Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2018 Páx. 2800

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Dirección Xeral da Función Pública e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT sobre a utilización con carácter excepcional das listas de contratación temporal do Servizo Galego de Saúde.

Visto o texto do acordo entre a Dirección Xeral da Función Pública e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT sobre a utilización con carácter excepcional das listas de contratación temporal do Servizo Galego de Saúde, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e o depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acordo entre a Dirección Xeral da Función Pública e o Comité Intercentros do persoal laboral para a utilización con carácter excepcional das listas de contratación temporal do Servizo Galego de Saúde

O pasado 18 de xullo de 2017, a Comisión Permanente prevista no artigo 4.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, que regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación de persoal laboral da Xunta de Galicia, acordou trasladar ao Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia a posibilidade de acudir, con carácter excepcional, ás listas de contratación temporal do Servizo Galego de Saúde.

O dito acordo posibilita a cobertura de determinandos postos de traballo cuxa ocupación é crítica e que posúen un carácter especialmente sensible en relación coas funcións que se desempeñan e o colectivo con que interactúan, especialmente perfís sanitarios. Estes postos adoitan ter problemas de provisión focalizados en épocas concretas, especialmente períodos vacacionais, ou responden a perfís que pola súa escasa presenza nas relacións de postos de traballo, como por exemplo os/as técnicos/as especialistas en radioloxía do cancro de mama, non existen listas abertas xestionadas pola Dirección Xeral da Función Pública.

Á vista do anterior, coa finalidade de posibilitar a cobertura temporal de determinados postos de traballo cuxa ocupación é crítica, aprobouse a proposta da comisión de listas en xuntanza da Dirección Xeral da Función Pública e os membros do dito Comité Intecentros, o día 26 de xullo de 2017, co voto maioritario das organizacións sindicais (CC.OO. e UGT) que forman parte do comité, do seguinte xeito

ACORDAN:

Primeiro. No suposto de non existiren aspirantes nas listas elaboradas ao abeiro do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, poderase acudir, con carácter excepcional ás listas do Sergas para a provisión temporal de postos de traballo de categorías equivalentes para as cales non existan listas xestionadas pola Dirección Xeral da Función Pública ou estas estean esgotadas, comunicando posteriormente á comisión permanente de listas calquera tipo de cobertura que se faga de acordo con este criterio.

A aceptación ou non do posto de traballo por parte das persoas candidatas terá carácter voluntario, sen que se produza penalización pola súa non aceptación.

Segundo. O presente acordo deberá ser tido en conta na Comisión Superior de Persoal.

Terceiro. Autorízase o persoal que designe a Dirección Xeral da Función Pública para a realización dos trámites oportunos para o rexistro e a publicación do devandito acordo.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2017