación e, por tanto, requirían da correspondente autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Para o caso de intervencións que teñan un carácter continuo ou periódico, deberá avaliarse a posibilidade de establecer ou requirir a elaboración dun protocolo ou proxecto de mantemento, adaptado ás características propias do ámbito, que resulte proporcionado á previsión das intervencións ou aos especiais valores culturais do ben. De ser o caso, e unha vez que o dito protocolo de mantemento sexa autorizado, poderán entenderse autorizadas todas as intervencións que o desenvolvan, sempre que se teñan especificado convenientemente as características técnicas e materiais das operacións e a súa vixencia e periodicidade, así como os criterios para a avaliación da súa eficacia e necesaria revisión, se for o caso.

Isto é, que unha vez autorizado un protocolo de mantemento a realización das operacións que o desenvolvan ao longo do tempo, e ata que sexa necesaria a súa revisión en función dos indicadores obxectivos que se establezan, tampouco precise de posteriores autorizacións.

Cando as intervencións requiran a total substitución dos elementos orixinais polo seu grao de deterioración, se non puider garantirse a total correspondencia cos materiais, deseño e técnicas tradicionais, será precisa a autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Outras consideracións específicas da paisaxe cultural.

No relativo a un dos elementos de construción do territorio máis característico da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, que é o abancalamento e construción de terrazas por medio de muros de pedra en seco de dimensións contidas, así como complementariamente a de edificacións auxiliares imprescindibles para a garda e transformación dos produtos, debe facerse unha serie de consideracións específicas. Estas consideracións teñen un carácter global e poderán ser remitidas a esquemas e procedementos concretos que se desenvolvan no marco dun instrumento de protección específico da paisaxe cultural ou ferramenta de xestión equivalente, como o recollido no artigo 59 da Lei 5/2016, do 4 de maio. En todo caso, a protección da paisaxe cultural, como criterio, pasa por posibilitar a realización dos traballos que a sosteñen no marco dos requirimentos das comunidades e as persoas que os traballan, de forma compatible coa apreciación do conxunto, dos seus valores singulares de carácter cultural e natural, de forma sustentable.

Neste senso someteranse á autorización previa da DXPC as seguintes:

• Novas construcións, infraestruturas e instalacións de carácter definitivo, coas excepcións que se reproducen nas seguintes epígrafes.

• As obras de reestruturación e ampliación de inmobles non clasificados. No caso das de ampliación, estas estarán xustificadas por necesidades obxectivas de funcionalidade e polo beneficio que para a apreciación do conxunto na paisaxe poida supoñer a ampliación en relación con novas implantacións.

• A reconstrución de inmobles derruídos. A recuperación de edificacións tradicionais existentes en estado ruinoso será tamén un obxectivo prioritario e favorecerase a súa rehabilitación cando teña por obxecto posibilitar a súa posta en uso relacionada coas actividades tradicionais ligadas á sustentabilidade da paisaxe, á asistencia ás comunidades locais e os seus servizos, á interpretación cultural e natural do territorio e, excepcionalmente, a outras actividades complementarias ou servizos para os visitantes. Este tipo de intervencións, tanto pola súa incidencia na xestión da paisaxe como ben de interese cultural como pola propia recuperación do patrimonio arquitectónico e etnolóxico, requirirá da autorización previa da DXPC.

• As actuacións que modifiquen a estrutura parcelaria ou os elementos configuradores característicos da estrutura territorial tradicional. Nestes casos, nos que é precisa unha transformación do uso existente, será necesaria a autorización previa da DXPC que avaliará as condicións de integración da proposta. Non terán esta consideración as intervencións que afecten a unha única parcela catastral, sempre que non exceda os 2.000 m, ou as que no seu conxunto sexan inferiores a esa extensión.

• Construción de novos accesos, que serán os mínimos, preferentemente en material de xabre compactado ou formigóns con areas pardas e de largos limitados.

• As actuacións que teñan por obxecto a execución de novos socalcos en ámbitos que carezan deles, coas seguintes tipoloxías:

- Construción de novos socalcos de pedra en seco; está prohibido o uso como material de acabado do bloque ou muro de formigón ou do ladrillo cerámico. As dimensións dependerán da pendente existente, pero non superarán a altura máis alta das muras tradicionais da súa contorna.

- Excepcionalmente, e cando as condicións de visibilidade, exposición e baixa pendente o permitan, permitirase o abancalamento sen necesidade da construción de muras, sempre que os noiros resultantes se axusten tamén ás limitacións de altura anteditas.

• As intervencións de mellora e integración ambiental de socalcos e edificacións existentes non tradicionais, para as cales se empregará a pedra local (granítica ou xisto) e a cubrición tradicional do ámbito (tella ou lousa)

– Actuacións ligadas á actividade normal da paisaxe que non requerirán de autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Actividade agrícola.

Respectarase a estrutura do territorio da paisaxe cultural, en especial a que deriva da organización da propiedade e das comunicacións e accesos, tomando en consideración que se trata dunha paisaxe viva sostida por unha actividade agrícola fundamentalmente mantida polo cultivo da vide e o castiñeiro. Esta actividade agrícola, tanto de viñedos como doutras producións tradicionais do ámbito (castiñeiros, oliveiras, froiteiras, etc..) non precisará de autorización previa da DXPC.

A poda ou corta puntual de exemplares vexetais sen aproveitamento forestal que inciden nos predios destinados ao desenvolvemento da actividade agrícola e que non teñen a condición de masas significativas de valor natural poderán ser realizadas segundo os procedementos que se arbitren no marco da lexislación sectorial correspondente.

A corta de piñeiros, eucaliptos e acacias, pois a súa eliminación debe ser considerada como unha prioridade no ámbito da paisaxe cultural. A súa plantación estará prohibida en todo o ámbito da paisaxe cultural.

• Postes e elevadores mecánicos.

Estímase que a instalación de rodrigas, de guías e riostas, elevadores mecánicos para o movemento de caixas e ferramentas e doutros elementos similares, como instalacións de reg ou depósitos provisionais, etc... son consubstanciais ao desenvolvemento da actividade e, polo tanto, non precisan de autorización para a súa instalación, retirada, reforma ou reparación. Porén, co obxecto da súa mellor integración, estes elementos usarán preferentemente materiais naturais ou, de ser o caso, materiais que non teñan unha incidencia na súa percepción que deturpe os seus valores. Por tal razón serán asumibles materiais plásticos ou metálicos, sempre que o seu acabado non sexa rechamante ou brillante.

