Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2018 Páx. 2097

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2017, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2018 (código de procedemento PR858A).

O artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos potenciarán o seu uso en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece o apoio económico e material para os medios de comunicación que, sen seren de titularidade pública nin sometidos á xestión ou competencia de institucións da Comunidade Autónoma, empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004, establece como obxectivos centrais da área de medios de comunicación a necesidade de incrementar anualmente e de maneira constante o uso do galego nos medios públicos e privados, que supere a actual situación de marxinación e de confinamento no eido cultural; lograr unha ampla oferta informativa lúdica e cultural, cunha temática variada e de calidade; pór ao alcance dos profesionais do sector os medios formativos, didácticos e técnicos suficientes que lles aseguren unha completa capacitación lingüística e un emprego doado do galego no seu traballo profesional; e incrementar a presenza do galego na publicidade.

O plan establece ademais como medidas transversais aos diferentes sectores a promoción da cortesía lingüística e da oferta positiva, consistente na adopción do galego como lingua inicial, neste caso, no contacto coa persoa entrevistada.

En consonancia cos textos referidos e en cumprimento do disposto no Decreto 103/1994, do 21 de abril, modificado polo Decreto 237/2008, do 16 de outubro, no que se establecen as axudas dirixidas ás publicacións escritas integramente en galego, e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego (código de procedemento PR858A) e efectuar a convocatoria para o ano 2018.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Financiamento

Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

De acordo co artigo 3.2 da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso de gasto.

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación 04.20.461A.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma vixentes no ano 2018, por importe de 40.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Réxime de recursos

Contra esta resolución poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Alternativamente, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2017

Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. De acordo co artigo 2 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo, estas axudas económicas teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativo e da cultura nas tarefas de información xornalística.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables

1. Poderán ser subvencionables aquelas publicacións que reúnan as seguintes condicións:

a) Que estean escritas integramente en galego conforme a normativa oficial vixente.

b) Que teñan un mínimo de 16 páxinas en formato DIN A-3 ou de 26 páxinas en formato DIN A-4 (ou o equivalente noutros formatos) e que publicasen un mínimo de doce números no ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

Os números dobres ou calquera outra agrupación numérica nun único exemplar serán considerados un único número para os efectos da subvención.

c) Que se publiquen periodicamente.

d) Que inclúan o pé de imprenta con todos os datos que estableza a lexislación vixente.

2. Consideracións xerais sobre os gastos subvencionables.

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables aqueles gastos de produción e/ou distribución de bens ou servizos que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta resolución.

Non teñen a consideración de gasto subvencionable os gastos de amortización de bens inventariables.

Os custos indirectos que sexan gasto subvencionable formarán parte da xustificación da subvención e deberaos imputar o beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos destas bases e de acordo co establecido no artigo 3 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo, entenderanse por publicacións periódicas as que teñan un contido informativo ou de opinión, que se impriman baixo un mesmo título en serie continua, con numeración correlativa e data de publicación, que aparezan con periodicidade fixa e con propósito de permanencia indefinida no tempo.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. As beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas, inscritas no Rexistro Mercantil, que realizasen publicacións periódicas escritas integramente en galego durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.

d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativo.

f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da solicitude da subvención.

Artigo 5. Uso da lingua galega

As publicacións deberán cumprir co establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega, na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003.

As publicidades incluídas nas publicacións deben cumprir o disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística en materia de toponimia.

Artigo 6. Competencia

A competencia para resolver o procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Medios, de acordo co establecido na disposición adicional segunda, un.c), do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para as persoas que representen a unha persoa interesada obrigada á presentación electrónica.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas físicas interesadas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar, opcionalmente, as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros producidos a título de simple neglixencia.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da persoa xurídica solicitante. DNI ou NIE se o solicitante é persoa física.

b) De ser o caso, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas tributarias co Estado, emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma, emitido pola Axencia Tributaria de Galicia.

2. En ausencia de oposición da persoa interesada, solicitaranse os documentos electronicamente a través de Pasaxe! ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para os efectos.

No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberao indicar no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Documentación complementaria para presentar coa solicitude

1. Coas solicitudes de axuda deberase xuntar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación fidedigna acreditativa da representación.

b) Certificación actualizada ao ano da convocatoria da inscrición no Rexistro Mercantil, só para persoas xurídicas.

c) Memoria descritiva de actividades en que se fagan constar os números publicados, a tiraxe e o número de exemplares difundidos da publicación durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria. Recollerá un resumo da actividade da publicación, dos resultados obtidos e do cumprimento dos requisitos lingüísticos establecidos nestas bases reguladoras (anexo III).

d) Documentación acreditativa da tiraxe e do número de exemplares difundidos da publicación durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

e) Se é o caso, documentación pola que se acredite a prestación da asesoría lingüística a particulares, institucións e outras empresas.

f) Un exemplar de cada número das publicacións para as cales se solicita a axuda, en arquivos informáticos en formato PDF.

g) Solicitude de certificación do número de depósito legal da publicación ou o documento de entrega de publicacións, M5.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar, opcionalmente, a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude presentada non reunise algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. A unidade administrativa que teña asignada a función de xestión de axudas e subvencións relativa aos medios informativos é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderáselle requirir ao solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que puidese resultar necesario para tramitar e resolver o procedemento.

