Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 23 de xaneiro de 2018 Páx. 4850

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 8 de xaneiro de 2018 pola que se establece o procedemento de expedición de certificados das persoas que manipulen gases fluorados e os equipamentos baseados neles.

O Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, derroga o Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, e establece un novo marco regulamentario en materia de gases fluorados. Un dos seus obxectos principais é regular a distribución e a posta no mercado de gases fluorados, así como a súa manipulación e a dos equipamentos baseados no seu emprego, para os efectos do control de fugas ou emisións e da súa desmontaxe e a recuperación dos gases. Asemade, outorga ao órgano competente das comunidades autónomas a competencia para a expedición, a suspensión e a retirada das certificacións persoais.

O Decreto 100/2011, do 19 de maio, regula a distribución de competencias en materia de expedición de certificados para a comercialización e a manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles, e establece que a consellería con competencias en materia de educación será o órgano competente para a certificación que se obteña como consecuencia dunha formación regrada.

Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será competente para convocar as probas teórico-prácticas necesarias para a obtención das certificacións persoais que se poidan acadar por esta vía e que se especifican no anexo I do Real decreto 115/2017.

En virtude do anteriormente exposto, co fin de regular a expedición das certificacións do persoal que utiliza gases fluorados ao abeiro do Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento (código ED321A) que seguirá a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a expedición das seguintes certificacións persoais:

a) Manipulación de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.

b) Manipulación de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.

c) Manipulación en equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías de calquera carga de refrixerantes fluorados.

d) Manipulación en equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.

e) Manipulación de sistemas frigoríficos que empreguen refrixerantes fluorados destinados a confort térmico de persoas instalados en vehículos.

f) Manipulación de equipamentos de protección contra incendios que empreguen gases fluorados como axente extintor.

g) Manipulación de disolventes que conteñan gases fluorados e equipamentos que os empregan.

h) Manipulación de conmutadores eléctricos fixos que conteñan gases fluorados de efecto invernadoiro.

Artigo 2. Requisitos das persoas solicitantes

1. As persoas solicitantes deben cumprir os requisitos establecidos no anexo I do Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro.

2. As persoas en posesión de certificacións persoais expedidas ao abeiro do Real decreto 115/2017 e do Real decreto 795/2010 deberán cursar formación en tecnoloxías alternativas para substituír ou reducir o uso de gases fluorados e no xeito seguro de manipulalos.

Deberase certificar esta formación no prazo máximo de catro anos contados a partir do 19 de febreiro de 2017. Transcorrido ese prazo, as persoas que non cumpran este requisito quedarán inhabilitadas para desenvolveren as actividades para as cales capacita o certificado persoal. Restablecerase a validez do certificado logo de que se realice e se certifique esta formación.

Excepcionalmente, non será obrigatoria a certificación desta formación en tecnoloxías alternativas, nos casos recollidos na disposición adicional décima e na disposición transitoria única, así como no parágrafo oitavo do punto III do preámbulo do Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro.

Artigo 3. Solicitudes

1. As persoas interesadas deberán solicitar a expedición da certificación persoal empregando o modelo de solicitude que figura no anexo I desta orde. No caso de solicitar diferentes tipos de certificacións, deberán presentar unha solicitude por cada unha delas, xunto coa correspondente documentación xustificativa.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Se a obtención da certificación persoal se efectúa polo procedemento da proba teórico-práctica, nos casos recollidos no anexo I do Real decreto 115/2017, o modelo de solicitude será o establecido para o procedemento a que se fai referencia no artigo 12 desta orde (código de procedemento ED527A).

4. Se a obtención da certificación persoal se efectúa pola vía do título de formación profesional, e só no caso de que este fose obtido na Comunidade Autónoma de Galicia, a persoa interesada entregará a solicitude xunto coa documentación complementaria que corresponda presencialmente no centro educativo onde solicitase o título. Opcionalmente, poderase presentar nas oficinas de correos no xeito regulamentariamente establecido segundo o disposto no artigo 16.4.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Copia cotexada do título de formación profesional, certificación académica ou documento que acredite a posesión do título cando non fose obtido a partir de 2008 nun centro público dependente da consellería con competencias en materia de educación da Xunta de Galicia.

b) Copia cotexada do título universitario, no caso de que se opoña á súa consulta, conforme se indica no artigo 5, certificación académica ou documento que acredite a posesión do título. Ademais, deberá presentarse documentación oficial que acredite ter cursados e superados, no plan de estudos, programas das materias, etc. os coñecementos mínimos establecidos nos programas formativos do anexo II do Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro.

c) Copia cotexada do carné profesional de instalacións térmicas en edificios; carné profesional de instalador/a mantedor/a de climatización; documentación acreditativa como instalador/a frigorista; documentación acreditativa como conservador/a reparador/a frigorista.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Titulación de formación profesional.

c) Titulación universitaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou se deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou ao teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibiren notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

No caso do procedemento de obtención directa a través de titulación ou carné profesional (código de procedemento ED321A) as solicitudes poderanse presentar en calquera momento do ano.

Cando se concorra polo procedemento de obtención a través de proba teórico-práctica, nos casos recollidos no anexo I do Real decreto 115/2017, as solicitudes presentarase nos prazos establecidos para ese procedemento (código ED527A), segundo o disposto no artigo 12 desta orde.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente accedendo ao cartafol do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Resolución de solicitudes

1. Nos casos en que se comprobe que as solicitudes cumpren cos requisitos establecidos no anexo I do Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, expedirase certificación de acordo co formato establecido no anexo III do devandito real decreto. Denegaranse de xeito motivado nos restantes casos.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución expresa das solicitudes de certificación será dun mes, contado desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase e se notificase a resolución, a solicitude entenderase desestimada.

No caso das certificacións tramitadas polo procedemento de obtención a través de proba teórico-práctica, a que se fai referencia no artigo 12 desta orde, atenderase ao disposto neste procedemento.

Artigo 10. Rexistros

O Real decreto 115/2017 establece que o órgano competente da Comunidade Autónoma manterá os seguintes tres rexistros:

– Rexistro de certificados expedidos, xunto cos casos de suspensión temporal ou permanente das certificacións.

– Rexistro de centros formativos e avaliadores.

– Rexistro de cesións e vendas entre distribuidores e empresas.

Estes rexistros serán accesibles a través da internet co obxectivo de garantir a transparencia do mercado de traballo e facilitar a libre circulación dos traballadores e das traballadoras.

Artigo 11. Certificados persoais mediante convocatoria de probas teórico-prácticas

O Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, no seu anexo I, establece que a obtención de determinadas certificacións persoais tamén se poderá efectuar pola vía da superación de probas teórico-prácticas.

Artigo 12. Convocatoria das probas teórico-prácticas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá as convocatorias de probas para a obtención das certificacións persoais de manipulación de gases fluorados naqueles casos do anexo I do Real decreto 115/2017 en que sexa posible a concorrencia por esta vía, en particular, nos casos especificados nos puntos a), b), c) e d) do artigo 1 desta orde, e poderán celebrarse xunto con outras habilitacións profesionais e carnés profesionais da súa competencia. As circunstancias do seu desenvolvemento ateranse ás prescricións do procedemento establecido a través dunha orde pola que se convoquen anualmente probas para a obtención de determinados carnés profesionais e habilitacións profesionais.

As probas constarán dunha parte teórica e dunha parte práctica. Esta última poderá basearse na resolución dun ou varios supostos prácticos escritos. Ambas as partes se fundamentarán nos contidos dos programas formativos do anexo II do Real decreto 115/2017, asociados a cada tipo de certificado persoal. Incluiranse cuestións destinadas á avaliación dos coñecementos en tecnoloxías alternativas para substituír ou reducir o uso de gases fluorados e no xeito seguro de manipulalos.

Disposición adicional primeira

O persoal docente dos centros autorizados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considérase habilitado, no marco do Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro, para a realización das actividades restrinxidas a persoal en posesión da certificación exixida establecidas no título II do citado real decreto durante a impartición da docencia, tanto no ámbito das ensinanzas de formación profesional como no ámbito dos programas formativos do anexo II e da formación nas tecnoloxías pertinentes para substituír ou reducir o uso de gases fluorados de efecto invernadoiro e no xeito seguro de manipulalos, así como no da formación necesaria para desenvolver a actividade en centros autorizados de tratamento previstos no Real decreto 1383/2002, do 20 de decembro, sobre xestión de vehículos na fin da súa vida útil, ademais de en calquera outra acción formativa en que este persoal poida ter atribuída competencia dentro deste marco regulamentario.

Disposición adicional segunda. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Alumnado», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta mesma secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxfp@edu.xunta.es.

Disposición adicional terceira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para adoptar as medidas precisas para a execución desta orde.

Disposición adicional cuarta. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderán ser modificados co obxecto de os manter actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 5 de decembro de 2011 pola que se establece o procedemento de expedición de certificados das persoas que manipulen os gases fluorados e os equipamentos baseados neles.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file