Empregaranse tons mates e sen brillos ou pintaranse en cores negras, verdes ou térreas. Evitarase o uso de materiais non axeitados ou a reciclaxe de elementos de construción que non estean deseñados para a súa función.

Os elevadores mecánicos buscarán o menor trazado e percorrido, nas proximidades dos accesos e pistas, e mantendo a estrutura de socalcos existente. Reducirán o seu largo ao mínimo necesario, non superior a 1 m, e procurarán seguir trazados perpendiculares á liña de pendente e non trazado diagonais.

• Peches.

Na paisaxe dos socalcos non adoitan existir os peches de parcela, pola súa propia configuración. Evitaranse os peches de telas metálicas con acabado plástico e os peches opacos e macizos. Cando a actividade, especialmente a gandeira, o requira, o uso de cerramentos ou valados que respondan aos modelos identificados na Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, coa preferencia dos valados vexetais, aínda que reforzados por estruturas de madeira e mallas metálicas sinxelas, non precisará da autorización da DXPC.

• Depósitos e instalacións provisionais.

No caso de instalacións provisionais, sobre todo os depósitos para rega ou os asociados a tratamentos fitosanitarios, e tomando en conta a limitación que supón manter as súas condicións de funcionamento, serán dispostos en lugares discretos, sen estruturas de carácter permanente e preverase a súa retirada cando non sexan necesarios ou preverase a súa ocultación.

Na paisaxe cultural e sempre que non se afecte zonas protexidas especificamente polo seu potencial arqueolóxico, permitiranse as instalacións de abastecemento, rega e subministración eléctrica soterradas que non afecten o mantemento dos socalcos.

• Pistas e accesos.

O acondicionamento de pistas e accesos existentes tamén será considerado unha actividade agrícola normal, co criterio de empregar o material existente. Dadas as pendentes existentes, e para garantir a seguridade e conservación, permitirase o uso de formigón, ben que deberán usarse areas pardas na súa execución, evitar peraltes e derramamentos do material, que se limitará ao largo mínimo, estimado ao redor do 2,5 m. Este tipo de intervencións non requirirá da autorización previa.

As pistas limitaranse ás mínimas necesarias para facilitar os accesos e terán un uso preferente para a funcionalidade dos predios, o que permitirá usar magnitudes en condicións de pendente máis elevadas e de largos máis estreitos e unha mellor integración na paisaxe. A apertura de pistas novas si requirirá a autorización previa da DXPC.

• Socalcos, muras ou pataos.

Como elemento esencial na caracterización da paisaxe, respectaranse os socalcos, muras ou pataos existentes, estean ou non en uso. A posta en uso de socalcos abandonados non precisará de autorización cando sexa factible respectar o seu trazado, as súas condicións orixinais e os sistemas construtivos e materiais tradicionais. Así mesmo, a súa regularización parcial, a reconstrución puntual e a reparación estrutural tampouco requirirán de autorización cando se desenvolva en ámbitos produtivos parciais.

O uso das muras ou pataos de pedra en seco das dimensións tradicionais estímanse auténticos sempre que se realicen coas técnicas tradicionais da pedra en seco nos ámbitos e coas condicións dimensionais e de materiais que teñen os tradicionais.

En xeral estímase que as pendentes superiores aos 45º requirirán en calquera caso o uso de muras e que só as pendentes inferiores, cando concorren axeitadas condicións, podería permitir un abancalamento sen muro pero coas mesmas limitacións de altura de bancal. Os muros non deberán pasar a altura máxima de 2 m, e só casos excepcionais xustificarían superar puntualmente estas dimensións, nunha fileira en concreto de final ou nun lugar extraordinariamente complexo.

O desenvolvemento destes traballos implica que as reconstrucións se realizarán segundo a técnica tradicional da pedra en seco, manifestación do patrimonio cultural de Galicia censada segundo a Resolución do 31 de agosto de 2016 (DOG núm.186, do 29.9.2016), mantendo as condicións dimensionais de altura, material e técnica dos do seu contorno. Excepcionalmente, poderán ser autorizados muros e socalcos en que a pedra seca sexa o acabado visible, mentres que a función estrutural a asuma outro tipo construtivo. Esta solución non será a habitual e deberá estar xustificada por razóns puntuais de estabilidade, de precariedade ou de seguridade, que nestes casos precisarán da autorización da DXPC.

Tamén se considera apropiada a recuperación de espazos na actualidade improdutivos, ou a substitución de cultivos impropios do ámbito da paisaxe cultural (sobre todo o piñeiro e o eucalipto), para o seu uso e, de ser o caso, nova configuración segundo os procedementos tradicionais da Ribeira Sacra. Cando estes procesos superen a extensión dos 2.000 m2 precisarán da autorización.

• Edificacións existentes.

No caso das edificacións existentes non clasificadas especificamente, someteranse á autorización da DXPC só as novas obras de reestruturación e ampliación.

O resto de intervencións sobre os ditos inmobles non requirirá a dita autorización e poderán ser realizadas respectando os criterios e instrucións legais en materia de integración e harmonización cos valores culturais do ámbito, en especial os criterios recollidos nos artigos 44, 46 e 89 da Lei 5/2016, do 4 de maio, en especial as tipoloxías construtivas e os materiais tradicionais. Tomaranse en especial consideración tamén para estes efectos os contidos das Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais e o tomo V da Guía de cor e materiais de Galicia promovidas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

En calquera caso, e con respecto ás adegas de garda que se sitúan no ámbito das propias producións dos terreos abancalados, cómpre indicar que o seu uso implica, de forma eventual, pero repetida, a presenza de persoas con carácter habitual.

Por tal motivo, nas condicións sanitarias que sexa necesario asegurar, o seu acondicionamento para a estadía das persoas, ademais dos apeiros e ferramentas necesarias, será compatible cos seus valores, sen que iso implique a xustificación para a súa transformación en usos residenciais, habituais ou esporádicos, nin o de vivenda.

Nas casetas e construcións que se localicen nos propios socalcos, limitarase a súa construción e estará xustificada pola existencia da actividade agrícola. As súas dimensións de referencia non debera superar os 30 m2 de superficie cuberta, executadas con muros de pedra de granito ou de xisto segundo a zona, e cuberta a unha única auga, no sentido da pendente, de lousa ou tella segundo a zona.

Esta ocupación en planta axustará a súa posición e dimensións ás dos abancalamentos en que se localiza, procurando o soterramento da parede paralela á pendente máis elevada, sen prexuízo de que poida aproveitarse de forma soterrada toda a superficie necesaria.

Non se autorizarán plataformas ou pistas de acceso específicas para acceso a estas dependencias, xa que o seu uso non as require, con independencia de que se poidan executar os pasos, escalas ou, de ser o caso, camiños que resulten precisos. A súa nova implantación requirirá a autorización previa da DXPC.

• Instalacións.

Os traballos relacionados coa operación, mantemento e conservación das infraestruturas relacionadas coas comunicacións e a produción e transporte de enerxía existentes e en uso non estarán sometidas á autorización da DXPC. Non será necesaria a autorización nas intervencións directamente ligadas coa actividade das instalacións dedicadas á produción de enerxía, sobre todo as presas dos encoros e os seus elementos de control, as súas comportas, canles e conducións, as centrais e edificios auxiliares (almacéns, talleres, estacións de medición) e subestacións existentes.

No caso das redes e tendidos para o seu transporte, cando se produzan cambios nas dimensións e materiais dos soportes ou cando sexa preciso incorporar novos elementos auxiliares non previstos cunha evidente presenza física, ou cando se afecte o subsolo en ámbitos baixo cautela pola súa potencialidade arqueolóxica, tamén será precisa a autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

• Embarcadoiros.

No relativo aos embarcadoiros localizados nos ámbitos dos encoros, non será precisa unha autorización da DXPC para o uso e reparación das instalacións existentes, e non existirá tampouco inconveniente na utilización das estruturas tradicionais existentes para tal fin. Porén, dado o seu potencial impacto ou o das infraestruturas necesarias para o seu uso, as novas instalacións deste tipo que queiran executarse quedarán condicionadas a un estudo conxunto do seu impacto ambiental e da súa viabilidade e necesidade, de tal forma que se evite a deterioración pola súa profusión.

• Criterios e instrucións específicos para novas construcións.

No marco do ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, poderán ditarse medidas, criterios e catálogos de solucións concretas que definan con precisión as magnitudes, os materiais e os procesos.

Este réxime poderá ser incorporado ao modelos e plans de xestión para o ámbito ou as actividades se poidan desenvolver, logo de acordo da DXPC, oídas as entidades e comunidades afectadas, sen necesidade da revisión deste réxime de protección xenérico.

– Réxime da zona de amortecemento.

Na zona de amortecemento poderán realizarse en xeral todo tipo de obras e instalacións fixas ou provisionais e as actividades normais segundo a natureza do solo ou cambiar o seu uso ou destino de conformidade co planeamento vixente sen necesidade da autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Porén, polo seu alcance e o risco de deterioración ou destrución dos valores naturais e culturais identificados na paisaxe cultural da Ribeira Sacra e que están intimamente relacionados coa súa implantación territorial, requirirase a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural nas seguintes intervencións localizadas nas parroquias que rodean a paisaxe cultural delimitada:

• A construción de novas explotacións agrícolas, gandeiras ou de acuicultura que, polas súas dimensións e actividades, deban ser sometidas a trámite ambiental.

• Os proxectos de explotación das extractivas que supoñan unha actividade a ceo aberto do material, as súas instalacións ou entullos.

• A nova implantación de instalacións da industria enerxética como refinarías, centrais térmicas, de combustibles fósiles, hidráulicas, eólicas, solares, nucleares ou de calquera outro tipo de produción, transporte ou depósito. As actuacións de mantemento e conservación das existentes, tanto na zona de amortecemento coma na propia paisaxe cultural, non requirirán da devandita autorización nas condicións descritas nos puntos anteriores.

• A nova implantación de instalacións da industria siderúrxica, mineira, química, téxtil ou papeleira.

• O novo deseño ou a modificación dos seus trazados de infraestruturas de transporte e comunicación como estradas, ferrocarril, portos, aeroportos, canles, centros loxísticos ou similares. No caso de que a través dalgún procedemento de consulta previa se xustifique a pouca relevancia da modificación, non será precisa a autorización na zona de amortecemento para modificacións menores.

• A nova implantación de infraestruturas hidráulicas e de aproveitamento da auga.

• As instalacións de depósito, xestión e tratamento de residuos.

• As transformacións da natureza do territorio para a implantación de novos usos. No caso das ribeiras en que se constate a existencia de socalcos tradicionais, someteranse á autorización da DXPC as intervencións que poidan supoñer a súa desaparición. No resto dos casos, non será necesaria a autorización para a súa posta en uso, conservación ou restauración nin para a súa adecuación.

• As explotacións forestais, agás aquelas que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado con informe favorable da consellería competente en materia de patrimonio cultural ou as que supoñan a plantación de especies coma o carballo, o castiñeiro, a oliveira, froiteiras e outras autóctonas.

ANEXO IV
Delimitación

– Delimitación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

A delimitación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra inclúe un ámbito territorial completo cunhas características homoxéneas nos aspectos xeográficos, naturais e históricos. Froito da grande variedade de valores que atesoura este territorio, existen xa na actualidade numerosas figuras de protección, tanto declaracións singulares do patrimonio cultural arquitectónico, etnolóxico e arqueolóxico, como outras derivadas das perspectivas do patrimonio natural ou da paisaxe. Existen zonas de especial protección dos valores naturais, espazos Rede Natura, protección da flora e fauna e áreas de especial interese paisaxística. Todas estas afeccións, entre outras, foron estudadas e recollidas para formular as propostas deste documento.

Para afrontar o coñecemento e achegamento a unha delimitación apropiada da paisaxe cultural definiuse unha área de estudo inicial do conxunto dos 25 concellos que representan a idea de Ribeira Sacra, sexa como Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Xeodestino Ribeira Sacra e Denominación de Orixe Ribeira Sacra, xa que nun, ou noutro, ou en todos eles existe unha vontade de pertenza e recoñecemento baixo esta figura, polo que se estimou apropiado, como estratexia de partida, incorporalos a todos eles no proceso de identificación dos valores culturais que fan del un territorio extraordinario.

A paisaxe cultural da Ribeira Sacra está tamén atravesada polo Camiño de Santiago denominado Camiño de Inverno, recoñecido no artigo 73 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Porén, non se recolle o seu trazado nin a delimitación do seu territorio xa que a dita lei prevé un procedemento específico para iso no seu artigo 76, e posto que o seu alcance e réxime teñen unhas especificidades que obrigan a un expediente separado.

