BDNS (Identif.): 380985.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Beneficiarios
1. Poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente orde os membros dos grupos operativos da AEI constituídos para efecto do desenvolvemento dun proxecto innovador. Segundo a redacción do artigo 35 do Regulamento 1305/2013, do 17 de decembro, na iniciativa de cooperación deberán intervir, como mínimo, dous actores. Os grupos operativos estarán formados, polo menos, por unha entidade relacionada coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector. Terá preferencia a participación dun centro de innovación, investigación ou tecnolóxico de natureza pública ou privada. Tanto as ditas entidades como os centros mencionados anteriormente poderán acceder á condición de beneficiarios.
Poderán incorporar tamén e acceder á condición de beneficiarios:
1º. Entidades ou persoas físicas relacionadas coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector.
2º. Centros de innovación, investigación ou tecnolóxicos de natureza pública ou privada.
3º. Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.
4º. Entidades asesoras na conservación ou uso sustentables dos recursos naturais ou outras entidades asesoras con intereses recoñecidos no ámbito rural.
5º. Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018. O seu código de procedemento é MR331B.
En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental nin investigacións independentes.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 20 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.
Cuarto. Importe
1. O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 13.02.561A.770.0, con código do proxecto 201600417, por un valor total de 2.855.378,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 1.000.000,00 € en 2018, 1.000.000,00 € para en 2019 e 855.378,00 € na anualidade 2020.
2. Poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir de outras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do mesmo como consecuencia das circunstancias sinaladas, previa aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.
A contía máxima subvencionada en cada iniciativa de cooperación será de 100.000 euros. A contía máxima por beneficiario non poderá exceder os 100.000 euros.
Os proxectos poderán desenvolverse, como máximo, ao longo de tres anualidades contadas a partir da anualidade 2018, e poderán ter unha duración inferior sempre e cando sexa así formulado na solicitude de axuda.
Para proxectos de dúas anualidades a contía máxima será de 100.000 euros repartidos cun máximo do 45 % na primeira anualidade, e o orzamento restante na segunda anualidade.
Quinto. Obriga de relacionarse electronicamente
Tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes remata no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017
Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural