Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 23 de xaneiro de 2018 Páx. 4861

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para á súa realización.

A Orde do 10 de febreiro de 2012, modificada pola Orde do 22 de decembro de 2016 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos, establece os obxectivos e características desa proba e prevé, no seu artigo 4, que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará a convocatoria ou as convocatorias anuais, sinalando os centros onde terán lugar e as súas datas de inscrición e de realización.

En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da mencionada orde,

RESOLVO:

Convocar a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2018, con código de procedemento administativo ED534A, na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

1. Condicións das persoas aspirantes.

1) Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 20 anos ou facer esa idade no ano 2018.

b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2017/18.

O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

2) As persoas aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.

Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais, as persoas aspirantes que teñan superadas as materias xerais e as materias troncais de opción propias da modalidade de Artes.

2. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1) O prazo de presentación das solicitudes será entre o 23 de febreiro e o 9 de marzo de 2018.

2) As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel, nos centros educativos sinalados no número 3 desta epígrafe ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado (anexo I desta resolución) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

3) Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:

a) Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3-2º andar, 15003 A Coruña.

b) IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.

c) Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.

d) Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.

e) Centro EPA Río Lérez, avenida de Bos Aires, 26, 36002 Pontevedra.

f) Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º, 36202 Vigo.

3. Documentación complementaria para a tramitación das solicitudes.

1) As persoas aspirantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.

b) Certificado de residencia, se a persoa solicitante procede doutra comunidade autónoma, no caso de solicitar a exención das materias de Lingua Galega e Literatura I e II.

c) Se procede, certificacións académicas ou copia compulsada do libro de escolaridade e/ou historial académico, onde se acredite ter superado materias para validar algún exercicio.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2) A documentación complementaria presentarase presencialmente nos centros educativos sinalados no número 3 da epígrafe 2 desta resolución ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Comprobación de datos.

1) Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos do DNI ou NIE da persoa aspirante, así como a certificación do grao de discapacidade, recoñecida pola Xunta de Galicia, só no caso de que a persoa aspirante solicite a adaptación da proba.

2) No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3) Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Alumnado, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

6. Listas de admitidos e reclamacións.

1) Concluído o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal celebrará unha sesión para determinar as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión.

2) No prazo de quince días posteriores á conclusión do prazo de presentación de solicitudes, o tribunal publicará esas listas (anexo II).

Xunto coa relación de persoas admitidas indicaranse os exercicios validados coa nota correspondente e as exencións da materia de Lingua Galega e Literatura I e II, de conformidade coa documentación presentada. A equivalencia entre as materias superadas no bacharelato e os exercicios da proba aparece no anexo III desta resolución.

3) O tribunal resolverá as reclamacións que se presenten e concederá un prazo de emenda e mellora das solicitudes de tres días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da relación.

4) A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa (https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados), que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5) Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal publicará no centro correspondente a lista definitiva das persoas aspirantes inscritas e remitirá o anexo IV desta resolución á xefatura territorial correspondente e ao correo electrónico educadultos@edu.xunta.es do Servizo de Xestión Económica e Educación de Persoas Adultas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

6) Xunto coas listas de admitidos, informaranse as persoas aspirantes do material que se pode utilizar na realización da proba, como se especifica na epígrafe 11.4 desta resolución.

7. Notificacións.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Tribunais.

1) A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña nomeará o tribunal encargado de avaliar a proba, con sede no Instituto San Clemente, de Santiago de Compostela.

2) Á vista das especialidades dos vogais do tribunal, a presidencia deste proporá á xefatura territorial, para o seu nomeamento, os asesores especialistas das distintas materias necesarios para colaborar na corrección dos exercicios.

3) Os membros do tribunal e os asesores especialistas poderán percibir axudas de custo por asistencia e axudas para gastos de locomoción por concorreren ás sesións de avaliación, consonte o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, e o Decreto 96/2011, do 5 de maio, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

4) A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á vista das persoas aspirantes inscritas, poderá establecer outros tribunais cando sexan necesarios para a realización da proba.

9. Realización da proba.

A proba realizarase o día 20 de abril de 2018 en sesións de mañá e tarde no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

10. Características da proba.

1) A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais.

2) A proba constará de dous exercicios: o primeiro deles terá unha duración de cinco horas e trinta minutos e o segundo, de tres horas e trinta minutos. Entre os dous exercicios haberá un descanso de dúas horas.

3) Os contidos dos exercicios terán como referente os aspectos básicos do currículo recollido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

4) Primeiro exercicio, correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais.

a) Primeira parte: Lingua Galega e Literatura I e II. Incluirá cuestións que medirán as habilidades e destrezas de expresión e comprensión e as capacidades de reflexión sobre aspectos lingüísticos, de interpretación crítica de textos e de análise e recoñecemento das características textuais. Tamén conterá preguntas sobre movementos literarios, obras e autores relevantes da literatura galega, nas cales se valorarán as capacidades de comparación, interpretación e valoración crítica da persoa aspirante.

b) Segunda parte: Lingua Castelá e Literatura I e II. Incluirá cuestións que medirán as habilidades e destrezas de expresión e comprensión e as capacidades de reflexión sobre aspectos lingüísticos, de interpretación crítica de textos e de análise e recoñecemento das características textuais. Tamén conterá preguntas sobre movementos literarios, obras e autores relevantes da literatura en lingua castelá, nas cales se valorarán as capacidades de comparación, interpretación e valoración crítica da persoa aspirante.

c) Terceira parte: Primeira Lingua Estranxeira I e II. Este exame consta de dous exercicios:

1º. A partir dun audio ou audios propostos, a persoa aspirante deberá demostrar as súas capacidades de comprensión oral na lingua obxecto de exame, que poderá ser inglés ou francés.

2º. A partir dun texto ou textos propostos, a persoa aspirante deberá demostrar as súas capacidades de comprensión e expresión escritas na lingua obxecto de exame, que poderá ser inglés ou francés.

d) Cuarta parte: resposta por escrito a unha serie de cuestións relativas aos contidos das materias de Filosofía e Historia de España.

5) O segundo exercicio, diferente para cada modalidade, versará sobre as materias troncais xerais propias e as materias troncais de opción correspondentes a cada modalidade e itinerario. Avaliará o logro dos obxectivos propios do bacharelato e a adquisición das destrezas básicas das materias de modalidade, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe científica, a resolución de problemas e as capacidades de analizar, relacionar e sintetizar.

A persoa aspirante realizará os exercicios correspondentes ás materias troncais xerais propias da modalidade e itinerario que seleccione e doutras catro elixidas de acordo coas especificacións do anexo V.

Para cada unha das partes do segundo exercicio integraranse nun mesmo exame cuestións das materias incluídas nelas.

11. Normas de realización da proba.

1) Entre as 8.15 e as 8.30 horas realizarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba. As persoas aspirantes identificaranse debidamente con DNI ou pasaporte antes de entrar neles.

2) A sesión da mañá durará das 8.30 ás 14.30 horas e dedicarase á realización do exercicio correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais. Organizarase en tres períodos:

– Primeiro período, das 8.30 ás 11.30 horas: realizaranse os exames correspondentes ás materias Lingua Galega e Literatura I e II e Lingua Castelá e Literatura I e II. Ao comezo deste período, o tribunal repartirá entre as persoas aspirantes os exames correspondentes a ambas as linguas, para que estas dosifiquen o tempo dispoñible de acordo coas súas preferencias.

– Segundo período, das 12.00 ás 13.30 horas: realizarase o exame correspondente á Primeira Lingua Estranxeira I e II, que poderá ser inglés ou francés, e estruturarase en dúas partes. Ao comezo deste período, o tribunal repartirá entre as persoas aspirantes os exames correspondentes a ambas as partes, que se distribuirán do seguinte modo:

a) Das 12.00 ás 12.30 horas terá lugar a parte da proba que avalía a comprensión oral, integrada por un exercicio ou exercicios de elección da resposta correcta entre varias opcións referidas aos contidos emitidos no audio ou audios propostos. O audio ou audios correspondentes ao exercicio ou exercicios propostos emitiranse tres veces.

b) Das 12.30 ás 13.30 horas terá lugar a parte que avalía a comprensión e expresión escritas na lingua obxecto de exame, que pode ser francés ou inglés.

– Terceiro período, das 13.30 ás 14.30 horas: resposta por escrito a cuestións de Filosofía e Historia de España.

3) A sesión da tarde dedicarase á realización do exercicio das materias propias de cada modalidade, de acordo coas especificacións do anexo V, e durará das 16.30 ás 20.30 horas. Organizarase en tres períodos:

– Primeiro período, das 16.30 ás 18.00 horas: realizarase a parte ou exame correspondente ás materias troncais xerais propias da modalidade e itinerario seleccionados.

– Segundo período, das 18.00 ás 19.00 horas: realizarase a parte segunda das probas de modalidade, correspondente ás materias troncais de opción. As persoas aspirantes escollerán unha entre as dúas opcións sinaladas para esa segunda parte na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais ou unha entre as tres opcións da modalidade de Ciencias.

– Terceiro período, das 19.30 ás 20.30 horas: realizarase a parte terceira do exercicio correspondente ás materias troncais de opción de modalidade. As persoas aspirantes escollerán unha entre as tres opcións sinaladas para a terceira parte na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais ou unha entre as dúas opcións sinaladas para a modalidade de Ciencias.

4) As persoas aspirantes poderán utilizar os seguintes materiais na realización da proba:

a) Nas materias que implican operacións numéricas (exames con contidos de matemáticas, matemáticas aplicadas ás ciencias sociais, física e química, física, química e economía) poderán utilizar unha calculadora científica, agás as que sexan programables, gráficas ou con capacidade para almacenar e transmitir datos.

b) Nas materias de Latín e Grego, dicionario desas linguas.

c) Na materia de Debuxo Técnico, portaminas ou lapis, goma, regra milimetrada, escuadro, cartabón e compás.

As persoas aspirantes non poderán utilizar durante a realización da proba teléfono móbil nin calquera outro dispositivo de almacenamento ou transmisión de datos.

12. Publicación dos resultados e reclamacións.

1) O día 4 de maio de 2018 o tribunal fará pública a lista provisional das persoas avaliadas coas cualificacións positivas, por exercicios, no taboleiro de anuncios do IES San Clemente de Santiago de Compostela. Así mesmo, esta lista será accesible no portal web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na ligazón http://www.edu.xunta.gal/portal/node/1238.

2) Contra a cualificación provisional poderase presentar, na secretaría do centro onde se realizou a proba, reclamación por escrito dirixida á presidencia do tribunal nos tres días hábiles posteriores á publicación das cualificacións, explicando o motivo da reclamación.

3) Transcorrido o prazo de reclamacións, elevarase a definitiva a lista de cualificacións, que será publicada o día 21 de maio de 2018 no taboleiro de anuncios do IES San Clemente de Santiago de Compostela e no portal web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na ligazón http://www.edu.xunta.gal/portal/node/1238.

4) Contra a lista definitiva de persoas avaliadas con cualificacións positivas na proba poderase interpoñer no prazo dun mes recurso de alzada ante a xefatura territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que esgotará a vía administrativa.

13. Certificación e expedición do título.

1) A acta de avaliación recollerá os resultados de cada un dos exercicios e, se é o caso, a súa validación (anexo VI).

2) O tribunal deixará tamén constancia das cualificacións obtidas polas persoas aspirantes nas diferentes partes do exercicio segundo, correspondente ás materias propias de cada modalidade (anexo VII), para os efectos da certificación mencionada no número 4 deste punto.

3) O tribunal utilizará os modelos que figuran nos anexos VIII e IX para expedir ás persoas aspirantes as certificacións de ter superado algún dos exercicios ou de ser propostos para a expedición do título de bacharel.

4) As persoas que superen os dous exercicios ou as que tivesen validado o primeiro exercicio e superen o segundo poderán solicitar unha certificación das cualificacións obtidas en cada unha das partes do segundo exercicio, de materias de modalidade, para que poidan xuntala á documentación de solicitude de prazas en ensinanzas de ciclos de formación profesional de grao superior. O tribunal expedirá esa certificación segundo o modelo do anexo X.

5) Concluído o proceso de avaliación, a presidencia do tribunal remitirá a ficha estatística do anexo XI ao correo electrónico educadultos@edu.xunta.es do Servizo de Xestión Económica e Educación de Persoas Adultas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

6) Concluído ese proceso de avaliación por parte do tribunal, as certificacións posteriores solicitadas polas persoas aspirantes serán asinadas polo director ou directora e polo secretario ou secretaria do centro onde se custodia a documentación das probas.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2018

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file