Toda a información se elaborou e déuselle forma en sistemas de información xeográfica, o que permitirá a súa mellor definición e propiciará o seu estudo en relación con outra información xeolocalizada. Os límites desta vasta área teñen a súa armadura nos propios trazados dos ríos Sil e Miño, e desde o seu eixe o territorio esténdese polas pendentes de muras ou socalcos que as moldean e que logo sucan camiños e pontes, estradas e ferrocarrís, e outros ríos que as presas amansan, preservando baixo as súas augas unha paisaxe fosilizada. Un patrimonio construído material e intanxible de edificios e lendas que conforman o genius loci do lugar. Sobre o terreo, a delimitación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra proposta configúrase cos seguintes límites:

Ao norte o canón do Miño limitado pola presa de Belesar, nas parroquias de Rebordaos no Saviñao e Pesqueiras en Chantada, no cal se conxungan as extraordinarias e complexas relacións da construción do territorio, humanizado en socalcos de viño e impresionado no muro parabólico da presa que coroa a área.

Ao sueste o canón do Sil limitado polas parroquias de Vilachá na Pobra de Brollón e Torbeo en Ribas de Sil. Dun lado, o magnífico exemplo do conxunto das Adegas de Vilachá de Salvadur e o sur Torbeo en que se manifestan de forma impoñente os cóbados do Sil.

Ao suroeste marcaríase o terceiro pé da delimitación nos elementos asociados dos leitos dos ríos, na parroquia dos Peares, na Peroxa, e lindeiros, no cal se produce a conxunción de provincias, parroquias e ríos Miño e Sil.

Sendo os tres anteriores os vértices da figura, o seu perímetro estaría definido pola liña de bordo da bocarribeira, o lugar onde se produce a vertixinosa caída de pendentes, incorporando as peadas abas que acollen os socalcos, e que se asumen como a liña ou espazo que identifica un uso intensivo do territorio, no cambio de pendente, e que a xeografía e o río caracterizan cun microclima e condicións de traballo e manexo diferenciadas.

No ano 2016 no ámbito da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra contabilizábanse 2.438 viticultores de 89 adegas e que traballaban 1.241 ha de viñedo. Fronte a un territorio da paisaxe cultural de máis de 16.000 ha, pode confrontarse, coa forza dos números, que non só se identifica unha paisaxe cun monocultivo máis ou menos rendible, senón un conxunto de valores que son a suma de moi diferentes factores.

– Criterios da delimitación da paisaxe cultural.

Os criterios para a delimitación fundaméntase no concepto de paisaxe cultural, que integra a relación do home e a natureza, identificada como unha paisaxe cultural orgánica e viva que conserva unha función social contemporánea vinculada aos modos de vida tradicionais e que prosigue no seu proceso evolutivo e ao mesmo tempo presenta probas materiais manifestas de interese sobranceiro dese proceso evolutivo ao longo do tempo.

O obxectivo desta delimitación é fixar o límite dos valores principais para protexer que dividimos en tres grupos: naturais, nos cales se combinan factores climáticos, xeomorfolóxicos, acuáticos e biolóxicos; culturais, en relación cos bens existentes coa máxima protección e outros elementos relixiosos, seculares e etnolóxicos; e mixtos, que reflicten a interacción home-natureza na construción deste territorio. Para abranguer os tres grupos de valores principais tivéronse en conta os seguintes criterios:

• Xeomorfoloxía dos canóns e dos seus afluentes principais, abranguendo ribeiras e bordos da bocarribeira.

• Bens de interese cultural existentes, máis aqueles de valor extraordinario que se identificaron na revisión da información e datos existentes, así como os seus contornos de protección.

• A construción do territorio en socalcos, que na súa maioría se encontran nas ladeiras con máximas pendentes.

A extensión dunha paisaxe cultural orgánica, viva no sustento do tradicional, respectuosa coas pegadas que testemuñan o seu devir e que dirixen o seu futuro, fundaméntase na súa funcionalidade e na súa intelixibilidade: o ámbito elixido representa a totalidade da paisaxe cultural que ilustra, aínda que esta efectivamente é máis extensa.

A delimitación fundamentarase no estudo conxunto de todas as variables para tratar de obxectivar tanto os fitos límite (Belesar, Peares e Torbeo) como a liña que debe representar un límite tanxible que se materialice no espazo. A paisaxe é unha longa liña flexible co seu eixe das canles do Miño e do Sil ata a súa confluencia, que son o fío condutor do territorio e dos seus elementos máis significativos.

1. O límite entre a ribeira e a bocarribeira.

Este límite resulta do análise do mapa de pendentes, chegando á conclusión de que a ribeira dos canóns está formada polas pendentes superiores ao 30 %, sendo a bocarribeira caracterizada, ao contrario, con pendentes inferiores a este valor.

Aproximándose a este límite, fíxase un trazado con base nos elementos físicos máis próximos: camiños que discorren a unhas cotas homoxéneas e que se poden percibir por si mesmos como o límite da bocarribeira, e sendeiros ou camiños de terra no caso de inexistencia dos anteriores; correntes naturais de auga, tal como aparecen na imaxe de satélite ou no parcelario; elementos xeomorfolóxicos destacables como fitos na percepción do territorio, como picos, portos ou ladeiras; e finalmente os principais miradoiros recoñecidos pola súa relación coa apreciación da paisaxe e ferramenta para a súa compresión.

No caso de non haber ningún destes elementos próximos e para non estenderse máis aló dos canóns, a delimitación recorre aos límites de parcelario completo, ou ás subparcelas con cambio de cultivo nos ámbitos xerais. Nas zonas en que resulta aínda algún criterio complementario pola súa complexidade, como na proximidade dos núcleos de poboación, o límite trázase polas parcelas adxacentes ás construcións dentro do núcleo.

Cando a delimitación recorre ao lindeiros parroquiais, empréganse os procedentes dos datos xeográficos da Xunta de Galicia, que se adoptan moi puntualmente en situacións nas cales fixar o límite cos métodos anteriores produciría distorsións na continuidade do ámbito delimitado.

Finalmente emprégase o criterio da visibilidade en situacións singulares, como no caso da parroquia veciña dos Peares, a de Beacán (Santa María), na cal se leva o límite do BIC considerando zonas visibles desde o miradoiro principal desta zona: O Torrón, e adaptándose ao viario e parcelario.

2. Bens protexidos do patrimonio cultural de Galicia.

Nas ribeiras dos ríos Miño e Sil hai un número elevado de bens de interese cultural xa declarados, en especial monumentos relacionados coa actividade dos mosteiros e dos priorados, pero tamén algúns conxuntos de interese polo seu valor etnolóxico sobranceiro e porque completan a descrición da identidade do territorio máis aló das dependencias do monacato.

