Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2018 Páx. 2599

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades singulares de poboación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o período 2018-2020 (procedemento administrativo PR605A).

As novas economías baseadas no coñecemento e favorecedoras da sustentabilidade teñen un papel protagonista na Estratexia Europa 2020, a estratexia de crecemento intelixente para Europa que establece as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e a accesibilidade á banda larga como uns dos elementos facilitadores do devandito crecemento.

No contexto da Estratexia Europa 2020, a Axenda dixital para Europa establécese como o marco en que lograr en 2020 un acceso xeneralizado á internet a velocidades de, polo menos, 30 Mbps e que a metade dos cidadáns teñan contratados servizos de, polo menos, 100 Mbps.

A nivel estatal, o Goberno de España aprobou no ano 2013 a Axenda dixital para España como marco de referencia para establecer unha folla de ruta en materia TIC e de Administración electrónica articulando a estratexia nacional para acadar os obxectivos da Axenda dixital para Europa.

Así mesmo, a Xunta de Galicia aprobou o 30 de abril de 2015 a Axenda dixital de Galicia 2020; que toma como punto de partida os esforzos realizados nos catro últimos anos a través da Axenda dixital de Galicia 2014.gal. A aprobación da Axenda dixital de Galicia 2020 ven precedida da aprobación da Estratexia galega de crecemento dixital, reafirmando que as novas tecnoloxías constitúen unha prioridade estratéxica vital para a competitividade de Galicia.

O Plan de banda larga de Galicia 2020 (PDBL2020) aprobado o 1 de outubro de 2015 polo Consello da Xunta de Galicia, coa visión posta en dar cumprimento ao obxectivo que establece a Axenda dixital de Galicia 2020 para impulsar un modelo de crecemento vinculado á economía dixital, recolle o impulso de medidas para promover a extensión, a modernización e a innovación das redes de telecomunicación da Comunidade como soporte para a prestación de servizos dixitais avanzados.

Dada a importancia da accesibilidade das empresas á banda larga ultrarrápida, con data do 8 de abril de 2016 foi ditada resolución pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pola que se aprobaron as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda larga de nova xeración de moi alta velocidade en polígonos industriais para o desenvolvemento da industria 4.0 en Galicia (procedemento administrativo PR603A, DOG nº 77, do 22 de abril).

Esta actuación complementarase coas convocatorias de axudas que se diten ao amparo das bases aprobadas pola presente resolución, que axuden a emendar as carencias naquelas rexións onde existen deficiencias de mercado que impiden que haxa incentivos suficientes ao despregamento autónomo dos operadores de comunicacións electrónicas.

Estas medidas ampáranse no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, a cal prevé actuacións encamiñadas á extensión de redes de banda larga de nova xeración dentro da medida 7, de apoio aos servizos básicos e renovación da poboación rural, na submedida 7.3., de apoio ás infraestruturas de banda larga. Así mesmo, estas medidas están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

O réxime de subvencións regulado nas presentes bases acóllese á excepción de notificación prevista no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, en concreto, ao seu artigo 52 (axudas para infraestruturas de banda larga).

Así mesmo, para este réxime de axudas obtívose o informe preceptivo da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital (Sesiad) de conformidade co disposto no Real decreto 462/2015, do 5 de xuño, polo que se regulan instrumentos e procedementos de coordinación entre diferentes administracións públicas en materia de axudas públicas dirixidas a favorecer o impulso da sociedade da información mediante fomento da oferta e dispoñibilidade de redes de banda larga.

Con base no anterior, logo de autorización para esta convocatoria do Consello da Xunta de Galicia adoptada o 11 de xaneiro de 2018, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Bases reguladoras e convocatoria

1. Constitúe o obxecto da presente resolución a aprobación das bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida. As subvencións convocadas ao amparo das presentes bases están cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao 7,5 % polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, e ao 17,50 % pola Xunta de Galicia, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante Decisión de Execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as citadas subvencións en entidades singulares de poboación para o período 2018-2020 (procedemento administrativo PR605A).

Artigo 2. Solicitudes

1. O prazo para a presentación das solicitudes é dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o derradeiro día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ata ao primeiro día hábil seguinte.

2. As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura no anexo II (solicitude), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave ( https://sede. xunta. gal/ chave365).

3. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Procedemento de concesión

1. Unha vez terminado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva establecido nas bases reguladoras.

2. En caso de lotes que sexan obxectivo de cobertura de máis dun proxecto que pase á fase de valoración, só se poderán conceder axudas para a súa cobertura no proxecto que teña maior puntuación. En ningún caso se concederán axudas para un mesmo lote en máis dun proxecto.

3. O prazo máximo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de cinco (5) meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Transcorrido o prazo sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender como desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Tipos de proxectos obxecto de axuda

1. Os proxectos que se presenten a esta convocatoria deben fundamentarse na extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades singulares de poboación (ESP) de menos de 300 habitantes, capaces de prestar servizos de 100 Mbps ou superior, tal e como se definen no artigo 4 das bases reguladoras. As zonas elixibles para o desenvolvemento de proxectos susceptibles de acollerse a esta actuación corresponderanse coa totalidade ou partes claramente delimitadas das entidades singulares de poboación obxectivo incluídas no anexo III. As persoas solicitantes deberán indicar a súa proposta de porcentaxe de habitantes cubertos para cada unha das ESP incluídas no anexo III. Estas ESP identifícanse mediante o seu código INE de 9 díxitos, tomando para tales efectos o Nomenclátor de entidades de poboación do INE publicado en 2014.

De conformidade coas Directrices da Unión Europea para a aplicación das normas sobre axudas estatais ao despregamento rápido de redes de banda larga, que figuran na Comunicación da Comisión Europea 2013/C 25/01, a lista de ESP obxectivo incluídas no anexo III queda supeditada ao proceso de actualización da listaxe de zonas brancas NGA identificadas pola Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda dixital. Así mesmo non poderán ser obxecto de axuda as zonas incluídas en proxectos para os cales se solicite axuda con cargo ao Programa de extensión de banda larga de nova xeración (PEBA-NGA) da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital para o ano 2017.

No caso de que, antes de se ditar resolución de concesión da subvención, se publique unha nova listaxe definitiva de zonas brancas, esta resultará de aplicación para eliminar da presente lista de entidades singulares de poboación obxectivo aquelas que non sexan susceptibles de recibir estas axudas. Para estes efectos non se terán en consideración as listaxes que se atopen en fase de consulta pública.

2. O importe de subvención solicitado por proxecto deberá ser dun mínimo de 20.000 €.

3. Limitarase cada proxecto a un máximo de mil (1.000) entidades singulares de poboación afectadas.

4. Unha mesma empresa poderá solicitar máis dunha subvención. Cada unha das solicitudes será tratada de maneira independente.

5. Para efectos da cobertura, lémbrase que será condición indispensable o cumprimento dos requisitos mínimos de servizo establecidos no artigo 4 das bases reguladoras.

6. O ámbito xeográfico das actuacións incluídas nos proxectos deberá axustarse ás zonas elixibles.

7. Cada proxecto deberá diferenciar o seu alcance para cada un dos lotes indicados no anexo III. Non se establece un mínimo de cobertura por lote.

8. Poderanse conceder axudas de maneira independente para cada lote. En ningún caso se concederán axudas para un mesmo lote en máis dun proxecto.

9. Co obxectivo de garantir a compatibilidade coas actuacións de extensión de banda larga do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, establecida no Real decreto 462/2015, do 5 de xuño, polo que se regulan instrumentos e procedementos de coordinación entre diferentes administracións públicas en materia de axudas públicas dirixidas a favorecer o impulso da sociedade da información mediante o fomento da oferta e dispoñibilidade de redes de banda larga, non poderán ser obxecto de axuda as zonas incluídas en proxectos para os cales se solicite axuda con cargo ao Programa de extensión de banda larga de nova xeración (PEBA-NGA) da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital para o ano 2017.

