Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2018 Páx. 2587

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2017 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador, e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

O Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, establece no seu articulado a necesidade da aprobación dun protocolo de avaliación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), como órgano encargado de realizar a valoración previa da actividade docente e investigadora, necesaria para a asignación das retribucións adicionais reguladas polo mencionado decreto.

Por Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, publícase o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Innovación e Industria, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, polo que se modifica o convenio do 30 de xaneiro de 2001 para a creación do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2009). A disposición transitoria terceira do citado convenio establece que, mentres a CGIACA non adopte os procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación, acreditación e verificación a que fai referencia o artigo 23 dos estatutos, se seguirán aplicando os establecidos polas normas en vigor, no que non contradigan o establecido pola Lei orgánica 6/2001, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a anterior.

De acordo co anterior, a avaliación das actividades docentes e/ou investigadoras, previa á asignación das retribucións adicionais vinculadas ao recoñecemento ao labor docente e/ou investigadora, levarase a cabo de acordo coas disposicións básicas contidas na Orde do 16 de abril de 2004 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006 (DOG do 8 de maio).

De conformidade co establecido na citada orde, en cada convocatoria establecerase a data concreta en que os solicitantes deberán ter cumprido o requisito establecido no artigo 6, números 1.3 e 2.3 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo.

Por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro) publícanse os acordos do Consello de Dirección da ACSUG, polos que se delega, na súa presidencia, a realización das convocatorias anuais de valoración previa á asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de instancias, para solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador establecidos, respectivamente, no artigo 2.1 e 2.2, do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario (procedemento ED701B).

Segunda. Destinatarios

1. De conformidade co disposto no artigo 1 do citado Decreto 55/2004, poderá solicitar esta valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior, o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia (SUG).

2. Tendo en conta o carácter individual e consolidable destes complementos, non se admitirán a trámite as solicitudes dos solicitantes que xa foran valoradas favorablemente en convocatorias anteriores.

Terceira. Requisitos

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, os artigos 6.1 e 6.2 da mesma disposición, así como co disposto polos artigos 2 e 3 da Orde do 16 de abril de 2004, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006, para obter a valoración positiva, será necesario:

a) Para o complemento de recoñecemento ao labor docente:

1. Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Que a súa praza sexa fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.

3. Acreditar, polo menos, un ano de servizo na súa praza, cumprido o 31 de decembro de 2016 ou ben, entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2017.

4. Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.

5. Valoración positiva dos méritos nos que se sustente a solicitude pola Axencia para a Calidade do Sistema universitario de Galicia (ACSUG), de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola CGIACA na Orde do 16 de abril de 2004.

b) Para o complemento de recoñecemento ao labor investigador:

1. Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Que a súa praza sexa fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.

3. Acreditar, polo menos, un ano de servizo na súa praza, cumprido o 31 de decembro de 2016, ou ben, entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2017.

4. Ter presentado na universidade un traballo de investigación, que sendo xulgado por un tribunal avaliador, se lle teña outorgado o grao de doutor.

5. Valoración positiva dos méritos nos que se sustente a solicitude pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola CGIACA na Orde do 16 de abril de 2004.

Cuarta. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Os solicitantes deberán cubrir telematicamente a solicitude (anexo I), común para ambos os complementos, e as memorias de autoavaliación (anexo II-A e II-B), nos modelos dispoñibles na aplicación informática da ACSUG á que se deberá acceder a través da páxina web: http://www.acsug.es/convocatorias-abertas. Deberá indicarse cunha aspa para cal ou cales das retribucións adicionais se solicita a valoración.

No caso de que se solicite a valoración previa das dúas retribucións farase na mesma instancia.

2. Unha vez cuberta a solicitude (anexo I) do xeito indicado no punto anterior, xerarase o correspondente documento PDF e presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presentase a súa solicitude en formato papel, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de presentación dos formularios na sede electrónica, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal.

Quinta. Documentos necesarios para a tramitación do procedemento

1. Xunto coa solicitude, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación, sempre que non se autorice a súa consulta:

– Breve memoria de autoavaliación do labor docente que se presentará de acordo co modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II-A, que se poderá descargar a través da plataforma informática da ACSUG (só cando se solicite o complemento de recoñecemento ao labor docente).

– Breve memoria de autoavaliación do labor investigador que se presentará de acordo co modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II-B, que se poderá descargar a través da plataforma informática da ACSUG (só cando se solicite o complemento de recoñecemento ao labor investigador).

– Outros documentos que a persoa solicitante considere relevantes.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas.

a) DNI/NIE, ou documento equivalente, da persoa solicitante.

b) Título oficial de doutoramento (só cando se solicite o complemento de recoñecemento ao labor investigador).

c) Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia, coa praza fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei, e ter acreditado, polo menos, un ano de servizo na súa praza, cumprido o 31 de decembro de 2016 ou ben, entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2017.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Tramitación electrónica do procedemento

Os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Oitava. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada a notificación cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, procederase a practicar a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Prazo

O prazo para presentar instancias será de vinte (20) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décima. Emenda e mellora da solicitude

Cando as solicitudes presentadas en prazo polos interesados non reúnan os requisitos exixidos pola normativa que lle resulte de aplicación, non se cumprimentase a solicitude, ou non se xuntasen os documentos do xeito exixido nestas bases, a ACSUG requirirá o interesado para que, no prazo de dez (10) días hábiles a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, se emende a carencia, consonte co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015. No caso de non atender ao devandito requirimento, entenderase que desisten da súa petición.

Décimo primeira. Procedemento

O procedemento para a tramitación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de abril de 2004, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006.

Décimo segunda. Acordos de avaliación

1. De conformidade co establecido no artigo 22 dos estatutos da ACSUG, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións ás que se fai referencia na base primeira.

2. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, previos á asignación singular e individual dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades serán notificados a cada solicitante persoal e directamente nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, cando resulten positivos, serán notificados directamente pola ACSUG ás correspondentes universidades, para que se proceda, se é o caso, por parte dos seus consellos sociais, á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Décimo terceira. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser obxecto de recurso de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Este recurso, unha vez cuberto deberá asinarse e presentarse telematicamente consonte o establecido na base sétima.

Décimo cuarta. Efectos económicos

1. Cando, de conformidade co disposto na base décima, se proceda á asignación dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades, o pagamento das correspondentes retribucións farase cos seguintes efectos:

– Cando o cumprimento dos requisitos sinalados na base terceira teña lugar ata o día 31 de decembro de 2016, o pagamento farase con efectos do 1 de xaneiro de 2017.

– Cando o cumprimento dos requisitos sinalados na base terceira teña lugar entre os días 1 de xaneiro e 30 de xuño de 2017, o pagamento farase con efectos do 1 de xullo de 2017.

2. O pagamento das correspondentes retribucións farase nas cantidades establecidas nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo quinta. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento, e publicación nos casos en que así o prevé a norma reguladora, autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «complementos retributivos» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a ACSUG, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Lamas de Abade, s/n, CIFP Compostela 5º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a acsug@acsug.es.

Décimo sexta. Entrada en vigor

A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2017

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file