Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 4 de xaneiro de 2018 Páx. 1020

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 28 de decembro de 2017 pola que se modifica a Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

O 8 de abril de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 67, a Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Nesta Orde do 1 de abril de 2016 establécense, no anexo I, os prezos exixibles pola prestación de servizos e actividades en campamentos, albergues, residencias e demais instalacións de xuventude, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social.

No artigo 3 da dita orde recóllese os descontos aplicables pola condición de familia numerosa.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, regula no capítulo II os grupos de familias de especial consideración. Entre estes grupos inclúen as familias numerosas, na sección 1ª, e as familias monoparentais, na sección 2ª.

Por este motivo, tendo en conta que, por definición, as familias monoparentais están compostas por un único proxenitor ou proxenitora con fillos ou fillas menores ao seu cargo e que non reciben contribución económica para o sustento por parte do outro proxenitor ou proxenitora, considérase procedente que reciban, na Orde de prezos do 1 de abril, o mesmo trato que as familias numerosas, por ser, como estas, merecedoras dunha protección especial, de acordo coa citada Lei 3/2011, do 30 de xuño.

En consecuencia, procede modificar a Orde do 1 de abril de 2016 para estender tamén ás familias monoparentais os descontos que o seu artigo 3 recoñece ás familias numerosas nos prezos relativos ás actividades do programa Campaña de verán, e modificar o seu título e contido.

Por outra banda, no anexo II da Orde do 1 de abril de 2016 recóllense os prezos relativos á expedición dos diferentes carnés dirixidos á mocidade, entre os cales están os carnés de alberguista: carné alberguista xove, carné alberguista adulto/a, carné alberguista grupo e carné alberguista familiar.

Os prezos dos carnés que aparecen descritos no anexo II da Orde do 1 de abril de 2016 axústanse ao acordado pola asemblea da REAX (Rede Española de Albergues Xuvenís). En relación con estes carnés, nas súas diferentes modalidades –xove, adulto, grupo e familiar–, e os carnés ITIC (International Teacher Identity Card), IYTC (International Youth Travel Card) e ISIC (International Student Identity Card), os prezos veñen indicados polo Consorcio REAX, o organismo provedor destes a nivel nacional co obxecto de que aos mozos/as usuarios/as lles custe o mesmo calquera destes carnés independentemente do lugar de expedición. A Orde do 1 de abril de 2016 recolle este feito respectando así, polo tanto, as directrices establecidas para estes efectos.

Polo que respecta ao carné de alberguista, que é o instrumento de afiliación á REAX, con validez internacional e requisito imprescindible para acceder a calquera albergue REAX, o pasado 7 de febreiro de 2017 a REAX, en asemblea extraordinaria que tivo lugar en Madrid, aprobou unha baixada do prezo de venda ao público deste carné, nas súas modalidades de alberguista xove, adulto e familiar, co obxectivo de traducir a baixada de prezos nunha maior venda de carnés de alberguista, así como nun incremento das estadías nocturnas dos albergues pertencentes á REAX.

Por este motivo, e co fin de adaptar o prezo do carné de alberguista en Galicia ás directrices xerais da REAX e homoxeneizalo coas demais comunidades autónomas, é preciso actualizar a Orde do 1 de abril de 2016, en relación coa expedición destes carnés de alberguista, para equiparar os prezos ao resto do territorio.

Por iso, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

A Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, queda redactada como segue:

Un. O artigo 3 queda redactado como segue:

«Artigo 3. Desconto por familia numerosa e por familia monoparental

1. Os/as membros de familia que teñan o título de familia numerosa poderán ter un desconto de ata un 50 % sobre os prezos relativos ás actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado no programa Campaña de verán.

2. Os/as membros de familias monoparentais poderán ter, así mesmo, un desconto de ata un 50 % sobre os prezos relativos ás actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado no programa Campaña de verán.

De conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, enténdese por familia monoparental o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo, sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

Para os efectos da aplicación do desconto deberá acreditarse estar en posesión do certificado de recoñecemento da condición de familia monoparental, expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia».

Dous. O anexo II. Prezos pola expedición dos diferentes carnés dirixidos á mocidade, da Orde do 1 de abril de 2016, queda redactado da seguinte maneira:

«Prezos pola expedición dos diferentes carnés dirixidos á mocidade

Tarifa en euros

Carné xove

............................................................................................ 6

Carné alberguista xove

............................................................................................ 5

Carné alberguista adulto/a

.......................................................................................... 10

Carné alberguista grupo

.......................................................................................... 16

Carné alberguista familiar

.......................................................................................... 18

Carné teacher (ITIC)

............................................................................................ 9

Carné internacional xove (IYTC)

............................................................................................ 9

Carné student (ISIC)

............................................................................................ 9»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social