Artigo 5. Requisitos mínimos de cobertura

1. Para os efectos de valoración das propostas, na presente convocatoria considerarase unha entidade cuberta cando se cubra polo menos o 50 % dos seus habitantes.

2. Requirirase para cada proxecto un mínimo dunha (1) entidade cuberta.

3. Non se establece un mínimo de poboación cuberta por proxecto.

Artigo 6. Crédito

1. Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 14.200.000 € que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 04.A1.571A.770.0, coa seguinte distribución:

Aplicación

Código proxecto

2018

2019

2020

04.A1.571A.770.0

2016 00001

2.683.739,20 €

7.677.507,20 €

3.838.753,60 €

2. Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 7,5 % polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, e nun 17,50 % pola Xunta de Galicia no marco da submedida 7.3 de apoio ás infraestruturas de banda larga, en particular, á súa creación, mellora e ampliación, ás infraestruturas de banda larga pasivas e á oferta de acceso á banda larga e a solucións de administración electrónica, do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Artigo 7. Intensidade máxima da subvención

A intensidade máxima destas subvencións será do noventa por cen (90 %) do custo elixible do proxecto.

Artigo 8. Realización do proxecto subvencionado e xustificación da súa realización

1. A execución dos investimentos subvencionables levarase a cabo entre o día seguinte á data de presentación da solicitude e o 30 de xuño de 2020.

2. A documentación xustificativa do cumprimento da finalidade da subvención deberá presentarse ata o 30 de xuño de 2020.

3. O despregamento da rede poderá prolongarse no tempo ata o prazo máximo para a posta en servizo, que é o 24 de marzo de 2020.

4. Para realizar pagamentos parciais da subvención, o beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa da execución dos investimentos subvencionables relativos á anualidade en curso ata o 31 de outubro de cada ano. Así mesmo, de ser o caso, o 31 de outubro de cada ano será a data límite para presentar a documentación xustificativa correspondente aos anticipos percibidos nese exercicio.

5. De conformidade co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o beneficiario queda exonerado da constitución de garantía, por autorización do Consello da Xunta adoptada o 11 de xaneiro de 2018.

6. En todo caso, a execución de investimentos por unha persoa solicitante con carácter previo á resolución de concesión da subvención non xerará dereitos no caso de que a persoa solicitante non resulte beneficiaria, nin garante a súa aprobación no caso de ser beneficiaria.

Artigo 9. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código PR605A, poderá obterse documentación normalizada ou información adicional na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a través das seguintes canles:

1. Páxina web: http://amtega.xunta.gal/.

2. O teléfono: 981 54 55 35.

3. A dirección electrónica: amtega@xunta.gal.

4. Presencialmente.

5. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia (012 ou 902 12 00 12 se chama desde fóra de Galicia).

Disposición adicional primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición adicional segunda. Transmisión á Comisión Europea

De conformidade co disposto no artigo 11 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, deberase transmitir á Comisión Europea a información resumida relativa a esta medida de axuda, no formato establecido no anexo II do citado regulamento, xunto cunha ligazón que permita acceder ao texto completo, incluídas as súas modificacións, no prazo de vinte (20) días laborables a partir da súa entrada en vigor.

Disposición adicional terceira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades singulares de poboación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola
de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020

CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto das presentes bases é regular a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades singulares de poboación.

2. Esta actuación enmárcase na folla de ruta do Plan de banda larga de Galicia 2020 (PDBL2020), aprobado por Acordo do 1 de outubro de 2015 adoptado polo Consello da Xunta de Galicia.

3. Así mesmo, as subvencións reguladas nas presentes bases ampáranse no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante a Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, o cal prevé actuacións encamiñadas á extensión de redes de banda larga de nova xeración dentro da submedida 7.3., de apoio ás infraestruturas de banda larga. O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 está cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao 7,5 % polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e ao 17,50 % pola Xunta de Galicia.

Artigo 2. Ámbito temporal

O ámbito temporal de vixencia das presentes bases será desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de decembro de 2023.

Artigo 3. Ámbito xeográfico

1. As convocatorias ditadas ao amparo das presentes bases axustarán o seu ámbito xeográfico ao ámbito territorial de aplicación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, polo que non serán subvencionables zonas situadas nas parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016).

2. En consonancia co ámbito fixado no PDBL2020 e coas directrices europeas, as actividades obxecto de subvención poderán realizarse unicamente para dotar de cobertura zonas sen cobertura actual de redes de banda larga ultrarrápida nin previsión para os próximos anos. Por este motivo, as zonas de actuación definidas nas convocatorias ditadas ao amparo das presentes bases serán un subconxunto das zonas brancas NGA identificadas pola Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital (Sesiad). Para estes efectos, ata a resolución de concesión das subvencións, respectarase a última relación de zonas brancas definitiva publicada, sen ter en consideración aquelas que se atopen en fase de consulta pública.

3. As entidades obxectivo serán entidades singulares de poboación consideradas zonas brancas NGA identificadas pola Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital (Sesiad) e identificadas mediante o seu código INE de 9 díxitos, tomando para tales efectos o Nomenclátor de entidades de poboación do INE publicado en 2014. Deberanse definir en cada convocatoria os lotes, de xeito que se permita a concesión de subvencións de maneira independente para cada lote. En ningún caso se concederán axudas para un mesmo lote en máis dun proxecto.

Artigo 4. Tipos de proxectos obxecto de subvención

1. No contexto das presentes bases, así como das convocatorias ditadas ao amparo delas, entenderase por redes de banda larga ultrarrápida aquelas que cumpran todos e cada un dos seguintes requisitos:

a) Utilizarse, na súa totalidade ou principalmente, para a prestación de servizos de comunicacións electrónicas dispoñibles para o público nas entidades obxectivo. Quedan por tanto descartadas as redes privadas destinadas á prestación de servizos a un conxunto restrinxido de usuarios e as redes puramente troncais que non están destinadas directamente á prestación de servizos a usuarios finais nas entidades obxectivo.

b) Ser capaces de prestar servizos de 100Mbps ou superior, permitindo unha taxa de transferencia nominal por usuario final no sentido da rede cara ao usuario de, polo menos, 100Mbps medidos na saída do equipamento da rede do operador máis próximo ao usuario final (canle descendente). Así mesmo, deberán permitir unha taxa de transferencia nominal por usuario final no sentido do usuario cara á rede de, polo menos, 20Mbps medidos na saída do equipamento da rede do operador máis próximo ao usuario final (canle ascendente).

c) Permitir, mantendo todas as características do servizo inalteradas, a transferencia ilimitada de datos en ambos os sentidos (da rede ao usuario e do usuario á rede).

d) A rede de banda larga ultrarrápida proposta debe permitir a transmisión de comunicacións electrónicas cuns niveis de calidade de servizo en termos de jitter, retardo e taxa de perda de paquetes compatibles coa realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

2. As subvencións non estarán condicionadas ao despregamento dunha solución tecnolóxica concreta e serán as persoas solicitantes as que deberán expresar e motivar a solución tecnolóxica máis axeitada no marco de cada convocatoria ditada ao amparo das presentes bases.

3. O obxectivo é o despregamento de redes de acceso e poden incluírse tramos da rede de transporte necesarios para dotar de conectividade á rede de acceso.

CAPÍTULO II
Requisitos e obrigacións

Artigo 5. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderán solicitar e, se for o caso, obter a condición de beneficiario as persoas que teñan a condición de operador, conforme o establecido nos artigos 6 e 7 da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións.

2. Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarios as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas en que polo menos un dos integrantes teña a condición de operador segundo se establece no número anterior.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión da subvención en nome e por conta do primeiro terán igualmente a consideración de beneficiarios.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios:

a) As persoas en que concorra algunha das circunstancias que prohiben a obtención da condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas devanditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que de forma preceptiva deba efectuar o órgano instrutor.

b) As empresas en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01) e o disposto no Regulamento de exención por categorías.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 6. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios deberán cumprir as obrigacións recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as contidas nestas bases, as que se determinen en cada convocatoria, as que figuren na resolución de concesión das subvencións e nas instrucións específicas que, en aplicación e cumprimento das presentes bases e de cada convocatoria, sexan aprobadas en materia de execución, seguimento, pagamento das subvencións, información e publicidade, xustificación e control do gasto.

2. Os beneficiarios deberán comunicar ao órgano concedente no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da subvención concedida, a obtención de calquera outra subvención, axuda, ingresos ou recursos que financien a mesma actuación subvencionada, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

3. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separada, ou un código contable diferenciado que recolla adecuadamente todas as transaccións relacionadas co proxecto tal como se establece no artigo 66.1.c) i) do Regulamento (UE) 1305/2013. Así mesmo, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos nos termos exixidos pola lexislación aplicable ao beneficiario, así como as facturas e demais xustificantes de gasto de valor probatorio equivalente e os correspondentes xustificantes de pagamento. Este conxunto de documentos constitúe o soporte xustificativo da subvención concedida e garante o seu axeitado reflexo na contabilidade dos beneficiarios.

4. Os beneficiarios deberán manter asociadas as infraestruturas e equipamentos que sexan obxecto de subvención aos obxectivos do proxecto durante un período mínimo de cinco (5) anos a partir da súa finalización ou ata o final da súa vida útil se esta for menor de cinco (5) anos, sen prexuízo de manter as obrigacións previstas no punto 7 do presente artigo e no artigo 7. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar o importe obtido e os xuros correspondentes, nos termos previstos no artigo 7 do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014 polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e da condicionalidade.

5. Os beneficiarios teñen a obriga de someterse aos controis administrativos, controis sobre o terreo e controis a posteriori previstos na normativa comunitaria de aplicación ao establecido no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade e a modificación realizada a este, polo Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017.

6. Os beneficiarios comprométense a proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) 1305/2013.

7. Con carácter específico, os beneficiarios deberán cumprir, sen menoscabo do establecido no marco normativo sectorial e, en especial a Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, as seguintes obrigas de explotación da rede, comercialización e seguimento dos servizos:

a) Atender as solicitudes de alta dos usuarios en, como moito, trinta (30) días naturais. No caso de que para a realización da subministración sexa preciso obter licenzas, dereitos de ocupación ou de paso específicos, ou por calquera outra causa non imputable ao operador, este poderá descontar os atrasos debidos ás devanditas causas, logo de comunicación remitida ao solicitante.

b) Dispor dun portelo único de atención ao cliente e proporcionar aos clientes un teléfono gratuíto de atención en horario laboral, no cal se deberá facer referencia á natureza do proxecto cunha mensaxe consensuada coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no ámbito de actuación daquel.

c) Operar a rede durante un período mínimo de dez (10) anos, contado desde a data en que as tarefas acometidas sexan aprobadas integramente conformes pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sendo responsables da correcta explotación e mantemento de toda a infraestrutura e equipamento instalado. Conforme se vaia despregando e activando a rede e, como mínimo, ata a finalización do período de explotación, os clientes das áreas con cobertura poderán solicitar os servizos ofertados.

d) Asegurar unha dispoñibilidade do servizo, nos termos de calidade de servizo mencionados de, polo menos, o 98 %, medida en intervalos de meses naturais por usuario final.

e) Facilitar a adquisición dos seus produtos en puntos de venda físicos con presenza nas catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ofrecer a posibilidade de atender o usuario, tanto de forma oral como escrita, en idioma galego ou castelán.

g) Ser responsables da comercialización do servizo nas entidades incluídas no plan de despregamento presentado. Igualmente, o beneficiario será responsable da realización de campañas de comercialización e difusión dos servizos prestados, supervisada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

h) Facilitarlles aos demais operadores un acceso completo e non discriminatorio á información sobre a rede subvencionada e os servizos grosistas ofertados sobre esta rede.

i) Expresar nas súas referencias ao proxecto, calquera que sexa a súa natureza e tipoloxía, que foi impulsado pola Xunta de Galicia e cofinanciado con fondos Feader.

j) Cumprir coas obrigas de seguimento do proxecto, segundo se establece no artigo 34 das presentes bases.

8. Nos casos en que os beneficiarios estean dentro do ámbito subxectivo de aplicación establecido no artigo 3 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, deberán dar cumprimento ás disposicións relativas á publicidade activa que figuran no capítulo II do título I da Lei 19/2013, do 9 de decembro. En particular, tal e como se menciona no punto 2 do artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, publicarán a información prevista na alínea c do punto 1 do artigo 8 da devandita lei, seguindo os principios xerais establecidos no seu artigo 5.

Adicionalmente ás obrigas relativas á publicidade activa que marca a normativa de carácter básico, os beneficiarios están suxeitos ás obrigas de subministración de información conforme o disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias de non atender esta obriga ditaranse conforme o disposto na devandita lei.

9. O incumprimento de calquera das obrigas sinaladas nos puntos anteriores, poderá ser causa da perda de dereito ao cobramento ou do reintegro da subvención concedida segundo a fase procedemental en que se encontre a tramitación do expediente.

Artigo 7. Servizos grosistas

1. Os beneficiarios das subvencións estarán obrigados a ofrecer aos demais operadores que o soliciten, acceso grosista efectivo, do tipo de fluxo binario (bitstream), ás infraestruturas subvencionadas durante un período mínimo de sete (7) anos. No caso de que o proxecto estableza despregamentos de fibra óptica, o devandito acceso incluirá tamén a posibilidade de acceder á fibra escura, cunha desagregación total e efectiva, así como aos condutos, postes, armarios, arquetas e demais elementos de obra civil. O acceso a estes últimos non debe ser limitado no tempo. No caso de redes backhaul deberase tamén incluír o servizo grosista de liñas alugadas ou circuítos punto a punto, en función da tecnoloxía empregada para a implementación da devandita rede.

A través dos produtos grosista ofrecidos, deberase garantir a replicabilidade dos servizos retallistas ofrecidos polo operador beneficiario.

Os prezos deste acceso grosista efectivo deberán ter como referencia os prezos grosistas fixados pola CNMC ao operador con poder significativo no mercado (PSM) para servizos similares, os cales se considerarán prezos máximos. En caso de non existir unha oferta de referencia equivalente, a referencia será os prezos ou principios e instrumentos de control de prezos que utilice o regulador para os servizos incluídos no proxecto obxecto da axuda (como a metodoloxía ou o test de replicabilidade económica dirixido a controlar estreitamentos de marxes, segundo corresponda). En calquera caso, cando se trate dun operador integrado verticalmente, os prezos definidos deberán permitir replicar as ofertas retallistas sen discriminar a rama retallista do operador beneficiario.

No caso de que se constrúan conducións dentro dos proxectos subvencionados, estas serán o suficientemente grandes para dar cabida a varias redes de cable/fibra e diferentes topoloxías de rede, tal como se prevé no artigo 52 do Regulamento (UE) 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

2. Todos os servizos grosistas mencionados deberán ofrecerse en condicións equitativas e non discriminatorias.

3. A CNMC resolverá os conflitos entre operadores solicitantes de acceso e operadores beneficiarios das subvencións, ditando instrucións para o efectivo cumprimento da obriga de acceso grosista á que se refire este artigo.

4. Dado que as zonas obxecto destas axudas son zonas rurais con baixa densidade de poboación, o detalle da oferta de servizos grosistas, así como a realización das actuacións necesarias na infraestrutura naqueles casos en que requiran intervencións caras non previstas na infraestrutura subvencionada, só se concretará se se constata a existencia dunha demanda razoable dun terceiro operador. A demanda considerarase razoable se o demandante de acceso establece un plan de negocio coherente que xustifique o desenvolvemento do produto na rede subvencionada e se na mesma zona xeográfica ningún outro operador ofrece un produto de acceso comparable e a prezos equivalentes aos das zonas máis densamente poboadas.

CAPÍTULO III
Actividade subvencionable

Artigo 8. Financiamento e intensidade máxima da subvención

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que se determinen nas correspondentes convocatorias.

2. Enténdese por intensidade de subvención o importe desta expresado en porcentaxe dos custos subvencionables do proxecto. Todas as cifras empregadas entenderanse antes de deducións fiscais ou doutro tipo.

3. A intensidade máxima das subvencións fixaranse, para cada caso, nas convocatorias ditadas ao amparo das presentes bases.

4. Para evitar unha sobrecompensación posterior, as resolucións de outorgamento das subvencións poderán incluír unha cláusula de revisión do importe da subvención na que se recolla a devolución da parte causante da dita sobrecompensación, en función do tipo de proxecto e das incertezas de previsión da demanda.

5. As subvencións que se concedan non se poderán acumular con outras axudas ou subvencións recibidas de réxime local, rexional, nacional ou da Unión Europea para cubrir os mesmos custos subvencionables nas entidades obxectivo das presentes bases.

Artigo 9. Investimentos e gastos subvencionables

1. As subvencións destinaranse a cofinanciar investimentos e gastos que estean directamente relacionados e sexan necesarios para a realización dos despregamentos subvencionados, acorde co estipulado nas presentes bases e convocatoria, e que se materialicen no período fixado en cada convocatoria.

2. Segundo a súa tipoloxía, considéranse investimentos e gastos potencialmente subvencionables na medida en que reúnan todos os requisitos preceptivos, os seguintes conceptos asociados ao despregamento:

a) Subministración e instalación de infraestruturas e obra civil.

b) Subministración e instalación de equipamento, software e outros elementos asociados.

c) Planificación, enxeñería e dirección facultativa de obra incluíndo os gastos directos imputables por gastos de persoal propio asignado ao proxecto. Os conceptos recollidos nesta alínea c) poderanse considerar ata un máximo do 12% da cantidade subvencionable e máis concretamente os custos por gastos de persoal propio ata un máximo do 7% da cantidade subvencionable.

3. Independentemente da súa natureza, só se poderán considerar subvencionables os conceptos vinculados a elementos ou redes que cumpran os requisitos de servizos grosistas recollidos nas presentes bases e nas convocatorias ditadas ao seu amparo, así como os fixados polas autoridades nacionais de regulamentación.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Débese respectar a moderación dos custos tal como establece o artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, de 17 de xullo de 2014. Para iso, para todos os gastos subvencionables, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que se levase a cabo con anterioridade un proceso de selección de provedores que garanta a elección das mellores propostas técnico-económicas. As ofertas presentadas para cada gasto, que deberán achegarse na fase de xustificación dos investimentos, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

c) Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca e modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos a descrición detallada destes.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o cal poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente na memoria económica da conta xustificativa, referida no artigo 28 das presentes bases, a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os realicen, presten ou fornezan, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste punto.

5. En ningún caso consideraranse gastos subvencionables o imposto sobre o valor engadido ou outros impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. Tampouco se considerará subvencionable o gasto en material funxible nin os gastos de informe auditor.

6. Os importes da subvención asociados a cada un dos conceptos subvencionables que figuren na resolución de concesión, representan os límites máximos de subvención, sen prexuízo do disposto no artigo 26 das presentes bases.

Artigo 10. Subcontratación

1. Cando na realización dun proxecto se subcontrate parte da súa execución, o custo da subcontratación non poderá exceder o cincuenta por cento (50 %) do custo total do proxecto.

2. A teor do disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización en por si da actividade subvencionada.

3. Non poderá realizarse a subcontratación con persoas ou empresas que non poidan obter a condición de beneficiario segundo o indicado no punto 3 do artigo 5 destas bases ou nas que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o vinte por cento (20 %) do importe da subvención e o devandito importe sexa superior a sesenta mil euros (60.000 €), a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente o ente concedente da subvención.

Non se poderá fraccionar un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

CAPÍTULO IV
Comunicacións, representación e presentación de solicitudes

Artigo 11. Representación

1. As persoas físicas que realicen a sinatura da solicitude ou a presentación de documentos en representación das persoas solicitantes ou beneficiarias das subvencións deberán ter a representación necesaria para cada actuación, nos termos establecidos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O asinante da solicitude de subvención deberá acreditar que no momento da presentación da solicitude ten representación suficiente para o acto. O incumprimento desta obriga, de non se emendar, dará lugar a que ao interesado se lle dea por desistido da súa solicitude.

3. Para o resto dos trámites, incluídas as declaracións responsables, cando o representante sexa distinto da persoa que asinou a solicitude da subvención deberase achegar igualmente a acreditación do poder con que actúa o novo asinante, que deberá ser suficiente para exercer a devandita representación.

4. O órgano instrutor poderá requirir en calquera momento ás persoas asinantes a acreditación da representación que posúan. A falta de representación suficiente da persoa solicitante ou beneficiaria en cuxo nome se presentou a documentación determinará que o documento en cuestión se teña por non presentado, cos efectos que diso deriven para a continuación do procedemento.

5. A representación poderá acreditarse mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será o indicado en cada convocatoria.

Artigo 13. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes serán presentadas directamente polos interesados ou pola persoa que acredite a súa representación segundo o indicado no artigo 11.

2. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para todas as persoas solicitantes na súa condición de persoas xurídicas e mesmo no caso de entidades sen personalidade xurídica ou persoas físicas pola súa actividade profesional e inscrición obrigatoria no Rexistro de Operadores de Telecomunicacións da CNMC o que supón que non existen barreiras técnicas nin tecnolóxicas para o seu cumprimento.

3. Se algunha das solicitudes é presentada presencialmente, requiriráselle para que a enmende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, requirirase o interesado para que a enmende no prazo máximo de dez (10) días. Indicaráselle que, se non o fixer, se dará por desistida a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos para a tramitación do procedemento

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos dos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante que asine a solicitude ou, de ser o caso, cando esta persoa sexa estranxeira residente, o NIE. No caso de que a persoa solicitante sexa unha persoa física consultarase tamén o DNI/NIE.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os devanditos documentos, segundo o disposto no artigo 15 das bases reguladoras.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

Artigo 15. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación complementaria:

a) Poder de representación: á solicitude citada xuntaráselle a acreditación válida do poder de representación do asinante da solicitude, segundo o sinalado no artigo 11 das presentes bases.

b) Condición de operador: deberase achegar a acreditación de que a persoa solicitante reúne a condición de operador debidamente habilitado. Esta acreditación deberase realizar achegando certificación de estar inscrito no correspondente Rexistro de Operadores regulado no artigo 7 da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, ou ben indicando o nome, servizo e data de resolución que figura no devandito rexistro, para a súa comprobación por parte do órgano instrutor.

c) Agrupacións de persoas físicas ou xurídicas: no caso de que se presenten proxectos subscritos conxuntamente por varias persoas solicitantes como futura agrupación de persoas físicas ou xurídicas, incorporarase un compromiso das persoas solicitantes para a súa contitución no caso de que lle sexa concedida a subvención. O escrito deberá de estar asinado polos representantes das diversas persoas físicas ou xurídicas promotoras. A agrupación deberá constituírse nun prazo máximo dun (1) mes contado desde a notificación da resolución de concesión da subvención e non poderá disolverse ata que transcorra o prazo a que se estendan as obrigas derivadas da subvención, así como os prazos de prescrición previstos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Memoria do proxecto, que deberá axustarse á seguinte estrutura mínima:

1º. Resumo executivo cos aspectos máis remarcables da proposta que faciliten un mellor entendemento desta.

2º. Alcance, incluíndo os seguintes puntos: cobertura final proposta e servizos a usuarios finais.

Especificarase a porcentaxe de cobertura por cada entidade obxectivo, nas condicións establecidas nas presentes bases.

Para cada un dos servizos a usuarios finais incluiranse, polo menos, as características que confirmen o cumprimento dos aspectos mencionados no artigo 4 das presentes bases.

3º. Solución tecnolóxica proposta expoñendo, polo menos, un resumo xeral da arquitectura de rede e a relación de todos os puntos de presenza da rede de acceso.

No resumo xeral da arquitectura de rede describiranse as principais tecnoloxías e medios de transmisión empregados, tanto na rede de transporte como na rede de acceso. Deberase facer especial énfase en demostrar que a capacidade de transmisión é efectiva ao longo de toda a rede, así como os métodos de aseguramento da continuidade dos servizos (dimensionamento da rede, redundancia, escalabilidade,…).

Na relación dos puntos de presenza da rede de acceso, indicarase a súa localización e a súa asociación ás entidades obxectivo.

4º. Plan de despregamento, en que se detallarán a fin de cada semestre os fitos alcanzados para cada entidade obxectivo. Deberanse especificar fitos que supoñan un avance significativo, indicando polo menos aspectos relativos á finalización da rede de transporte, instalación de equipamento da rede de acceso, inicio de cobertura en cada entidade (posibilidade de primeiras contratacións de servizo) e cobertura total proposta de cada entidade.

5º. Plan de investimentos, en que se detallarán para cada lote definido na convocatoria os investimentos previstos en gastos subvencionables desagregados nos conceptos indicados no punto 2 do artigo 9.

6º. Plan de negocio que abranga, como mínimo, dez (10) anos desde o inicio da prestación do servizo utilizando o método do valor actual neto (VAN) e indicando a taxa anual de desconto que deberá ser contrastada coa taxa interna de retorno (TIR). Igualmente, incluiranse as hipóteses de cálculo, o plan de investimentos propio, a distribución anual das subvencións solicitadas e o plan de custos e ingresos.

7º. Plan de seguimento e control incluíndo unha proposta para o seguimento económico (con indicadores de CAPEX, OPEX e ingresos), seguimento do despregamento (incluíndo, polo menos, os fitos indicados no plan de despregamento), seguimento e control operativo (incluíndo informes de incidencias e operacións de mantemento) e o seguimento e control comercial (incluíndo indicadores da penetración de servizos).

8º. Plan de comercialización e difusión, en que se incluirá unha proposta de plan de comercialización e difusión co obxectivo de dar a coñecer o proxecto entre as empresas e a poboación das entidades obxectivo. Este plan de comercialización e difusión deberá ter o seguinte contido mínimo: canles de comercialización, plans de publicidade, campañas de márketing, material publicitario e portal web informativo.

Respecto das canles de comercialización que se propón empregar (tendas físicas, comercialización en liña, etc.) indicaranse expresamente os puntos de venda físicos dos servizos da persoa solicitante, tanto propios como de terceiros, existentes na Comunidade Autónoma.

Nos plans de publicidade que se propoñan realizar, indicarase a súa planificación e as canles que van utilizar (medios audiovisuais, prensa, redes sociais, soportes publicitarios, etc.) así como os recursos económicos que a persoa solicitante compromete para cada lote da convocatoria. Entre as canles de difusión deberanse incluír, polo menos, medios audiovisuais e prensa escrita.

Respecto das campañas de márketing que se propoñan realizar, indicarase a súa planificación e natureza (telemárketing, venda a domicilio, repartición de publicidade, etc.), así como os recursos económicos que a persoa solicitante compromete para cada lote definido na convocatoria.

Na proposta de material publicitario que se vai utilizar (carteis, folletos, etc.) nas actuacións anteriores, deberá figurar a referencia ao proxecto Plan de banda larga de Galicia 2020, á subvención da Xunta de Galicia e ao cofinanciamento con fondos Feader, conforme o disposto no artigo 31.

As persoas solicitantes deberanse comprometer a facer referencia no seu portal web a este proxecto.

En todo caso, os beneficiarios da subvención deberán acordar coa Amtega todas as mensaxes relativas ao proxecto Plan de banda larga de Galicia 2020, así como as condicións de uso da súa imaxe de forma previa ao lanzamento das actuacións de difusión do proxecto.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á comprobación de datos segundo o indicado no artigo 14 das bases reguladoras, ou existan circunstancias que aconsellen a súa presentación expresa, as persoas interesadas deberán achegar aqueles documentos sobre os que se opoñan á súa comprobación.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial, dentro dos prazos previstos, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo ao carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión destes datos, incluíndo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple descoido.

2. A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; nese caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. Conforme o previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas ao abeiro destas bases.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006, a Amtega publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas subvencións e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Con todo, as persoas interesadas poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando poidan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio.

CAPÍTULO V
Regras do procedemento de concesión

Artigo 18. Órganos competentes

1. A Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convocará e resolverá as subvencións ditadas ao abeiro das presentes bases reguladoras.

2. A área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia será o órgano encargado da instrución e do seguimento das subvencións.

3. A Xerencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia será a encargada da xestión económico-orzamentaria dos gastos e ingresos deste programa, do seguimento da súa execución e da aplicación do réxime sancionador.

Artigo 19. Instrución dos procedementos

1. O órgano competente para a instrución realizará, de oficio, cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a instrución verificará a moderación dos custos propostos seguindo o indicado no artigo 48.2.e) do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán valorados en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e valoración previstos nestas bases por unha comisión de valoración.

Artigo 20. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 21, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: persoa titular da Xerencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou persoa que o substitúa.

b) Dous vogais nomeados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia de entre os seus membros.

c) Secretario: persoal funcionario da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

3. Os suplentes serán designados polo presidente da comisión de valoración.

4. A comisión poderá estar asistida por expertos externos que estarán suxeitos ao mesmo réxime de confidencialidade e ás mesmas causas de abstención que os empregados públicos.

5. Así mesmo, a comisión poderá dispor a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos presentados xunto coa solicitude. Tanto os membros da comisión como os membros da subcomisión técnica poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos de locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6. A comisión de valoración realizará un informe co resultado da valoración que conterá, polo menos, o seguinte:

a) Relación de solicitudes para as que se propón a concesión de subvencións, especificando para cada unha delas a puntuación acadada, o gasto subvencionable, a contía da subvención e, se é o caso, as condicións técnico-económicas particulares asociadas.

b) Relación de solicitudes para as que non se propón a concesión de subvencións, especificando para cada unha delas os motivos que concorren.

7. Sen prexuízo do recollido nos puntos anteriores, á vista da documentación dispoñible ou como resultado da valoración obtida en función dos criterios recolleitos no artigo 21, a comisión de valoración poderá considerar que un proxecto presentado non cumpre as exixencias contidas nestas bases por non adecuarse aos obxectivos da convocatoria ou non ser considerado viable técnica, económica ou financeiramente.

Artigo 21. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración son os seguintes:

Criterio de valoración

Puntos sobre 100

a)

Ponderación entre a cobertura e o importe da subvención solicitada

20

b)

Cobertura xeográfica do proxecto

30

c)

Poboación obxectivo á cal se dota de posibilidade de acceder aos servizos

20

d)

Sustentabilidade do enfoque tecnolóxico

10

e)

Definición do plan de comercialización e difusión dos novos servizos

10

f)

Planificación dos despregamentos, seguimento e control

10

a) Ponderación entre a cobertura e o importe da subvención solicitada: outorgarase maior puntuación a aqueles proxectos que ofrezcan un mellor ratio entre a subvención solicitada e a cobertura ofertada.

Outorgarase a puntuación cero a aqueles proxectos que soliciten a axuda máxima e a cobertura mínima.

O resto de proxectos puntuaranse linealmente segundo a seguinte fórmula:

missing image file

Onde:

S representa o importe da subvención solicitada en euros (€).

N representa o número de entidades cubertas proposto no proxecto.

Ratioproxecto representa o importe de subvención solicitada por entidade cuberta proposto no proxecto.

Ratiomínimo representa o menor importe de subvención solicitada por entidade cuberta proposto, de entre todos os proxectos presentados.

Ratiomáximo representa o resultado de dividir a dotación orzamentaria máxima por proxecto fixada na convocatoria, entre o número de entidades de cobertura obrigatoria establecidos na devandita convocatoria.

b) Cobertura xeográfica do proxecto: a puntuación máxima outorgarase aos proxectos que contribúan ao ámbito territorial máximo definido na convocatoria.

Outorgarase a puntuación cero a aqueles proxectos que contribúan ao ámbito territorial mínimo definido na convocatoria.

O resto de proxectos recibirán unha puntuación proporcional con base na seguinte fórmula lineal:

missing image file

Onde:

N representa o número de entidades cubertas proposto no proxecto.

Nmax representa o número máximo de entidades obxectivo fixadas na convocatoria.

Nmin representa o número de entidades de cobertura obrigatoria establecidos na convocatoria.

c) Poboación obxectivo a que se dota de posibilidade de acceder aos servizos: a puntuación máxima outorgarase aos proxectos que ofrezan atender á poboación máxima posible.

Outorgarase a puntuación cero a aqueles proxectos que ofrezan atender á poboación mínima obrigatoria.

O resto de proxectos puntuaranse con base na seguinte fórmula lineal:

missing image file

Onde:

C representa a cobertura de poboación proposta no proxecto, entendida como a suma de habitantes cubertos.

Cmax representa o total de poboación obxectivo, entendida como a suma de todos os habitantes obxectivo.

Cmin representa o mínimo de poboación de cobertura obrigatoria mínima fixado na convocatoria, entendida como o número de habitantes obxectivo no caso de entidades singulares de poboación.

d) Sustentabilidade do enfoque tecnolóxico: valorarase a solución tecnolóxica proposta, en especial en canto á súa capacidade de xestión do tráfico ao longo de toda a rede. A valoración das propostas a este respecto será comparativa.

e) Definición do plan de comercialización e difusión dos novos servizos: valorarase o número de iniciativas e alcance das propostas do plan de comercialización, así como a asignación económica. A valoración das propostas a este respecto será comparativa.

f) Planificación dos despregamentos, seguimento e control: a puntuación máxima outorgarase aos proxectos que ofrezan a mellor celeridade no despregamento cumprindo os requerimentos de detalle e calidade da información proposta para o seguimento e control do proxecto.

Outorgarase a puntuación cero a aqueles proxectos que ofrezan o valor mínimo obrigatorio fixado para o despregamento cumprindo os requerimentos de detalle e calidade da información proposta para o seguimento e control do proxecto.

En canto á celeridade no despregamento, a valoración dos restantes proxectos farase linealmente.

No caso do seguimiento e control, a valoración dos restantes proxectos será eminentemente comparativa atendendo ao nivel de detalle e calidade da información facilitada.

2. A avaliación realizarase exclusivamente sobre a información achegada nos formularios e a memoria do proxecto. Por tratarse de procedementos de concesión en concorrencia competitiva non se admitirán as melloras voluntarias da solicitude.

3. Para que unha solicitude poida ser beneficiaria deberá obter, a raíz do proceso de avaliación descrito, a o menos un 30 % da puntuación máxima posible.

4. Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación, terase en conta, para efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde no que figuran no punto 2, empezando polo primeiro ata que se produza o desempate.

Artigo 22. Resolución provisional e audiencia

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional, que deberá estar debidamente motivada e expresará, polo menos, os proxectos que se subvencionan, as entidades singulares de poboación para as que se concede a axuda, os lotes de cada proxecto e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación, e elevala ao órgano competente para resolver.

2. A proposta de resolución provisional poñerase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez (10) días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que xulguen pertinentes.

3. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

4. Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá estar debidamente motivada e expresará, polo menos, os elementos recollidos no artigo 23 ou, se é o caso, a causa de denegación, e elevarase ao órgano competente para resolver.

5. Notificada a proposta de resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

Artigo 23. Resolución

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será o fixado en cada convocatoria. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Na resolución de concesión da subvención farase constar, polo menos:

a) Lote ou lotes para os que se concede a subvención, coa indicación das entidades singulares de poboación, e compromisos asumidos polos beneficiarios.

b) Créditos orzamentarios a que se imputa o gasto, contía da subvención, fondo europeo, medida submedida e prioridade do PDR de que se trata, e porcentaxe de financiamento.

c) Prazos e modos de pagamento da subvención, posibilidade de efectuar pagamentos anticipados e pagos á conta, así como o réxime de garantías que, se é o caso, deberán achegar os beneficiarios.

d) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos.

e) Condicións técnicas e económicas que debe cumprir o proxecto obxecto da subvención concedida.

Artigo 24. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia realizará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Na notificación da concesión da axuda informarase aos beneficiarios de que as subvencións reguladas nas presentes bases ampáranse no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante Decisión de Execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, o cal prevé actuacións encamiñadas á extensión de redes de banda larga de nova xeración na submedida 7.3. de apoio ás infraestruturas de banda larga. Igualmente, informarase aos beneficiarios de que as subvencións están cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao 7,5 % polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e ao 17,50 % pola Xunta de Galicia.

Artigo 25. Réxime de recursos

As resolucións de concesión da subvención poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o órgano competente para resolver, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non é expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, produciuse o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis (6) meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 26. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, a variación do orzamento aceptado polo órgano concedente e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

2. Unha vez recaída a resolución de concesión e, en todo caso, antes de que finalice o prazo para a realización do proxecto, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido, debéndose achegar xunto coa solicitude de modificación un novo exemplar actualizado e asinado do documento normalizado correspondente, para acreditar a non vinculación cos provedores.

No caso de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta na valoración, procederase a revalorar o proxecto, podendo, neste caso, dar como resultado unha modificación, á baixa, da subvención concedida ou a perda do dereito a esta.

3. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a ela.

4. Os beneficiarios terán o deber de comunicar ao órgano concedente calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención.

5. As modificacións da resolución de concesión poderanse autorizar sempre que:

a) A modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da subvención e non supoña incremento do orzamento,

b) Non exista prexuízo a terceiros, e

c) Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supoñerían a denegación da subvención.

A conformidade expresa do órgano concedente ás mencionadas modificacións só será outorgada cando non se altere significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados.

Artigo 27. Aceptación e renuncia

1. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. No caso de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, os créditos liberados poderán asignarse por orde decreciente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Artigo 28. Xustificación e pagamento das subvencións

1. A xustificación da subvención realizarase polo beneficiario de acordo co establecido no capítulo IV, artigo 27 e sucesivos, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no título III, capítulo II, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei e co establecido na normativa aplicable do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) da Unión Europea.

2. A modalidade de xustificación adoptada para a acreditación da realización do proxecto, o cumprimento das condicións impostas e a consecución dos obxectivos previstos na resolución de concesión será a de conta xustificativa con entrega de informe de auditor, de acordo co previsto no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A documentación para presentar estará formada polos seguintes elementos:

a) Solicitude de pagamento, debidamente asinada polo representante legal do beneficiario.

b) Conta xustificativa segundo o establecido no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asinada polo representante legal do beneficiario, que conterá:

1º. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

2º. Unha memoria económica abreviada que, como mínimo, conterá o previsto no punto 5 do dito artigo 50 do Decreto 11/2009.

3º. O informe de auditor.

4º. Unha relación detallada de todos os gastos e pagamentos contabilizados con cargo ao proxecto, mesmo achegando tamén nun formato que permita edición e cálculo.

c) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto.

d) Certificados de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e coa Seguridade Social (soamente no caso de denegar expresamente o consentimento ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados).

e) Xustificación do cumprimento das obrigacións de publicidade e información, segundo o disposto no artigo 31 das presentes bases.

f) Xustificación das obrigacións relativas ao seguimento técnico do proxecto.

4. O informe de auditor virá realizado por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, de acordo co previsto no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A revisión da conta xustificativa polo auditor de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

Para o estudo e revisión da documentación xustificativa, os auditores poderán utilizar técnicas de mostraxe de acordo coas prácticas habituais xeralmente aceptadas na auditoría de contas.

Finalizada a revisión da conta xustificativa o auditor deberá emitir un informe asinado con indicación da data de emisión que terá o seguinte contido mínimo:

a) Identificación do beneficiario da subvención.

b) Identificación da subvención obxecto do informe, incluíndo o órgano concedente e data de resolución de concesión, obxecto da subvención, custo total do proxecto, cantidade da subvención e porcentaxe que representa sobre o custo total do proxecto, así como referencia ás fontes de financiamento.

c) Referencia ás normas autonómicas, estatais e comunitarias aplicables á subvención, así como ás normas técnicas aplicadas ao desenvolvemento do traballo realizado e emisión do informe.

d) Identificación da conta xustificativa obxecto de revisión, debendo acompañar como anexo ao informe a listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do proxecto asinado polo auditor.

e) Mención de que o beneficiario facilitou canta información solicitoulle o auditor para realizar a revisión. No caso de que o beneficiario non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia con indicación da información omitida.

f) Alcance do procedemento de revisión, en particular:

1º. Detallaranse os procedementos de revisión levados a cabo e o seu alcance, o sistema de mostraxe empregada, o número de elementos e importe da mostra analizados respecto do total e porcentaxe de deficiencias advertido respecto da mostra analizada e contía dos gastos afectados.

2º. Verificación de que a natureza, cantidade e características da totalidade dos gastos correspóndense aos fins para os que se concedeu a subvención, de acordo coas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión e cumpren coa normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación. En particular, o informe incluirá no seu ditame os requisitos básicos relativos á elixibilidade do gasto financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da submedida 7.3. de «apoio ás infraestruturas de banda larga, en particular a súa creación, mellora e ampliación, as infraestruturas de banda larga pasivas e a oferta de acceso á banda larga e a solucións de administración electrónica» do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, en concreto, a confirmación de que o gasto se aboou dentro do período subvencionable incluído.

3º. Comprobación de que os gastos e pagamentos son admisibles e foron realizados e pagamentos dentro do período subvencionable.

4º. Comprobación de que os xustificantes de gastos (facturas, nóminas, etc.) e pagamentos son orixinais e cumpren coa normativa correspondente en cada caso.

5º. Deberase acreditar o cumprimento do disposto no punto 4 do artigo 9 das presentes bases. En particular, no caso de existir no beneficiario un procedemento que regule o proceso de compras, deberanse revisar as follas de adxudicación das compras aos provedores, ou documentación análoga, e verificar que se cumpre cos requisitos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos de libre concorrencia, publicidade e non discriminación.

6º. Verificación de que nos rexistros contables do beneficiario hai constancia da contabilización dos gastos correspondentes á actividade subvencionada e do pagamento deles. En particular, verificar que a contabilidade dos gastos inherentes ao proxecto levaron a cabo dun modo independente do resto dos gastos do beneficiario, é dicir, que existe un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á operación.

7º. Comprobación de que o beneficiario non recibiu axudas para o mesmo proxecto, de calquera outra Administración pública ou ente privado.

g) Resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supoñer un incumprimento por parte do beneficiario da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, debendo proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano instrutor poida concluír respecto diso.

5. Toda a documentación necesaria para a xustificación da realización do proxecto, referida nos puntos anteriores, será presentada a través dos medios sinalados no artigo 16, no prazo máximo que se fixe na convocatoria.

6. O órgano instrutor poderá ditar instrucións ou guías para a elaboración de calquera aspecto relativo á documentación xustificativa da realización do proxecto.

7. Tal e como se establece no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen presentar esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez (10) días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 29. Pagamentos anticipados e garantías

1. Poderán realizarse pagamentos parciais, de conformidade co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita lei.

Os pagamentos parciais supoñerán a realización de pagamentos fraccionados que responderán as actuacións executadas dentro da anualidade de que se trate, logo de xustificación do investimento realizado por parte do beneficiario e poderán alcanzar o 90 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados sen exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Sen prexuízo do anterior, o importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior ao 90 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagos xustificados sen exceder da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

2. De conformidade co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o Consello da Xunta poderá exonerar da constitución de garantía por parte do beneficiario.

3. De conformidade co disposto nos artigos 45 e 63 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, os beneficiarios destas axudas poderán solicitar anticipos que, no seu conxunto, non excedan un 50 % da axuda pública correspondente ao investimento.

Os beneficiarios poderán solicitar pagamentos anticipados nas anualidades de 2018 e 2019. En todo caso, o importe de anticipo solicitado non poderá superar o importe de axuda concedido para a anualidade vixente no momento da solicitude do devandito anticipo.

A solicitude do pagamento anticipado deberá realizarse durante o primeiro trimestre de cada anualidade.

O pagamento de anticipos estará supeditado á constitución dunha garantía equivalente que corresponda ao 110 % do importe anticipado, conforme o disposto no artigo 67 Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A garantía liberarase conforme o disposto no artigo 71 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Actuacións de comprobación

1. O órgano encargado do seguimento das subvencións realizará as seguintes modalidades de actuacións de comprobación en aplicación do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello:

a) Controis administrativos.

b) Controis sobre o terreo.

c) Controis a posteriori.

2. Os pagamentos calcularanse sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante os controis administrativos recollidos no artigo 48 do Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

A autoridade competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes admisibles. Ademais, fixará:

a) Importe A: o importe que se vai pagar o beneficiario en función da solicitude de pagamento e a resolución de concesión.

b) Importe B: o importe que se vai pagar o beneficiario tras o exame da admisibilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.

Se o importe A supera en máis dun dez por cento (10 %) o importe B, aplicarase unha redución ao importe B igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis aló da retirada total da subvención.

Con todo, non se aplicarán reducións cando o beneficiario poida demostrar a satisfacción do órgano competente que non é responsable da inclusión do importe non admisible ou cando o órgano competente adquira doutro xeito a convicción de que o beneficiario non é responsable diso.

3. Se se deducise que o gasto acreditado foi inferior ao subvencionable ou que se incumpriron, total ou parcialmente, as condicións de outorgamento da subvención, o órgano competente iniciará o procedemento de perda de dereito ao cobramento ou, se é o caso, de reintegro.

4. Cando se poña de manifesto a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas na lei, iniciarase o procedemento de perda de dereito ao cobramento ou, se é o caso, de reintegro de acordo co establecido no título V, capítulo II, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 35 destas bases. Este procedemento incluirá o trámite de audiencia ao interesado.

5. O beneficiario da subvención estará obrigado a facilitar as comprobacións do órgano encargado do seguimento das subvencións encamiñadas a comprobar a realización das actividades obxecto da subvención. Así mesmo, en relación co proxecto obxecto de subvención, o beneficiario deberá someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, Tribunal de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

6. O beneficiario asegurarase de que os orixinais dos documentos xustificativos presentados, estean á disposición dos organismos encargados do control, referidos no punto anterior, durante un período de polo menos cinco (5) anos a partir da presentación da xustificación, salvo que na resolución de concesión se especifique un prazo maior.

Artigo 31. Información e publicidade a realizar polo beneficiario

1. Nas publicacións, equipos, material inventariable, actividades de difusión, páxinas web e outros resultados aos que poida dar lugar o proxecto farase constar, á marxe doutras fontes de financiamento público e cando sexa de aplicación, que concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o establecido no artigo 13 e no anexo III do Regulamento (UE) 808/2014, o beneficiario da subvención deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade da subvención do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a cincocentos mil euros (500.000 €), o beneficiario deberá colocar un cartel ou placa, no que indicará o nome e o principal obxectivo da operación e destacará a axuda financeira achegada pola Unión, así como o emblema da Unión e unha referencia á axuda do Feader «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais».

3. En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

a) O emblema da Unión.

b) Unha referencia á axuda do Feader.

4. Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:

a) Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando se poida establecer un vínculo entre o obxecto do sitio web, e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

b) No caso de operacións non comprendidas no punto 2 (investimentos subvencionados cun custo total superior a cincocentos mil euros), atenderase as seguintes obrigacións:

1º. As operacións que reciban unha axuda pública total superior a 10.000 euros, en función da operación financiada colocarán polo menos un panel coa información acerca da operación (de tamaño mínimo A3), onde se destaque a axuda financeira recibida pola Unión, nun lugar visible para o público.

2º. Cando a operación dea lugar a un investimento, que reciba unha axuda pública total superior a 50.000 euros, o beneficiario colocará unha placa explicativa coa información sobre o proxecto, na que se destacará a axuda financeira da Unión.

5. Os carteis, paneis ou placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará, como mínimo, o 25 % do cartel, da placa ou da páxina web.

Artigo 32. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 33. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «FL-002 Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mediante envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Cinc, Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña ou a través dun correo electrónico a lopd.amtega@xunta.gal.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos». Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda a través de correo electrónico dirixido a fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros excepto de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Artigo 34. Seguimento e control técnico do proxecto

1. Sen prexuízo das actuacións de comprobación do cumprimento da finalidade das subvencións, os beneficiarios someteranse ao seguimento e control técnico do órgano encargado do seguimento, durante o período de despregamento e explotación, que poderá solicitar documentación complementaria para dispoñer dun pleno coñecemento das circunstancias en que se desenvolve o proxecto nas seguintes dimensións: despregamento de rede, operativa de rede, seguimento económico e comercialización dos servizos.

2. Os beneficiarios comprométense a nomear un director de proxecto, que fará as veces de interlocutor co órgano encargado do seguimento para calquera aspecto relacionado coa execución do proxecto. Calquera alteración no devandito cargo representativo deberá ser notificada ao órgano encargado do seguimento.

3. O Plan de seguimento e control presentado na solicitude de subvención constituirá a base para o seguimento e control técnico do proxecto, sen prexuízo das modificacións que o órgano encargado do seguimento poida considerar oportuno introducir.

4. Realizarase unha reunión de lanzamento na que se definirá a documentación necesaria para o inicio das tarefas e a documentación de seguimento. Cada reunión presencial irá precedida da entrega da correspondente documentación de seguimento con polo menos dous (2) semanas de antelación.

5. Durante a fase de despregamento celebraranse reunións de seguimento, con periodicidade a determinar na Reunión de Lanzamento, entre o órgano encargado do seguimento e o director de proxecto, o cal irá acompañado do persoal necesario para tratar todos os aspectos mencionados na orde do día.

6. Unha vez terminadas as tarefas de despregamento celebraranse reunións, con periodicidade a determinar unha vez finalizado o despregamento, entre o órgano encargado do seguimento e o director de proxecto, o cal irá acompañado do persoal necesario para tratar todos os aspectos mencionados na orde do día.

7. Así mesmo, para dar cumprimento ás obrigacións de información referidas no punto 78.k do punto 3.4 das directrices da Unión Europea para a aplicación das normas sobre axudas estatais ao despregamento rápido de redes de banda larga (2013/C 25/01), os beneficiarios deberán facilitar a seguinte información: a data de entrada en servizo, os produtos de acceso por xunto ofertados, o número de usuarios finais, o número de prestadores de servizos que utilizan as infraestruturas obxecto de subvención e o número de fogares e empresas aos que dá cobertura, así como os índices de utilización.

Os beneficiarios estarán obrigados a facilitar calquera información adicional que sexa requirida pola Comisión Europea.

CAPÍTULO VI
Reintegro e infraccións

Artigo 35. Reintegros e infraccións

1. O incumprimento dos requisitos establecidos nas presentes bases e demais normas aplicables, así como das condicións que, se é o caso, se estableceron na correspondente resolución de concesión, dará lugar, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obrigación de devolver as subvencións percibidas e os xuros de demora correspondentes, conforme o disposto no título II, capítulo I da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título V do seu regulamento.

Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento do deber de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento do deber de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento dos deberes contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigacións impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que se alcanzan os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento dos deberes dos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Será de aplicación o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se concorresen os supostos de infraccións administrativas en materia de subvencións e axudas públicas.

3. As infraccións poderán ser cualificadas como leves, graves ou moi graves de acordo cos artigos 54, 55 e 56 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A potestade sancionadora por incumprimento establécese no artigo 66 desta.

4. Sen prexuízo do deber de satisfacer a penalización nos termos previstos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigacións cuxo incumprimento ou atraso se penalice salvo que por razóns motivadas así se exonere diso explicitamente. As ditas penalizacións detraeranse do importe pendente de pagamento ao adxudicatario. No caso de que non existan cantidades pendentes de pagamento, as penalizacións faranse efectivas mediante o reintegro da subvención segundo o disposto no presente artigo.

Disposición adicional única. Normativa aplicable

1. No non previsto nas presentes bases, serán de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, así como a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. Tamén será de aplicación o disposto na Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, será de aplicación a Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións e a súa normativa de desenvolvemento, así como o establecido no Real decreto 1494/2007, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa Sociedade da Información e medios de comunicación social, o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, así como as demais normas que resulten de aplicación.

3. Por tratarse de proxectos cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), será tamén de aplicación, a normativa comunitaria reguladora deste fondo, así como a común aos fondos estruturais e de investimento europeos e toda a súa normativa de desenvolvemento: Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e de Consello do 17 de decembro de 2013; Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e de Consello do 17 de decembro de 2013; Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013; Regulamento Delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión do 11 de marzo de 2014; Regulamento de Execución (UE) nº 808/2014 da Comisión do 17 de xullo de 2014; Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, e a modificación realizada ao mesmo, polo Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión do 10 de xullo de 2017.

4. Será tamén de aplicación a normativa comunitaria en materia de sancións: Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade.

ANEXO III
Lista de entidades singulares de poboación obxectivo

As 26.466 entidades singulares de poboación obxectivo de menos de 300 habitantes recóllense nunha lista con indicación do lote, código INE de 9 díxitos da entidade singular de poboación (ESP), nome, provincia, concello e habitantes (datos INE do 2014).

O documento coa lista íntegra de entidades singulares de poboación obxectivo está dispoñible co nome «Anexo III-Lista de entidades obxectivo.pdf» na páxina web da Amtega con enderezo:

https://amtega.xunta.gal/axudas-e-subvencion

O resumo (pegada dixital) do devandito documento, obtido co algoritmo de hash SHA1 é:

854322B6C877B1705B1AF5B7874B733D3ABA9DEE

De conformidade coas directrices da Unión Europea para a aplicación das normas sobre axudas estatais ao despregamento rápido de redes de banda larga, que figuran na Comunicación da Comisión Europea 2013/C 25/01, esta lista de entidades singulares de poboación obxectivo queda supeditada ao proceso de actualización da listaxe de zonas brancas NGA identificadas pola SESIAD. Así mesmo, non poderán ser obxecto de axuda as zonas incluídas en proxectos para os que se solicite axuda con cargo ao Programa de extensión de banda larga de nova xeración (PEBA-NGA) da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital para o ano 2017.

No caso de que antes de ditarse resolución de concesión da subvención se publique unha nova listaxe definitiva de zonas brancas, este resultará de aplicación para eliminar da presente lista de entidades singulares de poboación obxectivo aquelas que non sexan susceptibles de recibir estas axudas. Para estes efectos non se terán en consideración as listaxes que se atopen en fase de consulta pública.

missing image file
missing image file