Estes elementos para os efectos dos traballos de recoñecemento e delimitación denomínanse intraámbitos. As superficie definidas para a protección destes elementos, dos cales xa existía en moitos casos ou unha delimitación específica delimitada ou un estudo sobre as relacións cos contornos nos arquivos da DXPC, incorpóranse por completo, e en casos como límites, para a protección dos valores culturais do territorio.

Este criterio tamén se emprega para a incorporación doutros bens de valor cultural catalogados que existen na área de estudo, cuxa delimitación tamén serve como referencia. Os límites adáptanse tamén, polo tanto, á delimitación e contorno establecidos en declaracións ou catalogacións previas.

3. Os socalcos.

As ladeiras dos canóns caracterízaas o cultivo en socalcos. Este tipo de cultivo permanece ata os nosos días, mais non na súa completa extensión. Coa axuda de fotografías e imaxes de satélite actuais e históricas procurouse identificar a súa máxima extensión. Na maior parte, os socalcos ocupan as ladeiras máis encostadas coa pendente superior ao 30 %, aínda que excepcionalmente se identifican tamén viñas máis adentro, na bocarribeira.

– Criterios de delimitación dos elementos singulares.

Os criterios citados reflectían o procedemento para obxectivar a delimitación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra. No seu interior e ao seu redor, como tamén se indicou, identifícanse outros bens existentes, xa sexan bens de interese cultural declarados de forma individual, contornos de protección tamén aprobadas, bens catalogados ou outros bens que destacan pola súa contribución á definición dos valores extraordinarios da Ribeira Sacra, segundo se expuxo no anexo II. Algúns destes bens son interiores á área da paisaxe cultural delimitada (os chamados intraámbitos) e outros son exteriores a ela (os chamados exoámbitos), xa que se localizan ou ben na bocarribeira ou ben mesmo afastados dela, pero teñen unha clara vinculación.

O método da delimitación destes intraámbitos e exoámbitos varía segundo as súas condicións de implantación, pero en moitos dos casos responde xa a procedementos previos que foron perfeccionados ou asumidos pola lexislación vixente. Polo tanto, algúns deles manteñen a súa delimitación e para outros proponse unha delimitación baixo os mesmos criterios ou as determinacións de carácter subsidiario vixente.

No caso dos bens de interese cultural coa categoría de conxunto histórico, Monforte e Castro Caldelas, mantense a súa delimitación, zonificación e réxime. Os límites xeorreferenciados dos conxuntos históricos foron tomados dos límites oficiais dispoñibles en formato *.shp no Visor do Catálogo das paisaxes de Galicia da Xunta de Galicia.

No caso dos bens de interese cultural coa categoría de monumento, cun contorno de protección específico tamén aprobado ou incluído na mesma declaración, mantense a súa delimitación, contorno de protección e réxime.

É o caso da Igrexa de Santo Estevo de Chouzán (Carballedo), da Igrexa de Santa María de Pesqueiras (Chantada), do Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos), do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao), do Mosteiro de Santo Estevo de Atán (Pantón), do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Santa Cristina de Ribas de Sil), da Igrexa de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela) e do Mosteiro de San María de Xunqueira de Espadanedo.

Para os bens de interese cultural declarados coa categoría de monumento para os cales non fora publicada unha delimitación no seu decreto ou norma de aprobación, empregáronse como referencia principal as propostas de delimitación de contorno recollidas nos seus expedientes ou, de ser o caso, as delimitacións propostas nos documentos de planeamento urbanístico en vigor ou en trámite de aprobación, como mellor xeito de integrar os réximes de protección efectivos. Subsidiariamente empregáronse os criterios xerais usados na delimitación da paisaxe cultural, ou ben para corrixir erros ou ben para adaptarse á estrutura do territorio inmediato.

É o caso da Ponte Bibei (A Pobra de Trives-Quiroga), da Igrexa de San Xoán da Cova (Carballedo), do Mosteiro de Santa María de Montederramo, do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín), do Mosteiro de San Paio de Diomondi (O Saviñao), da Igrexa de San Miguel de Eiré (Pantón), do Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, da Igrexa de San Fiz de Cangas (Pantón), da Colexiata de San Nicolás ou San Xoán de Portomarín e da Igrexa de San Pedro de Bembibre (Taboada).

No caso dos bens actualmente só catalogados, inmobles do patrimonio cultural recollido nos inventarios previos da DXPC e aínda non clasificado, ou bens sen ningunha protección vixente, os seus límites foron dixitalizados segundo a información recollida dos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados ou en trámite e, no seu defecto, proponse unha delimitación específica, coa categoría que corresponde ao seu interese e tipoloxía e coa base dos criterios xerais recollidos neste anexo.

É o caso de bens como Adegas de Vilachá (A Pobra de Brollón), Cidadela Santa María (A Pobra de Trives), Igrexa de Santa María de Temes (Carballedo), Capela do poboado dos Peares (Carballedo), Mosteiro de San Paio de Abeleda (Castro Caldelas), Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño (Chantada), Subestación do encoro de Belesar (Chantada), Mosteiro de San Salvador de Asma (Chantada), Pazo de Tor (Monforte de Lemos), Capela da Virxe de Guadalupe (O Saviñao), Igrexa de Santa María de Seteventos (O Saviñao), Igrexa e Casa Reitoral de San Vicente de Pombeiro (Pantón), Fábrica da Luz do río Mao (Parada de Sil), Necrópole de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil), Poboado dos Covallos en Montefurado (Quiroga), explotacións mineiras e túnel de Montefurado (Quiroga), e muíños do Xabrega (Sober).

Os límites dos inmobles foron dixitalizados adaptándose ao parcelario do Catastro oficial de España; para os seus contornos foron dixitalizados límites aproximados, xa que a escala e calidade das ditas fichas non sempre permitía adoptalo ao parcelario existente, aínda que se procurou o maior axuste posible sobre a estrutura do territorio.

Como criterio subsidiario, as novas delimitacións adáptanse ao parcelario e elementos significativos da estrutura do territorio, tomando como referencias as distancias establecidas no artigo 38 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, segundo a súa tipoloxía e localización.

– Zona de amortecemento.

Como medida complementaria, co obxecto de reforzar a protección da paisaxe cultural e as súas condicións de implantación no territorio, delimítase unha zona de amortecemento, segundo o previsto no artigo 13 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Para definir esta zona de amortecemento tómase como límite xeral, axeitado e operativo, o do territorio completo das parroquias afectadas pola delimitación da paisaxe cultural, xa que a parroquia representa a unidade cultural da comunidade en que se asenta, é o marco da súa identidade grupal e, así mesmo, testemuña os procesos de consolidación e xestión do territorio que se están a recoñecer como valores da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

As características xeográficas, sentido de pertenza e comunidade, cuns límites definidos por condicionantes xeográficos e morfolóxicos, e asentados pola tradición, fan que a escolla da entidade parroquial sexa a axeitada.

