Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 9 de xaneiro de 2018 Páx. 1542

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 18 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 379499.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, ben individualmente ben mediante unha agrupación de entidades:

– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

– Universidades.

– Empresas e organizacións empresariais.

– Sindicatos.

– Comunidades galegas no exterior.

– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación á cal pertenza a dita entidade, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (procedemento PR803D).

Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito total de 3.262.500 €, de acordo coa seguinte distribución:

– Para proxectos no exterior de ONGD, por un importe total de 2.762.500 € (1.105.000 € no ano 2018 e 1.657.500 € no ano 2019), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0, por un importe total de 2.062.500 € (825.000 € no ano 2018 e 1.237.500 € no ano 2019), e a aplicación 05.26.331A.790.0, por un importe total de 700.000 € (280.000 € no ano 2018 e 420.000 € no ano 2019).

– Para proxectos no exterior dos outros axentes, por un importe total de 500.000 € (200.000 € no ano 2018 e 300.000 € no ano 2019), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0, por un importe total de 375.000 € (150.000 € no ano 2018 e 225.000 € no ano 2019), e a aplicación 05.26.331A.790.0, por un importe total de 125.000 € (50.000 € no ano 2018 e 75.000 € no ano 2019).

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto. En ningún caso a subvención concedida superará os 175.000 € para proxectos plurianuais. Para proxectos que se executen só durante o ano 2018 a subvención máxima concedida será de 60.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación a subvención concedida non superará o límite dos 225.000 €. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2018 a subvención máxima concedida será de 100.000 €.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2018 e o 60 % no ano 2019.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza