Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2018 Páx. 2785

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as condicións para a adhesión dos concellos ao Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe promovida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama).

A disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, prevé que a consellería competente en materia de residuos, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A (Sogama), e dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co disposto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, establecerá un programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe, e fixará as condicións de adhesión dos concellos, así como a aprobación do modelo de adhesión para a súa formalización.

De acordo coa devandita disposición, a adhesión ao programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha dunha planta de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos, coa finalidade de incrementar as porcentaxes de recuperación de materiais, será voluntaria para as entidades locais. A dita planta de compostaxe dará servizo a aqueles concellos, máis próximos, que decidan adherirse, ata esgotar a súa capacidade de tratamento.

A adhesión dos concellos interesados para a entrega e o tratamento na nova planta da fracción orgánica dos residuos urbanos (Forsu) recollida de forma separada efectuarase mediante negocio xurídico de adhesión, que será formalizado entre a entidade local e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como xestora institucional, de acordo coas condicións de adhesión establecidas e o modelo aprobado pola consellería competente en materia de residuos.

A finalidade que se persegue co establecemento das condicións para a adhesión é a de asegurar o funcionamento do programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe, configurándose como un modo de xestión dos residuos municipais en cooperación coas entidades locais voluntariamente adheridas a este, procurando o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos coa máxima eficiencia no uso de recursos públicos, na senda marcada pola disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, na cal se regula a garantía da sustentabilidade financeira do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional de residuos domésticos.

As previsións anteriores complétanse coa fixación, entre as condicións para a adhesión, dun tempo mínimo de adhesión e, así mesmo, en prol de garantir a sustentabilidade financeira do sistema, a previsión de que o non pagamento das cantidades que corresponda aboar en concepto de canon unitario de tratamento por tonelada posibilitará a retención do debido con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local.

O Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, configura este departamento como órgano da Administración da Comunidade Autónoma competente en materia, entre outras, de ambiente; atribúenselle competencias e funcións sobre o fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas, a través do órgano competente en materia de residuos.

Á vista do anterior, e de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014,

RESOLVO:

Primeiro. Establecer as condicións de adhesión das entidades locais ao programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe, xestionado de acordo coa Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e a disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que se inclúen no anexo I desta resolución.

Segundo. Aprobar o modelo de negocio xurídico de adhesión para a formalización da adhesión voluntaria ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe promovida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A que se inclúe como anexo II desta resolución.

Terceiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANEXO I

Condicións de adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe promovida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

A formalización da adhesión efectuarase mediante negocio xurídico de adhesión, segundo o modelo previsto no anexo II, entre a entidade local e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como sociedade pública xestora do sistema, seguindo o modelo aprobado pola consellería competente en materia de residuos (e publicado como anexo II).

As condicións de adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe promovido pola Administración autonómica a través de la Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., son as seguintes:

1. Voluntariedade da adhesión: a adhesión ao programa promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia será voluntaria no marco do disposto na lexislación de residuos e no Plan de xestión dos residuos urbanos.

Dado que a capacidade da instalación está limitada a 15.000 toneladas/ano, para que o sistema sexa rendible a participación no programa estará limitada a aqueles concellos próximos a instalación, a unha distancia non superior a 45 km da planta de compostaxe, ata completar a súa capacidade de tratamento, polo que se atenderán os concellos próximos interesados por orde de solicitude de participación ata completar a dita capacidade de tratamento.

2. Xestión do sistema: a realización das operacións de tratamento dos residuos domésticos no marco do sistema de xestión institucional será efectuada pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. a partir da entrega na instalación de compostaxe da fracción orgánica dos residuos urbanos (Forsu) recollida polo Concello adherido de xeito selectivo, tras a implantación do contedor específico e da recollida monomaterial de materia orgánica.

3. Prazo mínimo de adhesión: en garantía da sustentabilidade financeira do sistema, e de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, para permitir realizar as previsións oportunas en canto ao volume de residuos Forsu que se van tratar na instalación específica de compostaxe, establécese un prazo mínimo de adhesión de cinco anos, que poderá ser prorrogado de común acordo polas partes.