Esta zona de amortecemento e os ámbitos por ela afectados non terán a consideración de ben de interese cultural, aínda que para garantir os seus efectos se determinará un réxime de protección relacionado co establecemento de medidas específicas de integración e mellora ambiental das infraestruturas, instalacións e outras intervencións que, pola súa magnitude ou características, supoñan unha afección significativa ao territorio, ás condicións de percepción do ben e á súa comprensión.

Na proposta de delimitación recóllensen parroquias enteiras seguindo o criterio de límite de que se dispón na cartografía oficial da Xunta de Galicia.

Resumo das superficies afectadas pola protección

Área delimitada total

Superficie individual (ha)

Superficie total (ha)

Paisaxe cultural da Ribeira Sacra

Límite do BIC

17.447

17.973

Exoámbitos

1526

Zona de amortecemento

Zona de amortecemento

31.979

31.979

Área de estudo

Superficie total concellos

298.614

298.614

Perímetro delimitado

km

km totais

Paisaxe cultural da Ribeira Sacra

Límite do BIC

273

341

Exoámbitos

68

Zona de amortecemento

Zona de amortecemento

204

204

Medidas internas

km

km totais

Mín.

Máx.

Paisaxe cultural da Ribeira Sacra

Límite do BIC

55

1

6

Zona de amortecemento

Zona de amortecemento

58

3

15

Parroquias incluídas

Número

Número total

Paisaxe cultural da Ribeira Sacra

Límite do BIC

72

100

Exoámbitos

28

Zona de amortecemento

Zona de amortecemento

72

72

Núcleos de poboación incluídos

Número

Número total

Paisaxe cultural da Ribeira Sacra

Límite do BIC

167

190

Exoámbitos

23

Zona de amortecemento

Zona de amortecemento

456

456

Concellos

Número

Número total

Paisaxe cultural da Ribeira Sacra

Límite do BIC

13

22

Exoámbitos

12

Zona de amortecemento

Zona de amortecemento

15

Entidades de poboación na paisaxe cultural da Ribeira Sacra

Núcleos incluidos na paisaxe cultural da Ribeira Sacra

Nome

Provincia

Concello

Parroquia

1

A Ribeiriña

Lugo

Carballedo

A Cova (San Xoán)

2

Arxemil

Lugo

Carballedo

A Cova (San Xoán)

3

O Catasol

Lugo

Carballedo

A Cova (San Xoán)

4

Outeiro

Lugo

Carballedo

A Cova (San Xoán)

5

Papelle

Lugo

Carballedo

A Cova (San Xoán)

6

Piñarrostro

Lugo

Carballedo

A Cova (San Xoán)

7

Vilanfesta

Lugo

Carballedo

A Cova (San Xoán)

8

Vilar

Lugo

Carballedo

A Cova (San Xoán)

9

A Grixoá

Lugo

Carballedo

Chouzán (Santo Estevo)

10

A Voutureira

Lugo

Carballedo

Chouzán (Santo Estevo)

11

Chouzán

Lugo

Carballedo

Chouzán (Santo Estevo)

12

Pacios

Lugo

Carballedo

Chouzán (Santo Estevo)

13

Paradela

Lugo

Carballedo

Chouzán (Santo Estevo)

14

Adegas

Lugo

Carballedo

Erbedeiro (San Pedro)

15

Erbedeiro

Lugo

Carballedo

Erbedeiro (San Pedro)

16

A Granxa

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

17

A Pena

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

18

A Ribeiriña

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

19

A Touza

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

20

As Gándaras

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

21

Carcacía

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

22

Lama

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

23

O Fontao

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

24

Oleiros

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

25

Porrás de Abaixo

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

26

Soutelo

Lugo

Carballedo

Oleiros (San Miguel)

27

A Cuqueira

Lugo

Carballedo

Temes (Santa María)

28

San Lourenzo

Lugo

Carballedo

Temes (Santa María)

29

Temes

Lugo

Carballedo

Temes (Santa María)

30

Sequeiros

Ourense

Castro Caldelas

Paradela (San Vicenzo)

31

O Campo

Ourense

Castro Caldelas

Abeleda (Santa Tegra)

32

O Chaguacedo

Ourense

Castro Caldelas

Abeleda (Santa Tegra)

33

As Carballeiras

Ourense

Castro Caldelas

Tronceda (Santiago)

34

Tronceda

Ourense

Castro Caldelas

Tronceda (Santiago)

35

O Pousadoiro

Lugo

Chantada

A Sariña (San Vicente)

36

Pincelo

Lugo

Chantada

A Sariña (San Vicente)

37

Soutariz

Lugo

Chantada

A Sariña (San Vicente)

38

O Curro

Lugo

Chantada

Asma (San Fiz)

39

A Ermida

Lugo

Chantada

Belesar (San Bartolomeu)

40

Belesar

Lugo

Chantada

Belesar (San Bartolomeu)

41

Sequeiras

Lugo

Chantada

Camporramiro (Santa María)

42

Vilar de Abaixo

Lugo

Chantada

Camporramiro (Santa María)

43

A Ponte da Ermida

Lugo

Chantada

Líncora (San Pedro)

44

Alemparte

Lugo

Chantada

Líncora (San Pedro)

45

Fondo de Vila

Lugo

Chantada

Líncora (San Pedro)

46

Os Queixeiros

Lugo

Chantada

Líncora (San Pedro)

47

Vilanova

Lugo

Chantada

Líncora (San Pedro)

48

A Eirexe

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

49

A Veiga

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

50

Cartemil

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

51

Fondo de Vila

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

52

Goimil

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

53

Lagariza

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

54

Nogueira de Abaixo

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

55

O Muiñovedro

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

56

O Navallo

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

57

Pedrido

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

58

Portanogueira

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

59

Sernande

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

60

Soto

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

61

Souto

Lugo

Chantada

Nogueira de Miño (Santa María)

62

O Outeiro

Lugo

Chantada

Pesqueiras (Santa María)

63

A Igrexa

Lugo

Chantada

Santiago de Arriba (Santiago)

64

A Proba

Lugo

Chantada

Santiago de Arriba (Santiago)

65

Arriba

Lugo

Chantada

Santiago de Arriba (Santiago)

66

Bacelares

Lugo

Chantada

Santiago de Arriba (Santiago)

67

Guxeva

Lugo

Chantada

Santiago de Arriba (Santiago)

68

O Pedroso

Lugo

Chantada

Santiago de Arriba (Santiago)

69

O Reguengo

Lugo

Chantada

Santiago de Arriba (Santiago)

70

Vilar de Outeiro

Lugo

Chantada

Santiago de Arriba (Santiago)

71

Viñás

Lugo

Chantada

Santiago de Arriba (Santiago)

72

San Pedro de Baños

Lugo

Monforte de Lemos

Marcelle (San Miguel)

73

Fiscal

Ourense

Nogueira de Ramuín

Moura (San Xoán)

74

Paradela

Ourense

Nogueira de Ramuín

Ribas de Sil (Santo Estevo)

75

Santo Estevo de Ribas de Sil

Ourense

Nogueira de Ramuín

Ribas de Sil (Santo Estevo)

76

O Cotillón

Lugo

Pantón

Acedre (San Romao)

77

Albarde

Lugo

Pantón

Atán (Santo Estevo)

78

Cabo de Vila

Lugo

Pantón

Atán (Santo Estevo)

79

Cima de Atán

Lugo

Pantón

Atán (Santo Estevo)

80

Freán

Lugo

Pantón

Atán (Santo Estevo)

81

Pesqueiras

Lugo

Pantón

Atán (Santo Estevo)

82

Prado

Lugo

Pantón

Atán (Santo Estevo)

83

Reiriz

Lugo

Pantón

Atán (Santo Estevo)

84

Seoane

Lugo

Pantón

Atán (Santo Estevo)

85

Souto

Lugo

Pantón

Atán (Santo Estevo)

86

A Chaira

Lugo

Pantón

Frontón (San Xoán)

87

A Estación

Lugo

Pantón

Frontón (San Xoán)

88

Amorín

Lugo

Pantón

Frontón (San Xoán)

89

Lornís

Lugo

Pantón

Frontón (San Xoán)

90

Amandi

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

91

Bazal

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

92

Cascortés

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

93

Cibrisqueiros

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

94

Mación

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

95

O Priorato

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

96

O Torrón

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

97

Penaveada

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

98

Ribas de Sil

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

99

San Cosmede

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

100

San Pedro

Lugo

Pantón

Pombeiro (San Vicente)

101

O Barreal

Lugo

Pantón

Ribeiras de Miño (Santo André)

102

O Carballo

Lugo

Pantón

Ribeiras de Miño (Santo André)

103

O Ferroño

Lugo

Pantón

Ribeiras de Miño (Santo André)

104

Portabade

Lugo

Pantón

Ribeiras de Miño (Santo André)

105

Ribela

Lugo

Pantón

Ribeiras de Miño (Santo André)

106

A Lagariza

Lugo

Pantón

Vilar de Ortelle (Santiago)

107

A Míllara

Lugo

Pantón

Vilar de Ortelle (Santiago)

108

Marce

Lugo

Pantón

Vilar de Ortelle (Santiago)

109

Rubiás

Lugo

Pantón

Vilar de Ortelle (Santiago)

110

Valboa

Lugo

Pantón

Vilar de Ortelle (Santiago)

111

Castro

Ourense

Parada de Sil

Caxide (Santa Cristina)

112

Portela

Ourense

Parada de Sil

Caxide (Santa Cristina)

113

A Casalta

Ourense

Parada de Sil

Chandrexa (Santa María)

114

A Pena

Ourense

Parada de Sil

Chandrexa (Santa María)

115

O Valado

Ourense

Parada de Sil

Chandrexa (Santa María)

116

Purdeus

Ourense

Parada de Sil

Chandrexa (Santa María)

117

Rabacallos

Ourense

Parada de Sil

Chandrexa (Santa María)

118

A Costrela

Ourense

Parada de Sil

Sacardebois (San Martiño)

119

Bouzas

Ourense

Parada de Sil

Sacardebois (San Martiño)

120

Calvos

Ourense

Parada de Sil

Sacardebois (San Martiño)

121

Leiravella

Ourense

Parada de Sil

Sacardebois (San Martiño)

122

O Val

Ourense

Parada de Sil

Sacardebois (San Martiño)

123

Barxacova

Ourense

Parada de Sil

Barxacova (San Lourenzo)

124

San Lourenzo

Ourense

Parada de Sil

Barxacova (San Lourenzo)

125

Baldomar

Ourense

Peroxa, A

Beacán (Santa María)

126

Caspicón

Ourense

Peroxa, A

Beacán (Santa María)

127

Os Peares

Ourense

Peroxa, A

Os Peares (Nosa Señora do Pilar)

128

A Covela

Lugo

Ribas de Sil

Torbeo (Santa María)

129

A Pena

Lugo

Saviñao, O

A Cova (San Martiño)

130

Arxuá de Arriba

Lugo

Saviñao, O

A Cova (San Martiño)

131

Cuñas

Lugo

Saviñao, O

A Cova (San Martiño)

132

O Bosque

Lugo

Saviñao, O

A Cova (San Martiño)

133

O Lagar

Lugo

Saviñao, O

A Cova (San Martiño)

134

O Priorato

Lugo

Saviñao, O

A Cova (San Martiño)

135

Os Ferreiros

Lugo

Saviñao, O

A Cova (San Martiño)

136

Os Raíñas

Lugo

Saviñao, O

A Cova (San Martiño)

137

Soane

Lugo

Saviñao, O

A Cova (San Martiño)

138

Soutomango

Lugo

Saviñao, O

A Cova (San Martiño)

139

A Costa

Lugo

Saviñao, O

Diomondi (San Paio)

140

A Portela

Lugo

Saviñao, O

Diomondi (San Paio)

141

Belesar

Lugo

Saviñao, O

Diomondi (San Paio)

142

Bexán

Lugo

Saviñao, O

Diomondi (San Paio)

143

Diomondi

Lugo

Saviñao, O

Diomondi (San Paio)

144

Montecelo

Lugo

Saviñao, O

Diomondi (San Paio)

145

Ver

Lugo

Saviñao, O

Diomondi (San Paio)

146

Mazarelos

Lugo

Saviñao, O

Fión (San Lourenzo)

147

O Pousadoiro

Lugo

Saviñao, O

Fión (San Lourenzo)

148

Arxemil

Lugo

Saviñao, O

Mourelos (San Xulián)

149

O Castro

Lugo

Saviñao, O

Mourelos (San Xulián)

150

O Mato

Lugo

Saviñao, O

Mourelos (San Xulián)

151

A Veitureira

Lugo

Saviñao, O

Rosende (Santa María)

152

A Abadía

Lugo

Saviñao, O

Ribas de Miño (Santo Estevo)

153

O Toural

Lugo

Saviñao, O

Ribas de Miño (Santo Estevo)

154

Santo Estevo

Lugo

Saviñao, O

Ribas de Miño (Santo Estevo)

155

As Forcadas

Lugo

Sober

Amandi (Santa María)

156

O Lameiro

Lugo

Sober

Amandi (Santa María)

157

A Barca

Lugo

Sober

Anllo (Santo Estevo)

158

Portabrosmos

Lugo

Sober

Pinol (San Vicente)

159

Areas

Lugo

Sober

Rosende (San Miguel)

160

A Boga

Ourense

Teixeira, A

A Abeleda (Santa María)

161

Nogueira

Ourense

Teixeira, A

A Abeleda (Santa María)

162

O Pombar

Ourense

Teixeira, A

A Abeleda (Santa María)

163

Fontao

Ourense

Teixeira, A

Fontao (San Bartolomeu)

164

A Cruz

Ourense

Teixeira, A

Lumeares (San Salvador)

165

Cima de Vila

Ourense

Teixeira, A

Lumeares (San Salvador)

166

Covas

Ourense

Teixeira, A

Lumeares (San Salvador)

167

Soutelo

Ourense

Teixeira, A

Lumeares (San Salvador)

Parroquias afectadas pola declaración

Parroquias da zona de amortecemento

Parroquia

Concello

Provincia

1

A Cova (San Xoán)

Carballedo

Lugo

2

Chouzán (Santo Estevo)

Carballedo

Lugo

3

Erbedeiro (San Pedro)

Carballedo

Lugo

4

Oleiros (San Miguel)

Carballedo

Lugo

5

San Romao de Campos (San Romao)

Carballedo

Lugo

6

Temes (Santa María)

Carballedo

Lugo

7

Veascós (Santa Mariña)

Carballedo

Lugo

8

Alais (San Pedro)

Castro Caldelas

Ourense

9

Castro Caldelas (San Sebastián)

Castro Caldelas

Ourense

10

Mazaira (Santa María)

Castro Caldelas

Ourense

11

Paradela (San Vicenzo)

Castro Caldelas

Ourense

12

San Paio de Abeleda (San Paio)

Castro Caldelas

Ourense

13

Santa Tegra de Abeleda (Santa Tegra)

Castro Caldelas

Ourense

14

Tronceda (Santiago)

Castro Caldelas

Ourense

15

A Sariña (San Vicente)

Chantada

Lugo

16

Camporramiro (Santa María)

Chantada

Lugo

17

Líncora (San Pedro)

Chantada

Lugo

18

Nogueira de Miño (Santa María)

Chantada

Lugo

19

Pesqueiras (Santa María)

Chantada

Lugo

20

Sabadelle (Santa María)

Chantada

Lugo

21

San Fiz de Asma (San Fiz)

Chantada

Lugo

22

Santiago de Arriba (Santiago)

Chantada

Lugo

23

Vilaúxe (San Salvador)

Chantada

Lugo

24

Marcelle (San Miguel)

Monforte de Lemos

Lugo

25

Rozavales (Santa María)

Monforte de Lemos

Lugo

26

Vilamarín (San Fiz)

Monforte de Lemos

Lugo

27

Cerreda (Santiago)

Nogueira de Ramuín

Ourense

28

Moura (San Xoán)

Nogueira de Ramuín

Ourense

29

Santo Estevo de Ribas de Sil (Santo Estevo)

Nogueira de Ramuín

Ourense

30

Vilar de Cerreda (Santa Baia)

Nogueira de Ramuín

Ourense

31

Viñoás (Santa María)

Nogueira de Ramuín

Ourense

32

Acedre (San Romao)

Pantón

Lugo

33

Atán (Santo Estevo)

Pantón

Lugo

34

Cangas (Santiago)

Pantón

Lugo

35

Frontón (San Xoán)

Pantón

Lugo

36

Pombeiro (San Vicente)

Pantón

Lugo

37

Vilar de Ortelle (Santiago)

Pantón

Lugo

38

Caxide (Santa Cristina)

Parada de Sil

Ourense

39

Chandrexa (Santa María)

Parada de Sil

Ourense

40

Forcas (San Mamede)

Parada de Sil

Ourense

41

Parada de Sil (Santa Mariña)

Parada de Sil

Ourense

42

Sacardebois (San Martiño)

Parada de Sil

Ourense

43

San Lourenzo de Barxacova (San Lourenzo)

Parada de Sil

Ourense

44

Beacán (Santa María)

Peroxa, A

Ourense

45

Celaguantes (San Xulián)

Peroxa, A

Ourense

46

Vilachá (San Mamede)

Pobra do Brollón, A

Lugo

47

Augas Mestas (Santiago)

Quiroga

Lugo

48

Torbeo (Santa María)

Ribas de Sil

Lugo

49

Vilardá (Santa María)

San Xoán de Río

Ourense

50

A Cova (San Martiño)

Saviñao, O

Lugo

51

Diomondi (San Paio)

Saviñao, O

Lugo

52

Fión (San Lourenzo)

Saviñao, O

Lugo

53

Louredo (Santiago)

Saviñao, O

Lugo

54

Mourelos (San Xulián)

Saviñao, O

Lugo

55

Rebordaos (Santalla)

Saviñao, O

Lugo

56

Rosende (Santa Mariña)

Saviñao, O

Lugo

57

Santo Estevo de Ribas de Miño (Santo Estevo)

Saviñao, O

Lugo

58

Amandi (Santa María)

Sober

Lugo

59

Anllo (Santo Estevo)

Sober

Lugo

60

Barantes (San Xoán)

Sober

Lugo

61

Bolmente (Santa María)

Sober

Lugo

62

Doade (San Martiño)

Sober

Lugo

63

Lobios (San Xillao)

Sober

Lugo

64

Pinol (San Vicente)

Sober

Lugo

65

Rosende (San Miguel)

Sober

Lugo

66

San Martiño de Anllo (San Martiño)

Sober

Lugo

67

Santiorxo (San Xurxo)

Sober

Lugo

68

A Abeleda (Santa María)

Teixeira, A

Ourense

69

Cristosende (Santa María)

Teixeira, A

Ourense

70

Lumeares (San Salvador)

Teixeira, A

Ourense

71

Montoedo (Santa Mariña)

Teixeira, A

Ourense

72

Pedrafita (San Martiño)

Teixeira, A

Ourense

ANEXO V
Planimetría

missing image file