3. O órgano instrutor solicitaralle informe á Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre o uso do galego normativo nas publicacións de acordo co establecido no artigo 5 destas bases.

Este informe incorporarase á acta da Comisión de Valoración.

4. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendados os erros, de ser o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Valoración regulada no artigo seguinte.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin, elaborará un informe no cal se especificarán as solicitudes admitidas, a avaliación que lles corresponde, así como importe da axuda para cada un dos solicitantes.

2. A Comisión de Valoración terá a seguinte composición:

Presidente: a persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de medios de comunicación.

Vicepresidente: a persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de política lingüística.

Vogais:

– A persoa responsable do gabinete de prensa do órgano competente en materia de medios de comunicación.

– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación con categoría non inferior a xefe de servizo.

– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de política lingüística con categoría non inferior a xefe de servizo

– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de política lingüística nomeado por ela.

Secretario: unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación.

Artigo 13. Criterios de cuantificación das axudas

1. A valoración das solicitudes presentadas basearase e distribuirase de forma proporcional aos seguintes criterios:

a) Criterio referido a números editados.

Distribuirase segundo este criterio o 90 % do crédito total. Distribuirase proporcionalmente en función dos números editados.

b) Criterio referido á tiraxe e difusión de exemplares.

Distribuirase segundo este criterio o 10 % do crédito total en proporción directa á tiraxe e difusión.

Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de exemplares tirados e difundidos por cada un dos beneficiarios, en relación co número total de exemplares tirados e difundidos por todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. O importe máximo de axuda por publicación será de 35.000 euros.

Se como consecuencia do establecemento deste importe máximo de axuda por publicación existise remanente no crédito, procederase á súa repartición entre as axudas individualizadas que non acadasen o importe máximo sinalado.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor remitirá o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución ao titular do órgano competente en materia de medios, quen ditará a correspondente resolución.

A resolución motivarase de conformidade co establecido nestas bases reguladoras, concedendo ou denegando a axuda, e expresará, polo menos, a súa contía e, de ser o caso, a causa da denegación.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese este prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas polo titular do órgano competente en materia de medios de comunicación porán fin á vía administrativa, polo que contra elas poderán os interesados interpor os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se a resolución non fose expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. A conta xustificativa acreditarase de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación nos termos que se establezan na resolución de concesión, nun prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da súa notificación. Utilizaranse os modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta resolución, incluíndo en todo caso:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor ou provedor, concepto, importe, data de emisión da factura ou documento probatorio e data de pagamento (anexo IV).

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e acreditación do pagamento mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, en orixinal, formato electrónico admisible legalmente ou fotocopia compulsada.

c) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios. Indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a) (anexo IV).

d) No caso de empresas que editan varias publicacións ou que realicen as actividades de edición e impresión deberán indicar os criterios de repartición dos custos en que incorran, baseados nos gastos soportados segundo a letra a), de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas (anexo IV).

e) Declaración do solicitante en que se responsabilice de que continuará realizando as publicacións en galego ata o 31 de decembro do ano da convocatoria, para os efectos de xustificar o compromiso establecido no artigo 3 destas bases, relativo ao propósito de permanencia indefinida no tempo (anexo V).

As empresas beneficiarias presentarán, durante o mes de xaneiro posterior ao do ano natural da convocatoria, unha declaración responsable de que se cumpriu o dito compromiso, xunto coa documentación que o acredite.

No caso de que un beneficiario fusione varias publicacións nunha única publicación, debe presentarse a documentación que o acredite.

O incumprimento deste compromiso será considerado incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda coas consecuencias que se reflicten no artigo 20 destas bases.

f) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Tesourería Xeral de Seguridade Social, a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

g) Declaración responsable, debidamente actualizada, de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria das axudas recollidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo V).

h) Declaración responsable comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas das distintas administracións públicas para esta mesma finalidade (anexo V).

i) Escrito de aceptación expresa da axuda. Se non se produce manifestación expresa no prazo establecido na resolución de concesión, entenderase tacitamente aceptada (anexo V).

j) Se fose o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como os xuros derivados destes.

k) Calquera outra documentación que estableza a normativa reguladora.

Artigo 17. Obrigas das empresas beneficiarias

1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano competente en materia de medios de comunicación, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o que achegarán canta información lles sexa requirida.

c) A dar unha adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución das actividades que se subvencionan.

d) A acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) A comunicarlle ao órgano competente en materia de comunicación, no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

g) A cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

h) A xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

i) A dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

j) A conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

k) A subministrar toda a información necesaria para que a Secretaría Xeral de Medios cumpra coas obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo do correspondente requirimento, e en virtude do disposto no artigo 4 da citada lei.

Artigo 18. Compatibilidade

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria de titularidade da Xunta de Galicia que corresponda, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

Artigo 20. Modificación da resolución e reintegro das subvencións

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde o reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda ou da obriga de xustificación dará lugar á perda ao dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Infraccións e sancións

As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Publicidade. Transparencia e bo goberno

1. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, contía concedida e finalidade da subvención, en aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. A Secretaría Xeral de Medios publicará na súa paxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non regulado nas presentes bases observarase o previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

4. Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas a publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo, modificado polo Decreto 237/2008, do 16 de outubro.

5. Resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral de Medios.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral de Medios mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Xunta de Galicia. Secretaría Xeral de Medios. Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través do correo axudas.medios@xunta.gal.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file