4. Establecemento dun canon unitario de tratamento por tonelada de Forsu entregada na nova instalación de compostaxe: as entidades locais adheridas ao programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe deberán aboar o canon unitario de tratamento por tonelada de Forsu entregada de 45 euros/tonelada máis IVE para o ano 2018, cuxa actualización e revisión se efectuará de conformidade co establecido pola disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

5. Aboamento do canon unitario de tratamento por tonelada de Forsu: a xestión, liquidación e cobramento do canon unitario de tratamento por tonelada de Forsu corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que deberá expedir mensualmente as facturas correspondentes ao tratamento de Forsu ás entidades locais e cuxo aboamento deberá producirse nos termos previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

De conformidade co artigo 4 da citada Lei 3/2004, do 29 de decembro, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. deberá facer chegar a factura mensual ás entidades locais adheridas antes de que se cumpran quince días naturais desde que finalice a prestación mensual obxecto de facturación.

En garantía de transparencia do sistema as entidades locais poderán verificar as operacións de tratamento realizadas nun prazo non superior a trinta días naturais contados desde que finalice a prestación correspondente ao mes facturado. Para estes efectos, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., xuntará á factura mensual un anexo I en que se relacionan os quilos totais por día de Forsu depositados polo cliente nas instalacións de Sogama. Poderase tamén xuntar un anexo II en que se indiquen os quilos recollidos detallando a empresa de recollida e a matrícula por cada entrada nas instalacións de Sogama, así como, de ser o caso, a/as caracterización/s daquelas partidas que superan o 15 % máximo de impropios. O prazo máximo de pagamento da factura mensual é de trinta (30) días naturais contados desde a data en que ten lugar a verificación dos labores de tratamento dos residuos.

6. Efectos do non pagamento do canon unitario: en garantía da sustentabilidade financeira do sistema e de acordo co establecido na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, no caso de non pagamento das cantidades que corresponda aboar ás entidades locais en concepto de canon unitario por tratamento da Forsu, estas terán a consideración de líquidas, vencidas e exixibles para os efectos do seu aboamento con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local, por instancia da sociedade pública xestora do sistema, mediante acordo de retención ditado polo órgano encargado da xestión do citado fondo segundo a súa normativa reguladora.

Para estes efectos teranse en conta as seguintes regras:

– Transcorrido o prazo máximo de pagamento da factura establecido nestas condicións de adhesión, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. procederá a dirixir apercibimento á entidade local de que solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local se non se verifica o pagamento no prazo máximo de trinta (30) días.

– Transcorrido o prazo indicado no apercibimento sen que se efectuase o pagamento, a sociedade pública solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local, que se poderá realizar con independencia da existencia de controversia ou cuestión pendente entre a entidade local e a sociedade pública sobre a cantidade debida, todo isto sen prexuízo, de ser o caso, dos efectos derivados da posterior resolución das indicadas controversias ou cuestións. Á dita solicitude xuntaráselle copia do apercibimento realizado ao concello instando o pagamento da débeda, así como da acreditación da recepción por parte do concello do dito apercibimento.

As cantidades retidas serán obxecto de entrega á sociedade pública.

7. Tipoloxía dos residuos: os residuos domésticos cuxo tratamento se realizará mediante a adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe será a fracción orgánica dos residuos urbanos (Forsu), que deberá ser recollida de xeito selectivo polos concellos adheridos e entregados na nova planta de compostaxe para o seu tratamento nela.

O residuo Forsu entregado non poderá conter máis dun 15 % de impropios (plásticos, papel, vidro, téxtiles, etc.), ao considerarse o límite técnico para poder ser procesado debidamente na instalación de compostaxe sen comprometer o seu funcionamento e/ou a calidade do compost producido nela.

Para o fin de controlar o cumprimento de calidade da Forsu entregada, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá realizar caracterizacións dos residuos Forsu entregados polos concellos adheridos cando se detecte que as características da Forsu non son axeitadas. No caso de detectarse desvíos superiores ao 15 %, a partida ou partidas de Forsu que incumpran derivaranse ao tratamento común; esta circunstancia comunicarase ao concello de procedencia da Forsu e facturaranse as ditas partidas ao canon único de xestión de residuos urbanos (en diante RU).

A propiedade dos residuos entregados pola entidade local pasará a ser da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

8. Obrigas da entidade local: a adhesión da entidade local ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe, mediante a sinatura do correspondente negocio xurídico de adhesión, implica a plena aceptación das condicións de adhesión establecidas pola Administración autonómica para o devandito programa.

Así mesmo, a entidade local que se adhira ao sistema deberá cumprir as seguintes obrigas:

– Adecuar, en caso necesario, as ordenanzas sobre residuos municipais e outras disposicións para posibilitar o cumprimento dos compromisos asumidos mediante a súa adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe. Especialmente, acometerá a implantación da recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos (Forsu), implantando os contedores específicos na cantidade necesaria para dar servizo á poboación e establecer as rutas e frecuencias de recollida da Forsu que consideren máis adecuadas.

– Promover as campañas de sensibilización dirixidas aos veciños do concello para que realicen correctamente a separación dos seus residuos.

– Entregar os residuos Forsu procedentes da recollida selectiva na planta de compostaxe de Forsu, habilitada pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. nas súas instalación de Areosa, en Cerceda (A Coruña), no horario que estea establecido, así como nas condicións fixadas, de ser o caso, pola normativa en materia de residuos.

– Garantir que os camións que transporten os residuos (i) cumpren a normativa aplicable de seguridade e hixiene, particularmente no referente a escorrementos de lixiviados e malos olores; (ii) sométense á obriga da súa pesada en báscula, dado que a facturación se levará a cabo con base nesas pesadas; (iii) os seus condutores observarán a normativa establecida para o funcionamento das instalacións. A Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá impedir o acceso ás súas instalacións en caso de que se incumpran as ditas condicións.

– Aboar á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., nos termos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de Forsu por tonelada de residuos ou, de ser o caso, polo incumprimento das condicións mínimas de calidade da Forsu, canon único de xestión de residuos urbanos para aquelas partidas rexeitadas.

O número de toneladas determinarase en función das pesadas en báscula debidamente homologada dos vehículos que transporten os residuos.

9. Obrigas da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

Na súa condición de xestora do programa de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. asume as seguintes obrigas:

– Recepcionar e xestionar na nova instalación de compostaxe, unha vez posta en marcha, a fracción Forsu recollida polo concello tras a implantación da recollida selectiva desta fracción e que teñan como máximo dun 15 % de impropios.

– Comunicar calquera incidencia que se detecte na composición do residuo Forsu entregado, co fin de que o concello incida nas campañas de sensibilización para corrixir os desvíos.

– Realizar caracterizacións dos residuos Forsu entregados polos concellos adheridos cando se detecte que as características da Forsu non son axeitadas.

– A xestión, a liquidación e o cobramento do canon unitario de tratamento de Forsu por tonelada corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que deberá expedir mensualmente as facturas correspondentes ás entidades locais de acordo co número 5 destas condicións de adhesión.

ANEXO II

Modelo de convenio de adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe promovida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama)

Adhesión do Concello de ............. ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama).

– Lugar e data de subscrición.

REUNIDOS

– Comparecente por Sogama e a súa representación debidamente lexitimada.

– Comparecente pola entidade local e a súa representación debidamente lexitimada.

Ambas as partes, na representación que teñen, recoñécense mutuamente a capacidade xurídico-legal para obrigarse coa formalización por medio deste negocio xurídico de adhesión.

EXPOÑEN:

Primeiro. A Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A, empresa pública adscrita á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, ao abeiro do establecido no artigo 10.1.a) da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, ten asignada a función de xestión dos residuos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento previstas no Plan de xestión de residuos urbanos 2010-2020 (no sucesivo PXRUG), aprobado por acordo do Consello da Xunta do 13 de xaneiro de 2011.

Segundo. Dentro do obxecto social de Sogama, inclúense todas as actividades relacionadas co deseño, construción, explotación e mantemento de instalacións de transferencia, tratamento, eliminación e, en xeral, xestión de todo tipo de residuos, engadida a recollida e transporte e a reciclaxe.

Terceiro. Dentro dese ámbito de actividade, e como promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe promovida por la Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, estanse ampliando as instalacións de xestión de residuos no lugar de Areosa no concello de Cerceda (A Coruña), coa finalidade de contribuír ao cumprimento dos obxectivos en materia de reciclaxe establecidos no Plan estatal marco de xestión de residuos 2016-2020 (Pemar) e á planificación autonómica en materia de residuos conforme o PXRUG. A dita ampliación inclúe de xeito específico a construción por parte de Sogama dunha instalación de compostaxe a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos (no sucesivo Forsu), cunha capacidade de tratamento de 15.000 toneladas anuais.

Cuarto. As entidades locais, de conformidade coa Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, teñen reservada a competencia do servizo esencial de recollida, tratamento e aproveitamento dos residuos e deben garantir aos cidadáns a efectiva prestación do servizo esencial, entendendo que a posibilidade de xestión que ofrece a Comunidade Autónoma de Galicia a través de sociedade pública Sogama garante a prestación máis axeitada deste servizo.

Quinto. Deste xeito, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente S.A. posibilita aos concellos que estean situados nun raio máximo de 45 km de distancia das instalacións de Cerceda, que poidan xestionar os residuos Forsu que recollan, tras implantar un novo sistema de recollida selectiva de Forsu, aumentando deste xeito a ratio de material reciclado. Cómpre ter en conta que a Forsu, polas súas características e composición, non é posible entregalo en plantas de transferencia, pois non admite compactación e só pode ser transportado directamente nos camións de recollida específicos deste material ou ben en camións de bañeira aberta, sen compactar, ata as instalacións de tratamento. Estímase, por tanto, que a distancia máxima desde o punto de produción ata o destino en planta de tratamento non debe superar os 45 km para que os custos de transporte para os concellos participantes no programa non sexan elevados.

Sexto. Dado que o funcionamento da instalación de tratamento da Forsu, require a necesidade dunha separación previa nos fogares da materia orgánica, é preciso que os concellos que se adhiran ao Programa realicen previamente a implantación do quinto contedor para a recollida da fracción orgánica, organicen a recollida selectiva da Forsu e desenvolvan as campañas necesarias de sensibilización da poboación.

Sétimo. A viabilidade económica do Programa fundaméntase na existencia dun canon específico por tonelada de Forsu entregada que cumpra os requisitos mínimos fixados pola consellería competente en materia de residuos nas condicións de adhesión, segundo o establecido na disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Oitavo. Este negocio xurídico de adhesión adécuase ás condicións para a adhesión das entidades locais, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Por todo o exposto, as partes consideraron a conveniencia de formalizar o presente negocio xurídico de adhesión conforme as seguintes:

CLÁUSULAS

Primeira. Obxecto

Este negocio xurídico de adhesión ten por obxecto formalizar a adhesión da entidade local ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe promovida por la Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través de la Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. A adhesión réxese polas condicións establecidas na Resolución do 19 de decembro de 2017 da consellería competente en materia de residuos, ao abeiro da disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Segunda. Tipoloxía de residuos

Os residuos domésticos cuxo tratamento se realice mediante a adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe (en diante o Programa), será a Forsu, que deberá ser recollida de xeito selectivo polos concellos adheridos e entregados na nova planta de compostaxe para o seu tratamento nela.

O residuo Forsu entregado non poderá conter máis dun 15 % de impropios (plásticos, papel, vidro, téxtiles, etc.), pois considérase o límite técnico para poder ser procesado debidamente na instalación de compostaxe sen comprometer o funcionamento da instalación e/ou a calidade do compost producido nela.

A fin de controlar o cumprimento de calidade da Forsu entregada, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá realizar caracterizacións dos residuos Forsu entregados polos concellos adheridos cando se detecte que as características da Forsu non son axeitadas.

A propiedade dos residuos entregados pola entidade local pasará a ser de Sogama.

Terceira. Obrigas da entidade local

A adhesión da entidade local ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe implica a plena aceptación das condicións de adhesión establecidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na Resolución do 19 de decembro de 2017.

Así mesmo, a entidade local que se adhira ao sistema deberá cumprir as seguintes obrigas:

A. Adecuar, en caso necesario, as ordenanzas sobre residuos municipais e outras disposicións para posibilitar o cumprimento dos compromisos asumidos mediante a súa adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe.

B. Especialmente, acometerá a implantación da recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos (Forsu), implantando os contedores específicos na cantidade necesaria para dar servizo a poboación e establecer as rutas e frecuencias de recollida da Forsu que consideren máis adecuadas.

C. Promover as campañas de sensibilización dirixidas aos veciños do concello para que realicen correctamente a separación dos seus residuos.

D. Entregar os residuos Forsu procedentes da recollida selectiva na planta de compostaxe de Forsu, habilitada pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. nas súas instalación de Areosa, en Cerceda (A Coruña), no horario que estea establecido, así como nas condicións fixadas, de ser o caso, pola normativa en materia de residuos.

Os residuos recollidos selectivamente non poderán superar en ningún caso un 15 % de impropios.

E. A entidade local deberá garantir que os camións que transporten os residuos (i) cumpren a normativa de aplicación en materia de seguridade e hixiene, particularmente no referente a escorrementos de lixiviados e malos olores; (ii) sométense á obriga da súa pesada en báscula dado que a facturación se levará a cabo con base nesas pesadas; (iii) os seus condutores observan a normativa establecida para o funcionamento das instalacións. A Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá impedir o acceso ás súas instalacións en caso de que se incumpran as ditas condicións.

F. Aboar á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., nos termos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de Forsu por tonelada de residuos ou, de ser o caso polo incumprimento das condicións mínimas de calidade da Forsu, o canon único de xestión de RU para aquelas partidas rexeitadas, tendo en conta que:

• O número de toneladas determinarase en función das pesadas en báscula debidamente homologadas dos vehículos que transporten os residuos.

• O importe do canon unitario de tratamento por tonelada de Forsu entregada fíxase na cantidade de xx euros/tonelada máis IVE para o ano xxxx e actualizarase anualmente, no mes de xaneiro, consonte a evolución do índice de prezos de consumo galego, e a dita actualización publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

• En garantía da sustentabilidade financeira do sistema e de acordo co establecido na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, no caso de non pagamento das cantidades que corresponda aboar ás entidades locais en concepto de canon unitario por tratamento da Forsu, estas terán a consideración de líquidas, vencidas e exixibles para os efectos do seu aboamento con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local, por instancia da sociedade pública xestora do sistema, mediante acordo de retención ditado polo órgano encargado da xestión do citado fondo segundo a súa normativa reguladora.

Para estes efectos teranse en conta as seguintes regras:

a) Transcorrido o prazo máximo de pagamento da factura establecido nestas condicións de adhesión, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. procederá a dirixir apercibimento á entidade local de que solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local se non se verifica o pagamento no prazo máximo de trinta (30) días.

b) Transcorrido o prazo indicado no apercibimento sen que se efectuase o pagamento, Sogama solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local, que se poderá realizar con independencia da existencia de controversia ou cuestión pendente entre a entidade local e a sociedade pública sobre a cantidade debida, todo iso sen prexuízo, se é o caso, dos efectos derivados da posterior resolución das indicadas controversias ou cuestións. Á dita solicitude xuntaráselle copia do apercibimento realizado ao concello instando o pagamento da débeda, así como da acreditación da recepción por parte do concello do dito apercibimento.

c) As cantidades retidas serán obxecto de entrega á sociedade pública.

Cuarta. Obrigas da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.

Na súa condición de xestora do programa de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. asume as seguintes obrigas:

A. Recepcionar e xestionar na nova instalación de compostaxe, unha vez posta en marcha, a fracción Forsu recollida polo concello tras a implantación da recollida selectiva desta fracción e que teñan un máximo dun 15 % de impropios.

B. Comunicar calquera incidencia que se detecte na composición do residuo Forsu entregado co fin de que o concello incida nas campañas de sensibilización para corrixir os desvíos.

C. Realizar caracterizacións dos residuos Forsu entregados polos concellos adheridos cando se detecte que as características da Forsu non son axeitadas. No caso de detectarse desvíos superiores ao 15 %, a partida ou partidas de Forsu que incumpran derivaranse ao tratamento común; esta circunstancia comunicarase ao concello de procedencia da Forsu e facturaranse as ditas partidas ao canon único de xestión de RU.

D. A xestión, a liquidación e o cobramento do canon unitario de tratamento de Forsu por tonelada corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que deberá expedir mensualmente as facturas correspondentes ás entidades locais, cuxo aboamento se realizará nos termos establecidos pola Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

De conformidade co artigo 4 da citada Lei 3/2004, do 29 de decembro, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. deberá facer chegar a factura mensual ás entidades locais adheridas antes de que se cumpran quince días naturais desde que finalice a prestación mensual obxecto de facturación.

En garantía de transparencia do sistema, as entidades locais poderán verificar as operacións de tratamento realizadas nun prazo non superior a trinta (30) días naturais contados desde que finalice a prestación correspondente ao mes facturado. Para estes efectos, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., xuntará á factura mensual un anexo I en que se relacionan os quilos totais por día de Forsu depositados polo cliente nas instalacións de Sogama. Poderase tamén xuntar un anexo II en que se indiquen os quilos recollidos, detallando a empresa de recollida e a matrícula por cada entrada nas instalacións de Sogama, así como, de ser o caso, a/as caracterización/s daquelas partidas que superan o 15 % máximo de impropios. O prazo máximo de pagamento da factura mensual é de trinta (30) días naturais contados desde a data en que ten lugar a verificación dos labores de tratamento dos residuos.

Quinta. Vixencia

En garantía da sustentabilidade financeira do sistema, de acordo coa disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, para permitir realizar as previsións oportunas en canto ao volume de residuos Forsu que se van tratar na instalación específica de compostaxe establécese un prazo mínimo de adhesión de cinco anos, que poderá ser prorrogado de común acordo polas partes.

Sexta. Resolución e efectos

A adhesión ao sistema de xestión institucional concluirá:

– Por expiración do prazo pactado, de acordo co expresado na cláusula quinta.

– Mediante mutuo acordo das partes.

– Por rescisión derivada do incumprimento grave das obrigas asumidas por algunha das partes.

– Por calquera outra causa prevista no marco normativo vixente.

No suposto de que no momento de instarse a resolución da adhesión se tivesen prestado servizos de forma efectiva que estean pendentes de pagamento, a entidade local deberá aboar o importe correspondente a Sogama.

Sétima. Réxime xurídico e xurisdición

A relación xurídica entre as entidades locais e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como sociedade pública xestora do programa específico de reciclaxe a través da planta de compostaxe, terá natureza xurídica administrativa, de acordo co establecido na disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

As cuestións litixiosas que puideren derivar do acordo de adhesión serán do coñecemento da xurisdición contencioso-administrativa.

E para que así conste, asinan o presente negocio xurídico de adhesión, por duplicado exemplar, no lugar e data arriba indicados.

Lugar e data de sinatura

Por Sogama

Polo concello

.........

.......