Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2018 Páx. 3561

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e, no artigo 32, que lle corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Compételle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais, que desenvolvan un labor cultural dentro do seu ámbito competencial.

No eido concreto das corporacións locais e das súas entidades públicas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera necesaria a mellora das condicións de equipamento e a mellora das condicións técnicas dos locais destas entidades co fin de abrir as súas ofertas culturais aos novos campos da cultura. Co obxecto de facilitar o reequilibrio territorial na distribución cultural e tratar de contribuír ao desenvolvemento cultural das zonas menos poboadas, a Consellería aposta por apoiar aquelas entidades menos poboadas de maneira que toda a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso á cultura.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere establecer con esta orde un instrumento que, adecuándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora e equipamento dos locais das corporacións locais e das súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito adecuado e suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2018.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á mellora e equipamento dos locais das corporacións locais e das súas entidades públicas con personalidade xurídica propia para o ano 2018, de acordo co establecido na presente orde.

A finalidade é a mellora do equipamento e das dotacións técnicas dos locais destinados a actividades culturais, conforme o procedemento que a continuación se establece (código de procedemento CT211B).

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia aqueles que son propiedade das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan ao fomento da cultura en Galicia.

3. As axudas serán destinadas a:

Realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala, sistemas de prevención e seguridade e novas tecnoloxías, investimentos destinados á posta en funcionamento de locais para usos culturais, investimentos en bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais, investimentos en arquivos municipais, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Para os efectos desta convocatoria, no caso de investimentos nas bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais, son requisitos de participación os seguintes:

– A biblioteca ou axencia de lectura pública municipal debe estar integrada na Rede de bibliotecas de Galicia ou ter solicitado a súa integración (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

– O cumprimento dun mínimo de 15 horas semanais de apertura ao público da biblioteca ou axencia de lectura.

– Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2016 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura.

– Ter informatizada a xestión da biblioteca ou axencia de lectura.

4. Cada solicitude presentada debe corresponderse co proxecto de equipamento dun único local. No caso de agrupación de concellos, a solicitude presentada pola agrupación corresponderase cun único local por cada un dos concellos agrupados.

5. Inclúense nesta orde os equipamentos e dotacións realizados desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a data límite de xustificación da orde.

6. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión destas subvencións realizarase consonte os seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432B.760.0 (código de proxecto 201500370) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 e o importe global destinado ascende a cincocentos mil euros (500.000 €). A tramitación desta orde faise por tramitación anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para 2018.

2. A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. O día 19 de outubro de 2017 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018; neste proxecto existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

3. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería será de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 90 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000 € ascenderá a 35.000 € cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

5. O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias; estas axudas serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo elixible e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas, na normativa nacional e comunitaria aplicable.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións os concellos de Galicia e as súas entidades públicas, así como as agrupacións de concellos, titulares de locais culturais, cunha programación estable ao longo do ano.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que estean nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

Os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A presentación realizarase da forma seguinte:

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal), de conformidade co establecido nos artigos 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e as entidades dela dependentes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II (memoria do proxecto de investimento), cuberto.

b) Memoria dos programas e actividades desenvolvidos polo concello no ano anterior.

c) Relación detallada e pormenorizada das actividades culturais levadas a cabo no local para o cal solicita a subvención, nos dous anos anteriores.

d) Certificado do órgano competente, en que se faga constar que a corporación local ou as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia se comprometen a achegar a porcentaxe do orzamento do proxecto que lle corresponda.

e) Orzamento desagregado do proxecto.

f) Acreditación, mediante certificado do órgano competente, da titularidade do local onde se vai realizar o investimento.

g) No caso de agrupación de concellos, convenio ou acordo no cal se recollan as obrigas das partes.

h) Poderán achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude. As memorias e o orzamento deberán estar debidamente asinados.

3. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Estar ao días nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

– Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Emenda de solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Instrución do procedemento

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Correspóndelle á Secretaria Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a instrución do procedemento de concesión de subvencións, que desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

3. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por un órgano colexiado, comisión de avaliación, ao cal fai referencia o punto 6 do artigo 1 da orde, que se axustará aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público. A comisión de avaliación estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

b) Catro vogais: a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación Cultural, a persoa titular da xefatura do Servizo de Xestión Administrativa e dúas persoas funcionarias de carreira nomeadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, unha das cales actuará como secretario/a.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

4. As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria valoraranse de acordo cos criterios establecidos no artigo 8 desta orde e a repartición económica realizarase proporcionalmente ás puntuacións obtidas, cos límites determinados no seu artigo 3.

Artigo 8. Criterios de avaliación

1. As solicitudes que se presenten serán valoradas pola comisión de avaliación, a que fai referencia o artigo 7, número 3, de acordo cos seguintes criterios:

A) As solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar) poderán obter unha puntuación de 30 puntos (dun total de 100), baixo as dúas seguintes modalidades:

a.1. Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (agás a de fusión municipal), tendo en conta os seguintes aspectos:

a) Pola simple presentación da solicitude conxunta nos termos e cos requisitos que se determinen nas bases ou nas convocatorias: 10 puntos.

b) Polo número de concellos asociados, número de servizos que se van prestar de forma compartida, repercusión do proxecto segundo a cifra de poboación total dos concellos participantes: 10 puntos en total desagregados do seguinte xeito:

• Número de concellos asociados: 4 puntos.

• Número de servizos que se van prestar de forma compartida: 3 puntos.

• Repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total dos concellos participantes: 3 puntos.

c) Pola presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual: 10 puntos.

a.2. Fusión municipal: outorgaranse 30 puntos pola simple presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión nos termos e cos requisitos que se determinen nas bases ou nas convocatorias.

Non se admitirán aquelas solicitudes conxuntas nas cales non se acredite a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

B) Realización de investimentos destinados a fomentar a posta en funcionamento de locais para usos culturais: 7 puntos.

C) En función da finalidade do investimento. Se máis do 50 % do orzamento se destina da forma seguinte:

• Realización de investimentos relacionados coa supresión de barreiras arquitectónicas: 7 puntos.

• Realización de investimentos para dotar de medidas de seguridade e extinción de incendios: 7 puntos.

• Realización de investimentos en bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia: 7 puntos (sempre que se cumpran os requisitos de participación indicados no artigo 1 da orde).

• Realización de investimentos en arquivos municipais integrados no Sistema de arquivos de Galicia. Os investimentos comprenderán a adecuación das instalacións para o mantemento, seguridade, consulta e conservación de fondos constitutivos do patrimonio documental: 7 puntos.

• Realización de investimentos relacionados con novas tecnoloxías: 5 puntos.

• Realización de investimentos relacionados coas actividades de fomento da lingua e da lectura: 3 puntos.

• Realización de investimentos relacionados coas artes escénicas (excluídos a iluminación e son): 3 puntos.

• Realización de investimentos relacionados coa iluminación e son: 2 puntos.

• Realización de investimentos relacionados co equipamento audiovisual ou equipamento xeral: 1 punto.

• Se o orzamento presentado é inferior ao 50 % para calquera dos investimentos anteriormente relacionados: 0 puntos.

D) Número de actividades culturais realizadas no local para o cal se solicita a subvención nos dous anos anteriores. De 1 a 20 actividades: 1 punto; de 21 a 40 actividades: 2 puntos; de 41 a 60 actividades: 3 puntos; de 61 a 80 actividades: 4 puntos; de 81 a 100 actividades: 5 puntos; máis de 100 actividades: 6 puntos.

E) Distribución poboacional. Ata 2.000 habitantes: 10 puntos; de 2.001 a 5.000 habitantes: 8 puntos; de 5.001 a 10.000 habitantes: 6 puntos; de 10.001 a 25.000 habitantes: 4 puntos; máis de 25.000 habitantes: 2 puntos.

F) Nivel de autofinanciamento comprometido nos correspondentes orzamentos. Superior ao 10 % ata o 30 %: 2 puntos; superior ao 30 % ata o 50 %: 5 puntos, e superior ao 50 %: 10 puntos.

Artigo 9. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor formulará proposta de resolución motivada das subvencións, logo de examinar os expedientes e do informe de avaliación emitido pola comisión de valoración, repartindo o importe total do crédito dispoñible proporcionalmente aos importes das axudas solicitadas e da puntuación obtida. Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Secretaría Xeral de Cultura http://www.cultura.gal. Nela expresarase a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia disporán de 10 días hábiles, que contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Secretaría Xeral de Cultura no lugar e forma indicados no artigo 5 desta orde.

En todo caso, os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia que presenten alegacións enviaranlle un correo electrónico á Secretaría Xeral de Cultura, Servizo de Xestión Administrativa, no seguinte enderezo: xestion-administrativa.cultura@xunta.gal, no cal indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo.

2. Quedan excluídas aquelas solicitudes que non acaden unha puntuación superior ao 20 % da puntuación máxima.

3. Esta resolución terá carácter provisional cando concorran as circunstancias previstas no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario a reformular a súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

No caso de empate, para desempatar terase en conta, en primeiro lugar, o criterio de autofinanciamento e, en segundo lugar, a data de presentación de solicitude.

4. No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 10. Resolución

1. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Secretaría Xeral de Cultura, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de concellos beneficiarios e as cantidades concedidas; a resolución notificarase aos interesados consonte o artigo 11 da orde e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, daráselle publicidade na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura, http://www.cultura.gal

2. O prazo para resolver e notificar a concesión da subvención non poderá superar os cinco meses, contados a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender dsestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 11. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Aceptación

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de maneira formal e expresa a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria; se a renuncia non se comunica expresamente no citado prazo, o beneficiario queda comprometido a realizar o dito investimento, salvo causas de forza maior aceptadas pola comisión de valoración e de non facelo incorrerá nas responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 13. Xustificación

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento antes do 30 de setembro de 2018; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe total do investimento subvencionable; de non alcanzarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude, e polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Secretaría Xeral de Cultura, Servizo de Xestión Administrativa:

a) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación. Deberase cumprir o disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modificado pola Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas). Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

c) Memoria explicativa do proxecto realizado en relación coa axuda concedida, xunto coa porcentaxe de autofinanciamento do investimento que para o mesmo proxecto fixo o beneficiario.

d) Documentos acreditativos do gasto realizado:

d.1. Se presenta conta xustificativa, expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/alcaldesa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

Nome do provedor, número de factura, concepto detallado do investimento, importe da factura, data de emisión da factura e data de pagamento. De non constar algún destes datos comporta a obriga de acollerse ao punto d.2.

Se non presentan conta xustificativa, deben achegar os seguintes documentos:

d.2. Relación de gastos ordenada segundo o concepto a que se atribúe, fotocopia compulsada das facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento. No xustificante bancario deberá constar ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a data del.

e) Os beneficiarios deberán achegar, xunto coa xustificación, copia compulsada do expediente de contratación de acordo co establecido no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público; así mesmo, débese ter en conta o establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e no caso de ter que solicitar as tres ofertas tamén deberán achegar copia compulsada delas.

3. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. A Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Artigo 14. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de procederen ao seu pagamento, a Secretaría Xeral de Cultura realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento do investimento subvencionado.

2. A falta de xustificación ou xustificación insuficiente, así como a presentación da documentación xustificativa despois do prazo sinalado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo proceda, e a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

3. Non poderá realizarse o pagamento das axudas mentres que o beneficiario non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución da procedencia de reintegro, ao abeiro do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data límite de xustificación establecida no punto 1 do artigo 13.

5. A axuda só será definitiva se non sofre, antes de transcorridos cinco anos da súa concesión, unha modificación que afecte a natureza do investimento, o cesamento da súa actividade e os postos de traballo.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

As persoas beneficiarias desta axuda quedarán suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, estarán obrigadas a:

1. Destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal fosen concedidos. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.

2. Facer constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 16. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode dar lugar á modificación da resolución de concesión ou da axuda concedida.

Artigo 17. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución recurso de reposición ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. Consonte o artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto que esta remitirá ao Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo: sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Artigo 21. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

d) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E suplementariamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file